Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66565

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 20 de decembro de 2022 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais de grao e máster universitario nas universidades da Coruña e Santiago de Compostela para o curso 2022/23.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional será acordada pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de seren autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza son causas suficientes para a revogación da autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 13 de decembro de 2022, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a seguir.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se revogue a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares. Autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo), e que figura inscrito no RUCT co código 4317349.

2. Máster universitario en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético. Autorizado pola Orde do 28 de xuño de 2016 (DOG do 13 de xullo), e que figura inscrito no RUCT co código 4315731.

Artigo 2

Que se revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Enfermaría. Autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 2501105.

2. Máster universitario en Enxeñaría Ambiental. Autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4310357.

3. Máster universitario en Enxeñaría de Procesado de Alimentos. Autorizado pola Orde do 5 de agosto de 2019 (DOG do 14 de agosto), e que figura inscrito no RUCT co código 4316983.

4. Máster universitario en Erasmus Mundus Encrucilladas nas Narrativas Culturais. Autorizado pola Orde do 5 de agosto de 2019 (DOG do 14 de agosto), e que figura inscrito no RUCT co código 4316867.

5. Máster universitario en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías. Título conxunto da Universidade da Coruña, a Universidade de Salamanca, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Zaragoza. Autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG do 12 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4313558.

6. Máster universitario en Fiscalidade Internacional e Comunitaria. Autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311763.

Artigo 3. Garantías académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades