Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 2 de decembro de 2022 Páx. 62131

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se autoriza administrativamente o peche e desmantelamento parcial da planta de coxeración de enerxía eléctrica que o Centro de Procesado de Subproductos, S.L. posúe no concello de Ourense e se modifica a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Procesado de Subproductos, S.L. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento parcial, así como da modificación da correspondente inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia dunha planta de coxeración eléctrica, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 23 de xaneiro de 1995, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu conceder á empresa Cooperativas Orensanas, S. Coop. Lta. (Coren) a condición de autoxerador eléctrico para a planta de coxeración prevista nas súas instalacións de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense), expediente 95/1.

Segundo. Con data do 11 de decembro de 1995, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Cooperativas Orensanas, S. Coop. Lta. (Coren) nas súas instalacións de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense), expediente 1/995.

Terceiro. Con data do 5 de xullo de 1996, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da planta de coxeración eléctrica composta principalmente por tres motores de combustión interna para gas e tres xeradores eléctricos síncronos trifásicos.

Cuarto. Con data do 19 de abril de 1997, a Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Industria e Comercio emitiu un acta de comprobación e posta en marcha da planta de coxeración.

Quinto. Con data do 24 de outubro de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir a planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, cunha potencia de 3.060 kW, e outórgalle o número RE-97-15.

Sexto. Con data do 13 de marzo de 2000, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar a ampliación da planta de coxeración eléctrica e incluíla no réxime especial de produción de enerxía eléctrica consistente principalmente na instalación de dous motores de combustión interna con fuel-gasóleo e dous alternadores.

Sétimo. Con data do 4 de xullo de 2000, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da ampliación da planta de coxeración eléctrica citada no parágrafo anterior consistente na instalación final dun motor de combustión interna con fuel-gasóleo e un alternador.

Oitavo. Con data do 17 de outubro de 2002, a Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Industria e Comercio emitiu un acta de comprobación e posta en marcha da ampliación da planta de coxeración eléctrica citada no parágrafo anterior.

Noveno. Con data do 21 de febreiro de 2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, co fin de acollerse aos beneficios do Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, e outórgalle o número RE-03-06.

Décimo. Con data do 14 de abril de 2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, co fin de recoller a ampliación da planta de coxeración eléctrica citada no parágrafo sétimo, e increméntase a potencia inicial de 3.060 kW do conxunto da planta en 6.500 kW, alcanzando así os 9.560 kW de potencia total.

Décimo primeiro. Con data do 26 de maio de 2005, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da ampliación da planta de coxeración eléctrica consistente principalmente na substitución dos tres motores de gas citados no antecedente de feito terceiro e inscritos de acordo cos antecedentes de feito quinto e noveno (3.060 kW nº de rexistro RE-03-06), por un único motor de combustión interna que emprega gas natural como combustible e un alternador síncrono trifásico por unha potencia de 3.500 kW.

Décimo segundo. Con data do 11 de maio de 2006, a Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Innovación e Industria autorizou a posta en marcha da ampliación da planta de coxeración eléctrica citada no parágrafo anterior.

Décimo terceiro. Con data do 7 de maio de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, co fin de recoller a ampliación citada no antecedente de feito décimo primeiro por unha potencia 3.500 kW e emprega gas como combustible, alcanzando o conxunto da planta os 10.000 kW de potencia nominal total (3.500 kW a gas y 6.500 kW a fuel).

Décimo cuarto. Con data do 1 de setembro de 2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para o grupo de fuel-oil de 6.500 kW de potencia que forma parte da instalación de coxeración que Coren, S.C.G. posúe en Santa Cruz de Arrabaldo, concello de Ourense, a favor do Centro de Procesado de Subproductos, S.L., citada no antecedente de feito sétimo.

Décimo quinto. Con data do 23 de decembro de 2019, o Centro de Procesado de Subproductos, S.L. presentou ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense unha solicitude de autorización administrativa para o peche e desmantelamento das instalacións de fuel da súa titularidade que forman parte da planta de coxeración. Estas foron autorizadas mediante a Resolución do 4 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Industria, e recollidas no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, de acordo co sinalado nos antecedentes de feito sétimo e décimo.

Décimo sexto. Con data do 24 de xaneiro de 2020, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Décimo sétimo. Con data do 22 de outubro de 2020, requíreselle ao Centro de Procesado de Subproductos, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou a documentación requirida con data do 8 de xullo de 2022 que inclúe a solicitude de cancelación da inscrición definitiva no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia das instalacións pertencentes á planta de coxeración descritas no antecedente de feito sétimo.

Décimo oitavo. Con data do 21 de setembro de 2022, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración e fai constar que non ten incidencia na seguridade do sistema nin na garantía de subministración eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. O peche e desmantelamento parcial da planta de coxeración de enerxía eléctrica non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse recollida nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Centro de Procesado de Subproductos, S.L. a autorización administrativa de peche e desmantelamento parcial da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe nas súas instalacións do concello de Ourense, segundo o proxecto denominado «Desmantelamento de grupo de coxeración Man do Centro de Procesado de Subproductos, CPS», redactado polo enxeñeiro industrial José Carlos Martínez Tascón, colexiado nº 1033 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias, visado o 4 de decembro de 2019 co número 20191382V.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Instalacións que se desmantelan:

Motor: motor Man coxeración, 6.500 KW.

Alternador: síncrono trifásico, 8.174 kVAs, 0,8 fdp.

Transformador: 8.200 kVAs, 6.300/22.000 V.

Servizos auxiliares: transformador Tiesa, 400 kVAs, 2.000/400 V.

– Actuacións que se realizan:

I. Desconexión da rede de xeración ao xerador Man.

II. A continuación, desconexión das cabinas de medida do módulo A1.1.

III. Desconexión da liña entre o módulo A1.1 e as cabinas A2.2.

IV. Desmontaxe do xerador de coxeración, así como de todos os equipos auxiliares, e quedan todos fóra de servizo, sen ningún tipo de conexión á rede eléctrica.

– Situación final:

I. Mantéñense os módulos A0 e A0.B.

II. Mantéñense en servizo as cabinas de medida de importación do CPS no módulo A.1.1 e as cabinas A2.1 de protección de importación desde o CPS, desde o propio CPS. No módulo A2.1, mantense o transformador TR1C3FHA Geafol de 2.000 kVAs R.T. 20.000/400-230 V.

III. Desconéctase no módulo A0.B a cabina que alimenta a LMT de unión coas cabinas de medida de coxeración do grupo Man no módulo A1.1. As celas no módulo A1.1 non se desmontan.

IV. Desmóntase a LMT desde o módulo A1.1 e o módulo A2.2 da coxeración (exportación). As instalacións na coxeración do CPS (cabinas, xerador, equipos de control, transformador de servizos auxiliares e equipos auxiliares) quedan fóra de servizo.

Segundo. Modificar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade do Centro de Procesado de Subproductos, S.L. no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, con número de rexistro autonómico RE-03-06, ao dar de baixa a instalación de 6.500 kW de fuel inscrita o 14 de abril de 2003, e permanece inscrita no citado rexistro a instalación de 3.500 kW de gas, segundo a Resolución do 7 de maio de 2009, citada no antecedente de feito décimo terceiro.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais