Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2023 Páx. 3687

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 28 de decembro de 2022 pola que se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento administrativo de prazo aberto en materia de fundacións de interese galego suxeitas ao protectorado desta consellería (código de procedemento CT100A).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

O artigo 12 da Lei 39/2015 establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poden relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o cal porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e as aplicacións que en cada caso se determinen. Os procedementos novos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto da cidadanía.

Conforme o artigo 14 da Lei 39/2015, a tramitación electrónica é optativa con carácter xeral para as persoas físicas nas súas relacións coas administracións publicas, e poden elixir en todo momento se optan por comunicarse no exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non. Pola súa banda, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria no exercicio desa actividade, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites que realicen na súa condición de tales. Tamén teñen a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite nun procedemento administrativo, segundo o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, e o estudantado universitario para os trámites e as actuacións que realicen motivados pola súa condición académica, e os que os/as representen. Xa que logo, esta obriga alcanza ás fundacións, como organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade das persoas que as crearon, teñen afecto de xeito duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral.

De acordo co establecido no artigo 66.6 da referida Lei 39/2015, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente modelos específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio para as persoas interesadas.

A cidadanía ten que ser a primeira e principal beneficiaria do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución.

A Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de Galicia; o Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, configuran o réxime xurídico esencial das fundacións de interese galego. En concreto, o artigo 7.2 do Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego establece que corresponde ao departamento con competencia específica sobre a materia propia dos fins de cada fundación conforme o disposto na correspondente orde de clasificación, a través da sección correspondente do rexistro, a inscrición das fundacións sobre as cales exerza o protectorado e dos demais actos inscritibles.

De conformidade co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, correspóndenlle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e difusión da cultura, do patrimonio cultural, dos aspectos vinculados á protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; a promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia; a coordinación do sistema universitario e o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións de interese galego de carácter cultural e educativo, entre outras.

A presente orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que as persoas usuarias poidan relacionarse coa Administración por medios electrónicos.

Así pois, en cumprimento da normativa citada, o procedemento administrativo de prazo aberto en materia de fundacións de interese galego suxeitas ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades estará dispoñible telematicamente.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto habilitar o procedemento administrativo de prazo aberto das solicitudes de inscrición, depósito documental e certificación dirixidas á sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e ao protectorado exercido por esta consellería.

2. O dito procedemento habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, e figurará na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento CT100A.

3. A regulación do dito procedemento, circunscrita ao ámbito competencial desta consellería, estará suxeita á normativa, estatal básica e autonómica que se detalla de seguido:

– Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

– Lei 50/2002, de 26 de decembro, de fundacións.

– Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

– Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

– Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego.

– Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para:

– As persoas xurídicas.

– As entidades sen personalidade xurídica.

– Quen exerza unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria.

– Quen represente a unha persoa interesada que teña a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración.

– Calquera outro suxeito relacionado no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Tipos de solicitudes

1. Todas as solicitudes irán dirixidas á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a quen lle corresponde o exercicio das funcións que ten encomendadas a Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. En función do tipo de acto inscritible ou obxecto de constancia rexistral, as solicitudes das persoas interesadas serán trasladadas ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quen acordará a inscrición rexistral, ou directamente á sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da consellería. Tamén poderase solicitar certificacións ou informacións sobre o contido do Rexistro que serán emitidas pola devandita sección rexistral. Cada solicitude terá por obxecto un único acto inscritible, de constancia rexistral, ou de certificación ou información.

3. As solicitudes de inscrición rexistral referiranse a un destes actos inscritibles:

– Modificación de estatutos.

– Modificación da dotación.

– Modificación do padroado.

– Constitución, modificación ou supresión de comisións ou doutros órganos.

– Nomeamento ou cesamento de membros de comisións ou doutros órganos.

– Nomeamento ou cesamento da xerencia.

– Delegación, apoderamento xeral ou a súa revogación.

– Fusión de fundacións.

– Escisión da fundación.

– Adquisición, alleamento ou gravame de bens ou dereitos que integran o patrimonio da fundación.

– Extinción da fundación.

– Liquidación e baixa rexistral da fundación.

– Outros actos sometidos a inscrición.

4. As solicitudes que teñen por obxecto outros actos para a súa constancia rexistral poderán referirse a:

– Legalización de libros.

– Depósito de contas anuais, con obriga de auditalas ou non.

– Depósito do plan de actuación.

– Depósito da auditoría externa de contas.

– Outros actos.

5. A Sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da consellería emitirá os certificados dos actos inscritos que lle sexan solicitados, facilitará copias dos documentos que obren no Rexistro, en especial dos estatutos das fundacións, expedirá listados das entidades inscritas e atenderá calquera outra petición de información, de conformidade co artigo 4 do Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a documentación que requira o trámite que proceda segundo o previsto no artigo 23 do Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, e nos artigos 21, 22 e 26, que deberá indicarse no correspondente recadro do formulario, entre os seguintes documentos:

– Certificado do/da secretario/a da fundación co visto e prace do/da presidente/a.

– Copia autorizada e copia simple de escritura pública.

– Certificado/s de falecemento do Rexistro Civil.

– Certificado/s de extinción de personalidade xurídica do Rexistro Mercantil.

– Resolución/s ou certificado/s expedidas por órgano xudicial de extinción da fundación, ou declarativos de falecemento, extinción da personalidade xurídica, incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade.

– Resolución/s ou certificado/s expedidos por órgano administrativo polos que se declare a incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, ou o cese nun cargo público.

– Certificado/s ou documento/s privado/s con sinatura lexitimada notarialmente do cesamento do patrono ou do xerente.

– Informe ou memoria xustificativos.

– Documentación contable: balance de situación; conta de resultados; memoria.

– Plan de actuación.

– Informe de auditoría.

– Libros: libro diario; libro de inventarios; libro de contas anuais; libro de actas; outro/s libro/s.

– Xustificante de pagamento de taxa.

Os actos suxeitos á inscrición contemplados no artigo 21 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, serán obxecto do abono da taxa aplicable, conforme ao previsto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén estarán suxeitas a taxa outras actuacións en materia de fundacións que non supoñan inscrición rexistral. As taxas están dispoñibles na páxina da Atriga:

https://www.atriga.gal/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/tarifas-vixentes-de-taxas

Códigos correspondentes ao departamento no que se van a tramitar as solicitudes:

Consellería de: Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Código 07.

Delegación de: Servizos centrais. Código 13.

Servizo de: Secretaría. Código 01.

Códigos específicos para Fundacións:

30.46.02 Inscrición de modificación de estatutos.

30.46.03 Inscrición de modificación do órgano de goberno (ceses, nomeamentos, substitucións, aceptacións).

30.46.04 Inscrición de delegacións de facultades, revogacións e apoderamentos.

30.46.05 Inscrición de fusión, escisión e extinción.

30.46.06 Inscrición do alleamento, o gravame e o alugamento de bens.

30.46.10 Outros actos sometidos a inscrición.

30.46.11 Obtención de informacións ou certificacións do Rexistro.

– Primeiro folio.

– Seguintes folios (por unidade).

30.46.12 Expedición de listados de entidades inscritas.

– Primeiro folio.

– Seguintes folios (por unidade).

30.46.13 Anotacións de calquera clase nos expedientes ou subministración de datos non incluídos nos apartados anteriores.

30.46.14 Expedición de copia de estatutos.

30.46.15 Dilixenciado de libros (actas, diario, contas, etc).

– Documento acreditativo da representación.

– Outro/s.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente a súa achega á persoa interesada.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta ou se exixa o consentimento expreso:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Acta de comparecencia no Rexistro de Fundacións.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de solicitude. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar no formulario, en todo caso, pola notificación por estes medios, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Resolución e silencio administrativo

1. As inscricións e os demais asentos derivados da presentación de documentos que poidan xerar unha operación rexistral serán obxecto de resolución e notificación dentro do prazo de tres meses, agás cando se trate da modificación dos estatutos, fusión, escisión e extinción da fundación, en que será de cinco meses, ou da legalización de libros, en que será de dous meses.

2. Os prazos empezarán a computar desde o día en que a solicitude teña entrada no rexistro correspondente da Xunta de Galicia. Transcorridos os prazos citados sen notificación da resolución, poderá entenderse estimada a solicitude de inscrición correspondente, de conformidade co establecido no artigo 28 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Disposición adicional única. Actualización do modelo normalizado

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co obxecto de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file