Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3293

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2022 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS213G).

O Estatuto de autonomía de Galicia no artigo 27.23 atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

O artigo 21.1.bis da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil, e da Lei de axuizamento civil, establece que os nenos, nenas ou adolescentes acollidos teñen dereito a «recibir o apoio educativo e psicoterapéutico por parte da entidade pública, para superar trastornos psicosociais de orixe, medida esta aplicable tanto en acollemento residencial como en acollemento familiar» (letra h) e a «recibir o apoio educativo e psicoterapéutico que sexa necesario» (letra i).

A atención terapéutica a nenos e nenas en situación de risco ou desamparo está prevista no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia. En concreto, o punto 2.4.7 do anexo desta norma refírese aos «servizos de atención terapéutica a menores», que define como o «conxunto de intervencións técnico-profesionais destinado á atención a nenos, nenas e adolescentes que presentan desaxustes psicolóxicos, emocionais e/ou de conduta severos, orixinados ou relacionados coa situación de desprotección que sufriron, coa separación da súa familia ou que deriven en dificultades severas ou cronificadas de convivencia».

A habilitación do réxime de concertos sociais na Comunidade Autónoma de Galicia a través do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, abre a posibilidade de aplicar esta figura a programas e servizos desenvolvidos pola entidade pública de Protección á Infancia e á Adolescencia de Galicia.

Este proxecto será cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e pola Consellería de Política Social e Xuventude no 40 % restante.

O procedemento tramitarase como expediente anticipado de gasto conforme a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 reguladora da tramitación anticipada de gasto, na aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 e que foi aprobado polo Consello da Xunta na reunión do 18 de outubro de 2022. Todos os actos ditados no desenvolvemento deste concerto social, entenderanse condicionados a que, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes e quedando condicionados á existencia de crédito axeitado e suficiente nos devanditos orzamentos xerais.

Cumpridos os requisitos do artigo 10 e de conformidade co artigo 11 do dito Decreto 229/2020, a resolución do procedemento BS213G do presente concerto social, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude. As resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar o inicio e convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS213G), que se xunta á presente resolución no anexo I e ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución de inicio.

Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO I

A) Necesidade administrativa que se pretende satisfacer.

A Constitución española dispón no artigo 39, entre os principios reitores da política económica e social, o apoio dos poderes públicos para asegurar a protección social, económica e xurídica da familia, sinalando igualmente que nenos, nenas e adolescentes deberán gozar da protección prevista nos acordos internacionais, entre os que deben incluírse os dereitos recoñecidos á infancia pola Convención sobre os dereitos do neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e en vigor en España desde o 5 de xaneiro de 1991.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas en materia de asistencia social, de conformidade co disposto no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e nos reais decretos de transferencia 2411/1982, do 24 de xullo, e 534/1984, do 25 de xaneiro, e, en virtude da dita competencia aprobáronse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ten asumido entre as súas competencias, segundo o artigo 14.1.b) do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, a protección e a tutela das persoas menores en situación de risco ou desamparo nos termos establecidos no Código civil, na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do/da menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia, e a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

O Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual configúrase como un recurso clave e prioritario no sistema de protección de nenos, nenas e adolescentes (en diante, NNA) que persegue erradicar un tipo de malos tratos graves e que impactan profundamente en todas as áreas das persoas menores de idade. Este tipo de malos tratos agrédeas na súa integridade física, no seu desenvolvemento madurativo e nos vínculos destas coas demais persoas. Segundo a Organización Mundial da Saúde, o abuso sexual é «unha acción na cal se involucra a un menor nunha actividade sexual que el ou ela non comprende completamente, para a que non ten capacidade de libre consentimento ou o seu desenvolvemento evolutivo (biolóxico, psicolóxico e social) non está preparado, ou tamén, que viola as normas ou preceptos sociais».

Así mesmo, a campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra nenos, nenas e adolescentes suxire que un de cada cinco nenos e nenas en Europa son vítimas dalgún tipo de violencia sexual, e que entre o 70 e o 85 % dos agresores son persoas próximas e nas que os NNA confían.

Este tipo de abuso impacta sobre todas as áreas de desenvolvemento persoal do NNA. A nivel físico, provocando trastornos do sono, pero tamén na súa alimentación e na perda de control de esfínteres, entre outros moitos aspectos; na súa conduta, provocando abuso de substancias, trastornos na regulación da súa conduta; e, na área emocional, provoca hiperactividade, condutas autolesivas, dificultade nas relacións coa súa contorna, heteroagresividade, ansiedade, e/ou baixa autoestima. Tamén incide nos seus aspectos sexuais, estando na causa de condutas inapropiadas ou de risco, así como dificultades no establecemento e mantemento de relacións sociais.

O artigo 2 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que este tipo de relación xurídica se pode establecer entre a Administración xeral autonómica e aquelas entidades que ofrezan servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes que se determinen.

A atención terapéutica a nenos e nenas en situación de risco ou desamparo está prevista no Decreto 192/2015, de 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia. En concreto, o punto 2.4.7 do anexo desta norma refírese aos «servizos de atención terapéutica a menores», que define como o «conxunto de intervencións técnico-profesionais destinado á atención a nenos, nenas e adolescentes que presentan desaxustes psicolóxicos, emocionais e/ou de conduta severos, orixinados ou relacionados coa situación de desprotección que sufriron, coa separación da súa familia ou que deriven en dificultades severas ou cronificadas de convivencia».

B) Obxecto do concerto social.

O obxecto deste concerto social é o desenvolvemento do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia durante os anos 2023 (estimación para 10 meses) a 2026 e con posibilidade de prórrogas ata 2028.

Son beneficiarios/as deste programa nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual infantil que mostran desaxustes emocionais e/ou de conduta como consecuencia do abuso sexual infantil. A intervención coas persoas beneficiarias poderá estenderse ata 25 anos no caso de que fosen obxecto dunha medida de protección á infancia por parte da entidade pública.

Poderán derivar casos a este programa aquelas administracións públicas, centros escolares e entidades prestadoras de servizos sociais que desenvolvan as súas actuacións con nenos, nenas e adolescentes.

Ademais, serán tamén persoas destinatarias os familiares non agresores e as principais persoas responsables do coidado dos nenos e das nenas.

Finalmente, o programa ten como destinatarios aos equipamentos profesionais da rede que traballan na contorna de nenos e nenas abusadas (equipos técnicos do menor, profesionais de centros de acollida cando houbo unha medida de separación da familia, profesionais da educación social, traballo social, pediatría, profesionais da contorna escolar, e demais profesionais implicados na rede de atención á infancia).

Este programa desenvolverase cos seguintes obxectivos:

– O acompañamento e asesoramento dos NNA e das súas persoas adultas coidadoras para que adquiran as estratexias e habilidades necesarias para afrontar as consecuencias dos abusos sexuais.

– A elaboración dunha narrativa adecuada do trauma e promoción da integridade da identidade e do benestar biopsicosocial do NNA.

– O desenvolvemento dun contexto de seguridade e de prevención de novas situacións traumáticas.

Son obxectivos específicos:

– Contribuír, a nivel teórico, á adquisición dun coñecemento máis preciso das situacións sociofamiliares dos nenos e nenas acollidos/as en centros e das estratexias de prevención máis axeitadas para cada caso.

– Traballar na procura da mellora do sistema de protección á infancia con dificultades sociais, especialmente nas situacións de maltrato infantil.

As áreas en que se centrará a intervención son:

– Atención psicoterapéutica a menores vítimas de abusos sexuais na infancia.

– Atención psicoterapéutica ás familias, con especial atención a aquelas en que as nais e pais foron vítimas de ASI.

– Grupo de terapia especial para nais de NNA vítimas de abuso sexual intrafamiliar.

C) Modalidades de concertación.

A modalidade de concertación é o procedemento de asignación de concertos, regulado no artigo 9 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. O concerto será asignado a unha única entidade.

D) Réxime económico do acordo.

1. Orzamento e crédito orzamentario a que se imputa o gasto:

A Consellería de Política Social e Xuventude financiará o custo derivado da execución do presente concerto cunha contía máxima de 874.569,53 € no período 2023 (estimación para 10 meses) ata o ano 2026. Este importe será cofinanciado nunha porcentaxe do 60 %, polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais», prioridade 7 «Garantía infantil», obxectivo específico k «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e asumibles, incluídos os servizos que promoven o acceso á vivenda e a unha atención centrada nas persoas, incluída a asistencia sanitaria, modernizar os sistemas de protección social, tamén fomentando o acceso á protección social, con especial atención aos menores e aos grupos desfavorecidos, mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e dos servizos de coidados de longa duración» e medida 7.k.04 «Tratamento terapéutico de nenos, nenas e adolescentes no sistema de protección», e tramitarase como expediente anticipado de gasto con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 18 de outubro de 2022. Todos os actos ditados no desenvolvemento deste concerto social entenderanse condicionados a que, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes e quedando condicionados á existencia de crédito axeitado e suficiente nos devanditos orzamentos xerais. De ser o caso, para o incremento do crédito e logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, é necesario o informe previo favorable do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Este concerto deberá someterse ás disposicións do Tratado da Unión Europea e aos actos fixados na súa virtude, e será coherente coas actividades, políticas e prioridades comunitarias en prol dun desenvolvemento sustentable e mellora do ambiente, debendo promover o crecemento, a competitividade, o emprego e a inclusión social, así como a igualdade entre homes e mulleres, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados.

