Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2023 Páx. 1513

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión dunha axuda económica ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS631E).

O artigo 149.1.2ª da Constitución española establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de nacionalidade, inmigración, emigración, estranxeiría e dereito de asilo.

O artigo 30 da Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria, dispón que se proporcionarán ás persoas solicitantes de protección internacional, sempre que carezan de recursos económicos, os servizos sociais e de acollida necesarios coa finalidade de asegurar a satisfacción das súas necesidades básicas en condicións de dignidade. Esta obriga legal articulouse mediante a creación do referido sistema de acollida, integrado por un conxunto de recursos, actuacións e servizos que se desenvolven a través do correspondente itinerario. Este itinerario, que consta de tres fases, é un proceso dirixido a favorecer a adquisición gradual da autonomía das persoas destinatarias, a través do acceso ás prestacións e recursos do sistema.

De acordo co Real decreto 2/2020, do 12 de xaneiro, polo que se reestruturan os departamentos ministeriais, e co Real decreto 497/2020, do 28 de abril, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, corresponde ao dito ministerio o desenvolvemento da política do Goberno do Estado en materia de estranxeiría, inmigración e emigración e políticas de exclusión.

Para a execución desta competencia, a Secretaria de Estado de Migracións do dito ministerio, a través da Dirección Xeral de Xestión do Sistema de Acollida de Protección Internacional e Temporal, desenvolve as funcións relativas a este sistema.

O sistema de acollida está formado polo conxunto de recursos, actuacións e servizos que se proporcionan a través do correspondente itinerario. Este itinerario, que consta de tres fases, é un proceso dirixido a favorecer a adquisición gradual de autonomía das persoas destinatarias, a través do acceso ás prestacións e recursos do sistema.

Con motivo do conflito de Ucraína produciuse un desprazamento de grandes fluxos de persoas residentes nese país aos países do contorno europeo; deste xeito, as distintas comunidades de España, en distinta proporción, acolleron aqueles refuxiados que, por distintas vías foron chegando, e aqueles que, atopándose aquí, non poden voltar ao seu país, e Galicia, desde logo, non foi allea a esta cuestión.

A resposta a esta crise produciuse en paralelo e non integrada no sistema de acollida. Das 130.000 persoas que se calcula que están desprazadas en España, só 22.000 foron atendidas dentro do dito sistema de acollida. O resto está a empregar os seus propios recursos ou recorrendo a redes de contactos familiares, de amizades ou similares.

Foi unha resposta de urxencia creada especificamente para dar cobertura ás necesidades básicas das persoas chegadas de maneira masiva e concentrada no tempo e que non podían ser absorbidas polo sistema de acollida, tanto polo tamaño do propio sistema como pola finalidade que había que cubrir. O obxectivo da resposta de emerxencia á guerra de Ucraína para os cidadáns refuxiados no noso país foi a de cubrir as súas necesidades básicas en condicións de dignidade.

Así pois, esta resposta é un paquete de prestacións e medidas articuladas especificamente para facer fronte, de maneira urxente, específica e concreta, á chegada masiva de persoas desprazadas, pero que non se corresponden coa intervención que se realiza nas fases do itinerario de acollida.

Esta resposta pode non ser suficiente para facer fronte ás necesidades destes cidadáns. A situación en Ucraína no momento actual é volátil e impredicible, e é posible que cheguen novos fluxos de persoas desprazadas nos vindeiros meses.

Co exposto, faise preciso prever un instrumento que permita, por un lado, prestar asistencia ás persoas desprazadas e, por outro, non exercer presión excesiva sobre o sistema de acollida.

Para intentar paliar esta situación, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións articulou, a través das comunidades autónomas con competencia en materia asistencial, unhas axudas económicas a estas persoas desprazadas. Así, publicou no Boletín Oficial del Estado número 184, do día 2 de agosto, o Real decreto 673/2022, do 1 de agosto, polo que se regula a concesión directa de subvencións ás comunidades autónomas para financiar a prestación dunha axuda económica directa ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, onde fixa os requisitos e as condicións que deben reunir os destinatarios finais da axuda, así como a súa contía, periodicidade e duración máxima.

Estas axudas, como queda establecido polo Real decreto 673/2022, do 1 de agosto, que as regula, pasan a ser xestionadas por cada comunidade autónoma.

Polo que se refire á Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 27.23, atribúelle a competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, establece no seu artigo 58 que as competencias en materia de servizos sociais lle corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei.

No dito marco competencial, a Comunidade Autónoma de Galicia participa no procedemento de concesión a través do órgano da Administración autonómica que asume o seu exercicio, a Consellería de Política Social e Xuventude, ao ter atribuídas as ditas competencias, incluíndo as políticas de inclusión social en virtude do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, e por considerar de especial interese a posta en marcha destas axudas. A subvención foi concedida á Xunta de Galicia, mediante a Resolución do 14 de outubro de 2022, unha subvención directa, con carácter excepcional e por razóns humanitarias, por unha contía de 1.392.864,00 euros.

Así o exposto, cómpre a través da presente orde convocar e establecer o procedemento de concesión das axudas que, dada a súa natureza e finalidade, será en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do artigo 19.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite a posibilidade de obter antes a consecuente resolución, así como unha maior marxe temporal para a xustificación por parte das persoas interesadas, e para o cumprimento dos prazos impostos desde o ministerio á Consellería de Política Social e Xuventude.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para a concesión dunha axuda económica, durante seis meses consecutivos, ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes.

2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria e por tramitación anticipada de gasto.

3. O código deste procedemento é BS631E.

Artigo 2. Financiamento

1. A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.312A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe de 1.332.547,28 euros, procedentes de financiamento estatal a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

2. Non obstante, o importe indicado poderá ser ampliado de concorrer algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e á aprobación da modificación orzamentaria correspondente.

3. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 no momento da resolución. En ningún caso poderán outorgarse subvencións por un importe superior ao da contía dispoñible na aplicación orzamentaria.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean en posesión do estatuto de protección temporal, de conformidade co Real decreto 1325/2003, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento sobre réxime de protección temporal no caso de afluencia masiva de persoas desprazadas, e da Orde PCM/169/2022, do 9 de marzo, pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da protección temporal a persoas afectadas polo conflito en Ucraína, e pola Orde PCM/170/2022, do 9 de marzo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 8 de marzo de 2022, polo que se amplía a protección temporal outorgada en virtude da Decisión de execución (UE) nº 2022/382 do Consello, do 4 de marzo de 2022, a persoas afectadas polo conflito en Ucraína que poidan atopar refuxio en España.

b) Que figuren como empadroadas nalgún concello de Galicia.

c) Que acrediten a carencia de recursos económicos, nos termos do Real decreto 220/2022, do 29 de marzo, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula o sistema de acollida en materia de protección internacional.

d) Que, no momento de presentar a solicitude, a persoa beneficiaria non ocupe praza nin obteña recursos ou medios do dispositivo de emerxencia da Secretaría de Estado de Migracións para atender persoas desprazadas nin de ningún dos programas que forman parte do itinerario de acollida.

Artigo 4. Determinación do importe da subvención

1. Asignarase unha contía fixa de 400 euros ao mes por persoa adulta que teña a condición de destinataria final da subvención, conforme os requisitos do artigo anterior, máis 100 euros por persoa menor de idade a cargo. No caso de existir máis dunha persoa responsable do menor, soamente unha delas poderá percibir a contía adicional por menores de idade a cargo.

A axuda aboarase mensualmente durante seis meses.

2. Unha vez recibidas as solicitudes, a axuda concederase a todos os que a soliciten ata o esgotamento do crédito. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

As subvencións concedidas ao amparo desta orde serán incompatibles coa percepción por parte das persoas beneficiarias dos recursos, actuacións e servizos proporcionados a través do itinerario do sistema de acollida de protección internacional, regulado no Real decreto 220/2022, do 29 de marzo, ou do dispositivo de emerxencia.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo).

2. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, de ser o caso:

a) Para acreditar o vínculo da persoa destinataria coa persoa menor de idade a cargo, deberase achegar copia da resolución pola que se concede o réxime de protección temporal de maneira conxunta, e empadroamento conxunto coa persoa menor de idade.

b) Declaración responsable, que estará incluída no formulario de solicitude, anexo, relativa aos seguintes datos:

1º. Que obtivo o estatuto de protección temporal de conformidade co Regulamento sobre réxime de protección temporal no caso de afluencia masiva de persoas desprazadas, aprobado polo Real decreto 1325/2003, do 4 de outubro, de acordo co procedemento para o recoñecemento da protección temporal a persoas afectadas polo conflito de Ucraína.

2º. Que consta empadroada nun concello de Galicia.

3º. Que non dispón de medios económicos suficientes nos termos do Regulamento polo que se establece o sistema de acollida en materia de protección internacional, aprobado polo Real decreto 220/2022, do 29 de marzo.

4º. Que, no momento de presentar a solicitude, non ocupa praza nin obtén recursos ou medios do dispositivo de emerxencia da Secretaría de Estado de Migracións para atender persoas desprazadas nin de ningún dos programas que forman parte do itinerario de acollida.

5º. Que non está incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións, sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

6º. Que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

7º. Que non mantén débedas ou sancións de natureza tributaria en período executivo coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo que se atopen aprazadas, fraccionadas ou cuxa execución estea suspendida e así mesmo, está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións coa Administración da Comunidade Autónoma.

8º. Que é titular da conta corrente en que desexa recibir a axuda.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

3. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade estranxeiro da persoa solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou número de identidade estranxeiro da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día coa Seguridade social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de vida laboral.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á subdirección xeral competente en materia de programas de inclusión. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Artigo 10. Trámites posteriores

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Se a solicitude non reúne algúns dos requisitos exixidos, conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o órgano instrutor requirirá os solicitantes para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. As solicitudes ou actuacións que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, que deberá ser motivada.

4. O procedemento para outorgar estas subvencións é o de concorrencia non competitiva conforme o artigo 19.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de dous meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Se vence o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 14. Xustificación

A xustificación destas axudas entenderase efectuada coa presentación da documentación necesaria para a súa concesión, e dicir, non requirirán doutra xustificación que o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases, considerando que a súa concesión se efectúa en atención á concorrencia dunha determinada situación das persoas receptoras.

Artigo 15. Pagamento das subvencións

Unha vez ditada a resolución de concesión, procederase ao seu pagamento mediante pagamentos mensuais, a través de transferencia bancaria na conta corrente que figura na solicitude.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias terán as obrigas establecidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento. En particular:

a) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprenden do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

c) Os servizos da Consellería de Política Social e Xuventude poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das persoas beneficiarias dos requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social e Xuventude realizará, ben con persoal propio ben a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4. do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado deberase informar a Dirección Xeral de Inclusión Social da devolución voluntaria realizada.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social e Xuventude para ditar os actos e instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file