Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 26 de decembro de 2022 Páx. 65680

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia, na escala de persoal subalterno da Xunta de Galicia e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais da Xunta de Galicia e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, ten por obxecto situar a taxa de temporalidade estrutural por baixo do 8 por cento no conxunto das administracións públicas españolas. A reforma actuará en tres dimensións: adopción de medidas inmediatas para remediar a elevada temporalidade existente, articulación de medidas eficaces para previr e sancionar o abuso e a fraude na temporalidade para futuro e, por último, a potenciación da adopción de ferramentas e unha cultura da planificación para unha mellor xestión dos recursos humanos.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, prevé que teña lugar un novo proceso de estabilización do emprego temporal nas administracións públicas, mediante a convocatoria extraordinaria de prazas que non consomen taxa de reposición.

En virtude do Decreto 79/2022, do 25 de maio, aprobouse a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 102, do 30 de maio).

A dita lei autoriza na súa disposición adicional sexta unha convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de larga duración polo sistema de concurso, que inclúe aquelas prazas que reunindo os requisitos do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

Adicionalmente, inclúense tamén, de conformidade coa disposición adicional octava, as prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal por persoal cunha relación, desta natureza, anterior ao 1 de xaneiro 2016.

Inclúense na convocatoria as prazas afectadas pola disposición transitoria décima, primeira parte, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e figuran recollidas no anexo I da Resolución do 2 de xaneiro de 2011, publicada no DOG núm. 4, do 7 de xaneiro, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de decembro de 2010, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo dos departamentos da Administración da Xunta de Galicia referentes aos procesos de consolidación da disposición transitoria décima do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Neste senso, respecto das prazas convocadas, cómpre ter en conta o disposto nas disposicións adicionais primeira, terceira e cuarta do Decreto 79/2022, do 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Nesta convocatoria non se recolle a promoción interna, dado que se trata dun proceso único e excepcional habilitado polo disposto na Lei 20/2021, do 28 de decembro.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 79/2022, do 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 5/2022, do 21 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Consellería de Facenda e Administración Pública, no uso das competencias que lle atribúe a dita Lei 2/2015, do 29 de abril, (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario, escala de persoal subalterno e escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir as prazas das distintas escalas e categorías que se especifican nos anexos desta convocatoria correspondentes á oferta de emprego público derivada do Decreto 79/2022, do 25 de maio.

As prazas obxecto desta convocatoria poderán verse incrementadas ou minoradas por un número igual ao de prazas de estabilización convocadas en procesos anteriores á entrada en vigor da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e que no momento da presente convocatoria estivesen aínda sen rematar e que ao final deste, quedasen sen adxudicar.

O sistema selectivo será o de concurso.

I.1.1. Nos respectivos anexos especifícanse as prazas que poden ser cubertas pola quenda de discapacidade.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade non obtén praza, pero a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios se os houbese e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberanse realizar no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP); a normativa laboral establecida no Estatuto dos traballadores e no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (aprobado mediante a Resolución do 20 de outubro de 2008, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación no Diario Oficial de Galicia, do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia) exclusivamente para as categorías que se convocan como de persoal laboral e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira ou, no seu caso, como persoal laboral fixo, os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.3. Coñecemento da lingua galega. Débese estar en posesión do título do Celga 2 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non obstante, aquelas persoas que non acheguen a titulación anteriormente indicada deberán superar unha proba tipo test de coñecemento da lingua galega nos termos que se establecen na base II.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade, terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, na data de publicación da presente convocatoria.

I.2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence ao mesmo corpo, escala e especialidade obxecto desta convocatoria e, se é o caso, o persoal laboral fixo respecto da categoría e grupo a que xa pertence.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Logo de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos da persoa solicitante poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se encontren relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización da proba de coñecemento de lingua galega.

Se a solicitude derivase dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes dende que se producise o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio no que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia autentica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

A solicitude de inscrición inclúe tamén un formulario de declaración de méritos que será necesario cubrir por cada persoa aspirante, indicando expresamente con valores numéricos, o número de meses completos de servizos prestados na propia escala ou categoría profesional á cal se opta ou na escala ou categoría equivalente, distinguindo segundo se presten na Administración convocante ou noutras administracións públicas. Igualmente, deberán cubrir o número de horas de cursos de formación dos organismos avaliables segundo a bases da convocatoria distinguindo os que teñen menos de cen horas dos que teñen un número de horas igual ou superior a cen. Deberán cubrir tamén o número de exercicios ou probas selectivas superadas dos procesos finalizados ou coa fase de oposición finalizada na Administración convocante nos termos establecidos na convocatoria e, de ser o caso, o nivel de coñecemento da lingua galega avaliable como mérito segundo as bases da convocatoria.

A aplicación informática calculará automaticamente a puntuación total que se lles outorgue a cada persoa aspirante de conformidade co declarado.

A declaración de méritos será vinculante para a persoa participante, e ten o valor legal de declaración responsable, regulada no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A través da sinatura da dita declaración responsable, a persoa participante manifesta, baixo a súa responsabilidade, estar en posesión dos méritos declarados e da documentación orixinal ou auténtica para acreditalos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información contida nesta declaración responsable ou a non presentación ante a Administración da documentación acreditativa do cumprimento do declarado, permitisen que, logo de trámite de audiencia, a persoa aspirante poida ser excluída da súa participación no proceso coas consecuencias previstas no artigo 2.6 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, con independencia das responsabilidades que procedan.

O órgano convocante, poderá solicitar, en calquera momento do procedemento administrativo, os orixinais a través dos cales se xeraron todos os arquivos electrónicos incorporados á solicitude de participación, así como á solicitude e actualización e/ou modificación do expediente persoal da persoa participante co fin de contrastar a súa validez e concordancia. Así mesmo, reserva para si o dereito a proceder legalmente contra quen consigne datos falsos, en particular na autodeclaración, modifique ou altere os documentos orixinais para xerar os arquivos electrónicos incluídas nalgunha desta solicitudes,

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do dia 16 de xaneiro de 2023.

I.3.3. As persoas interesadas deberán incorporar obrigatoriamente xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática, a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Copia do título do Celga 2 ou do título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

e) Os datos relativos á exección de taxas consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación. Para iso deberán indicalo no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude, orixinal ou copia auténtica, dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se encontren.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados nesta epígrafe, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, e os fillos dos feridos e falecidos.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento electrónico-Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listas, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Do mesmo xeito, a Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes que tivesen acadado un posto na mesma categoría, corpo, grupo ou escala en virtude do proceso selectivo que se atope en execución e que na data da publicación da presente convocatoria non estivese rematado e así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito solicitando a devolución e no cal conste o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.

Non poderá presentarse máis dunha solicitude de participación para unha mesma escala ou categoría. No caso de presentar varias solicitudes para unha mesma escala ou categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listas provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan. Estas listas publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, a lista de persoas aspirantes que teñen pendentes de acreditar estar en posesión do Celga requirido.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou, de ser o caso, para presentar a xustificación de estar en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listas definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listas publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, a listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba de coñecemento da lingua galega requirida.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proba de coñecemento da lingua galega.

II.1. A dita proba é eliminatoria e obrigatoria para todas aquelas persoas aspirantes que non teñan acreditado estar en posesión ou en condicións de obter o día da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o nivel de coñecemento da lingua galega requirido para o acceso ao corpo, grupo, escala ou categoría ao que participa.

II.2. A proba de coñecemento da lingua galega realizarase de acordo ao nivel do Celga requirido por cada proceso selectivo. Para todos os corpos, subgrupos, escalas e categorías da presente convocatoria, o nivel de galego exixido será o Celga 2.

Realizarase unha proba única por niveis de coñecemento do Celga requirido e será común para todos corpos, grupos, subgrupos, escalas e categorías que se convoquen ao abeiro Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público que establecen como requisito de acceso estar en posesión ou en condicións de obter título do Celga 2.

A dita proba será desenvolta por un tribunal nomeado para o efecto por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de Función Publica e será único e distinto dos tribunais cualificadores dos procesos selectivos convocados. O dito tribunal rexerase na súa composición e nas súas actuacións polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do TRLEBEP e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e polas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e demais normativa de aplicación, así como polo disposto na base V da presente convocatoria que lle resulte de aplicación.

O dito tribunal constituirase exclusivamente para desenvolver as probas de nivel de coñecemento da lingua galega de todos os procesos selectivos que se convoquen en execución do Decreto 79/2022, do 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), e a superación da proba soamente terá efectos para poder participar nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización e consolidación de emprego público convocados ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, sen que, en ningún caso, a súa superación implique o recoñecemento do dereito á obtención do titulo do Celga correspondente ou a súa convalidación.

II.3. A proba consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test, con catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta, máis tres (3) de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de cincuenta (50) minutos.

O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical, correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto.

Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

II.4. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal a Dirección Xeral da Función Pública publique as listas provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo, o Celga 2 ou equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Este exercicio realizarase no prazo mínimo de dous (2) días hábiles e máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal.

II.5. Desenvolvemento da proba de coñecemento da lingua galega.

II.5.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabético e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comece pola letra T, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 28 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 13 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 13, do 20 de xaneiro).

II.5.2. As persoas aspirantes deberán presentarse ao exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.5.3. O exercicio realizarase a porta pechada, sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.5.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.5.5. O chamamento para o exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.5.6. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización da proba de coñecemento da lingua galega, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas ou modificase o modelo de corrección de respostas publicarao no DOG.

II.5.7. O resultado da proba obtido polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal (apto ou non apto).

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións da proba de coñecemento da lingua galega.

II.5.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a orde que corresponda.

II.5.9. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba de coñecemento da lingua galega, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación da proba de coñecemento da lingua galega, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.5.10. Xunto coa resolución pola que se publica a listaxe de persoas aspirantes que superaron a proba de coñecemento da lingua galega, publicarase no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, para os efectos informativos, as puntuacións que se lles outorgan ás persoas aspirantes na avaliación inicial, que é realizada automaticamente pola aplicación informática de conformidade co declarado, polo que non caben alegacións contra a dita actuación, salvo erro no cálculo do baremo.

III. Proceso selectivo.

Fase de concurso.

A valoración dos méritos terá unha puntuación máxima de 100 puntos.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que acreditaron o nivel de coñecemento da lingua galega requirido ou superaron a proba:

III.1. Méritos para valorar.

III.1.1. Experiencia profesional, un máximo de setenta (70) puntos.

a) Experiencia profesional acreditada na Administración convocante, na propia escala ou categoría profesional á cal se opta ou na escala ou categoría profesional equivalente, a razón de 0,30 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 70 puntos.

Enténdese por Administración convocante, para os efectos desta convocatoria, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades que figuran no anexo IV da presente convocatoria e de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 79/2022, do 25 de maio.

Os servizos prestados en escalas ou categorías profesionais extinguidas consideraranse prestados nas escalas ou categorías profesionais en que se integraron ou refundiron cada unha delas.

b) Experiencia profesional acreditada, en calquera outra Administración distinta da Administración convocante na propia escala ou categoría profesional á cal se opta ou na escala ou categoría profesional equivalente, sempre que se inclúa dentro de mesmo grupo de titulación, a razón de 0,125 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 70 puntos.

Para estes efectos e nos supostos a) e b), consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG), a excedencia por razón de violencia de xénero de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG e a excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,30 puntos. ou por 0,125 puntos segundo corresponda.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

Ao persoal laboral fixo ou ao que se atope en condicións de adquirir a fixeza en virtude dos procesos selectivos en curso, que se presenten aos procesos derivados da Lei 20/2021, non se lle computarán os servizos prestados como persoal laboral temporal na categoría que sexa equivalente á escala funcionarial convocada.

Finalmente, no anexo III da presente convocatoria figuran as equivalencias entre escalas e categorías profesionais.

A experiencia profesional na Administración convocante apreciarase de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública.

III.1.2. Outros méritos, ata un máximo de 30 puntos.

a) Formación, un máximo de dezasete puntos e medio (17,5) puntos.

Cursos de formación. Valoraranse os cursos de formación recibidos convocados ou organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estiveran homologados pola EGAP; cursos acreditados polo INEM; cursos acreditados polas consellerías da Xunta de Galicia ou das entidades que figuran no anexo IV da presente convocatoria cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e cursos impartidos por universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas, valorarase con 0,040 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 4 puntos por curso. A puntuación máxima desta epígrafe será 17,5 puntos.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe consideraranse valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

b) Galego: ata un máximo cinco (5) puntos.

Coñecemento da lingua galega de nivel superior ao establecido como requisito de acceso ata un máximo de 5 puntos.

– Curso de Celga 3 ou equivalente: 2 puntos.

– Curso de Celga 4 ou equivalente: 3 puntos.

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas, ou Celga 5: 4 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 5 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do galego, só se computará o superior.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

c) Pola superación de exercicios ou probas de procesos selectivos convocados con data posterior ao 1 de xaneiro de 2001 para adquirir a condición de funcionario de carreira ou persoal laboral fixo da Administración convocante que se atopen finalizados ou coa fase de oposición finalizada para o acceso á mesma escala ou categoría profesional que se convoque. Valorarase 2,5 puntos por cada proba selectiva ou exercicio superado ata un máximo de 7,5 puntos.

Para estes efectos, non se terán en conta as probas superadas para acreditar o coñecemento de idiomas ou probas psicotécnicas.

Naquelas escalas ou categorías profesionais onde non se poden valorar os méritos da letra c) porque a Administración convocante non realizou procesos selectivos con data posterior ao 1.1.2001, a puntuación desta letra c) asignarase ao punto formación incrementando a súa puntuación máxima en 7,5 puntos.

Os méritos referidos á dita epígrafe c) apreciaranse de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública.

III.2. Os méritos enumerados nas bases III.1 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no DOG e deberanse acreditar de conformidade co procedemento que se estableza por resolución do titular da consellería competente en materia de Función Pública e que será publicado no DOG.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

III.3. Rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal procederá á baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública.

O procedemento de avaliación e a elaboración do baremo realízase en función do número de prazas convocadas e das puntuacións obtidas na avaliación inicial (puntuacións obtidas automaticamente pola aplicación informática tendo en conta os méritos declarados por cada persoa aspirante).

As puntuacións obtidas por cada persoa aspirante mediante este sistema de avaliación automática serán as que teña en conta o tribunal, para os efectos de seleccionar as solicitudes de participación que van ser susceptibles de ser avaliadas para a elaboración do baremo provisional. Calquera dato erróneo ou omitido non poderá ser invocado para os efectos de futuras reclamacións, nin considerarse por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

Nun primeiro momento, avaliaranse unicamente aquelas solicitudes que dada a súa puntuación sexan susceptibles de obter unha das prazas convocadas coa finalidade de axilizar o proceso selectivo.

Para estes efectos, considérase que o número mínimo de solicitudes para avaliar será do dobre das prazas convocadas.

No caso de que as puntuacións acadadas na primeira avaliación non fosen suficientes para a cobertura das prazas convocadas, debido a que as puntuacións obtidas polos aspirantes avaliados foran inferiores ás declaradas polas seguintes persoas aspirantes da lista que non foron avaliados inicialmente, procederase a examinar e avaliar nun segundo tramo, un número de solicitudes igual ao dobre de prazas que quedaron sen cubrir e así sucesivamente ata garantir a cobertura total das prazas convocadas.

Rematada a fase de baremación, o tribunal publicará no DOG, o baremo provisional da fase de concurso do proceso selectivo, con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron avaliadas. Contra a baremación provisional as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

III.4. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas. Para poder superar o proceso selectivo será necesario acadar unha puntuación mínima de trinta (30) puntos, salvo para as categorías 10B, 10C, 14, 14A do grupo V, a puntuación mínima para superar os procesos selectivos será de dez (10) puntos.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non tomen posesión efectiva ou non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira, ou no seu caso, persoal laboral fixo.

IV. Tribunal.

IV.I. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de Función Pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do TRLEBEP e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

IV.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

IV.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

IV.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

IV.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen os substitúa.

IV.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

IV.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia.

IV.8. A Presidencia do tribunal nomeado para o efecto para realizar exclusivamente a proba de coñecemento da lingua galega, adoptará as medidas oportunas para garantir que a dita proba sexa corrixida sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes no caso de que na dita proba figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración da proba de coñecemento da lingua galega (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes as que corresponden os resultados obtidos.

IV.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz, pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

IV.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar a proba de coñecemento da lingua galega que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización da dita proba, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala ao cal opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

IV.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base IV.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

IV.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base III.4.

IV.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

IV.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).

V. Lista de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira, ou no seu caso, pesoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

V.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas no concurso. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1º. En caso de infrarrepresentación do sexo feminino na correspondente escala, especialidade ou categoría profesional, o empate resolverase a prol da muller.

2º. Polo maior tempo de servizos prestados na escala, especialidade ou categoría profesional obxecto da convocatoria na Administración ou entidade convocante.

3º. Pola maior antigüidade de servizos prestados no ámbito de aplicación da Administración convocante.

4º. Pola maior idade da persoa aspirante.

5º. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

V.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, ou no seu caso, persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos no caso de que non foran presentados ou validados previamente:

a) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

b) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán ademais acreditar, no caso de que coa solicitude se opuxesen á consulta, tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

V.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira ou, no seu caso, persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos esixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira ou, no seu caso, persoal laboral fixo da Xunta de Galicia mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

V.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base V.1.

V.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

VI. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8 de xaneiro de 2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

Anexo I

Prazas convocadas persoal funcionario

Corpo/escalas

Quenda de discapacidade

Acceso libre

Total

I. Escala de persoal subalterno:

(Inclúe as prazas das categorías 2, 3, 10E e 12 do grupo V de persoal laboral).

132 (1)

132 (1)

II. Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais:

Especialidade persoal de limpeza e cociña:

(Inclúe as prazas das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral).

129

677

806

Especialidade persoal de recursos naturais e forestais:

(Inclúe as prazas das categorías 8 e 10F do grupo V de persoal laboral).

13

13

(1) As prazas afectadas pola disposición adicional sexta da Lei 20/2021 e ocupadas por interinos ou persoal laboral que aproben os procesos selectivos en curso incluídos nesta epígrafe descontaranse do cómputo total de prazas convocadas na mesma escala ou categoría que figura no anexo I.

De conformidade coa disposición adicional primeira do Decreto 79/2022 todas as prazas publicadas de categorías de persoal laboral dependentes de función pública e que polo disposto na Lei 2/2015, do 29 de abril, teñan unha equivalencia nos corpos e nas escalas de carácter funcionarial convocaranse nun proceso selectivo único acumuladas á escala que lles corresponda de persoal funcionario, de acordo co sinalado no Decreto 165/2019, do 26 de decembro.

Anexo II

Prazas convocadas persoal laboral

Categoría profesional

Quenda de discapacidade

Acceso libre

Total

Cat. 10B. Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais

5

47

52

Cat. 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoita incendios.

10

55

65

Cat. 14. Bombeiro/a forestal

64

64

Cat. 14A. Bombeiro/a forestal condutor/a

41

41

Na páxina web de Función Pública publicaranse os postos concretos correspondentes ás prazas ofertadas nesta convocatoria.

Anexo III

Táboa de equivalencias de escalas/categorías

Proceso selectivo

Escala ou categorías equivalentes

Escala de persoal subalterno

– As escalas establecidas na epígrafe E do anexo do Decreto 91/1991, do 20 de marzo, sobre integración de escalas da comunidade de funcionarios procedentes doutras administracións públicas.

– As categorías profesionais 2, 3, 10E e 12, do grupo V do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia.

Especialidade de limpeza e cociña

As categorías profesionais 1 e 11 do Grupo V do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Especialidade de persoal de recursos naturais e forestais

As categorías profesionais 8 e 10F do Grupo V do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Anexo IV

Órgano convocante

Os méritos irán referidos ao órgano convocante; a Dirección Xeral da Función Pública convocará os procesos selectivos incluídos no 45.a da Lofaxga, cando se trate de prazas de persoal funcionario ou de persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, polo tanto, inclúe:

1. Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

3. Axencia Galega da Industria Forestal.

4. Agacal.

5. Axencia Galega de Emerxencias.

6. Intecmar, soamente respecto ao persoal ao que lle resulta aplicable o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

7. Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

8. Academia Galega de Seguridade Pública.

9. Axencia Turismo de Galicia (soamente parcialmente respecto ao persoal ao que lle resulta aplicable o V Convenio colectivo único para o persoal da Xunta de Galicia, polo tanto, non se inclúe o persoal desta entidade que se atopa baixo o convenio de oficinas e despachos da provincia da Coruña ou o convenio colectivo da sociedade Plan Xacobeo).

10. Axencia Galega de Innovación, agás o persoal non integrado no V Convenio Colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

11. EGAP.

12. Instituto Galego de Estatística (IGE).

13. Atriga.

14. IGVS.

15. APLU.

16. AXI.

17. Augas de Galicia, agás o persoal non integrado no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

18. Xurado de Expropiación de Galicia.

19. Agadic.

20. ISSGA.

21. Axencia Galega de Servizos Sociais.

22. Fogga.

23. Instituto de Estudos do Territorio, respecto ao persoal integrado no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

24. Amtega, respecto ao persoal incluído no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.