Quedará suxeito á normativa comunitaria, nacional e autonómica que resulte aplicable ás operacións cofinanciadas co Fondo Social Europeo Plus. En particular, será de aplicación a seguinte normativa específica: o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; o Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021 polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, así coma as normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

2. Distribución en anualidades:

Distribución de anualidades

2023 (10 meses)

2024

2025

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

72.376,52 €

48.251,01 €

120.627,53 €

88.748,74 €

59.165,83 €

147.914,57 €

90.904,11 €

60.602,74 €

151.506,86 €

2026

2027 (posible prórroga)

2028 (posible prórroga)

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

90.904,11 €

60.602,74 €

151.506,86 €

90.904,11 €

60.602,74 €

151.506,86 €

90.904,11 €

60.602,74 €

151.506,86 €

Posibles modificacións

2023 (10 meses)

2024

2025

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

36.188,26 €

24.125,51 €

60.313,77 €

44.374,37 €

29.582,91 €

73.957,29 €

45.452,06 €

30.301,37 €

75.753,43 €

2026

2027 (posible prórroga)

2028 (posible prórroga)

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

45.452,06 €

30.301,37 €

75.753,43 €

45.452,06 €

30.301,37 €

75.753,43 €

45.452,06 €

30.301,37 €

75.753,43 €

Total anualidades
2023 (10 meses) - 2026 + posibles prórrogas

Valor estimado: total anualidades + posibles prórrogas + posibles modificacións

Total FSE+

Total FP

Total FSE+ / FP

Total FSE+

Total FP

Total FSE+ / FP

524.741,72 €

349.827,81 €

874.569,53 €

787.112,58 €

524.741,72 €

1.311.854,30 €

3. Prezo.

A Consellería de Política Social e Xuventude aboará pola prestación do servizo obxecto deste concerto un importe mensual, que reflicte en cada ano os incrementos salariais que se desprenden do IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores (BOE núm. 42, do 18 de febreiro de 2021), e que se recollen na distribución por anualidades recollida no punto anterior.

De acordo coa dita distribución, a contía que percibirá a entidade adxudicataria pola execución do servizo en cada mensualidade será a seguinte:

Anualidade/s

Contía mensual que facturará a entidade adxudicataria

2023 (10 meses)

12.062,75 €

2024

12.326,21 €

2025-2026 (e posibles prórrogas 2027 e 2028)

12.625,57 €

A devandita cantidade destinarase a soportar os gastos que aparecen desagregados no estudo de custos que consta no expediente administrativo deste concerto social, exixido polo artigo 10.2.d) do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

E) Duración do concerto social e posibilidade de renovacións.

Este concerto social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS213G), terá unha vixencia desde a data de formalización do concerto ata o 31.12.2026, coa previsión de que entre en funcionamento o 1.3.2023 e con posibilidade de prórrogas ata o 31.12.2028 en caso de existir crédito adecuado e suficiente.

De acordo co artigo 8 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, coa finalidade de garantir a estabilidade na súa provisión, despois da resolución deste concerto social, o programa poderá continuar tras a convocatoria dun novo concerto financiado con fondos propios ou da UE, sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente.

F) Requisitos que deben cumprir as entidades para poder presentarse ao procedemento de concertación.

Para poderen acollerse ao réxime de concerto social as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira. Acreditarase por un dos seguintes medios:

b.1.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter un volume de negocios no ámbito da atención á infancia e á adolescencia, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior a 100.000 euros.

b.1.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil, vixente ata o fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior aos seguintes valores anuais: 100.000,00 euros.

A súa acreditación efectuarase por medio:

1. Dunha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador en que se exprese o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar de ser requirida, un certificado expedido pola aseguradora, en que consten os importes e riscos asegurados e data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

b.2) Solvencia técnica e profesional:

Reputarase solvente a entidade concertante que acredite, cando menos, un dos seguintes requisitos:

– Ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata o fin do prazo de presentación de proposicións) cuxos importes acumulados no ano de maior execución sexa igual ou superior 100.000 euros.

– Polo menos unha das persoas que forme parte do equipo técnico, conta en postos de características asimilables, cunha experiencia mínima de dous anos, dentro dos últimos tres, nalgunha empresa ou entidade que, á súa vez, prestase servizos para unha Administración pública ou entidade privada, sempre que tanto o servizo prestado, como as tarefas desempeñadas polo persoal teñan natureza análoga ao obxecto do concerto.

c) Contar cunha experiencia mínima de atención á infancia e á adolescencia de 2 anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Contar cun seguro de responsabilidade civil.

g) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

G) Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento BS213G).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da persoa solicitante da totalidade do contido da convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

2. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

H) Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha relación de todos os documentos que se presentan.

b) Declaración responsable ou certificación que acredite que conta coa solvencia económica e financeira e técnica e profesional segundo se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

c) Documentación que acredite que a entidade conta cunha experiencia mínima de 2 anos na atención á infancia e á adolescencia, como se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

d) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo V da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso indicarase neste momento «pendente de contratación».

e) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula O) da resolución da convocatoria:

e.1) Proxecto técnico, diferenciado nas seguintes epígrafes:

– Proxecto de intervención coas familias e nenos, nenas e adolescentes.

– Sistema de avaliación dos resultados da intervención

e.2) Descrición das instalacións en que se levará a cabo o servizo: para cada unha das instalacións ofertadas achegaranse as informacións e documentos seguintes:

– Situación xeográfica, coa súa localización en plano.

– Descrición clara das súas condicións físicas e arquitectónicas, acompañando planos de planta e fotografías, tanto do exterior como dos espazos interiores, e sinalando para cada un destes o número de metros cadrados útiles e os usos correspondentes.

– Descrición do equipamento e recursos materiais con que conta.

e.3) Documentación que acredite a posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, do Certificado de Empresa Familiarmente Responsable e/ou do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou documentos equivalentes.

e.4) Declaración sobre a experiencia do persoal asignado ao proxecto e documentación que a acredite (contratos laborais e certificados de ter prestado servizos en programas relacionados intervención con vítimas de abuso sexual infantil), de acordo co establecido na cláusula O.

e.5) Declaración sobre a formación do persoal asignado ao proxecto e documentación que a acredite, de acordo co establecido na cláusula O.

e.6) Documentación que acredite a experiencia da entidade no ámbito da protección á infancia e adolescencia. En caso de que a experiencia da entidade se refira a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable que comprobará, de oficio, a Comisión de Valoración.

f) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan no apartado K.3 desta resolución do concerto (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

g) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

I) Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Comprobación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

d) Comprobación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

f) Inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual e de trata de seres humanos do persoal que se designe para a prestación do servizo.

g) Titulación do persoal da entidade adxudicataria, segundo os puntos 2 e 5 do prego de prescricións técnicas.

2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarse o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

J) Órganos competentes para a tramitación e resolución do procedemento.

A tramitación deste procedemento de concerto social correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude.

A resolución correspóndelle á persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

K) Procedemento do concerto social.

1. Instrución.

1.1. Este concerto realizarase mediante o procedemento de asignación seleccionando a entidade prestadora do servizo segundo as prestacións ou programas que prestará durante o concerto social, de acordo cos criterios de selección e preferencia desta convocatoria.

1.2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a instrución do procedemento que verificará que as solicitudes das entidades reúnen os requisitos exixidos e achegaron a documentación preceptiva.

2. Informe da Comisión de Valoración

2.1. A Comisión de Valoración fará público o resultado das súas deliberacións a través do portal web da Consellería de Política Social e Xuventude.

2.2. A Comisión de Valoración determinará aquelas entidades que cumpran os requisitos para concertar e elaborará un informe en que figurará unha listaxe ordenada, de acordo coas puntuacións obtidas. Proporá para a execución do concerto á entidade que reúna maior puntuación.

3. Documentación que debe presentar a entidade adxudicataria.

Unha vez aceptada pola Consellería de Política Social e Xuventude a proposta da Comisión de Valoración, a entidade seleccionada deberá presentar a seguinte documentación:

– Anexo III.

– Relación de persoal adscrito ao servizo, detallando os datos que non se achegaron coa solicitude (anexo V e anexo V-BIS).

– Documentación que acredite a formación e experiencia do persoal asignado ao proxecto (contratos laborais e certificados de ter prestados servizos en programas relacionados coa atención terapéutica), en caso de non tela presentado coa solicitude.

– Documentación que acredite a solvencia económica e financeira e técnica e profesional, de acordo coas fórmulas escollidas na declaración responsable presentada coa solicitude, de ser o caso.

– Documentación que acredite a subscrición dos seguros que se mencionan a continuación:

A entidade adxudicataria virá obrigada á constitución dunha póliza de seguros para a cobertura dos seguintes riscos:

1. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, bens, aparellos e materiais afectos ao servizo.

2. De responsabilidade civil que cubra:

– Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento dos locais da entidade adxudicataria con que conta o programa.

– Os danos que puidesen ser causados ás persoas e aos bens de terceiros, polos profesionais e, en xeral, calquera persoa dependente da entidade adxudicataria, incluídos os actos derivados de actividades realizadas relacionadas coa prestación do servizo.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000,00 € por sinistro e 300.000,00 € por anualidade.

A xustificación da póliza subscrita e do pagamento da prima deberá realizarse no momento da formalización, e cada vez que se renove a póliza.

– Xustificación de presentación na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (na sede de Santiago de Compostela da Consellería de Facenda e Administración pública ou nas delegacións provinciais da Axencia tributaria de Galicia-Atriga) da garantía que se exixe no punto S.2 desta resolución.

4. Formalización do concerto.

1. Este concerto social formalizarase mediante un documento administrativo, co contido establecido no artigo 19 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, dentro dos 30 días seguintes ao da publicación da resolución de concertación.

2. O documento de formalización será subscrito, en representación da Administración, pola persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude ou pola persoa en que delegue.

3. O concerto perfeccionarase coa súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.

4. Efectuada a formalización, a entidade concertada estará obrigada a prestar ás persoas usuarias os servizos sociais nas condicións establecidas na normativa sectorial aplicable, nesta resolución de convocatoria do concerto social e nos criterios de preferencia e selección da entidade.

5. Cando, por causas imputables á entidade concertada, non se formalizase o concerto social, a Administración acordará a súa resolución e a incautación da garantía no caso de terse constituído.

6. Se as causas da non formalización fosen imputables á Administración, indemnizarase á entidade polos danos e perdas que a demora lle puidese ocasionar.

L) Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

M) Prazo de resolución, notificación e publicación.

1. Dado que o Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual está cofinanciado polo FSE+, deberá notificarse ao beneficiario un documento no que se establezan as condicións da axuda. Nesta resolución constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade e obxectivo específico. Así mesmo, figurará a identificación do adxudicatario, o prezo que recibirá e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Tamén se lle informará de que a adxudicación do concerto implicará a súa aparición na lista de operacións que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. A resolución de concertación será publicada no Diario Oficial de Galicia e a publicación terá os efectos da notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concertación será de tres meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo poderá ser ampliado, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo, por un prazo máximo doutros tres meses.

9. Transcorrido o prazo establecido sen se ditar e notificar resolución, as entidades poderán entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

N) Recursos contra a resolución.

Este concerto terá carácter administrativo e rexerase nos seus efectos, polo establecido nas súas cláusulas, polo disposto no art. 18 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, así como a Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Na súa falta, para resolver as lagoas e dúbidas que puidesen presentarse, rexerase polo establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, así como pola Lei 40/2015, do 1 de outubro.

As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude poñendo os seus acordos fin á vía administrativa. Contra elas cabe recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes se a resolución for expresa. Se o acto non for expreso, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se este for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O) Criterios de selección e preferencia.

1. Para a formalización deste concerto, de acordo co artigo 33 quinquies.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, darase prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que, en todo caso, se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.

Entenderase que existen análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social cando as ofertas presentadas polas entidades sen ánimo de lucro superen os 40 puntos segundo o baremo establecido no punto 2 desta cláusula.

Cando non se dean análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, ou en ausencia de entidades de iniciativa social, a Administración poderá concertar co resto de entidades prestadoras de servizos sociais.

2. Neste procedemento de asignación de concerto establécense os seguintes criterios para a selección da entidade adxudicataria, coa finalidade de acadar unha valoración que sirva para establecer unha orde de prelación para concertar:

a) Calidade do proxecto técnico (40 puntos), baremado de acordo cos seguintes criterios:

a.1) Proxecto de intervención coas familias e nenos, nenas e adolescentes, ata 35 puntos, tendo en conta a coherencia entre as distintas problemáticas e necesidades atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos, segundo os seguintes criterios:

– Descrición das necesidades e características das familias e menores, beneficiarias deste programa: 3 puntos.

– Definición da estrutura e fases da intervención-fases de derivación (incluirase un protocolo que describa a inclusión de persoas usuarias no programa), elaboración do plan de actuación, intervención, seguimento e finalización: ata 7 puntos.

– Desenvolvemento da intervención que se aplicará en función das características e necesidades das nenas, nenos, adolescentes e as súas familias e persoas coidadoras: ata 15 puntos.

– Sustento teórico, estratexias e ferramentas a través das cales se articulará o programa: ata 5 puntos.

– Modelos de coordinación cos equipos técnicos de menores das xefaturas territoriais e co resto de axentes sociais e entidades administrativas que interveñan no caso: ata 5 puntos.

a.2) Calidade do sistema de avaliación dos resultados da intervención coas familias e nenos, nenas e adolescentes proposto: ata 5 puntos.

b) Instalacións en que se levará a cabo o servizo: ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

b.1) Dimensións, distribución e grao de adecuación dos espazos, así como grao de adecuación dos equipamentos ás actividades que se vaian realizar, incluída a situación xeográfica: ata 5 puntos.

b.2) Grao de conservación, calidade e confortabilidade dos espazos e equipamentos, incluída a accesibilidade: ata 5 puntos.

c) Medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade: ata 10 puntos:

De acordo co establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, valorarase a existencia na entidade de políticas en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución deste concerto do seguinte xeito:

c.1) Estar en posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, ou equivalente (4 puntos).

c.2) Estar en posesión do Certificado de Empresa Familiarmente Responsable, ou equivalente (4 puntos).

c.3) Estar en posesión do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou equivalente (2 puntos).

d) Experiencia do persoal asignado ao proxecto, ata 15 puntos. Computarase un punto por cada ano de experiencia do persoal asignado ao proxecto en materia de intervención con vítimas de abuso sexual infantil. Terase en conta a experiencia laboral como persoal técnico en programas ou servizos relacionados directamente co obxecto deste concerto, incluídos os prestados no ámbito dos servizos sociais comunitarios.

En caso de que a entidade acredite a súa solvencia técnica e profesional (liña b.2 da cláusula F desta resolución) a través da experiencia de dous anos da persoa que exerza de de coordinadora e outros dous membros do equipo técnico, este período non se terá en conta para o cómputo neste criterio.

e) Formación do persoal asignado ao proxecto, ata 15 puntos. Valorarase cun punto cada dez horas de formación do persoal en materia de protección á infancia. Neste sentido, terase en conta a participación en congresos ou xornadas, sempre que as certificacións de asistencia se refiran aos dez últimos anos. Para que sexan baremadas, as actividades formativas terán que corresponder a formación regrada e homologada ou ter sido organizadas por entidades autorizadas pola administración a prestar servizos sociais (inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, ou equivalente).

f) Por cada ano de servizo acreditado pola entidade concertada no ámbito da protección á infancia e á adolescencia, ata 10 puntos. Computarase un punto por cada ano por encima do requisito mínimo para optar ao concerto establecido na letra c) da cláusula F desta resolución (dous anos).

Empregarase como criterio de desempate un número de integrantes do cadro de persoal superior ao 2 % nos termos do artigo 147.1.a) e o Acordo do Consello da Xunta do 8.4.2010 así como o previsto no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. No caso de que varias empresas se atopen nestas circunstancias, terá preferencia na adxudicación do concerto o licitador que acredite maior porcentaxe de persoal fixo con discapacidade no seu cadro de persoal.

P) Composición e funcionamento da Comisión de Valoración.

1. A Comisión de Valoración está composta polo persoal funcionario que a continuación se relaciona:

Titular

Suplente

Presidencia

Subdirección xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Vogalías

Xefatura do Servizo de Protección de Menores

Xefatura do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil

Psicólogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Pedagogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Psicólogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Psicólogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Secretaría

Xefatura da Sección de Tramitación Administrativa

Xefatura da Sección de Programación

2. Na organización e funcionamento da Comisión de Valoración aplicarase o disposto, en materia de órganos colexiados, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. O órgano instrutor a través da Comisión de Valoración poderá solicitarlles aos interesados cantas aclaracións e ampliacións de información e documentos sexan precisos para a adecuada resolución do procedemento, e en xeral, realizar cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución, entre os que se incluirá en todo caso un prazo de corrección de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

4. Así mesmo, a Comisión de Valoración poderá solicitar os informes técnicos que precise nos seus labores de instrución, de acordo co disposto no artigo 15 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Q) Condicións técnicas e materiais da prestación obxecto do concerto social.

Q.1. Definición do servizo.

O obxecto deste concerto consiste en desenvolver o Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 (estimación para 10 meses) a 2026, con posibilidade de prórrogas ata o 2028. Este programa desenvolverase cos seguintes obxectivos:

• O acompañamento e asesoramento dos NNA e das súas persoas adultas coidadoras para que adquiran as estratexias e habilidades necesarias para afrontar as consecuencias dos abusos sexuais.

• A elaboración dunha narrativa adecuada do trauma e promoción da integridade da identidade e do benestar biopsicosocial do NNA.

• O desenvolvemento dun contexto de seguridade e de prevención de novas situacións traumáticas.

Son obxectivos específicos:

• Contribuír, a nivel teórico, á adquisición dun coñecemento máis preciso das situacións sociofamiliares dos nenos e nenas acollidos/as en centros e das estratexias de prevención máis axeitadas para cada caso.

• Traballar na procura da mellora do sistema de protección á infancia con dificultades sociais, especialmente nas situacións de maltrato infantil.

Áreas de intervención:

• Atención psicoterapéutica a menores vítimas de abusos sexuais na infancia.

• Atención psicoterapéutica ás familias, con especialmente atención a aquelas en que as nais e pais foron vítimas de ASI.

• Grupo de terapia especial para nais de NNA vítimas de abuso sexual intrafamiliar.

Os principios que guiarán as actividades e as intervencións do programa serán os seguintes:

• Superior interese do menor. Como todas as medidas de protección e intervención con menores, no Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, este deberá estar xustificado por ser a actuación que mellor atende os intereses concretos de cada NNA en cada momento. Iso implica a protección e a garantía dos seus dereitos fundamentais como persoa, consagrados na Convención de Dereitos do Neno e recollidos na lexislación española e galega.

• Atención ás necesidades dos NNA como eixe prioritario. O Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, así como os procedementos que se establezan para o seu desenvolvemento, deberán basearse, fundamentalmente, na súa capacidade para cubrir adecuadamente as necesidades dos NNA e das súas familias.

• Atención integral, individualizada, proactiva e rehabilitadora. A atención do programa aos NNA deberá estar baseada na educación integral do NNA, con especial atención ás súas necesidades intelectuais, afectivas e de relación co seu contorno social.

• Detección temperá das dificultades. A súa finalidade é non entorpecer o adecuado desenvolvemento das intervencións futuras e así poder propor aqueles recursos que sexan necesarios, segundo o criterio do correspondente equipo técnico do menor (ETM).

• Tratar de que o NNA estea o máis confortable posible coas actuacións: isto garantiráselle por medio dun bo trato persoal e mediante a reparación da súa confianza nos adultos, á vez que se lle potencia o seu desenvolvemento persoal e a súa integración social.

• Participación dos NNA nas decisións que os afecten. A participación dos NNA debe ser un eixe prioritario do traballo dos profesionais e persoas implicadas no proceso do programa, xa que, ademais do seu dereito, é tamén un obxectivo educativo en si mesmo para xerar experiencias de carácter persoal e fomentar o desenvolvemento das súas habilidades necesarias para o seu exercicio, e pola transcendencia que estas terán no seu futuro. Este principio tamén se debe aplicar á familia de orixe e aos profesionais que interveñan no programa para a mellora continua das metodoloxías e procedementos de actuación.

• Normalización e especialización. Estes dous conceptos complementarios farán que os NNA poidan gozar dunha vida normalizada dentro das rutinas cotiás e dun acceso amplo aos recursos da comunidade. Pero tamén adquirir aqueles coñecementos e destrezas cos que poidan cubrir as súas necesidades específicas que, doutro xeito, quedarían desatendidas. Precísase ofrecer á familia de orixe aqueles referentes positivos que lle poidan servir como apoio aos procesos de aprendizaxe, e que favorezan o desenvolvemento natural e potencien os factores de protección fronte aos de risco. Así mesmo, potenciarase a creación de redes sociais que constitúan alternativas referenciais diferentes e externas ao contexto do fogar, proporcionando espazos de vida normalizados e, de ser o caso, apoios sociais personalizados.

• Transparencia, eficacia e eficiencia. O Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual contará cunha metodoloxía deseñada a partir do Plan individualizado de protección e, de ser o caso, do proxecto educativo, en que se contextualizarán e xustificarán unhas estratexias de afrontamento e abordaxe coherentes e que poidan levar a resultados positivos. A entidade concertada incorporará os sistemas de rexistro que se precisen para o control das principais actividades e incidencias que se desenvolvan, secuenciando e monitorizando a evolución dos NNA mediante a avaliación continua.

• Proporcionalidade e intervención mínima: as actuacións que se leven a cabo axustaranse estritamente ás necesidades detectadas no NNA, polo que as intervencións terán que someterse aos principios de legalidade, necesidade, proporcionalidade e intervención mínima na súa vida escolar, familiar e social, á vez que se lle asegura a ausencia de praxes e intervencións especializadas sen unha adecuada fundamentación, e que estas non excedan nin do tempo nin da intensidade que requira cada caso.

Q.2. Poboación atendida polo servizo.

O programa ten como destinatarios a nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual infantil que mostran desaxustes emocionais e/ou de conduta como consecuencia do abuso sexual infantil. A intervención coas persoas beneficiarias poderá estenderse ata os 25 anos no caso de que fosen obxecto dunha medida de protección á infancia por parte da entidade pública.

Poderán derivar casos a este programa aquelas administracións públicas, centros escolares e entidades prestadoras de servizos sociais que desenvolvan as súas actuacións con nenos, nenas e adolescentes.

Ademais, serán tamén persoas destinatarias tamén os familiares non agresores e as principais persoas responsables do coidado dos nenos e das nenas.

Finalmente, o programa ten como destinatarios os equipos profesionais da rede que traballan na contorna de nenos e nenas abusadas (equipos técnicos do menor, profesionais de centros de acollida cando houbo unha medida de separación da familia, profesionais da educación social, traballo social, pediatría, profesionais da contorna escolar, e demais profesionais implicados na rede de atención á infancia).

Q.3. Contidos do programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual.

O número de casos que a rede terá capacidade para atender non será inferior aos 100.

A entidade adxudicataria terá como obrigas:

– Executar o programa de conformidade co establecido no proxecto técnico que presente, coas modificacións e indicacións que a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, de acordo con este prego técnico, poida establecer.

– Designar os profesionais que levarán a cabo o programa en cada provincia, ao que tamén poderán vincular o persoal voluntario que xulgue conveniente.

O persoal necesario para o desenvolvemento do programa, e en función do cal se calculan os módulos económicos, é o seguinte:

Categoría

Número de efectivos

Coordinador/a

0,5

Psicólogos/as,

2,5

Persoal administrativo

0,5

– Pór á disposición do programa os locais necesarios para levar a cabo as distintas actividades e intervencións propias do programa.

– Seguir a metodoloxía e procedemento de intervención do proxecto técnico que presente, de acordo cos labores de coordinación establecidos pola Consellería de Política Social e Xuventude. En particular, a valoración e a orde de prelación da atención dos casos que se deriven ao programa será efectuada por persoal técnico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Ademais, o programa contará con supervisión para garantir a adherencia á metodoloxía do persoal técnico asignado.

– Desenvolver as actividades necesarias para a formación do persoal encargado da execución do programa.

– Asegurarse do mantemento do control de calidade en todas as fases de execución do programa.

– Emitir un informe ao final de cada tratamento que defina os seguintes aspectos: (a) resultados do tratamento; (b) recomendacións para a traxectoria futura da nena, neno ou adolescente; (c) formulación do procedemento e prazos do seguimento.

– Levar a cabo un seguimento posterior de todos os casos que recibisen tratamento, tanto se o finalizaron satisfactoriamente coma se foi interrompido ou abandonado, como mínimo aos 3, 6 e 9 meses desde a finalización do tratamento, sen prexuízo doutras actuacións ou procedementos específicos que poidan sinalarse no informe final.

– Levar a cabo a avaliación de resultados anual do desenvolvemento do programa, que será remitida á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

– Establecer un dispositivo de Apoio á Intervención en Crise para dar asesoramento e apoio aos/ás coidadores/as (familias de orixe, educadores/as ou acolledores/as) dos/das menores en tratamento cando xurda unha situación de crise.

Os obxectivos do tratamento que se prestará a través do programa definido neste prego técnico son os seguintes:

– Información sobre o trauma, os seus efectos e o desenvolvemento de tratamento.

– Técnicas para o manexo da tensión.

– Axuda para identificar e diferenciar as emocións e para expresalas de forma axeitada.

– Axuda para recoñecer e cambiar os pensamentos e crenzas ao redor do trauma que estean a dificultar unha boa evolución tanto por parte do NNA como das principais persoas responsables do seu coidado.

– Creación dun marco positivo en que integrar as dificultades de regulación de conduta e investigar e alentar outras novas máis funcionais no seu manexo, especialmente con respecto ás reaccións de ira, hostilidade, rabia e as emocións asociadas.

Q.4. Medios para a prestación do servizo.

Locais e equipamento:

A entidade concertada achegará a totalidade dos medios e materiais necesarios para facilitar unha atención adaptada ás condicións do servizo, entre os que se atopan os locais, material informático, telefónico e outros necesarios adecuados para o desenvolvemento das súas funcións, e de acordo co establecido no punto 4 deste prego técnico.

Desprazamentos e axudas de custo:

Todos os gastos derivados de desprazamentos e axudas de custo correrán a cargo da entidade concertada.

Marco de actuación:

A entidade adxudicataria deberá garantir o cumprimento dos procedementos establecidos pola Administración así como a normativa que afecte o servizo.

Medios humanos:

Os medios persoais necesarios para o funcionamento do programa serán achegados pola entidade concertada, que deberá poñer á disposición do programa o persoal necesario e coa adecuada preparación técnica, de acordo coas indicacións contidas no punto 5 do prego de prescricións técnicas.

A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica poderá exercer en calquera momento a comprobación do cumprimento das ratios de persoal da entidade vinculada ao contrato, mediante o requirimento dos documentos TC2 – Relación nominal de traballadores, ou ben mediante a comprobación in situ a través dos seus servizos de inspección.

A entidade adxudicataria deberá atender as necesarias substitucións de persoal do equipo técnico en caso de baixa, vacacións, licenzas, etc.

O persoal que forme parte do equipo técnico deberá, de acordo co artigo 57 da LO 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, presentar a certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.

En ningún caso, o equipo que a entidade concertada poña á disposición do programa poderá actuar baixo a dependencia da Consellería de Política Social e Xuventude, debendo ser a propia entidade a que lle imparta as ordes oportunas aos seus equipos e teña o correspondente poder de dirección, conservando, ademais, os dereitos, obrigas, riscos e responsabilidades inherentes á súa condición de empregador.

A formalización do presente concerto non implicará ningún tipo relación laboral ou de calquera outra natureza entre as persoas que o desenvolvan e a Consellería de Política Social e Xuventude, polo que non se lle poderá exixir ningunha responsabilidade a esta por estes conceptos, nin directa nin subsidiariamente.

Equipo técnico.

O equipo técnico estará constituído por:

Coordinador/a: ten baixo a súa responsabilidade a supervisión e xestión directa do persoal adscrito ao programa. É o/a encargado/a de coordinar o equipo de traballadores/as e é a persoa interlocutora cos servizos da Administración. Responderá ao perfil de psicólogo/a xeral sanitario/a ou especialista en Psicoloxía clínica.

As súas funcións serán, entre outras e ademais de participar na intervención coas funcións atribuídas ao equipo de psicoloxía, as de:

• Cumprir as instrucións, directrices e resolucións que a entidade pública dite ao respecto.

• Dirixir e coordinar os servizos prestados pola entidade en relación con este programa e supervisar as tarefas do persoal vinculado ao servizo de xeito que se garanta a calidade da intervención.

• Planificar e supervisar a intervención terapéutica.

• Controlar que as instalacións e materiais para a realización do traballo do programa sexan os adecuados e que estean en bo estado para o desenvolvemento das actividades.

• Asegurar que os/as profesionais e equipos de traballo do programa cumpran coa normativa vixente, as directrices e instrucións das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude e da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, así como coas normas de funcionamento interno do servizo.

• Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias e dos seus proxectos educativos individuais.

• Garantir o proceso e tratamento adecuado das queixas, reclamacións ou suxestións de mellora formuladas polas persoas usuarias do servizo.

• Coordinar o persoal e os equipos do programa co Equipo Técnico do Menor e, se for caso, cos equipos e profesionais doutros programas en que participe a persoa menor, para garantir e mellorar a eficacia da intervención.

• Asistir ás reunións, entrevistas ou actos procesuais a que sexa convocada pola Administración.

• Velar polo cumprimento da Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos, e o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

• Calquera outra que veña establecida na normativa aplicable.

B. Área administrativa: o persoal adscrito á área administrativa realizará funcións de apoio administrativo, contable e fiscal no ámbito do programa, e xestionará e arquivará a documentación de que sexa responsable. Este tipo de servizos poderano prestar persoal propio da entidade ou externo.

C. Equipo de psicoloxía: este persoal deberá responder ben ao perfil de psicólogo/a xeral sanitario/a ou de psicólogo/a especialista en psicoloxía clínica. As súas funcións son as seguintes:

• Valoración da situación psicosocial de cada menor de forma individualizada.

• Valoración da situación psicosocial dos compoñentes habituais das familias dos menores.

• Elaboración e emisión de informes técnicos sobre os menores e os compoñentes habituais das súas familias.

• Asesoramento e apoio á toma de decisións do resto dos compoñentes do equipo técnico e da persoa coordinadora.

• Traballo en contacto directo cos menores sobre as súa características psicolóxicas particulares para conseguir os obxectivos establecidos nos seus plans individualizados de intervención e, de ser o caso, proxectos educativos de centro.

• Elaboración e execución de programas de psicolóxicos tanto individual como grupal cos nenos, nenas e adolescentes.

• Elaboración de informes psicolóxicos que faciliten información sobre as actuacións que van desenvolver os outros técnicos do equipo na súa aplicación do programa individualizado do menor.

• Coordinación con outros especialistas externos, como o psiquiatra, no proceso de avaliación e intervención cos menores que así se requiran.

• Achegar a perspectiva psicolóxica a aqueles profesionais ou integrantes de equipos externos que deban facer algún tipo de intervención co NNA.

• Todas aquelas que así se establezan de acordo coa actividade laboral da súa especialidade.

6. Relacións entre a Administración e a entidade adxudicataria.

Estableceranse accións de coordinación a varios niveis:

– Xefatura de Servizo das xefaturas territoriais correspondentes a cada caso-Servizo de Protección de Menores da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica-coordinación do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual.

– Cando os casos correspondan a NNA con expediente de protección á infancia ou á adolescencia, o ETM da xefatura territorial a que corresponda o caso coordinarase coa entidade adxudicataria para a planificación e avaliación dos casos derivados a este programa.

– Ademais, a entidade concertada comprométese a estar á disposición da Administración contratante para cantas reunións haxa que manter como consecuencia da realización deste proxecto.

R) Subrogación.

O persoal susceptible de subrogación, así como a información precisa para coñecer unha exacta avaliación dos custos laborais, que implicará esta medida, imposta pola normativa laboral, exprésanse no anexo VI.

De acordo co establecido no artigo 34 do IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, será persoal susceptible de subrogación aquel cunha antigüidade mínima de catro meses na data da adxudicación do concerto. En consecuencia, esta relación é susceptible de sufrir modificacións, que se publicarán en canto se teña coñecemento.

S) Aspectos relativos á execución do concerto social.

1. Dereitos e obrigas das partes.

1.1. Obrigas da entidade concertada.

A entidade concertada está obrigada a:

a) Organizar e prestar o servizo con estrita suxeición ao réxime xurídico de aplicación, de acordo coas características establecidas nesta resolución e no prego técnico do concerto e coa continuidade e calidade convida.

b) Admitir na utilización do servizo toda persoa usuaria remitida pola Administración concertante e garantir a súa prestación nas condicións que foron establecidas, de acordo cos principios de igualdade e non discriminación.

c) Prestar ás persoas usuarias de forma gratuíta os servizos establecidos no concerto social.

d) Respectar os dereitos das persoas usuarias recollidos no ordenamento xurídico e no réxime xurídico do servizo.

e) Indemnizar polos danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requiran o desenvolvemento do concerto social, excepto cando o dano se produza por causas imputables á Administración. Para estes efectos, a entidade estará obrigada a subscribir un seguro de responsabilidade civil para cubrir as continxencias que se poidan producir pola prestación do servizo, segundo se indica na cláusula F e K.3.

f) Manter o servizo público conforme o que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental, de accesibilidade e eliminación de barreiras e de seguridade das persoas usuarias que resulte de aplicación.

g) Dar a coñecer a condición de entidade concertada mediante a difusión na documentación e publicidade das actuacións obxecto deste concerto social. A entidade concertada deberá incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia e Consellería de Política Social e Xuventude. A entidade disporá tamén dun rótulo, no lugar ou centro onde se presten os servizos, en que se identifique que o servizo está concertado coa Xunta de Galicia co seu respectivo logotipo.

h) Dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do concerto. En particular, cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade co disposto nos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

i) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo Plus, así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas de ambos os organismos en toda documentación xerada polo programa e, como mínimo, nos seguintes documentos, de ser o caso:

• Partes de asistencia e/ou de participación.

• Relacións e follas de seguimento.

• Enquisas de avaliación.

• Certificados de asistencia.

• Memorias periódicas, etc.

j) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057. Os indicadores de realización relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coa actuación financiada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo Organismo Intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

k) Facilitar toda a información requirida pola Administración, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Administración, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo Plus (FSE+), a entidade beneficiaria quedará sometida ás actuacións de control, comprobación e inspección que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

m) Comunicar á Administración calquera cambio ou variación que se produza na prestación dos servizos, así como calquera subvención, axuda ou achega privada recibida relacionada coa prestación dos servizos concertados.

n) Facilitar os labores de control e inspección do cumprimento do concerto social, en particular, poñendo á disposición da Administración toda a información económica, fiscal, laboral, técnica e asistencial ou de calquera outra clase que sexa precisa para este fin, con suxeición á lexislación en materia de protección de datos e á restante normativa aplicable.

o) Cumprir coas disposicións vixentes en materia laboral, de seguridade social, de seguridade e saúde laboral e igualdade de xénero. Ademais, deberá proporcionarlles aos seus traballadores e traballadoras un traballo de calidade e estable, protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais e promover condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.

p) Cumprir as disposicións vixentes en materia fiscal, de integración social de persoas con discapacidade, de prevención de riscos laborais e de protección do ambiente que estableza a normativa vixente, os convenios colectivos que sexan de aplicación e as recollidas nesta convocatoria.

q) Cumprir o establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, en particular, o establecido en relación coa comprobación de antecedentes de delitos sexuais e trata de seres humanos na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e adolescencia fronte á violencia.

r) O persoal asignado á prestación do concerto social dependerá exclusivamente da entidade concertada, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa calidade de empregador respecto del, sendo a Administración concertante de todo allea ás referidas relacións laborais. En ningún caso poderá alegar ningún dereito o referido persoal en relación coa Administración concertante, nin exixirse a esta responsabilidades de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade concertada e os seus empregados.

s) Subministrar á Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

t) A entidade concertada facilitará que as persoas usuarias poidan formular suxestións e queixas sobre a prestación do servizo concertado, que se poderán presentar ante a Administración ou ben ante a propia entidade concertada. Para estes efectos, existirá un libro de reclamacións en que as persoas usuarias e quen as represente legalmente poderán facer constar as queixas que coiden pertinentes. A entidade concertada deberá remitir as suxestións e queixas recibidas á Administración.

u) Calquera outra prevista na normativa que, con carácter xeral ou específico, sexa de aplicación, no réxime xurídico do servizo.

v) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

w) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

1.2. Obrigas da Administración concertante.

1. A Consellería de Política Social e Xuventude está obrigada a aboar á entidade concertada o prezo estipulado dentro dos trinta días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, de acordo coa forma de pagamento recollida neste mesmo punto da convocatoria do concerto.

2. A Consellería de Política Social e Xuventude deberá ter informada a entidade concertada de calquera circunstancia da que teña coñecemento e que afecte de xeito relevante ao concerto social formalizado, especialmente nos casos en que esta poida ter incidencia na futura configuración dos termos e condicións do concerto.

1.3. Incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada.

O incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada será sancionado de acordo co disposto no título IX da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

1.4. Incumprimento das obrigas por parte da Administración.

Se a Consellería de Política Social e Xuventude se demora no pagamento e incumpre o prazo de 30 días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, deberá aboar á entidade concertada, a partir do cumprimento do dito prazo, os xuros de demora e a indemnización por custos de cobramento, nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

2. Constitución de garantía.

A entidade adxudicataria ten que constituír una garantía de 28.577,79 euros e debe depositarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (na sede de Santiago de Compostela da Consellería de Facenda e Administración Pública ou nas delegacións provinciais da Axencia Tributaria de Galicia-Atriga).

1. A garantía poderá prestarse nalgunha ou algunhas das seguintes formas:

a) En efectivo ou en valores, que en todo caso serán de débeda pública, con suxeición, en cada caso, ás condicións establecidas nas normas de desenvolvemento desta Resolución. O efectivo e os certificados de inmobilización dos valores anotados depositaranse na Caixa Xeral de Depósitos ou nas súas sucursais encadradas nas delegacións de Facenda, ou nas caixas ou establecementos públicos equivalentes das comunidades autónomas ou entidades locais contratantes ante as que deban fornecer efectos, na forma e coas condicións que as normas de desenvolvemento desta lei establezan, sen prexuízo do disposto para os contratos que se celebren no estranxeiro.

b) Mediante aval, prestado na forma e condicións que establezan as normas de desenvolvemento desta resolución, por algún dos bancos, caixas de aforros, cooperativas de crédito, establecementos financeiros de crédito e sociedades de garantía recíproca autorizados para operar en España, que deberá depositarse nos establecementos sinalados na letra a) anterior.

c) Mediante contrato de seguro de caución, celebrado na forma e condicións que as normas de desenvolvemento desta resolución establezan, cunha entidade aseguradora autorizada para operar no ramo. O certificado do seguro deberá entregarse nos establecementos sinalados na letra a) anterior.

2. A acreditación da constitución da garantía definitiva deberá realizarse mediante medios electrónicos.

3. Cumpridas polo concertante as obrigacións derivadas do concerto, se non resulten responsabilidades que se deban exercer sobre a garantía definitiva, e transcorrido o período de garantía dun ano, se for o caso, ditarase acordo de devolución ou cancelación daquela, logo de informe favorable do responsable do concerto ou de quen exerza a dirección deste.

3. Réxime de pagamentos.

1. O pagamento do prezo que corresponda a cada mes segundo os importes establecidos na cláusula D.3 desta convocatoria realizarase logo da conformidade do Servizo de Protección de Menores.

2. Para o aboamento do servizo a entidade adxudicataria presentará, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que se realizou efectivamente a prestación, os seguintes documentos:

– Factura pola prestación do servizo. As facturas electrónicas emitidas presentaranse no Sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia (SEF). O SEF proporcionará ao presentador un xustificante de recepción electrónica no cal constarán, como mínimo, a data e a hora de presentación, o órgano xestor destinatario e o número de asento rexistral da factura. Así mesmo, incluirá un código seguro de verificación que permitirá en calquera momento validar ante o sistema a exactitude do documento.

O Rexistro Contable de Facturas está integrado co SEF. A anotación no rexistro contable de facturas é requisito previo necesario para a tramitación do recoñecemento da obriga.

A información sobre este será a través das seguintes URL: http://conselleriadefacenda.es/factura ou http://www.conselleriadefacenda.es/sicon

– Relación de casos atendidos, asinada pola persoa responsable do servizo, segundo modelo establecido no anexo IV.

– Certificado da entidade onde conste o persoal adscrito á execución deste servizo, segundo o modelo establecido no anexo V. Ordenado por grupo profesional e posto de traballo, especificando nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato, titulación e dedicación horaria. No caso de que a relación de persoal non sufra variacións respecto do período anterior, estes documentos poderán substituírse por unha declaración en tal sentido.

3. Sen prexuízo das competencias de inspección en materia de servizos sociais da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, a entidade concertada estará sometida ás actuacións de control e vixilancia que leve a cabo a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a debida xustificación dos fondos e do cumprimento dos fins do programa do presente concerto, así como as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa finalidade de asegurar o correcto cumprimento do concerto social subscrito.

4. A percepción indebida de cantidades por parte da entidade concertada comportará a obriga de reintegralas á Administración. Cando o reintegro se efectúe por requirimento da Administración, daráselle audiencia á entidade e seguirase o procedemento que corresponda, sen prexuízo das posibles sancións e resolución do concerto social.

5. As entidades concertadas que teñan dereitos de cobramento fronte á Administración poderán cedelos conforme dereito. Para a cesión dos dereitos de cobramento seguirase o mesmo procedemento e exixiranse os mesmos requisitos que os recollidos no artigo 200 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.

4. Limitacións subcontratación e cesión de servizos concertados.

1. Queda prohibida a subcontratación das prestacións obxecto deste concerto.

2. Queda prohibida a cesión, total ou parcial, dos servizos obxecto deste concerto, excepto cando a entidade concertada sexa declarada en concurso de acredores e non quede garantida a continuidade da atención das persoas usuarias, con autorización expresa e previa da Consellería de Política Social e Xuventude, que adoptará as medidas precisas para garantir a continuidade e calidade do servizo.

5. Sucesión da entidade concertada.

1. O cambio da titularidade do servizo concertado, xa sexa por sucesión da entidade concertada ou pola cesión do concerto formalizado, terá a consideración de modificación do concerto social.

2. Poderase producir a sucesión da entidade concertada cando a primeira se fusione ou transforme noutra. Neste caso, o concerto continuará vixente coa entidade que a suceda, sempre que esta continúe reunindo os requisitos exixidos para formalizar o concerto social.

A entidade sucesora subrogarase nos dereitos e obrigas derivados do concerto social que estivesen vixentes no momento da sucesión.

3. Se non for posible concertar coa entidade sucesora por non cumprir esta cos requisitos exixidos no concerto social, considerarase, para todos os efectos, un suposto de resolución do concerto por culpa da entidade concertada.

4. Para os efectos anteriores, a entidade concertada deberá comunicar á Consellería de Política Social e Xuventude a circunstancia que se producise.

T) Modificacións.

Modificación do acordo de concertación.

1. Unha vez formalizado o concerto social, poderanse introducir modificacións só cando estas obedezan a razóns de interese público como consecuencia de circunstancias sobrevidas, debidamente xustificadas e derivadas das necesidades de atención ás persoas usuarias.

As modificacións deste concerto non poderán alterar as condicións esenciais da concertación e deben ser as estritamente indispensables para responder ás causas obxectivas que as fagan necesarias.

As modificacións só serán posibles cando non afecten os requisitos legais para a prestación dos servizos, non supoñan unha mingua na calidade do servizo e, de implicar un custo, exista crédito adecuado e suficiente para poder asumilo.

De acordo co artigo 28 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, poderase variar a contía dos servizos contratados, sen que o incremento poida superar o 50 %.

2. O procedemento de modificación poderase iniciar de oficio, con audiencia á parte interesada, ou por instancia de parte mediante proposta da entidade concertada. Estes aspectos deberán quedar documentados, xunto co informe da Asesoría Xurídica e os demais informes que procedan en particular o da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, con carácter previo á formalización da modificación.

3. O órgano competente para autorizar a modificación será a persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Modificación das condicións técnicas.

1. As condicións recollidas nos pregos técnicos do concerto social poderán ser modificadas como consecuencia de cambios normativos que as afecten ou da súa revisión por parte da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. No expediente de modificación deberá constar unha memoria económica en que se avalíe o impacto no cambio das condicións técnicas nos módulos económicos. De ter incidencia nestes últimos, deberase proceder ao seu reaxuste.

3. Se é a Consellería de Política Social e Xuventude a que decide revisar as condicións técnicas do concerto social, os cambios deberán estar motivados na mellor ou máis axeitada prestación dos servizos mediante informe dos técnicos da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Deberáselles dar audiencia ás entidades concertadas afectadas para que poidan formular propostas e alegacións á revisión proposta.

U) Resolución e extinción do concerto social.

1. Causas de extinción do concerto social.

Este concerto social extinguirase polas seguintes causas:

a) Cumprimento do concerto social.

b) Resolución do concerto social.

2. Cumprimento do concerto.

O concerto social entenderase cumprido pola entidade concertada cando este se realizase, de acordo cos seus termos, na totalidade da prestación e finalizase o seu período de vixencia.

3. Extinción do concerto por resolución.

1. Serán causas de resolución do concerto social as seguintes:

a) O mutuo acordo entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a entidade concertada.

b) A non formalización do concerto social ou da súa renovación no prazo establecido.

c) A extinción da personalidade xurídica da entidade concertada.

d) A declaración de concurso de acredores da entidade concertada ou a declaración de insolvencia en calquera procedemento.

e) O cesamento voluntario, coa autorización previa da Consellería de Política Social e Xuventude, da entidade concertada na prestación do servizo.

f) A inviabilidade económica da entidade titular do concerto social, constatada por informes de auditoría externa, cando lle sexan solicitados pola Consellería de Política Social e Xuventude.

g) A revogación da acreditación, homologación ou autorización administrativa da entidade concertada que a habilitaba para a prestación do servizo concertado.

h) O incumprimento das obrigas cualificadas como esenciais no concerto social ou o incumprimento dos estándares e parámetros de calidade exixidos nel, sempre que o incumprimento sexa imputable á entidade concertada.

i) A comisión dunha infracción grave ou moi grave das tipificadas nos artigos 81 e 82 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, cando leven aparellada unha das sancións accesorias previstas no artigo 83.2 da dita norma.

j) O incumprimento grave da lexislación en materia fiscal, laboral, de Seguridade Social e da integración social de persoas con discapacidade e prevención de riscos laborais.

k) Negarse a atender ás persoas usuarias derivadas pola Administración concertante.

l) Prestar servizos como se fosen concertados coa Administración cando isto non sexa así.

m) O incumprimento da prohibición da subcontratación e cesión de servizos concertados recollidos na cláusula S.4).

n) A ausencia de demanda para a cobertura do servizo prestado de xeito relevante e prolongado, xa sexa para a totalidade dos servizos ou para un número significativo que faga inviable economicamente o mantemento do servizo.

ñ) A imposibilidade de continuar prestando o concerto social nos termos inicialmente acordados ou facelo sen ocasionar un prexuízo ao interese público, cando non sexa posible a modificación do concerto.

o) A demora no cumprimento das obrigas económicas por parte da Consellería de Política Social e Xuventude por prazo superior a catro meses.

p) A suspensión por causa imputable a Consellería de Política Social e Xuventude da iniciación do concerto social por prazo superior a seis meses desde a data sinalada para o comezo.

q) A desistencia ou suspensión do concerto social por prazo superior a seis meses acordado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

r) O resto de causas establecidas na normativa sectorial de aplicación ao concerto.

2. A resolución dos concertos sociais por mutuo acordo das partes só poderá ter lugar cando medien razóns de interese público que fagan innecesaria ou inconveniente a continuación do concerto social, e non concorra outra causa de resolución que sexa imputable á entidade concertada.

3. A entidade concertada poderá solicitar a resolución do concerto social cando considere que a Consellería de Política Social e Xuventude incorreu nalgunha das causas imputables a esta. Se a Consellería de Política Social e Xuventude se nega á resolución do concerto social, a entidade estará obrigada a continuar prestando os servizos mentres existan persoas usuarias que deban ser atendidas, sen prexuízo dos recursos que procedan.

4. Se a Consellería de Política Social e Xuventude considera que se produciu un incumprimento da entidade concertada que poida ser causa de resolución do concerto social, iniciará un procedemento administrativo, de acordo co establecido no título IX da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Se procede a resolución do concerto social, a Consellería de Política Social e Xuventude deberá establecer a data en que terá efectos a dita resolución para garantir a continuidade do servizo ás persoas usuarias.

4. Efectos da resolución.

1. Cando a resolución se produza por mutuo acordo, os dereitos das partes acomodaranse ao validamente estipulado por elas.

2. A resolución motivada por un incumprimento da Consellería de Política Social e Xuventude determinará o pagamento dos danos e perdas causados á entidade, tendo en conta os prezos ou módulos económicos vixentes no momento da resolución.

3. Cando a resolución do concerto social teña lugar por incumprimento culpable da entidade concertada, a entidade deberá indemnizar a Consellería de Política Social e Xuventude polos danos e perdas causados.

V) Protección de datos persoais.

1. Tratamento de datos persoais dos representantes das entidades solicitantes do concerto.

Os datos persoais recollidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Política Social e Xuventude, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue na súa solicitude para comprobar a exactitude destes, informar sobre o estado de tramitación e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable segundo o disposto na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do/da menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil e, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o Decreto 42/2000 do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, na Lei orgánica 8/2015, de 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia, e a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

Os datos poderán ser comunicados ás administracións públicas do ámbito autonómico, estatal e comunitario para o exercicio das súas competencias na materia coa finalidade de levar a cabo as actuacións de control previstas.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Tratamento de datos persoais no marco das actuacións de verificacións recollidas na resolución.

As bases lexitimadoras para o tratamento dos datos persoais que poidan ser facilitados para o adecuado seguimento desta resolución e a xustificación dos correspondentes gastos relativos ás actuacións que constitúen o seu obxecto son o cumprimento dunha misión de interese público ou o exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento e o cumprimento dunha obrigación legal, fundamentadas ambas no disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento segundo se explicita en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Contacto Delegado/a de Protección de Datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As entidades concertadas obríganse a informar pola súa vez, ao persoal ao seu servizo e ás persoas usuarias, con carácter previo a que se faciliten os seus datos á Consellería de Política Social e Xuventude, dos aspectos establecidos nos parágrafos anteriores.

3. Tratamento de datos persoais das persoas usuarias.

Os datos persoais necesarios para levar a cabo as actividades realizadas ao abeiro desta resolución serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Política Social e Xuventude. A lexitimación para o tratamento dos datos será o cumprimento dunha misión realizada en interese público e o exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable fundamentada á súa vez na na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do/da menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil e, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia e a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

Os datos persoais que sexan xestionados polas entidades concertadas para a xestión das devanditas accións derivadas da execución do programa, na súa condición de encargadas do tratamento, poderán ser tamén comunicados, cando sexa estritamente necesario, ás entidades acreditativas da formación, ás administracións públicas no exercicio das súas respectivas competencias e outros órganos encargados da xestión e control financeira de Fondos europeos.

As persoas usuarias poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

4. Deber de confidencialidade.

As entidades concertadas deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lle sexan confiados para a formalización e desenvolvemento das accións recollidas na presente resolución. Así mesmo, quedan expresamente obrigadas:

– A utilizar a devandita información exclusivamente no ámbito desta resolución e para as finalidades previstas nela;

– A non comunicala, nin total nin parcialmente, a ningún terceiro sen autorización expresa do emisor salvo nos casos expresamente previstos na lei, exixindo idéntico compromiso ao persoal que empregue ou que con el colabore na execución da resolución;

– A facilitar o acceso á información unicamente ao persoal que a necesite para o desenvolvemento da devandita relación, a quen se comunicará a obrigación de tratar a información a que se lles dá acceso con carácter estritamente confidencial;

– A aplicar medidas de cautela e protección e destruír en calquera momento a documentación escrita recibida, se así o solicita a parte que a forneceu;

Considerarase información confidencial aquela a que as entidades beneficiarias accedan en virtude da presente resolución, especialmente a de tipo técnico ou tecnolóxico, administrativa, ou económico-financeira, sempre que non teña carácter público ou notorio. Este deber manterase aínda despois de finalizada a relación.

5. Encargo do tratamento.

Respecto do tratamento de datos persoais, as entidades concertadas terán a condición de encargadas do tratamento en relación con aquelas tarefas de coordinación administrativa, posta en marcha, desenvolvemento e seguimento das accións obxecto desta resolución, que impliquen a recollida de datos das persoas usuarias.

5.1. Identificación da información afectada.

Como encargadas do tratamento as entidades beneficiarias das axudas xestionarán os datos persoais das persoas usuarias necesarios para a execución das obrigas contidas nesta resolución.

5.2. Obrigas das entidades concertadas como encargadas do tratamento

As entidades concertadas como encargadas do tratamento deberán cumprir coas obrigas recollidas a continuación, exixindo o mesmo compromiso do persoal ao seu servizo:

5.2.a) Tratar por conta do responsable os datos persoais necesarios para levar a cabo adecuadamente a prestación do servizo obxecto do concerto.

5.2.b) Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, só para os efectos desta resolución. En ningún caso poderá utilizar os datos para os seus fins, sendo considerado, neste caso, como responsable do tratamento.

5.2.c) Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, porao inmediatamente en coñecemento do responsable.

5.2.d) Levar por escrito, se é o caso, segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento realizadas por conta do responsable, incluíndo o contido previsto no dito artigo.

5.2.e) Non comunicar os datos a terceiros, salvo que se conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, ou nos supostos legalmente admisibles. O encargado poderá comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste.

5.2.f) O encargado do tratamento non poderá subcontratar ningún dos servizos que formen parte do obxecto do concerto e que impliquen o tratamento de datos persoais, salvo os traballos auxiliares necesarios para o normal funcionamento dos seus servizos.

5.2.g) Sen prexuízo do anterior, no caso de que o encargado do tratamento necesite subcontratar parte dos servizos en que interveña o tratamento de datos persoais, deberá comunicalo previamente por escrito ao responsable do tratamento, indicando os tratamentos que están implicados e pretende subcontratar, identificando de forma clara e inequívoca a empresa subcontratista e os seus datos de contacto. A subcontratación poderá realizarse unha vez autorizada polo responsable do tratamento.

Neste último caso, o subencargado do tratamento, que tamén terá a condición de encargado do tratamento, estará tamén obrigado ao cumprimento das obrigas establecidas neste concerto para o encargado do tratamento inicial e das instrucións ditadas polo responsable. Correspóndelle ao encargado do tratamento inicial, polo tanto, regular a nova relación para que o novo encargado estea sometido ás mesmas condicións (instrucións, obrigas, medidas de seguridade...), co mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial no que se refire ao bo tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas. No caso de incumprimento por parte do subencargado, o encargado inicial seguirá sendo plenamente responsable ante o responsable do cumprimento das obrigas.

5.2.h) O encargado do tratamento tamén estará obrigado a comunicarlle calquera modificación ao responsable do tratamento na incorporación ou substitución doutros subencargados, dándolle así á persoa responsable a posibilidade de opoñerse aos ditos cambios.

5.2.i) Manter o deber de segredo sobre os datos persoais a que teña acceso en virtude do presente contrato, aínda que finalice o seu obxecto.

5.2.j) Garantir que as persoas autorizadas para o tratamento dos datos persoais se comprometen, expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das cales serán informadas oportunamente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obriga.

5.2.k) Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

5.2.l) Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, mediante as medidas técnicas e organizativas oportunas, para que poida cumprir coa súa obriga de atender as citadas solicitudes das persoas interesadas no prazo previsto pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, a petición deste, e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas soliciten o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, esta informaralles, por calquera medio fidedigno, de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/exercicio-dos-dereitos

5.2.m) Comunicarlle ao responsable do tratamento, de forma inmediata e aplicando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información pertinente para a documentación e comunicación da incidencia, se é o caso, á Axencia Española de Protección de Datos (en diante, AEPD), de conformidade co disposto no artigo 33 do RXPD.

5.2.n) Apoiar o responsable do tratamento na realización de avaliacións de impacto relacionadas coa protección de datos e na realización de consultas previas á autoridade de control, cando proceda.

5.2.o) Aplicar, se é o caso, as disposicións contidas no R.D. 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

• Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanente dos sistemas e servizos de tratamento.

• Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais rapidamente, en caso de incidencia física ou técnica.

• Verificar, avaliar e valorar, de forma periódica, a eficacia das medidas técnicas e organizativas postas en marcha para garantir a seguridade do tratamento.

• Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se é necesario.

5.2.p) Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para acreditar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos polas entidades acreditadas ou, de non existir, facilitando a realización das auditorías ou inspeccións que faga o responsable ou outro auditor autorizado.

5.2.q) Designar un delegado de protección de datos, se é o caso segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicarlle a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

5.2.r) Devolverlle ao responsable, unha vez cumpridos os servizos obxecto do presente concerto, os datos persoais e, se é o caso, os soportes onde figuren. A devolución suporá a total supresión dos datos existentes, se é o caso, nos equipos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución do servizo.

W) Fraude, corrupción e conflito de intereses.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade, en relación con actuacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco deste concerto, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento a través da web de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, así como do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

– https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

– https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo.

– En canto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte: https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Así mesmo, serán de aplicación ás actuacións deste concerto as medidas recollidas no Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, que foi asinado o 12 de xaneiro de 2022.

X) Incompatibilidade coa percepción doutros ingresos.

Segundo o artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, este concerto será incompatible coas subvencións para o financiamento do servizo ou prestacións obxecto deste.

Y) Resolución de conflitos.

As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude poñendo os seus acordos fin á vía administrativa. Contra elas cabe recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes se a resolución for expresa. Se o acto non for expreso, poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se este for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o concertante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos, o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Datos sobre o persoal que se vai subrogar

Concerto social con código de procedemento BS213G, consistente na execución do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027

Relación de persoal a subrogar do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual:

Nº orde

Categoría profesional

Contrato

% Xornada Imputada ao programa

Antigüidade

Custe bruto anual 2022 (Salario + Seg. Social Empr.)

1

Psicóloga

Indefinido a tempo parcial

25,00 %

29.8.2022

6.167,97 €

2

Psicóloga

Ordinario indefinido a tempo completo

35,50 %

24.2.2021

8.899,67 €

3

Psicóloga

Indefinido a tempo parcial

44,00 %

21.3.2022

10.855,58 €

4

Psicóloga

Conversión de temporal a indefinido a tempo parcial (con reducción de xornada por coidado de fillos)

22,35 %

1.2.2021

5.580,28 €

5

Psicóloga

Duración determinada a tempo parcial

16,00 %

1.12.2021

3.985,02 €

6

Psicóloga

Conversión de temporal a indefinido a tempo completo

50,00 %

7.4.2021

12.175,99 €

7

Psicóloga

Ordinario indefinido a tempo completo

50,00 %

1.1.1999

13.081,75 €

A xornada do persoal adscrito ao programa ten un horario flexible en función das necesidades dos nenos e nenas usuarias do programa

Relación do persoal de xestión e administración que se vai subrogar do Programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abuso sexual:

Nº orde

Categoría profesional

Contrato

% Xornada Imputada ao programa

Antigüidade

Custo Bruto anual 2022 (Salario + Seg. Social Empr.)

8

Economista

Ordinario indefinido a tempo completo

8,00 %

10.2.2005

3.323,66 €

9

Técnica Superior Administración e Coordinación

Ordinario indefinido a tempo completo

8,00 %

23.2.2022

2.214,36 €

10

Responsable Laboral

Ordinario indefinido a tempo completo

8,00 %

22.1.2001

1.886,80 €

11

Responsable Administrativa

Ordinario indefinido a tempo completo

8,00 %

5.1.2000

1.886,80 €

12

Contable

Conversión de temporal a indefinido a tempo completo

8,00 %

16.11.2020

1.471,69 €

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica