Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66555

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 27 de decembro de 2022 pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2023 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde do 30 de agosto de 2022.

O Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, polo que se adoptan e se prorrogan determinadas medidas para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, para facer fronte ás situacións de vulnerabilidade social e económica e para a recuperación económica e social da illa de La Palma, estableceu, no seu capítulo segundo, unha previsión para o outorgamento dunha axuda directa a favor, entre outras administracións, das comunidades autónomas que presten servizo de transporte colectivo urbano ou interurbano, que se comprometan a implantar unha redución do prezo dos abonos de transporte e títulos multiviaxe, excluído o billete de ida e volta, dos servizos de transporte terrestre da súa competencia, nunha porcentaxe dun 30 % respecto ao vixente no momento da entrada en vigor da referida disposición, e para o período abranguido entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022.

Co fin de que, ante a alza dos prezos en xeral e, de xeito específico, dos prezos do combustible, a actuación impulsada a través do Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, e da presente orde, contribúa de xeito real a facilitar á cidadanía un sistema alternativo e económico de mobilidade, a Xunta de Galicia reforzou o nivel de minoración nos prezos do transporte, elevando a porcentaxe de redución ata ao 50 %.

Ademais, a citada Orde do 30 de agosto de 2022 previu a aplicación destes descontos tamén a aqueloutros modos de transporte, como o marítimo ou ferroviario, que presta servizos coincidentes cos servizos públicos regulares interurbanos, tales como os servizos de transporte marítimo regular da ría de Vigo, ou os ferroviarios de Renfe na ATM de Ferrol.

A pesar da proximidade temporal ao fin do período para o que o Real decreto lei estableceu a bonificación adicional das tarifas, por parte da Administración Xeral do Estado non se materializou ningún acto formal dirixido nin a darlle continuidade nin a confirmar que esta non teña lugar. Ademais, a emisión dun acto formal de continuidade da medida que se adopte nos últimos días do ano non permitiría a tramitación das actuacións administrativas e contables esenciais para que a bonificación puidese ter continuidade, sen interrupción, xa desde o día 1 de xaneiro de 2023.

Nesta situación, tendo en consideración o efecto positivo da actuación reforzada adoptada mediante a Orde do 30 de agosto de 2022, a Xunta de Galicia establece a través da presente orde un mecanismo transitorio de continuidade, en espera da confirmación por parte da Administración Xeral do Estado da propia continuidade da bonificación durante o ano 2023. Deste xeito, acórdase dar continuidade ás indicadas bonificacións durante o mes de xaneiro de 2023, e se prevé a posibilidade de estender esa aplicación ao longo do dito ano no caso de se confirmar por parte da Administración xeral do Estado o mantemento dunha actuación análoga á que se estableceu no Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño.

Atendendo ao anterior, a presente orde mantén durante o mes de xaneiro de 2023 a aplicación das minoracións que estableceu a Orde do 30 de agosto de 2022. E, finalmente, a mesma orde, na súa disposición derradeira segunda, habilita á persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte precisa, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que pola Administración Xeral do Estado se estableza un sistema de compensacións análogo ao que resultou de aplicación no ano 2022.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto dar continuidade durante o mes de xaneiro de 2023 á minoración de carácter adicional e temporal acordada pola Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 30 de agosto de 2022, sendo de aplicación aos títulos multiviaxe vixentes nos servizos interurbanos de transporte regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Para os efectos desta orde, terán a consideración de títulos multiviaxe:

– Os bonos mensuais comercializados polas empresas concesionarias que prestan, mediante contratos de concesión, servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada, sempre que os ditos bonos estivesen previstos nos correspondentes proxectos de explotación ou nas correspondentes ofertas contractuais de cada concesionario.

– Os títulos de viaxe aboados coas Tarxetas TMG e TMGXN en servizos públicos de transporte por estrada, de carácter interurbano, da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das Áreas de Transporte Metropolitano (ATM), a bonificación aplicarase á totalidade de tarifas correspondentes a viaxes de cero ou máis saltos, agás as prestadas polo transporte urbano das denominadas cidades cabeceiras, con independencia do modo de transporte, terrestre ou marítimo, no que a persoa viaxe.

Segundo. Minoración aplicable

1. Aos títulos de transporte multiviaxe que cumpran cos requisitos establecidos nesta orde aplicaráselles unha redución adicional do 50 % no prezo, tanto dos bonos mensuais comercializados polas operadoras, como no prezo que corresponderá ás viaxes abonadas coa tarxeta TMG ou TMG Xente Nova (TMGXN).

2. No caso de pagamento coa TMG, ou TMGXN, o desconto do 50 % aplicarase directamente no medio de transporte, e acumularse ao descontos previstos nas Áreas de Transporte Metropolitano (ATM), ou ao desconto xeral do 10 % respecto da tarifa xeral no resto de servizos interurbanos; no suposto de tarifas bonificadas conveniadas con concellos, este desconto aplicarase tamén á tarifa final que, con base nos ditos convenios, viñan abonando as persoas usuarias. Igualmente, este desconto será previo e, por tanto, acumulable, aos descontos por recorrencia que correspondan en cada caso.

Como excepción, no caso das ATM, cando a primeira etapa dunha viaxe interurbana con transbordo teña o carácter de urbana, e teña un prezo superior ao que corresponde á viaxe interurbana minorada, a diferenza abonada inicialmente de máis pola persoa usuaria seralle reintegrada con posterioridade á viaxe, seguindo a mesma sistemática que a que se aplica á Tarifa Xente Nova. Xa que logo, eses importes poranse á súa disposición nos caixeiros automáticos da entidade financeira colaboradora nos mesmos prazos previstos para esta última tarifa, dispondo desde ese momento de dous meses para a súa percepción.

3. No suposto dos bonos mensuais comercializados polas empresas concesionarias, estas aplicarán directamente o desconto adicional no momento de adquisición de todos aqueles bonos que vaian ser utilizados no mes de xaneiro de 2023; no suposto de adquisicións previas á entrada en vigor desta orde de bonos que fosen ser activados a partir do 1 de xaneiro, a empresa deberá reintegrar á persoa usuaria o importe correspondente á minoración adicional.

A minoración deixará de aplicarse, con independencia da data da súa comercialización, aos bonos que se comercialicen para a súa activación con posterioridade ao 31 de xaneiro de 2023, así como aos que, de feito, inicien o período do mes natural da súa vixencia despois desa data, correspondendo á concesionaria garantir que ningún bono adquirido coa bonificación poida ser activado, ou dea dereito a iniciar as viaxes do mes natural ao que se refira, con posterioridade ao dito 31 de xaneiro.

Terceiro. Ámbito temporal de aplicación

A minoración temporal das tarifas bonificadas que se establece na presente orde, será de aplicación no mes de xaneiro de 2023.

No suposto de que por parte da Administración xeral do Estado se confirme o mantemento dunha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, aplicable ao longo do ano 2023, ou a parte do dito exercicio, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes, poderá acordarse a aplicación das bonificacións que se establecen na presente orde ao novo período temporal acordado pola Administración xeral do Estado, nos termos que prevé a disposición derradeira segunda desta orde.

Cuarto. Compensación ás concesionarias dos servizos públicos de transporte

1. A Xunta de Galicia compensará directamente ás concesionarias de servizos públicos de transporte da súa competencia pola minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas que se establece.

2. No suposto dos pagamentos con tarxetas TMG ou TMGXN, a Xunta de Galicia abonará a diferenza entre o importe que a empresa viña descontando da tarxeta e o que descontará coa aplicación da bonificación temporal. Para tal fin, todas as concesionarias están obrigadas a remitir á Administración as correspondentes colectas financeiras no prazo de corenta e oito horas posteriores ao día da viaxe, excepto sábados, domingos e festivos que se remitirán o día hábil seguinte, que se fixa nos pregos de condicións polos que rexen os seus contratos.

Recibidas en prazo as ditas colectas, logo do seu procesamento e validación, a Administración abonará quincenalmente ás concesionarias os importes que respectivamente lles correspondan seguindo a mesma metodoloxía que a aplicable nas ATM.

3. No suposto de bonos multiviaxe mensuais xestionados directamente polas concesionarias, estas remitirán o conxunto de información referente a eles consonte cos procedementos establecidos para a xestión dos contratos de concesión de servizos públicos de transporte. Recibida esta información completa, e unha vez verificada, a Administración abonará mensualmente os importes que respectivamente correspondan ás concesionarias de xeito análogo ao seguido para o pagamento daquelas outras compensacións fixadas no PTPG e nos seus respectivos contratos de concesión.

No caso de remisión de información incompleta ou fóra do prazo correspondente, non será posible o pagamento das bonificacións que puidesen ter correspondido.

4. Para os efectos da aplicación das minoracións indicadas, así como de dispoñer da información esencial necesaria para a xestión do proxecto, ademais da remisión do conxunto de colectas procedentes das máquinas canceladoras no prazo de 48 horas posteriores ao día da viaxe, excepto sábados, domingos e festivos que se remitirán o día hábil seguinte, durante o período no que teñan vixencia as minoracións tarifarias que se prevén nesta orde, as concesionarias deberán remitir a información completa referente á comercialización de bonos que se prevé no procedemento de facturación non máis tarde do día 10 do mes seguinte a aquel ao que se refiran.

Coa finalidade de garantir a correcta xestión das bonificacións e dos recursos públicos, estes prazos de remisión da información poderán ser acortados mediante comunicación dos responsables dos correspondentes contratos de concesión, ou da dirección xeral competente en materia de transporte nos casos de bonificacións aplicables a servizos non suxeitos a relación contractual coa Administración autonómica.

Quinto. Financiamento

1. O gasto derivado da aplicación desta minoración abonarase con cargo á axuda directa que poida ser outorgada á Comunidade Autónoma de Galicia no caso de que por parte da Administración xeral do Estado se lle dea continuidade ás actuación prevista no Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño. Non obstante, no caso de que a partida que finalmente asigne a Administración xeral do Estado non cubra as estimacións de gasto previstas, a Administración autonómica financiará o importe deficitario con cargo a fondos propios; finalmente, de estimar que tendo en conta a insuficiencia daquela asignación non resulte viable ou posible a dita consignación de fondos propios, aplicarase a suspensión da minoración nos termos previstos na disposición derradeira segunda.

2. No caso de que non se manteña esa actuación e, en todo caso, ata a confirmación da dita actuación estatal, a bonificación correspondente ao mes de xaneiro financiarase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2023.09.02.512A.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023. Non obstante, no caso caso de que a partida que finalmente asigne a Administración Xeral do Estado non cubra as estimacións de gasto previstas, a Administración autonómica financiará o importe deficitario con cargo a fondos propios; finalmente, de estimar que tendo en conta a insuficiencia daquela asignación non resulte viable ou posible a dita consignación de fondos propios, aplicarase a suspensión da minoración nos termos previstos na disposición derradeira segunda.

3. Consonte co que establece a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a presente orde tramitase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Sexto. Publicidade e información

1. As concesionarias dos servizos públicos de transporte deberán dar a máxima publicidade á minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas que se incorporan mediante a presente orde.

As concesionarias dos servizos públicos de transporte garantirán o acceso por parte das persoas usuarias a esta información coa máxima transparencia, para o que deberán incorporar información directamente nas infraestruturas e medios de transporte adscritos aos servizo público. Igualmente, formarán ao seu persoal para garantir a óptima transmisión de información ás persoas usuarias.

No caso de que por parte da Administración xeral do Estado se confirme o mantemento durante o ano 2023, ou parte del, dunha actuación análoga á establecida polo Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, na dita publicidade incorporaranse as medidas ou actuacións de información e publicidade que estableza a norma estatal regulatoria. A dirección xeral con competencias en materia de transporte público poderá comunicar ás concesionarias criterios de utilización das imaxes corporativas respectivas, que serán de obrigado cumprimento nas referidas actuacións de publicidade.

2. A Xunta de Galicia dará información destas minoracións adicionais e temporais na web bus.gal

3. As empresas concesionarias facilitarán á Dirección Xeral de Mobilidade canta información resulte preciso para efectos de xestionar e, no seu caso, remitir á Administración Xeral do Estado a información que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Extensión a outros modos

Por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público poderá acordarse, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración que establece esta orde a aqueloutros modos de transporte integrados en áreas de transporte metropolitano que comparten tráficos con servizos públicos de transporte interurbano por estrada, como os servizos de transporte marítimo na Ría de Vigo ou os servizos ferroviarios na ATM de Ferrol.

Esta ampliación poderá ser para o mesmo período previsto nesta orde, para o da súa ampliación, se é o caso, e coa mesma porcentaxe de minoración do 50 %, ou poderá establecerse un período temporal ou unha porcentaxe de minoración máis limitado, atendendo ás análises técnicas levadas a cabo e ás estimacións da súa incidencia real sobre as persoas usuarias.

Neste caso, das ditas resolucións, ademais de ser notificadas ás empresas que presten aqueles servizos aos que se estenda a aplicación da minoración, darase información na web bus.gal, e nela se establecerán as condicións para a aplicación das compensación correspondentes ás empresas afectadas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A aplicación da minoración temporal das tarifas bonificadas que se establecen terá lugar entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2023.

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoración temporais no suposto de que a por parte da Administración xeral do Estado se manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño. Esta habilitación esténdese tamén á modificación da porcentaxe de desconto adicional aplicable, no caso de resultar esta posible consonte coa normativa estatal que, no seu caso, resulte de aplicación.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, mediante resolución, a suspensión da aplicación das minoracións adicionais que nesta orde se establecen no suposto de que o crédito dispoñible, ou o finalmente asignado pola Administración xeral do Estado, non resulte suficiente para cubrir o seu custo, así como no caso de que pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia deba renunciar á súa aplicación.

Finalmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para ditar cantos actos ou instrucións sexan convenientes para a correcta e plena execución da presente orde.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade