Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2023 Páx. 1529

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión dunha axuda económica ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS631E).

BDNS (Identif.: 668512).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean en posesión do estatuto de protección temporal, de conformidade co Real decreto 1325/2003, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento sobre réxime de protección temporal no caso de afluencia masiva de persoas desprazadas, e da Orde PCM/169/2022, do 9 de marzo, pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da protección temporal a persoas afectadas polo conflito en Ucraína, e pola Orde PCM/170/2022, do 9 de marzo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 8 de marzo de 2022, polo que se amplía a protección temporal outorgada en virtude da Decisión de execución (UE) 2022/382 do Consello, do 4 de marzo de 2022, a persoas afectadas polo conflito en Ucraína que poidan atopar refuxio en España.

b) Que figuren empadroadas nalgún concello de Galicia.

c) Que acrediten a carencia de recursos económicos, nos termos do Real decreto 220/2022, do 29 de marzo, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula o sistema de acollida en materia de protección internacional.

d) Que, no momento de presentar a solicitude, a persoa beneficiaria non ocupe praza nin obteña recursos ou medios do dispositivo de emerxencia da Secretaría de Estado de Migracións para atender persoas desprazadas nin de ningún dos programas que forman parte do itinerario de acollida.

Segundo. Obxecto

O obxecto da convocatoria é a concesión dunha axuda económica, durante seis meses consecutivos, ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes.

Asignarase unha contía fixa de 400 euros ao mes por persoa adulta que teña a condición de destinataria final da subvención, conforme os requisitos do artigo 3 da orde, máis 100 euros por persoa menor de idade a cargo. No caso de existir máis dunha persoa responsable do menor, soamente unha delas poderá percibir a contía adicional por menores de idade a cargo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión dunha axuda económica ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS631E).

Cuarto. Importe

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.312A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe de 1.332.547,28 euros procedentes de financiamento estatal, a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude