Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 5 de decembro de 2022 Páx. 62281

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican os novos requisitos e se inicia un novo prazo para acceder ao grao inicial de carreira profesional, se convoca o procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV correspondente ao ano 2022 e se tramita un procedemento extraordinario de acceso ao grao I dirixido ao persoal estatutario temporal.

Mediante a Orde da Consellería de Sanidade, do 20 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo), publicouse, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, asinado con data do 6 de xullo de 2018, na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM (na condición de adherida), UGT, CSIF e SATSE, e aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 19 de xullo de 2018.

O acordo habilita a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde para iniciar os procedementos de acceso aos graos I a IV mediante convocatorias anuais publicadas no Diario Oficial de Galicia.

No que se refire ao baremo aplicable, o dito acordo establece que a Administración sanitaria, logo da súa negociación na Mesa sectorial, aprobará e publicará no Diario Oficial de Galicia, en anexos detallados, os baremos aplicables para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais, profesións ou categorías, e concretará as actividades que serán valoradas en cada caso (dentro da estrutura básica recollida nos anexos I a III do acordo), os indicadores ou parámetros que resulten precisos para a avaliación e as puntuacións asignadas.

O acordo tamén prevé que os baremos de méritos e o proceso de avaliación se poderán modular en atención ás características asistenciais e/ou organizativas das diversas institucións, centros, servizos ou unidades, e que se adaptarán, así mesmo, ás características de cada colectivo profesional.

Consonte o citado acordo, o 6 de agosto de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 150) a Orde da Consellería de Sanidade do 21 de xullo de 2021 pola que se aprobou o baremo na parte correspondente ás áreas III e IV (comprensivas das actividades de formación, docencia, investigación e innovación, e implicación e compromiso coa organización, respectivamente), aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional.

No que se refire á área I do baremo (relativa á actividade asistencial ou ao desempeño profesional), foi recentemente –o 9 de marzo de 2022– cando tivo lugar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da Orde do 1 de marzo de 2022 pola que se aprobou o baremo correspondente.

Este baremo está dirixido a valorar, por unha parte, a participación dos/das profesionais na consecución dos obxectivos e na actividade do seu servizo/unidade, atendendo a un conxunto de indicadores previamente definidos e coñecidos; e, por outra, as competencias persoais necesarias para contribuír á mellora da calidade dos coidados asistenciais a pacientes, usuarios e cidadáns, utilizando para estes efectos un ou varios cuestionarios.

E tendo en conta que neste momento aínda non foron desenvolvidos os indicadores precisos para valorar o primeiro dos aspectos -participación na consecución dos obxectivos e na actividade do seu servizo/unidade– a Comisión de Seguimento do acordo decidiu adaptar transitoriamente o baremo publicado, no sentido de limitar a valoración da consecución de obxectivos aos colectivos que xa os teñen prefixados e valorados para os efectos de percibir o complemento de produtividade variable.

Por outra banda, diversas sentenzas da orde xurisdicional contencioso-administrativa, que están a devir firmes, estenderon ao persoal temporal, sen distincións, a posibilidade de participar no sistema de carreira profesional.

Por tal motivo, o pasado 10 de outubro iniciouse na Mesa Sectorial e na Comisión de Seguimento do Acordo de carreira profesional un proceso de negociación das futuras convocatorias de carreira profesional baseado nas seguintes premisas fundamentais:

– Incluír no sistema de carreira todo o persoal temporal (en cumprimento desas diversas sentenzas da orde xurisdicional contencioso-administrativa).

– Establecer medidas excepcionais de encadramento para ese persoal temporal (como se acordou no ano 2018 para determinado persoal fixo).

– Que esas medidas conten con cobertura orzamentaria e non poidan levar a cuestionar a vixencia do Acordo, en prexuízo de todo o persoal, por unha alteración moi substancial das súas condicións económicas e a ausencia desa ineludible cobertura orzamentaria.

Ese proceso de negociación culminou o 28 de outubro de 2022 cun acordo asinado entre os/as representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT. Polo tanto, é un acordo acadado por unanimidade da Mesa Sectorial e con catro das cinco organizacións asinantes do Acordo do ano 2018 e que forman parte da dita comisión de seguimento.

Con base no que antecede, esta resolución, ademais de formalizar a convocatoria ordinaria de acceso aos graos I a IV correspondente ao ano 2022, fai pública e efectiva a modificación dos requisitos para acceder ao grao inicial e vén executar o Acordo do 28 de outubro de 2022 coa aplicación de medidas extraordinarias e inmediatas de progreso na carreira profesional para o persoal temporal. Estas medidas consisten, por unha parte, en outorgar efectos retroactivos ao recoñecemento do dito grao inicial; por outra, e de modo semellante ao que se acordou no ano 2018 para determinado persoal fixo, na tramitación inmediata dun encadramento excepcional no grao I de carreira profesional, o cal se complementará con outra medida excepcional de encadramento, no grao II, que se executará proximamente (no ano 2023).

Con estas medidas cohonéstase o contido dos pronunciamentos xudiciais, aos cales se fixo referencia, coa normativa e dispoñibilidades orzamentarias a que a Administración sanitaria está inevitablemente supeditada, tal e como xa se explicitou na parte expositiva e no articulado do Acordo de carreira profesional do ano 2018. Para estes efectos, cómpre recordar o principio de cobertura orzamentaria que establece, para calquera acordo das mesas de negociación, o artigo 33 da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP), cuxo texto refundido foi aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 149 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

En atención ao que antecede, en virtude do disposto no artigo 7.e) da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e na cláusula 15.2 do Acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, logo do acordo da Comisión de Seguimento do acordo e da Mesa Sectorial,

RESOLVO:

I. Solicitudes de recoñecemento de grao inicial.

Poderá solicitar o grao inicial o/a profesional con vínculo estatutario, funcionarial ou laboral que reúna os requisitos que establece o punto 5 do Acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018), e que sexa persoal fixo da categoría, persoal estatutario temporal ou substituto, ou fixo doutra categoría cun nomeamento estatutario temporal por promoción interna temporal.

Para os demais aspectos da regulación do grao inicial aplicarase o que establecen o dito acordo e a Resolución deste centro directivo do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto).

De conformidade co acordado na Mesa Sectorial, as solicitudes de grao inicial presentadas ata o día 31 de xaneiro de 2023 terán efectos desde o 7 de agosto de 2018, sempre que nesa data xa se cumprisen os requisitos para o acceso. Noutro caso, os efectos serán desde o primeiro día, posterior a esa data, en que se cumpran os ditos requisitos.

As persoas cun grao inicial recoñecido na data de publicación desta resolución, e que pretendan acollerse á mellora de efectos prevista na alínea anterior, deberán presentar ata o 31 de xaneiro de 2023 unha nova solicitude para os efectos de que se dite unha resolución, en substitución da que xa posúen, coa nova data de efectos do grao inicial.

II. Acceso aos graos I a IV (convocatoria ordinaria do ano 2022).

Primeiro. Obxecto e ámbito

Con carácter xeral, o persoal incluído no ámbito de aplicación que establece o punto 4 do Acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018), e que no prazo de presentación de solicitudes reúna os requisitos e o período de permanencia previstos nos puntos 5 e 6 do dito acordo, poderá solicitar o grao seguinte a aquel que xa teña recoñecido na categoría/especialidade en que estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data de presentación da solicitude.

Segundo. Baremo e órganos de avaliación

O recoñecemento do grao requirirá a avaliación favorable dos méritos do/da interesado/a, que será realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

Manterase con carácter transitorio a composición destes órganos de avaliación acordada para as anteriores convocatorias de carreira profesional.

Valoraranse exclusivamente os méritos acadados durante o período en que o/a profesional permaneceu encadrado/a no grao inmediatamente inferior.

Serán valorados os méritos acadados ata o último día do prazo de presentación de solicitudes (31 de xaneiro de 2023).

Nesta convocatoria aplicarase o baremo de carreira profesional correspondente ás áreas III e IV, que foi aprobado pola Orde do 21 de xullo de 2021 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 150, do 6 de agosto, e o baremo de carreira profesional correspondente á área I, que foi aprobado pola Orde do 1 de marzo de 2022 e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 9 de marzo, coas seguintes adaptacións acordadas na Comisión de Seguimento do Acordo de carreira profesional.

O persoal dos colectivos que teñen definidos obxectivos deberá acadar o número de puntos que para cada grao se sinala a seguir:

Acceso carreira profesional. Colectivos con obxectivos

Área I + área III + área IV

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

Profesións sanitarias

con titulación universitaria

Puntos

85

90

90

85

50 % área I

27,5

27,5

25

25

60 % área III

9

12

15

12

60 % área IV

9

9

9

9

Mínimo puntos

45,5

48,5

49

46

Categorías de xestión e servizos

con titulación universitaria

Puntos

85

90

90

85

50 % área I

27,5

27,5

25

25

60 % área III

9

12

15

12

60 % área IV

9

9

9

9

Mínimo puntos

45,5

48,5

49

46

Mínimo de puntos por área

30 % área I

8,25

8,25

7,5

7,5

30 % área III

2,7

3,6

4,5

3,6

O persoal dos colectivos que non teñen definidos obxectivos deberá acadar o número de puntos que para cada grao se sinala a seguir:

Acceso carreira profesional. Colectivos sen obxectivos

Área I + área III + área IV

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

Profesións sanitarias

con titulación universitaria

Puntos

50

55

58

53

50 % área I

10

10

9

9

60 % área III

9

12

15

12

60 % área IV

9

9

9

9

Mínimo puntos

28

31

33

30

Categorías sanitarias

de formación profesional

Puntos

45

50

53

48

50 % área I

10

10

9

9

60 % área III

9

12

15

12

60 % área IV

6

6

6

6

Mínimo puntos

25

28

30

27

Categorías de xestión e servizos

con titulación universitaria

Puntos

50

55

58

53

50 % área I

10

10

9

9

60 % área III

9

12

15

12

60 % área IV

9

9

9

9

Mínimo puntos

28

31

33

30

Outras categorías de xestión e servizos

Puntos

45

50

53

48

50 % área I

10

10

9

9

60 % área III

9

12

15

12

60 % área IV

6

6

6

6

Mínimo puntos

25

28

30

27

Mínimo de puntos por área

30 % área I

3

3

2,7

2,7

30 % área III

2,7

3,6

4,5

3,6

Tal e como dispón a Orde do 1 de marzo de 2022, a avaliación da epígrafe de competencias persoais (incluídas na área I do baremo) realizarase con base nunha avaliación 180 a través dun ou varios cuestionarios; os cuestionarios contarán con preguntas relacionadas coas competencias persoais definidas na propia orde e referiranse a condutas observables e específicas relacionadas con esas competencias; estarán á disposición dos/das profesionais na Oficina Virtual do Profesional; serán cubertos, de xeito obxectivo, polo propio profesional (autoavaliación), polo/a seu/súa superior xerárquico/a ou responsable directo/a e por tres pares ou iguais, e a súa formalización realizarase de forma anónima e será obrigatoria.

Os ditos cuestionarios dirixidos a valorar as competencias persoais estarán dispoñibles, para esta convocatoria, durante o mes de febreiro de 2023.

Pola súa relevancia estratéxica no marco da campaña global de avaliación de riscos psicosociais, cubrir o cuestionario «Contorno de traballo saudable» valorarase con 1 punto dentro da área IV do baremo (implicación e compromiso coa organización); en concreto, dentro das actividades de «colaboración en proxectos corporativos de carácter social, socio-sanitario ou de prevención de riscos laborais».

III. Procedemento excepcional de encadramento do ano 2022 (Acordo do 28 de outubro de 2022).

Primeiro. Obxecto e ámbito

Como medida excepcional de encadramento, o persoal estatutario que, en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018, prestase servizos (situación de servizo activo ou calquera outra que supoña reserva de praza) como persoal fixo, temporal ou substituto nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde ou nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade ou ao dito organismo, e que o dito 1 de xullo de 2018 completase cando menos cinco anos de servizos prestados na categoría/especialidade por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, poderá solicitar directamente o grao I de carreira profesional, durante o prazo establecido nesta resolución, na categoría/especialidade na que estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data de presentación da solicitude.

No caso de que o/a profesional acredite a prestación de servizos noutras categorías ou especialidades distintas daquela para a cal solicita o acceso ao grao I, os citados servizos serán valorados consonte os criterios para o cómputo da experiencia profesional contidos na cláusula 14 do Acordo de carreira profesional do ano 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo).

Segundo. Persoal que xa era fixo entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018

1. O persoal que reúna os requisitos para acceder a esta medida excepcional de encadramento, pero cun vínculo de fixeza –non temporal– entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018, poderase acoller a esta mesma medida excepcional de encadramento prevista para o persoal temporal, sempre que no seu momento, e aínda que reunise os requisitos precisos, non accedese a un recoñecemento de grao en aplicación do réxime transitorio e excepcional de encadramento (punto 14 do Acordo de carreira profesional do ano 2018).

2. O persoal de atención primaria integrado de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, que solicitase esa integración despois do 28 de setembro de 2018, sen acceder en consecuencia ao réxime transitorio e excepcional de encadramento (punto 14 do Acordo de carreira profesional), poderá igualmente acollerse a esta medida excepcional de encadramento prevista para o persoal temporal.

Terceiro. Situacións asimiladas ao servizo activo (ou reserva de praza)

Para os efectos de acceder a este procedemento excepcional de encadramento, enténdense asimilados á situación de servizo activo (ou reserva de praza) aqueles períodos en que se perciban prestacións por risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural, nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción e acollemento familiar, ou incapacidade temporal derivada do embarazo –con independencia de que neses períodos exista ou non un nomeamento temporal subxacente–, sempre que nalgún momento, dentro dos tres meses anteriores ao inicio da prestación, se estivese estado na dita situación de servizo activo (ou con reserva de praza) no Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas.

Esta asimilación aplicarase, por unha parte, para cumprir o requisito de ter prestado servizos (servizo activo ou reserva de praza) en calquera data entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2018; por outra, para cumprir o requisito de estar en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data en que se presente a solicitude dentro do prazo agora establecido (desde o mesmo día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xaneiro de 2023).

Cuarto. Baremo e órganos de avaliación

O recoñecemento do grao requirirá a avaliación favorable dos méritos do/a interesado/a, que será realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

Manterase con carácter transitorio a composición destes órganos de avaliación acordada para as anteriores convocatorias de carreira profesional.

Aplicarase o baremo establecido no anexo IV do Acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo) e na Resolución deste centro directivo do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto).

Será valorada calquera das actividades ou situacións, especificadas no dito anexo para cada colectivo profesional, realizadas ou causadas entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de xaneiro de 2023. Como excepción respecto á data inicial, as actividades de formación universitaria de posgrao valoraranse, nas categorías para as cales se require formación universitaria, con independencia da data da súa realización.

No caso do persoal licenciado sanitario, a participación nos obxectivos asistenciais enténdese referida aos exercicios 2017 a 2021.

IV. Acreditación dos requisitos.

Con carácter xeral non será preciso acreditar documentalmente o cumprimento dos requisitos, por tratarse de información que xa lle consta á Administración sanitaria, salvo no caso de que o comité ou subcomité de avaliación así o requira expresamente.

Como excepción, os servizos prestados por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde (fóra do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo) serán acreditados, cando sexa preciso, consonte o procedemento e dentro do prazo establecido na epígrafe VI desta resolución para o rexistro e acreditación de méritos.

Para estes efectos, achegarase unha certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/nº de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

Igualmente, poderá ser preciso acreditar ante o comité ou subcomité de avaliación as situacións anteriormente asimiladas ao servizo activo ou reserva de praza (punto terceiro da anterior epígrafe III), cando se trate de información que non lle conste á Administración sanitaria.

V. Procedemento e prazo de presentación de solicitudes.

Cada profesional deberá cubrir a solicitude de recoñecemento de grao no modelo normalizado disposto para o efecto, á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo I desta resolución.

Con independencia do que se establece no dito anexo respecto ao acceso á solicitude, para completar o proceso (presentación da solicitude) requirirase un certificado dixital válido. Os certificados aceptados son os expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), a entidade Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

A solicitude conterá os datos precargados coa información obtida das aplicacións corporativas de persoal do Servizo Galego de Saúde, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Solicitudes). A solicitude, unha vez confirmada, deberase presentar por rexistro electrónico.

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o mesmo día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará, para os graos I a IV, o 31 de xaneiro de 2023.

Como xa dispuxo a Resolución deste centro directivo do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto), as novas solicitudes do grao inicial poderanse presentar en calquera momento en que se cumpran os requisitos, e a resolución de recoñecemento do grao inicial terá efectos desde o día de presentación da solicitude, sempre que nesa data se cumpran os requisitos para o acceso. Isto sen prexuízo da medida extraordinaria que se establece, en canto aos efectos, na epígrafe I desta resolución.

A solicitude de recoñecemento de grao deberá ser dirixida á área sanitaria ou entidade en que a persoa interesada preste servizos. No suposto de que estea nunha situación distinta á de activo, dirixirá a súa solicitude á área sanitaria ou entidade en que teña a súa praza reservada.

VI. Rexistro e acreditación de méritos.

No anexo II desta resolución establécense criterios complementarios, o procedemento e a forma de acreditación dos méritos.

Coa excepción prevista para a formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde –Acis–, os méritos que se queiran facer valer en materia de formación (académica, continuada –recibida ou impartida–, formación transversal e outra formación), ou de docencia e investigación e innovación recollidos na área III do baremo ordinario de carreira, deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada coa data límite do 31 de xaneiro de 2023.

Non será preciso rexistrar nin acreditar documentalmente, ao ser información que está en poder da Administración, os seguintes méritos xerados no Servizo Galego de Saúde: prestación de servizos en centros de distintas localidades ou en centros externos habilitados; os servizos prestados en centros caracterizados pola súa distancia e illamento e que sofren especiais dificultades de cobertura; a dedicación exclusiva no desempeño do posto do sector público ou postos de xefatura de servizo e xefatura de sección; o exercicio de postos de supervisión, xefaturas, de coordinación, postos directivos ou de responsabilidade; a participación como membro ou colaborador/a de tribunais de procesos selectivos de OPE; a participación en programas de vacinación e en cribados derivados dunha emerxencia sanitaria; a prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria e a mobilidade de persoal derivada da situación de emerxencia sanitaria.

Tampouco será preciso acreditar que se cubriu o cuestionario «Contorno de traballo saudable», nin o grao de cumprimento de obxectivos no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo. Cando o/a interesado/a pretenda facer valer o grao de cumprimento acadado noutros servizos de saúde, deberá achegar a correspondente certificación.

No que se refire ao procedemento excepcional de encadramento (2022), tampouco será preciso acreditar as situacións previstas na alínea f) dos criterios xerais de avaliación (anexo IV do Acordo de carreira profesional; Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo de 2018), sempre que nelas se teña unha reserva de praza nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo.

Para o rexistro electrónico e a acreditación dos méritos, cando sexa preciso consonte o exposto anteriormente, os/as solicitantes deberán proceder da seguinte forma:

Accederán a través de Fides ao expediente electrónico do/da profesional, segundo se indica no anexo I desta resolución, e comprobarán os datos do seu currículo que constan rexistrados na aplicación informática (relativos a formación continuada, formación universitaria de posgrao, publicación de traballos científicos e de investigación e formación sanitaria especializada impartida), así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou esta está incompleta, o/a profesional rexistrará no sistema, coa data límite do 31 de xaneiro de 2023, os méritos que posúe e que pretenda facer valer na súa avaliación.

Logo de rexistrados, deberá imprimir a solicitude de validación destes méritos, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe «Informe».

A solicitude de validación dirixirase á unidade de validación e poderase presentar, ata o 31 de xaneiro de 2023, nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na actualidade dispoñibles.

Xunto coa solicitude de validación, a persoa interesada deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que pretenda facer valer e que figuren pendentes de validación, nos termos previstos no anexo II desta resolución.

Aqueles interesados/as que soliciten, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que estea pendente de validar, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Aqueles interesados/as que rexistren no sistema informático méritos pendentes de validar e non presenten a documentación correspondente, deberán solicitar, ata a repetida data límite do 31 de xaneiro de 2023, a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión.

Se, con posterioridade á presentación dunha solicitude de validación de méritos, a persoa interesada rexistra na aplicación informática un novo mérito baremable, deberá imprimir unha nova solicitude de validación e presentala coa documentación acreditativa, ata o 31 de xaneiro de 2023, nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na actualidade dispoñibles.

Non será preciso presentar ningunha documentación acreditativa de méritos que xa consten validados na aplicación informática. Non obstante, o comité ou subcomité poderá requirir, en calquera momento, a presentación de documentación complementaria acreditativa de calquera mérito, aínda que conste validado.

No caso de que os méritos non se poidan introducir en Fides/Expedient-e, por non ter habilitada aínda a posibilidade, as certificacións acreditativas dos ditos méritos deberanse achegar dirixidas ao Comité de Avaliación da área sanitaria en que se presten servizos, a través dun rexistro administrativo, nos termos establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

VII. Resolución.

Primeiro. Grao inicial

A resolución sobre o recoñecemento de grao inicial ditaraa a Dirección Xeral de Recursos Humanos e queda suprimido o trámite da proposta previa da xerencia ou entidade que establecía a Resolución do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 149, do 6 de agosto).

A resolución ditarase no prazo dos tres meses seguintes á presentación da solicitude. No caso de non se ditar a resolución nese prazo, a solicitude entenderase desestimada.

A resolución de recoñecemento do grao inicial terá efectos desde o día de presentación da solicitude, sempre que nesa data se cumpran os requisitos para o acceso. Isto sen prexuízo da medida extraordinaria que se establece en canto aos efectos, en cumprimento do Acordo do 28 de outubro de 2022, na epígrafe I desta resolución.

Segundo. Graos I a IV

A resolución sobre o recoñecemento dun novo grao (I a IV) será emitida pola Dirección Xeral de Recursos Humanos, logo da proposta realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

A falta da debida acreditación dos requisitos básicos para o recoñecemento do grao solicitado e/ou a avaliación inicialmente negativa serán notificados polo comité ou subcomité á persoa solicitante coa finalidade de que, no prazo de quince días hábiles, poida presentar as alegacións que considere pertinentes e rexistrar debidamente calquera documentación complementaria. En función do que resulte dese trámite de alegacións, o dito órgano realizará a súa proposta sobre o recoñecemento do grao solicitado.

A resolución sobre o recoñecemento de grao ditarase no prazo dos tres meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non se ditar a resolución nese prazo, a solicitude entenderase desestimada.

As resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2023. Con independencia destes efectos económicos, o cómputo da permanencia para acceder ao grao seguinte iniciarase no ano 2022.

VIII. Disposicións adicionais.

Primeira. Requisito de servizo activo ou reserva de praza

De conformidade co acordado na Comisión de Seguimento do acordo, o requisito de servizo activo ou reserva de praza (ou situacións asimiladas), preciso para presentar unha solicitude de recoñecemento de grao (grao inicial, carreira ordinaria ou encadramento extraordinario 2022), entenderase referido a calquera día entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de xaneiro de 2023.

Segunda. Supostos de promoción interna

Para o recoñecemento de graos, en execución desta convocatoria, aplicaranse os seguintes principios xerais xa incorporados no Acordo do 6 de xullo de 2028 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo):

1. O persoal fixo dunha categoría que preste servizos noutra, por promoción interna, recibirá o mesmo tratamento que o persoal desta última categoría para os efectos de acceder á carreira profesional e progresar nela (cláusula 11 do Acordo do 6 de xullo de 2018).

2. O mesmo período de tempo non poderá ser computado para o progreso na carreira (recoñecemento efectivo de graos) de diversas categorías (cláusula 15.1 do Acordo do 6 de xullo de 2018). En consecuencia, o recoñecemento dun grao I solicitado de conformidade co procedemento excepcional previsto na epígrafe III desta resolución, con base nos servizos prestados antes do 1 de xullo de 2018, poderá supoñer a revisión dun grao recoñecido noutra categoría en aplicación da cláusula 14 do dito acordo.

Terceira. Novo persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria (convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia do 27 de abril de 2022)

No caso do novo persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria (convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia do 27 de abril de 2022), o período de servizo activo no grao inicial de calquera outra categoría –á cal accedese como especialista en Medicina Familiar e Comunitaria– será computado para os efectos do previsto no artigo 35.7 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición, ante esta dirección xeral, no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De ser o caso, se a cuestión ou controversia está relacionada co cumprimento dalgunha sentenza da orde xurisdicional contencioso-administrativa, poderase actuar consonte o previsto no capítulo IV do título IV da dita Lei 29/1998, do 13 de xullo (artigo 103 e seguintes).

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Instrucións de acceso ao expediente profesional electrónico Fides

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais con que mantén unha vinculación, e configúrase como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional.

O acceso a Fides poderase realizar desde:

– A internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde desde equipamentos informáticos situados fisicamente fóra da rede corporativa).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os/as profesionais do Servizo Galego de Saúde poderán acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es) ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipamento.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención hospitalaria e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á solicitude electrónica do recoñecemento de grao –eventualmente, para os procesos de selección e provisión de prazas– que convoque este organismo, como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides).

A primeira vez que un/unha profesional acceda con certificado dixital a Fides, solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pódese efectuar a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que lles permite aos cidadáns e ás cidadás maiores de idade identificárense, tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo:

Chave365-Sede Electrónica-Xunta de Galicia

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á solicitude electrónica do recoñecemento de grao.

O acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para accederen ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das profesionais un manual de instrucións sobre o acceso e o funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que hai que achegar.

ANEXO II

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

As titulacións académicas oficiais acreditaranse, segundo o suposto, mediante orixinal, copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e os créditos obtidos. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

A superación dos períodos de docencia e investigación conducentes á adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación científica, acreditados como máster oficial e exixibles para poder obter o título de doutor/a consonte o Real decreto 56/2005 e posteriores, non poderán ser valorados como máster oficial ao tratarse dun requisito exixido para a obtención da dita titulación.

A titulación de máster débea rexistrar o/a aspirante en Fides/expediente-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

A acreditación da formación máster, especialista e experto universitario-títulos propios efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título ou certificación da universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECTS asignados á dita actividade formativa.

Poderáselle requirir á persoa aspirante que achegue o programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditada a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

b) Formación continuada

Actividades que se valorarán nesta epígrafe:

– Asistencia, debidamente xustificada, a actividades de formación acreditadas por algún dos órganos acreditadores que integran o Sistema acreditador de formación continuada do Sistema nacional de saúde, das profesións sanitarias, relacionadas e específicas do ámbito profesional ou funcional.

– Asistencia, debidamente xustificada, a actividades formativas acreditadas polo European Accreditation Council for Continuing Medical Education (EACCME), American Medical Association (AMA), International Council of Nurses (CIFCE), sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría/especialidade.

– Asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais, ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría/especialidade.

– Asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría/especialidade.

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada ou copia electrónica auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberán constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderáselle requirir á persoa aspirante que achegue o programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión, nacional ou autonómica, de Formación Continuada, deberán constar o logotipo da respectiva comisión e, ademais, o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que consten o número de créditos, número de expediente e logotipo da Comisión de Formación Continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de avaliación. Noutro suposto, deberase achegar certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditados a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

A Administración reserva para si o dereito de poderlle exixir ao/á aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Formación especializada

No suposto de titulacións obtidas en España, acreditarase tal mérito mediante orixinal, copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ou certificación emitida pola respectiva Comisión de Docencia ou Rexistro Nacional de Especialistas en Formación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de ter completado o período de formación conducente á obtención do título da respectiva especialidade, que deberá indicar a data de superación.

No suposto de titulacións obtidas noutros Estados da Unión Europea, achegarase, xunto coa copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberanse acreditar coa achega da copia compulsada ou copia electrónica auténtica do título, tradución xurada deste ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Participación en sesións clínicas convocadas polo Sergas

Enténdese por sesións clínicas as reunións de profesionais sanitarios, que poden pertencer á mesma especialidade ou a varias, co fin de intercambiaren opinións sobre temas asistenciais co obxectivo de atopar solucións a diversos problemas.

Rexistraranse na aplicación de xestión de formación Acis tanto as sesións clínicas acreditadas como as non acreditadas.

A sesión clínica debe ter os seguintes requisitos:

– Programa definido cun responsable por sesión.

– Duración: mínimo 1 hora/sesión clínica.

– Control de asistencia: 100 % por sesión.

– Enquisa de satisfacción por sesión ou programación.

Acredítase mediante un certificado no cal figuren a identificación do profesional, título da actividade, número de horas, datas en que se realiza a actividade, lugar e data de expedición do certificado, sinatura do responsable da entidade e o programa da actividade formativa.

O certificado será asinado pola Xerencia da área sanitaria.

e) Titor/a de formación sanitaria de residentes de formación

Acreditarase mediante certificación asinada pola Comisión de Docencia do centro ou, de ser o caso, Comisión de Docencia da unidade docente onde se impartise, na cal deberán constar expresamente os períodos de desenvolvemento de tal actividade e a condición en que se impartiu.

A participación como xefe/a de estudos acreditarase mediante certificación asinada polo/a director/a xerente da institución sanitaria correspondente.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o dito mérito.

f) Titor/a alumnos de formación profesional ou de alumnos en formación

Acreditarase mediante certificación asinada polo/a director/a do centro de formación profesional ou do centro correspondente, onde se indiquen expresamente o período de desenvolvemento de tal actividade e a condición en que se impartiu.

g) Docencia universitaria

A docencia universitaria impartida acreditarase mediante certificación da respectiva universidade, na cal se farán constar expresamente o cargo docente, tipo de vinculación, departamento ou área de coñecemento en que se impartiu a docencia e as datas de inicio e fin da vinculación.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

h) Proxectos de investigación competitivo

Son todas aquelas actividades que teñen como obxectivo principal a obtención de resultados de I+D+i e para o cal se desenvolven, ao longo dun período, tarefas de traballo e entregables específicos e se mobilizan recursos que poden ser para persoal, inventariable, funxible, viaxes e outros.

O desempeño desta actividade, ben en calidade de investigador principal (IP), ben como investigador colaborador (IC), deberá ter a duración específica e distinta de cada proxecto ata o seu remate.

A participación como investigador/a principal nun proxecto de investigación acreditarase mediante a publicación oficial da resolución de convocatoria, sempre que consten os datos necesarios para identificar o proxecto e o/a investigador/a, ou certificado de participación expedido polo organismo financiador, no cal consten os datos identificativos, o proxecto en que participa, o organismo que financia o proxecto, a convocatoria pública, o período de participación no proxecto e a sinatura do responsable da entidade.

A participación como investigador/a colaborador/a acreditarase mediante a presentación da resolución de convocatoria se nela consta tal participación, ou certificado de participación expedido polo organismo financiador, no cal consten os datos identificativos, o proxecto en que participa, o organismo que financia o proxecto; a convocatoria pública, o período de participación no proxecto e a sinatura do responsable da entidade.

Deberá constar como parte do equipo investigador definido no documento de solicitude do proxecto ou en documento posterior que así o acredite en caso de que houbese cambios no equipo investigador ao longo da súa vixencia.

No suposto de que o organismo convocante non expida certificados de participación, deberase presentar certificado asinado polo investigador principal no cal consten a identidade do/dos colaborador/es, notificación acreditativa de concesión do proxecto ao investigador principal expedida polo organismo e copia do proxecto orixinal enviado á convocatoria, no cal deberá constar a identidade dos investigadores colaboradores.

Só se valorarán aqueles financiados ou acreditados polas administracións públicas, entidades do sector público ou entidades privadas sen ánimo de lucro, cuxa convocatoria e aprobación se realice en réxime de concorrencia libre e competitiva.

i) Publicación en revistas científicas

Revistas científicas indexadas en Pubmed. Non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante consignará na aplicación informática, no espazo habilitado para o efecto, o código de identificación PMID e rexistrará manualmente a información relativa a número de sinaturas, número de orde de sinaturas e tipo de publicación. O sistema realizará a captura automática da información relativa aos outros campos da base de datos de Pubmed para a súa posterior validación.

Revistas científicas indexadas en InDICEs CSIC, IBECS, Web of Science (Wos), Embase, PsycINFO e catálogo Latindex e en revistas non indexadas. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivamento de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberán constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

j) Libros ou capítulos de libros

Só terán a consideración de libro aquelas publicacións cun mínimo de 49 páxinas. Para a súa valoración, a publicación debe estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio. Non terán a consideración de libro, aínda que adopten esta forma de edición, as actas de congreso.

Por non reuniren a condición de traballo científico e de investigación, non serán obxecto de valoración os libros/capítulos editados como glosario, anuario, manuais de preparación para o acceso á formación sanitaria especializada e ao emprego público, cursos de formación continuada, protocolos de servizo, libros de casos clínicos, sesións interhospitalarias e demais que así sexan apreciados polo respectivo órgano de avaliación.

Por seren obxecto de valoración tal mérito noutra epígrafe do baremo, non se lles asignará ningunha puntuación nesta epígrafe ás publicacións de teses de doutoramento.

Non serán obxecto de valoración as autoedicións e/ou autopublicacións, entendendo por tales aquelas publicacións financiadas ou promovidas por algún dos seus autores ou nas cales este figure como editor.

No suposto de libros de autoría colectiva, só será obxecto de valoración aquela publicación en que, da documentación presentada polo/a aspirante, quede suficientemente acreditada a participación concreta nela. Enténdese por autoría colectiva aquela publicación en que interveñen un mínimo de catro autores.

Libros/capítulos de libro editados en papel. Deberase achegar copia compulsada ou copia electrónica auténtica das follas en que consten o título do libro, o título do capítulo, o autor, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación, e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivamento de publicacións, na cal se farán constar a autoría do capítulo e os demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

k) Normas comúns de valoración de libros e revistas

En ningún caso un mesmo contido determinado e obxectivable publicado baixo diferentes formas e en diferentes publicacións poderá ser obxecto de máis dunha valoración.

Non serán obxecto de valoración as publicacións de carácter divulgativo.

l) Patentes e modelos de utilidade no ámbito das ciencias da saúde

Valorarase a produción de títulos de propiedade industrial (patentes ou modelos de utilidade) e produtos con rexistro de propiedade intelectual como resultado dunha actividade de transferencia de coñecemento relacionada coa actividade investigadora e acorde co ámbito científico da saúde.

Para valorar esta epígrafe rexistraranse en Fides os certificados expedidos polo rexistro correspondente (Rexistro de Propiedade Intelectual, OEPM, EPO..) acreditativos da titularidade da patentes e modelos de utilidade, nos cales consten o nome da patente ou modelo de utilidade, o autor e a data de concesión.

Corresponden ao Rexistro de Propiedade Intelectual:

• Autoría de software con rexistro da propiedade intelectual e en explotación.

• Autoría de software en explotación e con rexistro de propiedade intelectual; o seu contido deberá xustificar unha relación directa co ámbito das ciencias da saúde.

Para a verificación das invencións con rexistro solicitado ou concedido, rexistraranse en Fides o título/nome da patente ou modelo de utilidade, o número de publicación, a data de concesión, a autoría e a sinatura do responsable da entidade.

Así mesmo, achegarase a primeira páxina do documento acreditativo emitido polo organismo responsable (OEPM, EPO, USPO, etc.). Para a verificación doutros títulos de propiedade industrial ou intelectual (patentes, modelos de utilidade, marcas, software...), rexistrarase en Fides o documento de concesión ou rexistro.

m) Valorización e explotación dos resultados dun proxecto de investigación

Valoraranse as patentes que se encontren licenciadas ou en fase de explotación.

Acreditarase tal mérito mediante un certificado no cal consten, como mínimo, a copia do documento acreditativo, o ámbito do rexistro, os países en que está recoñecida, o posible interese de empresas e a fase en que se encontre a súa execución.

Spin-off é aquela empresa de nova creación cuxa iniciativa parte do persoal investigador para transferir ao mercado aquel coñecemento, tecnoloxía ou resultado da investigación xerado no ámbito sanitario, de alto valor engadido e con potencial económico.

No caso concreto das spin-off xurdidas no ámbito da saúde, deberán cumprir coas seguintes características: que teña a súa orixe na actividade de investigación biosanitaria; que conte na súa promoción e creación co persoal investigador do sector saúde, con posible colaboración de terceiros; que a iniciativa empresarial estea baseada na explotación da investigación xerada no ámbito do sector biosanitario; que o sector público sanitario participe no seu capital social directa ou indirectamente e obteña contraprestacións pola actividade de promoción; que sexa aprobada polos órganos competentes do sector sanitario; que se acredite a presenza de produtos no mercado, derivados directamente da investigación do solicitante; que participen na xeración da spin-off derivada directamente da investigación do solicitante, formando parte do seu capital social, e que o organismo de pertenza do solicitante (Sergas) tamén participe no dito capital social.

Valoraranse o nivel de desenvolvemento da empresa e o nivel de implicación do solicitante tanto na constitución como no desenvolvemento tecnolóxico que deu lugar á súa creación.

Acreditarase o mérito mediante unha copia do documento oficial, que se rexistrará en Fides, no cal consten os socios fundadores, a constitución da empresa, os obxectivos e o ámbito de desenvolvemento.

n) Premios de investigación ou innovación sanitaria

Son premios concedidos por entidades do sector público ou entidades privadas sen ánimo de lucro, cuxa convocatoria e aprobación se realice en réxime de concorrencia libre e competitiva e que estean relacionados coa actividade investigadora.

Este mérito acreditarase mediante a certificación ou resolución de concesión do premio, onde consten os datos da persoa premiada, a actividade premiada, a entidade/organismo que concede o premio, o ámbito de actuación e a composición do Comité de Dirección e de concesión do premio. Se no certificado non consta expresamente o seu ámbito, deberase complementar tal documentación coa achega das bases da convocatoria do premio. Ese certificado ou, de ser o caso, resolución rexistrarase en Fides.

o) Participación en ensaios clínicos e estudos observacionais

Enténdese por ensaio clínico toda investigación efectuada en seres humanos co fin de determinar ou confirmar os efectos clínicos, farmacolóxicos e/ou demais efectos farmacodinámicos, e/ou de detectar as reaccións adversas e/ou de estudar a absorción, distribución, metabolismo e eliminación dun ou varios medicamentos en investigación co fin de determinar a súa inocuidade e/ou a súa eficacia (artigo 59 da Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento).

Enténdese por estudo observacional o estudo en que os medicamentos se prescriben da maneira habitual, de acordo coas condicións normais da práctica clínica. A asignación dun paciente a unha estratexia terapéutica concreta non estará decidida de antemán por un protocolo de ensaio, senón que estará determinada pola práctica habitual da medicina, e a decisión de prescribir un medicamento determinado estará claramente disociada da decisión de incluír o paciente no estudo. Non se lles aplicará aos pacientes ningunha intervención, xa sexa diagnóstica xa de seguimento, que non sexa a habitual da práctica clínica, e utilizaranse métodos epidemiolóxicos para a análise dos datos recollidos (artigo 59 da Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento).

En ambos os casos, a realización destas actividades ten que axustarse ao procedemento regulado no Real decreto 957/2020, do 3 de novembro, polo que se regulan os estudos observacionais con medicamentos de uso humano, e no Real decreto 1090/2015, do 4 de decembro, polo que se regulan os ensaios clínicos con medicamentos, os comités de ética da investigación con medicamentos e o Rexistro Español de Estudos Clínicos, e implica a autorización do estudo por parte da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, logo de informe favorable dun comité de ética da investigación e da sinatura dun contrato entre o promotor e o centro onde se realiza o estudo.

Nos dous supostos anteriores deben existir un investigador/a principal e un equipo de investigación formado por colaboradores.

Valorarase a participación en ensaios clínicos ou estudos observacionais sempre que sexan debidamente certificados polas entidades de investigación responsables da súa xestión ou tramitación.

A actividade como investigador/a responsable do ensaio clínico valorarase sempre que o hospital universitario a que pertenza o solicitante formalizase a súa participación mediante contrato, convenio ou outro documento con poder vinculante.

A actividade como investigador/a colaborador/a en ensaios clínicos valorarase sempre que o hospital universitario a que pertenza o/a solicitante formalizase a súa participación mediante contrato, convenio ou outro documento con poder vinculante.

Este mérito acreditarase mediante un certificado emitido polo órgano competente do centro sanitario ou entidade de investigación (institutos de investigación sanitaria) que se rexistrará en Fides.

Dado que é preciso a sinatura dun contrato por parte do centro sanitario, pódese documentar desde o centro a participación mediante certificación dos ensaios clínicos ou estudos observacionais.

No certificado deben figurar os participantes, o ámbito, a institución que o concede, a asignación económica, a data de concesión, o período de desenvolvemento e a sinatura do responsable do centro sanitario onde se realice o ensaio ou estudo.

p) Participación como membro nun comité ético de investigación

Os comités de ética da investigación veñen regulados e definidos no Real decreto 1090/2015, do 4 de decembro, polo que se regulan os ensaios clínicos con medicamentos, os comités de ética da investigación con medicamentos e o Rexistro Español de Estudos Clínicos; a Lei 14/2007, de investigación biomédica, e o Decreto 63/2013, polo que se regulan os comités de ética da investigación de Galicia.

Para valorar esta epígrafe requirirase documentación acreditativa da aprobación por parte das secretarías dos CEIC pertinentes.

O nomeamento dos membros dos comités realizarao o titular da Consellería de Sanidade e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Para a valoración do mérito deberíase exixir a certificación do presidente/secretario de cada órgano, con mención expresa á resolución de nomeamento e ao tempo de permanencia como membro.

q) Dispoñibilidade efectiva na realización de gardas/prolongación

Acredítase mediante unha declaración responsable asinada polo profesional, que se rexistrará en Fides, na cal manifesta a súa dispoñibilidade efectiva na realización de gardas/prolongación e o período de tempo en que está dispoñible.

r) Colaboración en proxectos corporativos de carácter social, sociosanitario ou de prevención de riscos laborais

Enténdese por proxectos corporativos os organizados pola Consellería de Sanidade e/ou o Servizo Galego de Saúde coa finalidade de obter melloras sanitarias a través da colaboración social, sociosanitaria ou na prevención de riscos laborais, e que teñan relación coa asistencia sanitaria pública ou con programas de saúde pública. Inclúense nesta epígrafe as asociacións de pacientes.

Para tal fin, estes proxectos deberán estar formalmente constituídos pola sanidade pública galega, tamén mediante convenios de colaboración con entidades ou organizacións dese ámbito.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación do proxecto corporativo, a referencia á norma que o crea, a súa finalidade e obxectivos para poder avaliar se se axusta aos criterios de valoración, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel, con data de inicio e finalización, se for o caso. No suposto de proxectos que inclúan sesións de traballo, figurará o número delas.

Só serán valorados aqueles proxectos con participación activa nun mínimo de tres (3) sesións de traballo/ano.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o proxecto corporativo.

Quedan excluídos desta epígrafe os proxectos que xa se inclúen na dos plans estratéxicos.

s) Participación como autor ou revisor en actividades para a elaboración de

guías/protocolos/vías clínicas

Para os efectos de valorar a implicación e o compromiso coa organización, serán valoradas as guías de práctica clínica (GPC), protocolos ou vías clínicas (VC) concretadas en documentos elaborados por requirimento das autoridades sanitarias públicas do Servizo Galego de Saúde. Tamén se valorará a participación nos documentos elaborados no ámbito do Sistema nacional de saúde sempre e cando a participación sexa por proposta do Sergas.

Enténdese por GPC aquela que presente un conxunto de recomendacións dirixidas a optimizar a atención aos pacientes e que se basean na revisión sistemática da evidencia científica e a valoración dos beneficios e os riscos das opcións asistenciais alternativas que existan.

Enténdese por protocolo aquel documento que define as actividades que se van realizar relacionadas cun determinado problema ou actividade asistencial, que se aplica igual a todos ou a un grupo de pacientes determinado. Idealmente, deben ser desenvolvidos por equipos multidisciplinares e deben formar parte de iniciativas de mellora da calidade ou de estratexias de implementación de guías, que serán adoptadas localmente de acordo cos recursos dispoñibles e coas posibilidades de xestión.

