Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2023 Páx. 461

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do Acordo entre esta consellería e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino polo que se engade unha disposición transitoria quinta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

O 20 de decembro de 2022 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino acordaron engadir unha disposición transitoria quinta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de persoal interino e substituto.

Con base no disposto polo artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación da citada modificación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o anterior,

ACORDO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino polo que se engade unha disposición transitoria quinta ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

Engádese unha disposición transitoria ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

O punto segundo do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, establece a orde de prioridade no nomeamento do profesorado interino e substituto.

Nesta prioridade aparece en primeiro lugar o profesorado que prestou servizos como interino ou substituto, pola mesma orde en que participou ou tiña dereito a participar na elección de destino no último curso, sempre que non renunciase a unha interinidade ou substitución que se lle ofertase ou se acollese ao previsto no punto décimo cuarto do acordo.

En segundo lugar, o persoal participante nos procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, convocados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que non estea incluído nas listas de persoal aspirante, sempre que posúa a titulación que, para cada especialidade, determine a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e os demais requisitos exixidos para ingreso, en cada momento, no correspondente corpo.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, no artigo 2.1 autoriza unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

E as disposicións adicionais sexta e oitava da mesma Lei 20/2021 prevén unha convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal polo sistema de concurso.

O Decreto 80/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas derivadas da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia, cuantifica en 125 a oferta de emprego público relativa ao artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro.

A convocatoria do concurso-oposición destas 125 prazas de estabilización de emprego público inclúe 54 especialidades. O número de prazas por especialidade é moi reducido e en 26 delas ofertase unha única praza.

O procedemento selectivo é extraordinario, por unha soa vez, cunha modificación tamén excepcional do sistema de ingreso.

Por outra parte, na maioría das especialidades que se convocan, as expectativas de prestar servizos como persoal interino e substituto son moi reducidas para as persoas que se incorporarían ás listas en aplicación do punto segundo.2 do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que non resulta aconsellable incorporar novo persoal ás listas de interinidades e substitucións xa actualizadas ou pendentes de actualizar como consecuencia do concurso-oposición convocado pola Orde do 28 de xaneiro de 2022 e publicada no DOG do 31 de xaneiro de 2022.

Por esta razón, engádese una disposición transitoria quinta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., UGT-SP Ensino e CSIF-Ensino polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria quinta

Ao tratarse dun procedemento excepcional e por unha soa vez, o persoal participante no concurso-oposición que se convoque en aplicación do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, non accederá ás listas de interinidades e substitucións reguladas no Acordo do 20 de xuño de 1995».