Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2023 Páx. 1539

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo de Osmo (Cenlle-Ourense) e Muimenta (Carballeda de Avia-Ourense) (código de procedemento MR711C).

Os proxectos de mobilización de terras e de fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo naceron ao abeiro do disposto nos artigos 47 bis, 47 ter e 47 quater da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

A disposición derrogatoria única da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, derrogou a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto naquela, ben que a súa disposición transitoria cuarta establece que «todos os expedientes iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei pasarán a tramitarse de conformidade co establecido nela, salvo aqueles respecto dos cales xa se ditase proposta de resolución, que continuarán a tramitarse pola normativa de conformidade coa cal foron iniciados. En todo caso, a aplicación desta lei aos referidos procedementos precisará da súa implementación no Sitegal».

Por acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a Agader) foron declaradas as seguintes zonas de actuación para a aplicación dun proxecto de mobilización de terras (proxectos de mobilización de terras ou fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo), denominadas abreviadamente aldeas modelo:

Nº de expte.

Denominación

Aprobación

Aprobación guía

Publicación DOG

Publicación concello

Publicación Agader

AM-19-01

Zona de actuación para o proxecto de aldea modelo de Osmo (Cenlle-Ourense)

7.8.2019

23.11.2022

16.12.2022

17.12.2022

16.12.2022

AM-20-05

Zona de actuación para o proxecto de aldea modelo de Muimenta (Carballeda de Avia- Ourense)

12.11.2019

23.11.2022

16.12.2022

20.12.2022

16.12.2022

De conformidade co previsto no artigo 47 quater 3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, por resolucións do Consello de Dirección da Agader aprobáronse as guías de ordenación produtiva das citadas aldeas modelo, aprobacións que foron publicadas no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do concello ou concellos onde se sitúa a aldea modelo e na páxina web da Agader, nas datas que figuran na epígrafe anterior.

Así mesmo, concluíronse os traballos de limpeza do perímetro de actuación da aldea modelo.

Neste contexto, e de conformidade co artigo 47 quater 4 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, unha vez publicada a aprobación definitiva da guía de ordenación produtiva e concluídos os traballos de limpeza do perímetro de actuación da aldea modelo, a Agader realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo, establecendo os requisitos de admisión das propostas de participación, ao abeiro das previsións contidas no citado artigo.

O Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 23 de xuño de 2020, publicado mediante a Resolución do director xeral da Agader do 30 de xuño de 2020 (DOG nº 136, do 9 de xullo), delegou na persoa titular da Dirección Xeral da Agader as competencias que lle correspondan ao Consello Reitor da Agader en relación cos procedementos relacionados cos proxectos de mobilización de terras e mais co fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo.

Por Resolución do Consello de Dirección da Agader, do 19 de xullo de 2021 (DOG nº 144, do 29 de xullo), aprobáronse as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo de Moreda (Folgoso do Courel-Lugo), Xacebáns (Quintela de Leirado-Ourense), Muimenta (Carballeda de Avia-Ourense), Penedo (Boborás-Ourense), Trelle (Toén-Ourense), Reboredo (O Pereiro de Aguiar-Ourense) e Meixide (A Veiga-Ourense), e se anuncia a súa convocatoria (código de procedemento MR711C).

Por Resolución do Consello de Dirección da Agader, do 1 de agosto de 2022 (DOG nº 157, do 19 de agosto), aprobáronse as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo de Trelle (Toén, Ourense), Pedrosa (Riós, Ourense) e Bustelo de Fisteus (Quiroga, Lugo) (código de procedemento MR711C).

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo de Osmo (Cenlle-Ourense) e Muimenta (Carballeda de Avia-Ourense), que se xuntan a esta resolución como anexo I, co código de procedemento MR711C.

2. Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a presentación e selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo de Osmo (Cenlle-Ourense) e Muimenta (Carballeda de Avia-Ourense).

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes coas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a aldea modelo será de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (a partir de agora, DOG).

Para o cómputo dos prazos estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 3. Prazo de resolución da convocatoria

O prazo para ditar resolución expresa e notificala será de cinco (5) meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da citada publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: http://agader.xunta.gal

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

c) No teléfono 881 99 71 93 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 881 99 71 93.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a xestión da convocatoria

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Eficacia da convocatoria

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras

CAPÍTULO 1

Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é establecer o réxime para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo, establecendo os requisitos de admisión das propostas de participación.

O procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos artigos 47 bis, 47 ter e 47 quater da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

Artigo 2. Propostas de participación

1. Ao abeiro do establecido no artigo 47 quater 4 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, os requisitos de admisión das propostas de participación son os que se establecen neste artigo das bases reguladoras.

2. Poderán presentar as solicitudes coas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a aldea modelo as persoas físicas, as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas.

3. As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Axencia Tributaria de Galicia.

Estes requisitos comprobaranse con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución.

4. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito exixido polas disposicións aplicables.

Artigo 3. Propostas seleccionables

1. Requisitos das propostas.

a) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proposta e á guía de ordenación produtiva aprobada para a aldea modelo.

b) Serán seleccionables as propostas:

b).1. Que se poidan materializar e formalizar baixo a figura xurídica do contrato de arrendamento de predios rústicos regulado nos artigos 99 a 118 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, coas particularidades da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, excluíndo aqueles que leven aparellados outros negocios xurídicos conexos ou complexos, como a constitución de servidumes, dereitos de voo, dereitos de superficie, etc., ou que se deban de formalizar baixo figuras xurídicas distintas ao contrato de arrendamento de predios rústicos, tales como contratos de precario, de comodato, de parcería, lugar acasarado, de explotación, etc.

b).2. Que non se poidan materializar baixo a figura xurídica do punto b).1 anterior por reunirse na mesma persoa a condición de persoa arrendadora e arrendataria.

c) As persoas só poderán presentar unha proposta, de forma individual ou de forma conxunta con outra ou outras persoas, para cada aldea modelo e convocatoria.

Artigo 4. Modalidade dos contratos de arrendamento

De conformidade co artigo 47 quater 8 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, unha vez resolto o procedemento de selección, procederase á incorporación das parcelas ao Banco de Terras de Galicia e á sinatura dos contratos de arrendamento coa persoa que formulou a proposta seleccionada.

Artigo 5. Publicidade do arrendamento

De conformidade co disposto no artigo 7 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a entidade xestora manterá unha relación permanentemente actualizada e pública do destino das parcelas e da persoa arrendataria, coa publicación de tales datos na páxina web oficial da Agader.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II

Iniciación do procedemento

Artigo 7. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para: as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, persoas traballadoras autónomas, e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación da persoa solicitante:

No caso de persoas xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate, e das modificacións posteriores dos documentos indicados.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes (artigo 10 das bases), achegarase o anexo III.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presenta de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Pluralidade de persoas solicitantes

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá constar na solicitude o listado completo de persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo III). As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT

g) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

i) Imposto de actividades económicas (IAE).

j) Consulta de vida laboral dos últimos 12 meses.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

CAPÍTULO III

Instrución e resolución do procedemento

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Mobilidade de Terras.

2. Logo da presentación da solicitude e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación das propostas de participación, salvo:

a) Que respondan a requirimentos efectuados pola Agader para os efectos da valoración das propostas e da súa viabilidade.

b) Cando reformule a proposta porque algún dos titulares dos dereitos sobre os terreos non acepte o prazo proposto.

3. Durante a instrución do procedemento, a Agader poderá realizar visitas ao lugar en que se pretendan materializar os aproveitamentos, para os efectos de verificar a admisibilidade dos mesmos.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria e nas súas bases reguladoras, o órgano instrutor requiriralle á persoa interesada que a emende no prazo de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que se así non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

2. É de aplicación o réxime previsto no artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

3. Co fin de completar a instrución do procedemento, Agader poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

Artigo 14. Baremación das solicitudes

Unha vez revisadas as solicitudes e practicadas as emendas, as áreas dependentes do órgano instrutor valorarán aquelas que reúnan todos os requisitos e conten coa documentación necesaria. A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola persoa solicitante e segundo os criterios de selección das propostas de aproveitamento previstos no artigo seguinte.

Excluiranse as propostas de aproveitamento que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 60 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos das presentes bases.

Artigo 15. Criterios de selección

Para a selección das propostas de aproveitamento, deberán aplicarse os criterios de prioridade e baremación establecidos na guía de ordenación produtiva da aldea modelo.

Artigo 16. Proposta de resolución

1. Caso de se presentaren propostas que impliquen a cesión de terreos por un prazo superior ao mínimo de cinco anos, antes da selección da proposta deberá darse traslado aos titulares dos dereitos sobre os terreos para que presten a súa conformidade. No caso de que algún dos titulares non acepte o prazo, darase traslado á persoa propoñente para que reformule a súa proposta. En caso contrario, non poderá ser seleccionado.

2. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de prioridade e baremación establecidos no artigo anterior.

3. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución á persoa titular da dirección xeral da Agader, de conformidade co previsto no artigo 47 quater 6 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

4. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de propostas admisibles para as que se propón a súa selección para ser aplicadas en cada parcela ou parcelas da aldea modelo, coa identificación, en relación a cada parcela, da persoa seleccionada (que será a parte arrendataria no/s contrato/s de arrendamento que se deban de formalizar), puntuación obtida no proceso de baremación e anos de duración do contrato de arrendamento. Tamén poderá declarar que o procedemento quede deserto, cando as ofertas presentadas non cumpran os requisitos ou obteñan unha puntuación inferior á establecida nas presentes bases.

De ser o caso, contará cunha relación das propostas admitidas que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa seleccionada renuncie á formalización do contrato ou teña lugar, por calquera causa, a extinción do contrato en vigor antes do prazo contractualmente pactado; neste caso as propostas admitidas en lista de agarda poderán asignarse por orde decrecente de puntuación.

Expresará tamén, de xeito motivado, a relación de propostas non admitidas, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

Caso de non se presentaren en prazo propostas para o aproveitamento dalgunha das parcelas, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá acordar a apertura dun novo prazo de presentación e admitiranse as propostas que se presenten dentro do novo prazo atendendo á súa prioridade temporal, sempre que cumpran os requisitos de admisión establecidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria e o prazo de duración do compromiso de incorporación dos titulares dos dereitos de aproveitamento das parcelas ao Banco de Terras de Galicia.

CAPÍTULO IV

Resolución do procedemento

Artigo 17. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader resolverá motivadamente. O prazo máximo para ditar resolución expresa e notificala será o establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 18. Notificación das resolucións do procedemento

Todas as resolucións notificaranse nos termos establecidos no artigo 6 destas bases reguladoras e nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Obrigas das persoas seleccionadas como arrendatarias

Sen prexuízo das demais obrigacións establecidas na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e as correspondentes á normativa aplicable aos contratos de arrendamento, as persoas seleccionadas como arrendatarias ao abeiro desta convocatoria quedan obrigadas a:

1. Comunicación ou cesión dos datos persoais pola Agader ás persoas titulares dos dereitos de aproveitamento sobre as parcelas incluídas no perímetro da aldea modelo con facultades para arrendalas conforme á lexislación civil.

2. Proporcionar pola Agader ás persoas titulares dos dereitos de aproveitamento sobre as parcelas incluídas no perímetro da aldea modelo con facultades para arrendalas conforme á lexislación civil, unha copia da proposta seleccionada para o aproveitamento das parcelas.

3. A formalizar o contrato de arrendamento no prazo de 1 mes, contado desde o día seguinte ao da notificación por parte da Agader de que finalizaron as obras e instalacións necesarias ou simplemente convenientes para a posta en produción da aldea modelo, así como a formalizar no mesmo prazo o contrato de comodato ou préstamo de uso gratuíto, segundo o anexo IV, en virtude do cal a Agader cederá os bens dos que sexa propietaria ou teña as facultades necesarias para dispoñer deles no ámbito da aldea modelo.

4. Cumprir o obxectivo e executar a proposta seleccionada para o arrendamento.

5. A que se publique a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios, os seus datos identificativos.

6. Mentres non sexa formalizado o contrato de arrendamento ou, formalizado este, mentres non teña lugar a súa entrada en vigor non se xera dereito nin expectativa económica ou doutra índole a favor da persoa seleccionada como arrendataria susceptible de ser reclamada á Agader.

CAPÍTULO V

Réxime normativo e de recursos

Artigo 20. Normativa de aplicación

1. Normativa autonómica:

Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Normativa estatal:

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases non esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

Recurso de alzada ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se considere procedente.

Se transcorrido o prazo para resolver non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso de alzada contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, como sinala o artigo 122.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Contrato de comodato ou préstamo de uso gratuíto

En ..., ... de... de... 202...

REUNIDOS:

Dunha parte: ...

Doutra parte: ...

INTERVEÑEN:

Dunha parte: ...

En adiante, o «comodante».

Doutra parte: ...

En adiante, o «comodatario».

O comodante e o comodatario, que, en adiante, poderán ser denominados, individualmente, «a parte» e conxuntamente, «as partes», recoñecéndose mutuamente capacidade legal suficiente para contratar e obrigarse na representación que actúan, que aseguran non estarlles limitada por ningún concepto, e sendo responsables da veracidade das súas manifestacións,

EXPOÑEN:

1. Que por ... do ... o comodatario foi seleccionado como persoa arrendataria ao abeiro da convocatoria ....

2. Que o día ... o comodatario asinou contrato de arrendamento ....

3. Que o comodante é propietario ou ten as facultades necesarias para dispoñer conforme neste contrato se estipula, dos seguintes bens:

...

En adiante, tamén, o «ben» ou os «bens».

4. Que o valor dos bens ascende á cantidade que se establece para cada un deles de conformidade co expositivo 3.

5. Que ao momento da sinatura do presente documento, o ben encóntrase no estado de conservación, uso e funcionamento que se establece para cada un deles de conformidade co expositivo 3.

6. Que o comodante concede ao comodatario o uso do ben sen que este último deba pagar renda, retribución ou emolumento algún. O comodatario está interesado no uso de dito ben e acepta a cesión.

7. E que, tendo chegado as partes, a unha coincidencia mutua das súas vontades, formalizan o presente contrato de comodato ou préstamo de uso gratuíto, en adiante, o «contrato», que ten como obxecto o establecemento e a regulación dun préstamo a título gratuíto dunha cousa ou cousas non funxibles, e que se rexerá polas seguintes,

ESTIPULACIÓNS:

1. Obxecto. Neste acto, o comodante fai entrega, en concepto de préstamo de uso ou comodato, ao comodatario, dos bens aos que se fai referencia no expositivo, e que o comodatario recibe, perfeccionándose o presente contrato de comodato no que se formalizan, ademais, as condicións e/ou modalidades para proceder á devolución do ben.

2. Uso ou destino do ben. O ben será destinado polo comodatario as funcións propias e características que deba de desempeñar o ben única e exclusivamente no ámbito do contrato de arrendamento ao que se fai referencia no expositivo.

3. Duración. A partir da data de sinatura sinalada no encabezamento, este contrato estará en vigor durante o período no que esté en vigor o contrato de arrendamento ao que se fai referencia no expositivo, e extinguirase automaticamente, sen necesidade de requirimento, coa extinción do mesmo.

Chegado ese momento, xurde a inmediata obriga para o comodatario de devolver o ben no mesmo estado de conservación e uso no que o recibe, salvo as deterioracións que lle sobreveñan polo solo efecto do uso e sen culpa súa, facendo entrega deste ao comodante, de conformidade coas regras do Código civil.

4. Obrigas das partes.

4.1. Obrigas do comodatario.

a) Utilizar o ben conforme o destino previsto.

b) Asegurar o ben mediante a contratación dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros e que tamén cubra, polo menos, o risco de incendios, furto ou roubo, en cuxa póliza se indicará como beneficiario ao comodante.

c) Conservar correctamente o ben cedido, coa dilixencia dun bo pai de familia, no estado no que se encontra ao momento da sinatura do presente contrato e que foi indicado no expositivo. Neste sentido, deberá satisfacer os gastos ordinarios e extraordinarios que sexan necesarios ou simplemente convenientes para o uso e conservación do ben, así como permitir que o comodante o inspeccione cando o considere oportuno a fin de constatar o seu estado.

d) Responder dos danos que o ben cause a terceiros.

e) Non realizar, sen o consentimento previo, expreso e por escrito do comodante, obras e/ou actuacións de ningún tipo sobre o ben. En caso de realizarse, o comodante poderá optar por que as expensas invertidas queden en beneficio do ben, sen que proceda, en ningún caso, reembolso algún a favor do comodatario, ou por que se repoña o ben ao estado anterior, se non sufrir deterioración.

f) Responder do valor estimado do ben indicado no expositivo, se este se perde aínda por caso fortuíto.

g) Devolver o ben ao comodante unha vez transcorrido o prazo estipulado da duración do comodato ou, respectando o previsto neste contrato, cando sexa requirido para iso polo comodante, no caso de que solicitara a recuperación do ben, sen necesidade de xustificación.

h) Finalmente, respectar o conxunto das obrigas que a lexislación vixente, así como o presente contrato lle atribúen, e que non foron previstas nos parágrafos anteriores.

4.2. Obrigas do comodante.

a) Responder polos danos causados ao comodatario polos vicios do ben que coñecese e non fixese saber a este último.

b) Respectar o conxunto das obrigas que a lexislación vixente, así como o presente contrato lle atribúen, e que non foron previstas nos parágrafos anteriores.

5. Gastos. Todos os gastos e tributos correspondentes ao ben, así como os gastos derivados do uso seu, serán por conta do comodatario, salvo aqueles que correspondan ao comodante de acordo coa lexislación vixente.

6. Recuperación do ben.

En caso de que o comodante queira recuperar o ben, aínda non transcorrido o prazo de vixencia do comodato, o comodante recuperarao. Para estes efectos, será suficiente dirixir ao comodatario comunicación escrita fidedigna, indicando o prazo en que debe ser devolto o ben ao comodante ou á persoa que este designe, que en ningún caso poderá ser inferior a un (1) mes. A desatención do dito requirimento no prazo outorgado, dará lugar, a favor do comodante, á indemnización prevista neste contrato.

7. Responsabilidade en caso de perda do ben. O comodatario responderá do valor estimado do ben indicado neste contrato, se este se perde aínda por caso fortuíto.

O comodatario non responderá das deterioracións que sobreveñan ao ben polo solo efecto do uso e sen culpa súa.

Todas as persoas integradas no comodatario responden solidariamente do ben, ao teor do previsto no presente contrato e no artigo 1743 e seguintes do Código civil.

8. Inexistencia do dereito de retención. En ningún caso poderá o comodatario reter o ben a pretexto de o que o comodante lle deba, aínda que sexa por razón de gastos que, en relación co ben, deberan de ser asumidos polo comodante.

9. Cláusula penal. En caso de que o comodatario incumpra a súa obriga de devolver inmediatamente o ben unha vez transcorrido o prazo previsto neste contrato ou, no prazo outorgado, cando sexa requirido para iso polo comodante, en caso de que queira recuperar o ben, poderá aplicarse ao comodatario unha multa de cen euros (100 euros) diarios, sen prexuízo do exercicio polo comodante das accións legais oportunas e da eventual obriga do comodatario de aboar unha indemnización por danos e perdas.

10. Extinción do comodato. O comodato poderá ser extinguido polo mutuo acordo das partes, cos efectos que elas determinen, así como polas demais causas previstas nestas estipulacións e as establecidas na normativa de aplicación.

11. Cesión do contrato e subrogación. O contrato de comodato pode ser obxecto de cesión ou transmisión e subrogación, xa sexa a título gratuíto ou oneroso, en favor de terceiro, polo comodante.

12. Elevación a público. O documento privado de este contrato será elevado a escritura pública, por petición de calquera das partes. Os gastos notariais serán por conta da parte que promova a elevación.

13. Notificacións.

Observarase o disposto na correspondente convocatoria e nas bases en canto ao dereito e á obriga de relacionarse electronicamente, presentación de solicitudes e notificacións.

14. Integridade do comodato e anulabilidade.

En caso de existir documentos anexos ao comodato constituído de conformidade coas condicións aquí previstas, estes forman parte ou intégrano para todos os efectos legais.

Ademais, se se dá o caso de que unha ou varias condicións deviñeran ineficaces ou fosen anulables ou nulas de pleno dereito, teranse por non postas, mantendo o resto de condicións toda a súa forza vinculante entre as partes.

15. Foro aplicable e xurisdición. As que procedan conforme a dereito.

E en proba de conformidade as persoas reseñadas no encabezamento asinan o presente documento por duplicado e para un só efecto, no lugar e nadata consignados ao principio.

Asdo. O comodante Asdo. O comodatario