Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3288

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

BDNS (Identif.): 668925.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.

b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2023.

3. Igualmente aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2021 e 2022 e non accederan á axuda no segundo ano de vida e ata o que o neno faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no artigo 4.2 no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2023 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Así mesmo, aquelas familias que non optasen á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos recollidos no artigo 5.1.b), e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 nos termos establecidos no punto anterior.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2023 teñan un/unha fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda dun/dunha neno/a con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2021 e 2022, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2.

2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS403B).

3. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

Cuarto. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 31.494.071 € que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 distribuído nas seguintes cinco anualidades:

Ano 2023

Ano 2024

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

4.951.471 €

13.368.700 €

8.742.600 €

4.371.300 €

60.000 €

Quinto. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes. Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2023: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2024: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

2. Aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito a unha axuda complementaria no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano a razón de 200 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

3. As contías previstas nos números 1 e 2 incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

4. Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea declarada polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos en situación de especial vulnerabilidade, teñan un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data na que o neno ou nena cumpra os tres anos.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2023 e sempre que o fillo ou filla nacese no dito ano 2023, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación estando, a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3. Con carácter excepcional, aquelas solicitudes que se presenten e cuxo nacemento se produza entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2024 poderán ser tramitadas na seguinte convocatoria.

3. As familias que puidesen ser beneficiarias nos termos indicados no artigo 3.3 disporán desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de febreiro de 2023 para esta finalidade, debendo presentar o anexo III e, se procede, o anexo II, no caso de ter a axuda xeral ou o anexo I no suposto de non ter optado á axuda no ano de referencia por superar ingresos nesa anualidade.

4. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo IV, realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude