Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 13 de decembro de 2022 Páx. 63094

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 208/2022, do 24 de novembro, polo que se crea o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais e se aproban os seus estatutos.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 23 que os colexios profesionais dunha mesma profesión, con ámbito territorial circunscrito á Comunidade Autónoma de Galicia, poderán constituír o correspondente consello galego de colexios, e a súa creación realizarase mediante decreto, que deberá, así mesmo, aprobar os correspondentes estatutos. O artigo 28 da mesma norma establece que a aprobación dos estatutos se efectuará logo de que a consellería competente en materia de colexios profesionais verifique a súa legalidade e publicaranse no Diario Oficial de Galicia o referido decreto aprobatorio e os ditos estatutos.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais

Créase o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Aprobación dos estatutos do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito consello, que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 3. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza do Consello e fontes reguladoras

1. O Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Comunidade de Galicia (o Consello, en diante) é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. O Consello, como corporación de dereito público, está suxeito ao dereito administrativo, en canto exerza potestades públicas encomendadas pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e outras leis, e o resto da súa actividade réxese polo dereito privado, civil e laboral.

2. Todos os actos e resolucións do Consello suxeitos ao dereito administrativo que poñan fin á vía administrativa son susceptibles de recurso potestativo de reposición ante o propio Consello, o cal deberá ser presentado no prazo dun mes, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra as resolucións destes recursos e contra os actos e resolucións do Consello que esgoten a vía administrativa poderase recorrer ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade coa súa lei reguladora.

3. O Consello sométese á Lei 11/2001, do 18 de setembro, aos presentes estatutos, aos regulamentos de réxime interior que poidan aprobarse no seu seo, sen prexuízo da lexislación básica do Estado, e ás leis que regulan a profesión de graduado social no que resulten de aplicación imperativa.

Artigo 2. Membros do Consello

O Consello está constituído polos colexios oficiais de graduados sociais da Coruña e Ourense, Lugo e Pontevedra (os colexios, en diante), e terá a súa sede na rúa Monforte, 12, baixo, 15007 A Coruña.

Artigo 3. Fins do Consello

1. Son fins esenciais do Consello:

a) A coordinación dos colexios e a representación da profesión en cuestións de ámbito autonómico e nas que os seus estatutos ou os propios colexios lle outorguen, sen prexuízo da necesaria autonomía de cada colexio.

b) A relación, en nome dos colexios, coas institucións e as administracións públicas co obxecto de facilitar a mutua colaboración e entendemento para a mellor satisfacción dos intereses sociais e profesionais cuxa defensa ten encomendada.

2. Con independencia dos anteriores, son así mesmo fins do Consello os que poidan establecerse, de acordo coa lei, en desenvolvemento dos seus estatutos e regulamentos de réxime interior, respectando sempre as competencias de cada colexio.

Artigo 4. Funcións do Consello

Para o cumprimento dos seus fins, o Consello ten asignadas as seguintes funcións, de acordo co artigo 26 da Lei 11/2001:

a) Elaborar os seus propios estatutos e emitir informe sobre os dos colexios da profesión ou actividade de ámbito territorial inferior.

b) Coordinar a actuación dos colexios que o integren.

c) Representar a profesión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ante os correspondentes consellos xerais, cando así se permita nas súas normas reguladoras.

d) Resolver os conflitos que poidan exporse entre os distintos colexios, sen prexuízo do ulterior recurso contencioso-administrativo.

e) Exercer as funcións disciplinarias respecto aos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integren e os do propio consello.

f) Elaborar as normas deontolóxicas comúns á profesión.

g) Elaborar o orzamento e fixar a participación dos colexios nos gastos do consello.

h) Emitir informe sobre os proxectos de normas a que se refire o artigo 9.o) da Lei 11/2001.

i) Exercer aquelas funcións que lles poidan ser delegadas ou encomendadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e as que poidan ser obxecto dos correspondentes convenios de colaboración.

j) Realizar aquelas actividades que se consideren de interese para os profesionais e as demais funcións que lles atribúan a lexislación vixente e os seus estatutos.

Artigo 5. Dos colexios e os colexiados

1. Os colexios agruparán, de acordo co previsto no artigo 3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, os titulados graduados sociais que, estando en posesión do título universitario oficial ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, exerzan a profesión de graduado social, así como os que teñan un título universitario oficial de grao que habilite para o exercicio da profesión de graduado social.

2. Aínda que deberá colexiarse no colexio provincial correspondente ao ámbito territorial en que se ache o seu despacho e domicilio, o graduado social incorporado a calquera colexio de graduados sociais poderá prestar os seus servizos profesionais libremente en todos os asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español, no ámbito da Unión Europea e nos demais países, conforme a normativa vixente en cada caso, sen necesidade de habilitación ou venia especial para iso a cargo de colexio distinto ao de pertenza.

Artigo 6. Portelo único

1. O Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Comunidade de Galicia dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na normativa vixente, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa en calquera dos colexios do seu ámbito, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

2. A través do referido portelo único o Consello ofrecerá aos consumidores e usuarios a información seguinte, a cal deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados.

b) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no que constarán, polo menos, os datos seguintes: o nome e apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o enderezo profesional e a situación de habilitación profesional.

d) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

3. O Consello deberá de adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto no presente artigo e incorporar para iso no seu ámbito tecnoloxías compatibles que garantan o intercambio de datos cos colexios profesionais.

4. Para o cumprimento do disposto no artigo 10.4 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, para a elaboración dun censo autonómico, os colexios provinciais facilitarán ao Consello a información concernente ás altas e baixas dos colexiados e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais para o seu coñecemento e anotación nos rexistros autonómicos.

Artigo 7. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados

1. O Consello dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados que, necesariamente, tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O Consello atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados que se refiran ao seu ámbito de competencias e trasladará ao colexio de graduados sociais competente aquelas que, de acordo coa normativa, correspondan ao ámbito da súa competencia.

3. O Consello, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, respectando as competencias, de ser o caso, de cada colexio: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente ao colexio correspondente para que se instrúa o oportuno expediente informativo ou disciplinario, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

CAPÍTULO II

Órganos de goberno

Artigo 8. Órganos reitores

Os órganos reitores do Consello son o Pleno, a Comisión Permanente e o presidente/a.

Artigo 9. Composición do Pleno do Consello e remoción dos seus membros

1. O Pleno do Consello estará composto polos presidentes dos colexios que o compoñen, como conselleiros natos, e por un número variable de conselleiros/as, elixidos democraticamente polas xuntas de goberno de entre os seus membros, a razón de 1 conselleiro por cada 250 colexiados/as, ou fracción, en cada colexio e de acordo cos seguintes tramos:

I. De 1 a 250, 1 conselleiro/a.

II. De 251 a 500, 1 conselleiro/a máis.

III. De 501 a 750, 1 conselleiro/a máis.

IV. E así sucesivamente.

2. Será presidente/a do Consello quen resulte elixido por maioría simple polos membros do Consello, entre os/as conselleiros/as natos/as dos colexios, que estean en situación de colexiados exercentes nos seus colexios de orixe.

3. Por proposta do/da presidente/a electo/a, o Pleno do Consello nomeará entre os seus membros un/unha vicepresidente/a, secretario/a e tesoureiro/a do Consello.

4. Son causas de cesamento ou remoción dos membros do Pleno do Consello:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Perda dos requisitos estatutarios.

d) Remate do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións do Pleno.

f) Moción de censura, cando así o acorde a maioría dos seus representantes e colexios.

g) Ter sido sancionado disciplinariamente por faltas cometidas de acordo cos estatutos dos seus respectivos colexios.

5. O procedemento de remoción dos membros do Pleno do Consello poderá desenvolverse por regulamento de réxime interior, e deberá respectar inescusablemente as exixencias de publicidade, contradición e audiencia do interesado, para que poida defenderse adecuadamente contra as imputacións que se lle dirixan. Na resolución que adopte, o Pleno do Consello, advertiralle expresamente das vías administrativas ou xudiciais de recurso que se poidan interpoñer contra ela.

Artigo 10. Duración dos mandatos

O mandato dos/das conselleiros/as, elixidos de acordo co disposto no artigo anterior, será de catro anos computados desde a data do seu nomeamento, e poderán ser reelixidos e cesar en tal función no momento en que, por calquera causa, cesen na súa respectiva xunta de goberno; neste caso, o colexio de que se trate deberá nomear novos representantes segundo o procedemento establecido anteriormente.

A duración no cargo como presidente/a quedará limitada a 2 mandatos.

Artigo 11. Reunións do Pleno do Consello

1. O Pleno do Consello reunirase cada seis meses e sempre que as circunstancias o aconsellen e poderá celebrar as súas sesións en calquera localidade da Comunidade galega, ou ben telematicamente por videoconferencia ou similar, sempre que se garanta a autenticación do participante para efectos de cómputo de voto.

2. As convocatorias das sesións serán realizadas polo/a presidente/a, por iniciativa propia ou a pedimento de polo menos catro dos seus membros, cunha antelación mínima de quince días, e deberán conter a orde do día e o lugar e a hora da sesión. O/a secretario/a deberá dar fe do tratado e comunicar os acordos aos membros do Consello nun prazo non superior aos sete días hábiles, expresando nel a composición dos conselleiros que os adoptaron, para efectos do previsto no artigo seguinte.

3. Para a válida constitución do Pleno do Consello deberán estar presentes, polo menos, a maioría simple dos colexios e representantes que o integren, en primeira convocatoria, e en segunda convocatoria, se asisten de forma presencial ou a distancia, o/a presidente/a, o/a secretario/a, ou membros en quen deleguen, e tres conselleiros/as.

Artigo 12. Adopción de acordos polo Pleno do Consello

1. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos/das conselleiros/as, en primeira convocatoria, e por maioría simple dos asistentes en segunda convocatoria.

2. Para os efectos do cómputo e designación de conselleiros/as, cada colexio terá que enviar ao Consello a lista de colexiados/as, coas altas e as baixas, que serán controladas polo secretario/a; para cada anualidade réxera o número de colexiados/as rexistrados/as o 31 de decembro do ano anterior.

3. A asistencia ás reunións do Pleno do Consello será obrigatoria. A falta de asistencia a tres sesións sen xustificación suficiente e dentro do mesmo ano carrexará a perda da condición de conselleiro/a. Os conselleiros natos, no caso de non poderen asistir persoalmente, poderán facelo por delegación nos vicepresidentes dos seus colexios respectivos.

Artigo 13. Comisión Permanente

1. Constituirán a Comisión Permanente do Consello o/a presidente/a, o vicepresidente/a, o secretario/a, o tesoureiro/a e un vogal por elección do Consello. Para que quede validamente constituída será necesaria a asistencia, presentes ou representados, da metade máis un dos seus membros.

2. A Comisión Permanente reunirase coa periodicidade que se considere necesaria para resolver asuntos de recoñecida urxencia e de trámite.

3. As convocatorias das sesións serán realizadas polo/a presidente/a, por si mesmo/a ou por solicitude de polo menos tres dos seus membros, cunha antelación mínima de cinco días, e deberán conter a orde do día e o lugar e a hora da sesión, salvo en caso de urxencia manifesta, en que poderá convocarse telefónica ou telegraficamente para a súa celebración inmediata. A Comisión tamén poderá celebrar as súas reunións telematicamente, na mesma forma que o Pleno do Consello.

4. Respecto da asistencia ás reunións, aplicarase o réxime disposto no número 3 do artigo 11.

5. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos asistentes, tendo o presidente/a ou quen o/a substitúa voto dirimente en caso de empate.

Artigo 14. Funcións da Comisión Permanente

Son funcións da Comisión Permanente:

a) A administración, xestión e dirección ordinaria do Consello.

b) A elaboración e remisión ao Pleno no último trimestre de cada ano do orzamento de ingresos e gastos do Consello.

c) A elaboración e remisión ao Pleno da liquidación do orzamento do exercicio anterior no primeiro trimestre de cada ano.

d) Todas aqueloutras competencias do Consello que lle sexan atribuídas polo Pleno.

Artigo 15. Actas das sesións

De cada unha das sesións, tanto do Pleno do Consello como da súa Comisión Permanente, redactarase a correspondente acta, na que deberán constar os acordos adoptados, que será asinada polo secretario co visto e prace do presidente e que se transcribirá aos respectivos libros especiais para o efecto.

CAPÍTULO III

Funcións dos cargos do Consello

Artigo 16. Funcións do/da presidente/a

1. O/a presidente/a convocará e presidirá todas as xuntas do Consello e da súa Comisión Permanente, e dirixirá os seus debates, abrindo, suspendendo e pechando a sesión.

2. Con independencia do anterior, asumirá a representación do Consello, será o executor dos seus acordos e resolverá os empates co seu voto de calidade, se subsistisen durante dúas votacións sucesivas; será o ordenador de pagamentos e asinará co/coa tesoureiro/a os talóns librados contra as contas correntes do Consello; representará este para todos os efectos legais ante a Xunta de Galicia, a Administración estatal e calquera dos órganos administrativos executivos e xudiciais; e nomeará entre os/as conselleiro/as as comisións ou ponencias que sexan necesarias para a mellor xestión dos asuntos que interesen ou competan ao Consello, cando este non poida exercer esta facultade ou a delegue no/na presidente/a.

Artigo 17. Funcións do/da vicepresidente/a

O/a vicepresidente/a substituirá o/a presidente/a nas súas funcións, cando este/esta non poida actuar por calquera causa, e exercerá pola súa delegación as funcións que lle encomende o Consello por proposta daquel.

Artigo 18. Funcións do/da secretario/a e do/da tesoureiro/a

1. O/a secretario/a encargarase da correspondencia oficial, da custodia e arquivo da documentación, ficheiros, etc.; expedirá, co visto e prace do/da presidente/a, as actas das reunións do Consello e da súa Comisión Permanente, as certificacións e os documentos, e elaborará unha memoria anual en que recolla as actividades da organización colexial.

2. O/a tesoureiro/a custodiará, baixo a súa responsabilidade, os fondos do Consello, debendo depositar todos os seus ingresos en contas correntes bancarias; efectuará as cobranzas e pagamentos, logo de orde do/da presidente/a; levará os libros de contabilidade indispensables; e presentará ao Pleno do Consello o orzamento de cada anualidade, así como a liquidación correspondente do exercicio económico anterior, a fin de que os aprobe ou formule os reparos pertinentes.

CAPÍTULO IV

Comisións

Artigo 19. Comisións

O Pleno determinará as comisións ordinarias en que deba quedar organizado o funcionamento do Consello; poden constituírse as seguintes comisións:

a) Relacións institucionais.

b) Formación.

c) Deontoloxía e recursos.

d) Quenda de oficio e asistencia xurídica gratuíta.

e) Mediación.

O Pleno poderá acordar a constitución das comisións, subcomisións e ponencias especiais que en cada caso considere conveniente.

As funcións das comisións serán as que lle sexan delegadas polo Pleno, e nos supostos en que por razóns de urxencia deban adoptarse acordos de inmediata execución deberán dar conta ao pleno do Consello para a súa ratificación.

CAPÍTULO V

Relacións do Consello

Artigo 20. Relacións coa Xunta de Galicia

O Consello deberá comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia os estatutos, regulamentos de réxime interior e as súas modificacións, para o seu control de legalidade dentro do prazo dun mes. Así mesmo, comunicará á devandita consellería, e á consellería correspondente por razón da profesión, a composición dos seus órganos de Goberno.

Artigo 21. Relacións co Consello Xeral

A representación do Consello no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España (Consello Xeral) articularase conforme as normas e estatutos deste último e, conforme idéntico criterio, determinaranse as relacións entre ambos os consellos, sen prexuízo das iniciativas e propostas que o primeiro poida elevar para a súa consideración ao Consello Xeral.

Artigo 22. Relacións con outros colexios e entidades

O Consello poderá relacionarse con outros colexios, entidades ou organizacións dentro do ámbito territorial da Comunidade galega e con outros colexios de fóra dese ámbito territorial, segundo os acordos recíprocos que se establezan entre as partes interesadas.

CAPÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 23. Administración delegada de bens

O Consello terá, por delegación dos colexios que o integran, plena capacidade para administrar os bens de toda clase que aqueles poñan á súa disposición, con destino ao cumprimento dos seus propios fins.

Artigo 24. Recursos económicos

1. O exercicio económico do Consello coincidirá co ano natural; o exercicio pecharase o 31 de decembro de cada ano.

2. Contribuirán ao sostemento do Consello todos os colexios que o integran, cunha cota anual igual ao cinco por cento das cotas aboadas por cada un dos colexios ao Consello Xeral no ano anterior.

3. As cotas aboaranse por trimestre natural vencido, nos cinco primeiros días do mes seguinte.

4. Os gastos ordinarios de sostemento do Consello financiaranse con cargo aos devanditos recursos económicos, máis as subvencións, donativos e outros recursos que poidan obterse.

Artigo 25. Memoria anual

1. O Consello estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados, no caso de existiren, e especificando as retribucións dos membros da súa xunta directiva, en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos con respecto aos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integran, excepto os que formen parte do Pleno do Consello, indicando a infracción a que se refiren, a súa tramitación e, de ser o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, de ser o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos seus códigos deontolóxicos en caso de dispoñer deles.

f) As situacións de conflito de intereses en que se achen os membros do Pleno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá de facerse pública no primeiro trimestre de cada ano a través da páxina web.

3. Os colexios e o Consello fornecerán ao Consello Xeral a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

Artigo 26. Auditoría

O Consello deberá ser auditado, cunha periodicidade máxima de catro anos ou cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

CAPÍTULO VII

Réxime disciplinario

Artigo 27. Infraccións e sancións

Tanto as faltas ou infraccións cometidas polos graduados sociais da Comunidade galega no seu exercicio profesional como a súa corrección disciplinaria someteranse á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como ao procedemento establecido na Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, aos vixentes estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España e nos estatutos do colexio a que pertenza o/a interesado/a.

Artigo 28. Competencia sancionadora

1. O Consello é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa.

2. En primeira instancia, cando o expediente disciplinario se siga contra algún membro da xunta de goberno de calquera dos colexios de Galicia, salvo que sexa competencia do Consello Xeral.

3. En segunda e última instancia administrativa, na resolución dos recursos de alzada interpostos contra os acordos dos colexios. Nestes casos, os representantes do colexio afectado terían voz, pero non voto.

Artigo 29. Tipificación das infraccións

As infraccións que poidan implicar sanción disciplinaria clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 30. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

1. As infraccións das prohibicións, no exercicio profesional, en materia de incompatibilidades legais.

2. O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para as persoas que soliciten ou concerten a actuación profesional.

3. A vulneración do segredo profesional.

4. O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso/a en causa de incompatibilidade ou prohibición.

5. A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos.

6. A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, con ocasión do exercicio da profesión.

7. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral, ou no código deontolóxico aprobado pola xunta de goberno do correspondente colexio.

Artigo 31. Faltas graves

Son faltas graves:

1. O incumprimento ou desatención dos acordos ou requirimentos adoptados polos órganos colexiais e, de ser o caso, das obrigacións establecidas nestes estatutos.

2. O encubrimento de actos de intrusión profesional ou de actuacións profesionais que vulneren as normas deontolóxicas da profesión, que causen prexuízo ás persoas que soliciten ou concerten os servizos profesionais ou que incorran en competencia desleal.

3. O incumprimento dos deberes profesionais cando causen prexuízo a quen solicite ou concerte a actuación profesional.

4. A ofensa grave á dignidade doutros profesionais, das persoas que formen parte da xunta de goberno dos colexios que o integran, así como das institucións con quen se relacione como consecuencia do seu exercicio profesional.

5. Os actos ilícitos que impidan ou alteren o normal funcionamento dos colexios profesionais ou das súas xuntas de goberno.

6. A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos.

7. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral ou no código deontolóxico aprobado pola xunta de goberno de cada colexio.

Artigo 32. Faltas leves

Son faltas leves:

1. As infraccións aos deberes que impón a profesión que non estean recollidas como infraccións graves ou moi graves.

2. A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias e deontolóxicas non tipificadas como faltas moi graves nin graves.

3. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral ou no código deontolóxico aprobado pola xunta de goberno do colexio do que proceda o expediente.

Artigo 33. Sancións

As sancións que cabe impoñer pola comisión de faltas poden ser:

a) Amoestación privada.

b) Advertencia por escrito.

c) Suspensión no exercicio profesional por un prazo non superior a tres meses.

d) Suspensión no exercicio profesional por un prazo de entre tres meses e dous anos.

e) Expulsión do colexio a que pertence.

Artigo 34. Correspondencia entre infraccións e sancións

As infraccións moi graves poderán ser sancionadas conforme o previsto nas alíneas d) ou e) do artigo anterior.

As infraccións graves poderán ser sancionadas conforme o previsto na alínea c) do artigo anterior.

As infraccións leves poderán ser sancionadas conforme o previsto nas alíneas a) ou b) do artigo anterior.

Para a debida ponderación das sancións que haxa que impoñer, teranse en conta os seguintes criterios: intencionalidade, importancia do dano causado, ánimo de emendar a falta ou remediar os seus efectos e proveito económico obtido.

Artigo 35. Procedemento disciplinario

O procedemento disciplinario iniciarase de oficio, por instancia de parte ou por queixa de consumidores ou usuarios, tendo como referencia a normativa reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a normativa que regula a potestade sancionadora e respectando, en todo caso, as competencias de cada colexio. Non se admitirán a trámite denuncias anónimas.

Con anterioridade ao acordo de iniciación do procedemento disciplinario, o Pleno poderá abrir un período de información previa para coñecer as circunstancias do caso concreto e determinar a procedencia ou non de abrir expediente disciplinario. Esta información terá carácter reservado e a duración estritamente necesaria para alcanzar os obxectivos sinalados. Do mesmo xeito, e como medida preventiva, poderá acordar cantas medidas provisionais considere oportunas para asegurar a eficacia das resolucións que se puidesen ditar, sempre que conte con elementos de xuízo suficientes para iso e non cause con elas danos irreparables aos interesados ou a violación dos dereitos amparados polas leis. O nomeamento do instrutor e do secretario non poderá recaer sobre ningún membro do Pleno que pertenza ao mesmo colexio que o expedientado.

O Pleno, á vista dos antecedentes dispoñibles, poderá acordar o arquivamento das actuacións ou dispoñer a apertura de expediente; neste caso, designará instrutor/a e secretario/a. O acordo de apertura de expediente notificarase ao colexiado ou colexiados expedientados.

Tras as dilixencias indagatorias oportunas, o instrutor propoñerá o sobresemento do expediente ou ben formulará prego de cargos en que se concreten de forma clara os feitos imputados, a infracción presuntamente cometida e as sancións que poidan serlle de aplicación, concedendo ao expedientado un prazo non inferior a dez días hábiles para contestar por escrito.

No expediente son utilizables todos os medios de proba admisibles en dereito, e corresponde ao instrutor a práctica dos que se propoñan e consideren pertinentes ou acorde de oficio, do cal deixará constancia en acta das audiencias e das probas practicadas. Concluída a instrución do expediente, o instrutor elevarao, xunto coa correspondente proposta de resolución, ao Pleno. A proposta de resolución notificarase ao expedientado para que no prazo de quince días hábiles, tras estudar o expediente, poida alegar canto considere conveniente á súa defensa. Nin o/a instrutor/a nin o/a secretario/a poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisión do órgano disciplinario, así como tampouco o poderán facer aqueles membros do Pleno pertencentes ao mesmo colexio que o expedientado.

As resolucións acordaranse por maioría de dous terzos do número de membros, en votación secreta, e serán motivadas, apreciando a proba segundo as regras da sa crítica, relacionando os feitos probados en congruencia co prego de cargos, dilucidando as cuestións esenciais alegadas ou resultantes do expediente e determinando, se é o caso, as infraccións e a súa fundamentación, con cualificación da súa gravidade. A decisión final ou fallo poderá ser de sanción, de arquivamento por falta de probas ou por inexistencia de conduta sancionable, ou de sobresemento por prescrición das faltas.

As resolucións serán notificadas integramente aos interesados con indicación dos recursos que procedan e prazos para interpoñelos.

Contra as resolucións do Consello, ditadas en primeira instancia, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España.

Artigo 36. Execución das sancións

As sancións non se executarán mentres non se esgoten todos os recursos en vía administrativa, sen prexuízo das medidas cautelares. Namentres, o Pleno poderá acordar a suspensión da execución cando se acredite a interposición en prazo de recurso en vía contencioso-administrativa con petición de medida cautelar, que estará suxeita ao que preventivamente se acorde en vía xurisdicional.

Se a sanción consiste na expulsión do colexio, a execución quedará en suspenso ata que adquira firmeza a resolución correspondente.

Artigo 37. Comunicación

A xunta de goberno de cada colexio deberá enviar ao Consello e ao Consello Xeral testemuño dos seus acordos de sanción nos expedientes disciplinarios dos colexiados por faltas graves e moi graves.

Artigo 38. Prescrición e cancelación

Os prazos de prescrición das infraccións cóntanse desde o día en que a infracción se cometeu. Prescribirán as leves en seis meses, as graves en dous anos e as moi graves en tres anos.

Os prazos de prescrición das sancións cóntanse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción; para as leves, será un ano; para as graves, dous e para as moi graves, tres.

No que respecta a infraccións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador; o prazo de prescrición restablecerase se o expediente estivese paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao presunto infractor.

En canto ás sancións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento, do interesado, do procedemento de execución, volvendo transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Os/as sancionados/as serán rehabilitados/as automaticamente nos seguintes prazos, contados desde a data en que se tome a resolución:

1. Se son por infracción leve, aos seis meses.

2. Se son por infracción grave, aos dous anos.

3. Se son por infracción moi grave, aos tres anos.

4. As de expulsión, aos seis anos.

Os prazos anteriores contaranse desde o día seguinte a aquel en que a sanción se executase ou terminase de cumprir ou prescribise.

A rehabilitación supón a anulación de antecedentes para todos os efectos e, no caso das sancións de expulsión, permite ao interesado solicitar a reincorporación ao colexio que corresponda.

A xunta de goberno de cada colexio enviará ao Consello e ao Consello Xeral testemuño das rehabilitacións acordadas.

CAPITULO VIII

Dos recursos

Artigo 39. Dos acordos dos colexios de graduados sociais

1. Contra os actos, resolucións e acordos dos colexios de graduados sociais, suxeitos ao dereito administrativo, os colexiados afectados e demais persoas lexitimadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Comunidade de Galicia, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación.

2. Este recurso, que deberá ser razoado e fundamentado, presentarase no prazo dun mes ante o propio Consello ou colexio correspondente. Neste último caso, elevarao ao Consello, xunto co expediente relativo ao acto ou acordo impugnado e, de consideralo conveniente, xunto cun informe sobre o recurso elaborado pola Xunta de Goberno do correspondente colexio.

3. O Consello terá que resolver o recurso de alzada no prazo de tres meses contados desde a súa presentación. Transcorrido o devandito prazo sen notificarse acordo sobre o recurso, considerarase desestimado por silencio administrativo, salvo que o recurso fose interposto contra a desestimación presunta dunha solicitude por transcurso do prazo, caso en que se entenderá estimado o recurso se, chegado o seu prazo de resolución, o órgano competente non ditase resolución expresa sobre el. O acordo do Consello, expreso ou presunto, esgotará a vía administrativa e contra el poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Artigo 40. Dos acordos do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Comunidade de Galicia

Contra os actos, resolucións e acordos do Consello, suxeitos ao dereito administrativo, os colexios que formen parte del e calquera outro interesado poderán interpoñer recurso extraordinario de revisión nos prazos e supostos previstos no capítulo II do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O Consello deberá resolver o recurso no prazo de tres meses contados desde a súa presentación e, transcorrido o devandito prazo sen notificarse a resolución expresa, considerará aquel desestimado por silencio administrativo. Contra o acordo do Consello, expreso ou denegatorio por silencio, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

CAPÍTULO IX

Rexistro administrativo do Consello

Artigo 41. Datos mínimos de rexistro

Na sección do rexistro relativa a consellos galegos de colexios, de carácter público, dependente orgánica e funcionalmente da consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia, faranse constar os datos que a normativa correspondente requira nesta materia.

CAPÍTULO X

Honras, protocolo e recompensas

Artigo 42. Tratamento honorífico do Consello

O Consello terá o tratamento de Excelentísimo.

Artigo 43. Recompensas concedidas polo Consello

Conforme o establecido no artigo 4.j) destes estatutos, o Consello, por iniciativa propia ou por proposta dos colexios, e logo de instrución do correspondente expediente, poderá conceder as seguintes recompensas:

a) Medalla ao mérito profesional, nas súas categorías de ouro e prata.

b) Medalla ao mérito colexial, nas súas categorías de ouro e prata.

c) Título de presidente de honra.

d) Título de colexiado de honra.

Disposición adicional única

En todo o non previsto nos presentes estatutos aplicarase, con carácter supletorio, a lexislación vixente que resulte de aplicación e, máis concretamente, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os estatutos e demais normas que regulan a profesión de graduado social.