Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 5 de decembro de 2022 Páx. 62260

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo da Mesa Sectorial, do 28 de outubro de 2022, sobre as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional.

Con data do 6 de xullo de 2018, tras un complexo e longo proceso de negociación, foi asinado entre os/as representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM, UGT, CSI-F e SATSE o acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo.

O Acordo contou coa autorización conxunta, do 11 de xullo seguinte, das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e de Función Pública, e foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de xullo de 2018.

Os elementos esenciais dese Acordo do 6 de xullo de 2018, que foi publicado por orde desta consellería no Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo, son os seguintes:

1º. Un sistema de carreira profesional para o persoal fixo e o persoal interino en praza vacante.

2º. Unha estrutura de carreira cun grao inicial e catro graos (I a IV) aos cales se accede tras permanecer un número de anos no grao anterior.

3º. Unhas medidas excepcionais de encadramento para o persoal fixo.

Entre os actos de aplicación das bases da carreira profesional contidas nese Acordo do 6 de xullo de 2018, que pola súa afectación xeral foron publicados no Diario Oficial de Galicia nos anos 2018 a 2021, hai que destacar os seguintes:

1. Resolución do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se iniciaron os procedementos para solicitar un grao de carreira consonte o réxime transitorio e excepcional de encadramento, e para solicitar o grao inicial, en aplicación do Acordo do 6 de xullo.

2. Resolución do 13 de agosto de 2019 (Diario Oficial de Galicia do 22 de agosto), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publicaron os criterios de avaliación que se aplicarían no ano 2020 para acceder aos graos I a IV de carreira profesional.

3. Resolución do 20 de novembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia do 30 de novembro), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que convocou o procedemento de acceso aos graos I a IV de carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2020.

4. Orde do 21 de xullo de 2021 (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto) pola que se aprobou o baremo na parte correspondente ás áreas III e IV, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo.

5. Resolución do 16 de novembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia do 24 de novembro), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convocou o procedemento de acceso aos graos I a IV da carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2021.

6. Orde do 1 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia do 9 de marzo) pola que se aprobou o baremo na parte correspondente á área I, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo.

Os procedementos iniciados cos actos de aplicación do acordo relacionados nos números 1, 3 e 5, dirixidos ao recoñecemento de graos logo de solicitude das persoas interesadas no prazo en cada caso establecido, xa foron executados e finalizados e remataron con 46.615 resolucións individualizadas de recoñecemento de grao (34.536 delas de graos I a IV).

Nos últimos meses están a devir firmes diversas sentenzas da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estimatorias total ou parcialmente de varias demandas de anulación formuladas contra algunhas das bases do Acordo do 6 de xullo de 2018 (e só nalgún caso contra algún dos anteditos actos de aplicación, xa executados entre os anos 2018 e 2021).

O contido desas sentenzas é diverso pero coincidente na necesidade de estender ao persoal temporal, sen distincións, a posibilidade de participar no sistema de carreira profesional.

Esta consellería impulsou varias medidas para a execución das sentenzas, nomeadamente a negociación da modificación das bases do sistema de carreira profesional na Comisión de Seguimento integrada pola Administración e as organizacións sindicais asinantes prevista na cláusula 15.2 do acordo de carreira profesional, xa que expresamente correspóndelle á dita comisión realizar o seguimento das medidas que se adopten na súa aplicación e resolver as cuestións que xurdan na interpretación e execución do acordado.

Este proceso de negociación, trasladado tamén á propia Mesa Sectorial, iniciouse formalmente o pasado 10 de outubro e finalizou co acordo do pasado 28 de outubro, da Mesa Sectorial e da Comisión de Seguimento do acordo de carreira profesional, sobre as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional. Ese acordo foi asinado coas organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT. Polo tanto, é un acordo acadado por unanimidade da Mesa Sectorial e con catro das cinco organizacións asinantes do acordo do ano 2018 e que forman parte da dita Comisión de Seguimento.

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Neste momento, unha vez que o dito Acordo do 28 de outubro de 2022 conta coa autorización conxunta, do 23 de novembro, das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e de Función Pública (Consellería de Facenda e Administración Pública), e foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 24 de novembro, procede a súa publicación.

Con base na normativa citada,

DISPOÑO:

Publicar o dito acordo para xeral coñecemento e efectividade.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

Acordo do 28 de outubro de 2022, da Mesa Sectorial e da Comisión
de Seguimento do acordo de carreira profesional, sobre as futuras
convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional

Na sala de reunións do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela, reúnense o 28 de outubro de 2022 a Mesa Sectorial, e a Comisión de Seguimento de carreira profesional, coa finalidade de culminar o proceso de negociación iniciado o pasado 10 de outubro sobre as futuras convocatorias de carreira profesional (en execución do Acordo da carreira profesional asinado o 6 de xullo de 2018, Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo).

