Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2023 Páx. 464

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR890A).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia.

Por outra banda, débese ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar as persoas traballadoras autónomas como axentes dinamizadores da economía na Comunidade Autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento, senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

A situación internacional xerada pola invasión rusa de Ucraína está ocasionando graves consecuencias desde o punto de vista económico a nivel europeo, cun grande incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais. Este incremento de custos está tendo un impacto decisivo sobre as marxes e a competitividade de empresas e persoas autónomas, o que leva a Xunta de Galicia a articular medidas de axuda ás persoas traballadoras autónomas na nosa comunidade, a través do programa Impacto Autónomo, coa finalidade de tentar minimizar o impacto da suba dos custos de materias primas e subministracións, que afectan e condicionan a actividade económica das persoas autónomas e das microempresas.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para o mantemento do emprego e a dinamización económica de Galicia e esta debe ser unha prioridade fundamental.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/20202, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de promoción do emprego autónomo.

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o/a beneficiario/as outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A presente orde tramitase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada do expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas de Galicia do programa Impacto Autónomo, dirixidas a minimizar o impacto da suba dos custos das materias primas e das subministracións que afectan e condicionan a actividade económica das persoas autónomas e das microempresas (código de procedemento TR890A).

2. Por medio desta orde convócanse estas axudas para o ano 2023.

Artigo 2. Obxecto e finalidade das bases reguladoras

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do programa Impacto Autónomo, dirixidas a minimizar a suba dos custos das materias primas e das subministracións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas e microempresas para facer fronte á situación económica xerada pola suba dos custos das materias primas e subministracións, que afectan e condicionan a súa actividade económica.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Orzamento

1. As subvencións reguladas nesta orde para o exercicio económico de 2023 financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.30.322C.472.0, código de proxecto 2023 00124, cun crédito de 30.000.000 euros (mod. 1010), tal e como figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de outubro de 2022.

De acordo co disposto nos artigos 25.2 e 25.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 23 de xuño, de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes non momento da súa produción.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente non momento da resolución de concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores e traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas, con domicilio fiscal en Galicia e que tivesen uns rendementos netos mínimos de actividades económicas realizadas de 10.000 € e un máximo de 30.000 €, no ano 2021.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que acrediten estar de alta ou situación asimilada no momento da presentación da solicitude, e que estivesen de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses no ano 2021 e no ano 2022.

3. Tamén poden ser beneficiarias as microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, con domicilio fiscal en Galicia e cun mínimo de facturación no ano 2021 de 50.000 € e un máximo de 750.000 € no mesmo ano 2021.

Considerarase microempresa para os efectos desta orde a que vén recollida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, en que se define a microempresa como aquela empresa que ocupa menos de dez persoas traballadoras e cun balance xeral anual inferior a dous millóns de euros.

4. As persoas ou entidades sinaladas nos números 1, 2 e 3 anteriores que desenvolvan a actividade en establecementos fixos abertos ao público, o establecemento deberá estar aberto ao público durante os 6 meses posteriores á publicación desta orde de axudas.

5. Quedan excluídas desta orde as persoas autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

6. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

7. As persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias só poderán presentar unha solicitude

8. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 7 desta orde.

Artigo 7. Requisitos específicos das persoas e entidades beneficiarias.

1. Os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria son os que se indican no modelo de solicitude (anexo I), no cal vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:

– Que está de alta ou situación asimilada, mínimo 6 meses antes da publicación desta convocatoria, no réxime da Seguridade Social correspondente (no RETA ou na mutualidade correspondente), ou, se é unha persoa autónoma de tempada, que está de alta ou situación asimilada no momento de presentación da solicitude, e que estivo de alta un mínimo de 4 e un máximo de 9 meses no ano 2021 e/ou no ano 2022.

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– No caso de persoas traballadoras autónomas ou mutualistas, que os seus rendementos netos están entre un mínimo de 10.000 € e un máximo de 30.000 € no exercicio 2021, o cal deberá acreditar documentalmente segundo o artigo 16 desta orde.

– No caso de microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, que a facturación da sociedade non supera os 750.000 € no ano 2021, o cal deberá acreditar documentalmente segundo o artigo 16 desta orde.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de persoa beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– CNAE (Clasificación nacional de actividades económicas) da actividade pola cal solicita a axuda.

– IAE da actividade pola cal solicita a axuda.

– Que, no caso de desenvolver actividade en establecemento fixo aberto ao público, o establecemento vai permanecer aberto ao público durante os 6 meses posteriores á publicación desta orde de axudas.

– Que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma ben como societaria.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

– Que, coa presentación desta solicitude, acepta a subvención.

Artigo 8. Axudas

1. A contía das axudas establécese en función dos rendementos netos das persoas ou entidades solicitantes conforme a seguinte escala:

a) Para as persoas autónomas que tributen en réxime de estimación obxectiva (módulos), o importe da axuda será de 800 €.

b) Para persoas autónomas que tributen en réxime de estimación directa ou atribución de rendas, e outros réximes:

– Con rendementos netos no ano 2021 de ata 20.000 €, o importe da axuda será de 1.500 €.

– Con rendementos netos no ano 2021 de ata 30.000 €, o importe da axuda será de 1.200 €.

c) Para microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís:

– Cun mínimo de facturación no ano 2021 de entre 50.000 € e un máximo de 250.000 €, o importe da axuda será de 1.500 €.

– Cunha facturación superior a 250.000 € no ano 2021 e ata un máximo de 750.000 €, o importe da axuda será de 1.200 €.

2. Os importes previstos no punto 1 deste artigo reduciranse ao 50 % no caso de persoas autónomas, microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís que se desen de alta ao longo do ano 2021 e non acrediten 12 meses completos de actividade.

Igualmente, o importe reducirase ao 50 % no caso de persoas autónomas de tempada.

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propoñer os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio o Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 10. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 9 de xaneiro de 2023 e remata o 9 de febreiro de 2023.

3. A rede de persoas técnicas de emprego de Galicia da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá prestar asistencia efectiva ás persoas solicitantes para garantir que aquelas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co establecido no artigo 10.1.a) da Lei da administración dixital de Galicia.

4. A presentación da solicitude supón a aceptación dos deberes regulados nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

5 As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

6. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na cal fan constar os aspectos seguintes:

a) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e que non se incorre en ningunha das incompatibilidades sinaladas no artigo 23 da orde da convocatoria.

c) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que non foi excluída do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.

7. Unicamente é valida unha solicitude por persoa ou entidade, de xeito que, de presentarse máis dunha solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta.

8. Se a persoa autónoma é, pola súa vez, autónoma societaria, só se poderá presentar unha única solicitude. En caso contrario ambas as solicitudes quedarán excluídas por incumprimento dos requisitos recollidos no artigo 7.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, polo obxecto e pola finalidade da subvención, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego.

3. En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) No caso das persoas mutualistas, acreditación da alta na mutualidade do colexio profesional ou entidade correspondente, con indicación dos períodos de alta nela.

c) No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen en estimación directa, documentación acreditativa dos rendementos netos do ano 2021 coa achega do modelo 100 do IRPF do ano 2021.

d) No caso de microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, documentación acreditativa do volume de facturación coa achega do modelo 200 IS do ano 2021, salvo no caso de estar no réxime de atribución de rendas, caso en que se achegará o modelo 184 do ano 2021.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR890A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificado de domicilio fiscal.

g) Vida laboral dos últimos doce (12) meses no réxime especial de traballadores autónomos.

h) Alta no imposto de actividades económicas.

i) Certificado da renda (IRPF).

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

l) Consulta código conta de cotización.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos será obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos e obrigas asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 20, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ás persoas beneficiarias o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique ás persoas beneficiarias estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidas as ditas persoas, en especial os requisitos específicos relativos, se é o caso, aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

6. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase no Diario Oficial de Galicia o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 5 deste artigo.

Artigo 19. Forma de pagamento

O aboamento das subvencións reguladas nesta orde realizarase polo cen por cento do importe da axuda concedida unha vez comprobados os requisitos exixidos, en concreto os referidos ás débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, o resto de requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) As persoas traballadoras autónomas beneficiarias da axuda deben manter a actividade económica e a alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores por conta propia, ou como mutualistas, durante un tempo mínimo de seis meses desde a publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

b) No caso de microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, deben manter a actividade económica durante un tempo mínimo de seis meses desde a publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

c) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención, o que se acreditará coa declaración responsable.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o modelo de cartel que figura na sede electrónica.

g) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

i) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

j) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e, especificamente, comprobará o mantemento da actividade e o seu cumprimento por se procede aplicar algún tipo de reintegro e tamén comprobará a veracidade das declaracións responsables presentadas.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 23. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras a xudas.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. A obtención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento da totalidade da axuda e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave segundo o artigo 53.a) da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e poderanse impoñer as sancións, recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

4. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles.

5. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

6. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file