Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 27 de decembro de 2022 Páx. 66108

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2022 pola que se publica a oferta de emprego público de prazas de persoal de administración e servizos para o ano 2022.

Tanto o artigo 70 do Estatuto básico do empregado público (Lei 7/2007, do 12 de abril –texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro– BOE núm. 261, do 31 de outubro) como o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), establecen a oferta de emprego público como o instrumento de planificación das necesidades de recursos humanos no sector público.

No artigo 12 da Lei 17/2021, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro), establécese o seguinte:

«Artigo 12. Oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal

Un. Durante o ano 2022 só se poderá proceder no sector público delimitado no artigo anterior, e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

Dous. Para dar cumprimento aos obxectivos sobre a estabilización do persoal no emprego público, dentro dos acordos asinados pola Administración xeral do Estado e pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, aplicaranse as disposicións que se establezan na normativa básica do Estado.

Tres. Para a aplicación do disposto neste artigo, a oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal adaptarase aos límites e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal.

Catro. Durante o ano 2022, a contratación de novo persoal nas sociedades mercantís públicas, nas entidades públicas empresariais, nos consorcios e nas fundacións do sector público autonómico estará suxeita ás limitacións e aos requisitos establecidos na normativa básica.

Co obxecto de posibilitar a adecuada optimización dos recursos humanos existentes no sector público autonómico e conforme dispón a normativa básica, as mencionadas entidades instrumentais do sector público autonómico poderán efectuar a cobertura de postos con persoal funcionario de carreira, estatutario ou laboral con destino nas consellerías ou nos organismos públicos do sector público estatal, autonómico ou local que dispoña da titulación requirida para o desempeño do posto, garantindo en todo caso a publicidade e a libre concorrencia.

Esta mobilidade xerará o dereito para o persoal do sector público autonómico a seguir percibindo e consolidando, desde a data da toma de posesión no ente, o complemento de antigüidade e a retribución adicional ao complemento de destino na mesma contía que se viña percibindo ou que se teña dereito a percibir no posto de procedencia, así como o cumprimento dos requirimentos e das prescricións contidos nos artigos 58 e 59 da citada lei.

A dita adscrición terá unha duración de dous anos prorrogables, será voluntaria e a persoa funcionaria continuará en activo no seu posto de orixe.

Esta mobilidade xerará o dereito para o persoal do sector público estatal e local a seguir percibindo, desde a data da toma de posesión no ente, o complemento de antigüidade na mesma contía que se viña percibindo ou que se teña dereito a percibir no posto de procedencia, así como o que se estableza nos acordos de reciprocidade entre administracións.

Cinco. A oferta de emprego público, no ámbito a que se refiren as alíneas b), c), d), f), g), h) e i) do artigo 11.un desta lei, aprobaraa o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do centro directivo competente en materia de función pública ou, se é o caso, das consellerías competentes na materia, e co informe favorable da dirección xeral competente en materia de orzamentos.

Seis. Durante o ano 2022 non se procederá no sector público da Comunidade Autónoma delimitado no artigo anterior á contratación de persoal temporal, nin ao nomeamento de funcionarios interinos, agás en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables, que se restrinxirán aos sectores, ás funcións e ás categorías profesionais que se consideren prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais.

No ámbito a que se refiren as alíneas b), c), d), f), g), h) e i) do artigo 11.un desta lei será precisa a autorización previa e expresa das direccións xerais competentes en materia de función pública e orzamentos, sen prexuízo do establecido nos artigos seguintes. Para estes efectos, o departamento ou a entidade solicitante deberá remitir unha memoria xustificativa de que a cobertura do posto non se pode realizar mediante outro sistema e de que resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento do servizo».

No artigo 36 do mesmo texto legal, establécese o seguinte:

«Artigo 36. Oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal do Sistema universitario de Galicia

Un. As universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia, respectando as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos, aplicarán a taxa de reposición máxima establecida na normativa básica ditada ao respecto e con suxeición aos límites e requisitos establecidos para os corpos de catedráticos e catedráticas de universidade e de profesores e profesoras titulares de universidade e mais ás prazas de persoal de administración e servizos.

As correspondentes ofertas de emprego público deberaas autorizar a Consellería de Facenda e Administración Pública, logo de acreditar que a oferta de emprego público das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a correspondente universidade nin os demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Dous. Dentro das contías máximas autorizadas no artigo 34 desta lei e de acordo co que dispón a normativa básica en materia de taxa de reposición de efectivos, as universidades do Sistema universitario de Galicia poderán proceder excepcionalmente á contratación de persoal laboral temporal para cubrir necesidades docentes urxentes e inaprazables.

Substitúese o réxime de autorización previa conxunta polo de comunicación mensual que determinen as consellerías competentes en materia de universidades e orzamentos. Mediante unha resolución destes centros directivos poderase volver ao sistema anterior no caso de que non se realicen as mencionadas comunicacións ou se incumpran as condicións recollidas no parágrafo anterior para a subscrición destes contratos».

A oferta de emprego público da Universidade da Coruña para 2022 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deben prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso tendo en conta o número de xubilacións, excedencias, baixas definitivas e reingresos producidos durante o ano 2021; as prazas especifícanse no anexo I desta resolución.

O artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, prevén a reserva dunha cota non inferior ao 7 % das prazas convocadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, de maneira que cando menos o 2 % das prazas ofertadas sexa para as ocuparen persoas que acrediten discapacidade intelectual e o resto das prazas ofertadas sexa para as cubriren persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Considéranse persoas con discapacidade as definidas no número 2 do artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Deben superar as probas selectivas e acreditar non só a súa discapacidade, senón tamén a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións da praza, de xeito que se alcance progresivamente o 2 % dos efectivos totais de cada Administración pública.

De acordo con todo o exposto e logo da negociación cos órganos de representación do persoal de administración e servizos, emitida a preceptiva autorización pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e conforme o Acordo do Consello de Goberno do 30 de novembro de 2022, polo que se aproba a oferta de emprego público de prazas de persoal funcionario de administración e servizos para o ano 2022, a Reitoría da Universidade da Coruña, no uso das atribucións conferidas no artigo 36 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público das prazas de persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña para o ano 2022, que consta no anexo I.

Segundo. As prazas ofertadas pola quenda libre constan como vacantes na relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos desta universidade.

Terceiro. As convocatorias dos procesos selectivos e as súas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 19 de decembro de 2022

Julio Ernesto Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO I

Acceso libre:

Escala

Subescala

Subgrupo

Nº prazas

Escala técnica (técnico/a I+D OTRI)

I+D

A1

1

Escala técnica (técnico/a superior do CUFIE)

Formación e innovación educativa

A1

1

Escala técnica (técnico/a en medios audiovisuais)

Medios audiovisuais

A2

1

Escala técnica (secretario/a técnico/a de Centros Tecnolóxicos)

Secretario técnico

A2

1

Escala técnica (técnico/a en igualdade)

Igualdade

A2

1

Escala técnica (técnico/a de laboratorio)

Sanitario

A2

1

Escala técnica (técnico/a informático/a)

Informática

A2

1

Escala axudante/auxiliar (auxiliar técnico/a de biblioteca)

 

A2

2

Escala xeral (posto base administrativo/a)

 

C1

7

Escala técnica (auxiliar de servizos)

Auxiliar de servizos

C2

1

Promoción interna:

Denominación

Escala

Subescala

Promoción subgrupo

Nº prazas

Auxiliares de servizo. E-A. P.

Técnica

Auxiliar de servizos

C2

15

Telefonista-E

Técnica

Telefonista

C2

1

Auxiliar administrativo.-C2

Xeral

 

C1

2

Técnico/a audiovisual-C1

Técnica

Medios audiovisuais

A2

1

Técnico/a de deseño gráfico (UCMA)-C1

Técnica

Deseño gráfico

A2

1

Técnico/a audiovisual-C1

Técnica

Medios audiovisuais

B

1

Técnico/a de deseño gráfico (SIC)-C1

Técnica

Deseño gráfico

B

1

Técnico/a en equipamentos-C1

Técnica

Equipamentos e almacéns

B

1

Analista-programador/a-C1

Técnica

Informática

B

2

Técnico/a informático/a-C1

Técnica

Informática

B

6

Técnico/a electricidade-C1

Técnica

Electricidade

B

1

Técnico/a Física-C1

Técnica

Física

B

1

Técnico/a Mecánica-C1

Técnica

Mecánica

B

1

Técnico/a Química-C1

Técnica

Química

B

7