O dito proceso de negociación levouse a cabo sobre as seguintes premisas fundamentais:

1. Incluír no sistema de carreira todo o persoal temporal (en cumprimento de diversas sentenzas da orde xurisdicional contencioso-administrativa).

2. Establecer medidas excepcionais de encadramento para ese persoal.

3. Que esas medidas conten con cobertura orzamentaria, e non poidan levar a cuestionar a vixencia do acordo, en prexuízo de todo o persoal, por unha alteración moi substancial das súas condicións económicas e a ausencia desa ineludible cobertura orzamentaria.

Con base no que antecede, e sen prexuízo de que as organizacións sindicais validen o acordo nos seus órganos de decisión, e a Administración obteña as autorizacións preceptivas, adóptase o seguinte

ACORDO:

I. Encadramento excepcional 2022.

1. Ámbito: como medida excepcional de encadramento, o persoal estatutario que en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018 prestase servizos (situación de servizo activo ou calquera outra que supoña reserva de praza) como persoal fixo, temporal ou substituto nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde ou nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade ou ao dito organismo, e que o dito 1 de xullo tivese completado cando menos cinco anos de servizos prestados na categoría/especialidade por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, poderá solicitar directamente o grao I de carreira profesional, durante o prazo que estableza a Dirección Xeral de Recursos Humanos, na categoría/especialidade en que estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data de presentación da solicitude.

2. Baremo: aplicarase o baremo establecido no anexo IV do Acordo de carreira profesional do 6 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo) e na Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto).

Serán valoradas calquera das actividades ou situacións, especificadas no dito anexo para cada colectivo profesional, realizadas ou causadas entre o 1 de xaneiro de 2012 e o último día do prazo que se estableza para a presentación de solicitudes. Como excepción respecto á data inicial, as actividades de formación universitaria de posgrao valoraranse, nas categorías para as que se require formación universitaria, con independencia da data da súa realización.

No caso do persoal licenciado sanitario, a participación nos obxectivos asistenciais enténdese referida aos exercicios 2017 a 2021.

3. Efectos: as resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2023.

Con independencia destes efectos económicos, o cómputo da permanencia para acceder ao grao II iniciarase no ano 2022.

Contías actualmente vixentes (Orden do 19 de xaneiro de 2022 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2022).

Persoal sanitario licenciado e diplomado

Importe mensual por

grao recoñecido

Importe anual por

grao recoñecido

Persoal licenciado sanitario

268,04 €

3.216,48 €

Persoal diplomado sanitario

167,52 €

2.010,24 €

Persoal sanitario de formación profesional e persoal de xestión e servizos

Importe mensual por

grao recoñecido

Importe anual por

grao recoñecido

A1

215,76 €

2.589,12 €

A2

151,00 €

1.812,00 €

B

107,60 €

1.291,20 €

C1

97,38 €

1.168,56 €

C2

82,65 €

991,80 €

E (agrupacións profesionais)

66,79 €

801,48 €

* Considérase que esta medida beneficiará un número próximo a 8.700 profesionais.

4. Cláusulas adicionais.

a) Situacións asimiladas ao servizo activo (ou reserva de praza).

Para os efectos de acceder á medida excepcional de encadramento (2022) enténdense asimilados á situación de servizo activo (ou reserva de praza) aqueles períodos en que se perciban prestacións por risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural, nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción e acollemento familiar, ou incapacidade temporal derivada do embarazo –con independencia de que neses períodos exista ou non un nomeamento temporal subxacente–, sempre que nalgún momento, dentro dos tres meses anteriores ao inicio da prestación, se tivese estado na dita situación de servizo activo (ou con reserva de praza) no Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas.

Esta asimilación aplicarase, por unha parte, para cumprir o requisito de ter prestado servizos (servizo activo ou reserva de praza) en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018; por outra, para cumprir o requisito de estar en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data en que se presente a solicitude dentro do prazo que estableza a Dirección Xeral de Recursos Humanos.

b) Persoal fixo no ano 2018.

O persoal que reúna os requisitos para acceder a esta medida excepcional de encadramento, pero cun vínculo de fixeza –non temporal– entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018, poderá acollerse a esta medida excepcional de encadramento prevista para o persoal temporal, sempre que no seu momento, e aínda que reunise os requisitos precisos, non accedese a un recoñecemento de grao en aplicación do réxime transitorio e excepcional de encadramento (punto 14 do acordo de carreira profesional).

c) Persoal de atención primaria integrado de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O persoal de atención primaria integrado de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, que tivese solicitado esa integración despois do 28 de setembro de 2018, poderá acollerse a esta medida excepcional de encadramento.

II. Encadramento excepcional 2023.

1. Ámbito de aplicación: persoal incluído no ámbito de aplicación do encadramento de 2022 que comezase a prestar servizos como persoal estatutario temporal ou substituto no Servizo Galego de Saúde ou nas entidades adscritas antes do 31 de decembro de 2011, e permanecese prestando servizos (situación de servizo activo ou calquera outra que supoña reserva de praza) desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de decembro de 2020.

En atención ás peculiaridades do persoal temporal, entenderase que se cumpre o dito período de permanencia aínda que nese período existan ata 90 días sen servizo activo (ou reserva de praza).

2. Progreso na carreira: este persoal poderá solicitar o grao II no prazo que se estableza para a convocatoria do procedemento ordinario de acceso correspondente ao ano 2023 (previsiblemente do 1 de xullo ao 30 de setembro de 2023), sempre que na data de presentación da solicitude estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na categoría/especialidade con grao I recoñecido desde o 1 de xaneiro de 2023.

3. Baremo: novamente aplicarase o baremo establecido no anexo IV do acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo) e na Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto).

Serán valoradas calquera das actividades ou situacións, especificadas no dito anexo para cada colectivo profesional, realizadas ou causadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o último día do prazo que se estableza para a presentación de solicitudes. Como excepción respecto á data inicial, as actividades de formación universitaria de posgrao valoraranse, nas categorías para as que se require formación universitaria, con independencia da data da súa realización.

– Para o persoal licenciado sanitario: a participación nos obxectivos asistenciais e o seu cumprimento referiranse aos exercicios 2018 a 2022.

Desas actividades, que figuran relacionadas nas letras a) a i) do citado anexo IV, descontarase a contía (de horas de formación, anos de supervisión...) que xa fose aplicada anteriormente, dun modo efectivo e necesario, para acadar unha avaliación positiva e o conseguinte recoñecemento de grao.

4. Efectos: as resolucións estimatorias de recoñecemento do grao II terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2024.

Con independencia destes efectos económicos, o cómputo da permanencia para acceder ao grao III iniciarase no ano 2023.

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento do complemento de carreira correspondente ao grao que se recoñeza en execución desta medida producirase en dúas anualidades, distribuído nunha porcentaxe do 50 % no ano 2024 e outra do 50 % no ano 2025 (100 % da contía a partir de 1 de xaneiro de 2025).

* Considérase que esta medida beneficiará un número próximo a 5.500 profesionais.

5. Cláusulas adicionais.

– Situacións asimiladas ao servizo activo (ou reserva de praza): as mesmas previstas para o encadramento excepcional 2022.

– Persoal fixo: o persoal fixo que, cumprindo os requisitos previstos no número 6 do punto 15 do acordo de carreira profesional (exoneración do período de permanencia na convocatoria do ano 2020), non accedese ao recoñecemento do grao II en aplicación desta, poderá acollerse igualmente a esta mesma medida excepcional de encadramento.

III. Grao inicial (+ encadramento excepcional).

Poderá solicitar o grao inicial o/a profesional con vínculo estatutario, funcionarial ou laboral que reúna os requisitos que establece o punto 5 do acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018) e sexa persoal fixo da categoría, persoal estatutario temporal ou substituto, ou fixo doutra categoría cun nomeamento estatutario temporal por promoción interna temporal.

Para os demais aspectos da regulación do grao inicial aplicarase o que establecen o dito acordo e a Resolución deste centro directivo do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto).

As solicitudes de grao inicial presentadas ata o último día do prazo que estableza a Dirección Xeral de Recursos Humanos terán efectos desde o 7 de agosto de 2018, sempre que nesa data xa se cumprisen os requisitos para o acceso. Noutro caso, os efectos serán desde o primeiro día, posterior a esa data, en que se cumpran os ditos requisitos.

O persoal acollido a esta medida extraordinaria de encadramento no grao inicial (efectos a partir do 7 de agosto de 2018, axustados a cada caso) poderá solicitar o grao I a partir da convocatoria do ano 2023 (tras 5 anos de permanencia no grao inicial).

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento do complemento de carreira correspondente a eses graos I producirase (100 % da contía) desde o 1 de xaneiro do ano seguinte (2024, 2025..., segundo o caso).

* Considérase que esta medida beneficiará un número próximo a 7.400 profesionais.

– Seguimento: a Comisión de Seguimento resolverá as cuestións e particularidades, e adoptará as medidas concretas que sexan precisas para a aplicación deste acordo, dentro do respecto aos seus elementos esenciais.