Definimos como vías clínicas (VC) o documento elaborado co obxecto de ofrecer tamén as distintas directrices que se deben seguir para operativizar as actuacións ante situacións clínicas determinadas en pacientes que presentan patoloxías cun curso clínico predicible. Na vía quedan establecidas as secuencias no tempo de cada unha das actuacións que deberán realizar todos os profesionais que van intervir no coidado dos pacientes, entendida esta como unha ferramenta de xestión da calidade para a estandarización dos procesos asistenciais.

Só se valorará o papel como autor/a ou revisor/a de cada guía, protocolo ou vía clínica.

Os protocolos e as VC deberán estar aprobadas pola Comisión de Dirección da Xerencia da área sanitaria.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da actividade, a referencia á norma que a constitúe, a súa finalidade, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel, e en calidade de que o fixo.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o grupo de traballo ou comisión.

Para o persoal non sanitario valorarase a participación como autor/a ou revisor/a nas actividades de elaboración de guías e protocolos aprobados pola Dirección da Xerencia da área sanitaria.

t) Participación na implantación de novos servizos da carteira ou técnicas incorporadas á carteleira de servizos. Participación en programas piloto

Entendido como a incorporación dunha nova prestación, técnica ou procedemento por requirimento do órgano competente do Servizo Galego de Saúde ou da Consellería de Sanidade, que deberá contar cunha resolución expresa previa á incorporación dela por parte do órgano directivo competente.

Para os efectos de valoración, nesta epígrafe enténdese por programa piloto aquel que, por pedimento do centro directivo de que se trate e mediante resolución expresa deste, se poña en marcha con carácter previo á incorporación dunha nova prestación nun centro sanitario, ou para valorar a súa idoneidade ou condicións de aplicación. Esta valoración é incompatible coa prevista no número 17.

En ambos os casos haberá unha designación formal dos participantes.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da actividade, a referencia á norma que a constitúe, a súa finalidade, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel e en calidade de que participou.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o grupo de traballo ou comisión.

u) Participación en grupos de traballo, comisións e subcomisións técnicas e/ou comités constituídos formalmente, grupos de calidade e/ou xestión de riscos clínicos para a seguridade dos pacientes

Os grupos de traballo, comisións, comités e grupos de calidade e/ou de xestión de riscos clínicos deberán ser grupos formalmente creados polo órgano competente da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde para a abordaxe de aspectos relacionados coa sanidade pública. Deberá haber unha designación formal dos participantes. Tras cada reunión, elaborarase unha acta en que quedará constancia dos asistentes e dos principais acordos adoptados.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da actividade, a referencia á norma que a constitúe, a súa finalidade, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto, así como o período de colaboración efectiva nel e en calidade de que o fixo.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o grupo de traballo ou comisión.

v) Participación en comisións clínicas

e/ou comités constituídos formalmente

Serán valoradas as participacións nas comisións clínicas e/ou comités previstos no Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, ou norma que o substitúa, sempre que se supere a asistencia probada a un 80 % delas por ano.

Estas deberán estar formalmente constituídas polas direccións das xerencias das áreas sanitarias e contarán con normas de organización e funcionamento aprobadas.

Idéntica consideración e criterios para a súa valoración terán os consellos asesores de pacientes, que deberán redactar a acta de cada reunión.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación da comisión ou comité, a data de constitución, os datos identificativos da persoa que colaborou e a porcentaxe de asistencias efectivas no período obxecto de valoración.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo de quen depende a comisión.

w) Participación nos protocolos deseñados pola organización para a acollida de profesionais de nova incorporación

Valorarase o traballo de elaboración das guías de información e acollida dirixidas a persoal de novo ingreso nos centros sanitarios, como autores ou revisores, e por requirimento da Dirección da área sanitaria correspondente.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal constarán o nome da guía, a quen está dirixido, a data da súa aprobación, os datos identificativos da persoa que colaborou e en calidade de que o fixo.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra esta actividade.

x) Participación como membro/colaborador de tribunais de selección ou persoal nomeado como órganos de selección, provisión

e/ou avaliación

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación do tribunal, a data de constitución, os datos identificativos da persoa que participou como membro ou como colaborador, e para os membros (non para os colaboradores), o número de asistencias efectivas no período obxecto de valoración.

Valorarase a participación como membro sempre e cando asista a un mínimo de tres (3) sesións.

O certificado estará asinado polo secretario/a do tribunal.

A participación en tribunais de OPE do Sergas non é preciso acreditala.

y) Participación na elaboración e no desenvolvemento de plans estratéxicos

Consideraranse como tales aqueles documentos creados pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde que conteñan plans ou programas que orientan os esforzos das organizacións sanitarias públicas, fomentando a participación e o compromiso dos profesionais, conducentes á consecución de obxectivos de mellora organizativos, asistenciais ou de saúde (por exemplo, Plan de saúde local e Consello Técnico de Atención Primaria).

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal figurarán a denominación do plan ou programa, a referencia que permita a súa consulta, os datos identificativos da persoa que colaborou no desenvolvemento do plan e en calidade de que o fixo, e o ámbito temporal da dita colaboración.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o plan ou programa.

z) Participación en proxectos piloto

Defínese como proxecto piloto aquel creado pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde para valorar e/ou incorporar unha nova técnica ou prestación pública con carácter autonómico.

O proxecto terá que contar cunha norma ou resolución de creación e posta en marcha, así como cunha designación formal das persoas que participan activamente nel e cun procedemento de seguimento e avaliación.

Acredítase mediante un certificado que se rexistrará en Fides, no cal se incluirán a denominación do proxecto, a referencia á norma/resolución que o crea, os datos identificativos da persoa que colaborou no proxecto e en calidade de que o fixo, e a porcentaxe de asistencias efectivas no período obxecto de valoración.

Só se valorarán aquelas colaboracións activas que inclúan unha participación en, polo menos, o 70 % das actividades que se deseñen e conten cunha valoración positiva do Comité de Avaliación.

O certificado estará asinado polo/a director/a do centro directivo onde se encadra o proxecto piloto.

Esta valoración é incompatible coa prevista na epígrafe dos programas piloto.

aa) Acreditación e rexistro de méritos non especificados no anexo V

Os demais méritos para os cales non se especifica a forma de acreditación no anexo V da Orde do 21 de xullo de 2021 serán rexistrados de oficio pola Administración no soporte técnico oportuno.

bb) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo/a responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario/a ou persoal funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

cc) Tradución de documentos

Aos títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español deberanse xuntar a súa tradución para o castelán ou para o galego, que deberá ser efectuada:

a) Por tradutor/a xurado/a, debidamente autorizado/a ou inscrito/a en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.