Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2023 Páx. 3935

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

O Decreto 58/2022, do 15 de maio, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e organización administrativa. Preveu no seu artigo 1 que a Xunta de Galicia está integrada polas vicepresidencias e consellerías que relaciona, entre as que se atopa a Consellería do Medio Rural.

Esta estrutura desenvolveuse mediante o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, que regulou un segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público. En particular, no seu artigo 10, preveu a composición da Consellería do Medio Rural e especificou os órganos de dirección e os organismos ou entes que están adscritos á dita consellería, incluíndo como novidade a adscrición da Axencia Galega da Industria Forestal.

Con anterioridade a estas normas, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, xa regulara a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural. Este decreto modificouse en varias ocasións a través do Decreto 114/2021, do 22 de xullo, e máis recentemente polo Decreto 46/2022, do 21 de abril, e polo Decreto 109/2022, do 16 de xuño.

Na actualidade, diversas razóns exixen a elaboración dun novo decreto de estrutura da Consellería do Medio Rural a través do cal se aborden as necesidades presentes. Unha delas é a de potenciar o papel e as funcións que deben desempeñar as oficinas agrarias comarcais (OAC), tendo presente a súa consideración como punto de información máis próximo no entorno das explotacións agrarias, así como o grao de especialización técnica co que conta o persoal que as atende. Esta exixencia deriva da nova Política Agrícola Común (PAC), que dispón que os Estados Membros deben garantir a existencia de servizos de asesoramento ás explotacións con fin de mellorar a xestión sostible e o rendemento xeral das explotacións agrícolas e empresas rurais no plano económico, ambiental e social. Polo tanto, co fin de acadar este obxectivo é preciso crear una unidade, con nivel de subdirección xeral, que desenvolva unha función de planificación da extensión agraria e de coordinación e orientación nesta materia.

En consonancia co anterior, no decreto de estrutura preténdese regular de forma máis racional as actuacións que se desenvolverán nas oficinas agrarias comarcais, que a partir desta norma se denominan oficinas rurais, aproveitando todo o potencial co que contan, ao tratarse de unidades moi próximas á cidadanía do ámbito rural, cunha importante dotación de persoal, o que permite o desenvolvemento das súas actuacións en máis ámbitos materiais de interese do medio rural que os asumidos ata a actualidade. A nova denominación considérase máis acorde e axeitada ao seu ámbito e funcións.

Con este novo decreto introdúcense, ademais, unha serie de puntualizacións competenciais nas diversas subdireccións e servizos, perfilando de forma máis exacta e aproximada á realidade as competencias que deben desenvolver cada un deles.

Nesta norma prevese así mesmo, a transitoriedade da regulación da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural e da subdirección e servizos competentes nesa materia existentes na consellería, en coherencia coa exixencia de adaptar as normas reguladoras do ente de dereito público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia para as axencias públicas autonómicas, e conforme coa conseguinte adscrición á axencia dos órganos e unidades desa dirección xeral e dos servizos territoriais competentes en materia de infraestruturas agrarias, que exixirá a modificación do decreto que regula os seus estatutos. Isto xustifica que a disposición derradeira segunda supedite a eficacia da modificación da estrutura da consellería, afectante a esa dirección xeral, á aprobación duns novos estatutos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Por último, este decreto ten por obxecto refundir nunha única norma as modificacións que se operaron sobre o anterior decreto de estrutura, actualizar a regulación competencial, así como plasmar unha estrutura e funcións da consellería acorde cos principios de eficiencia no cumprimento dos obxectivos fixados, economía, suficiencia e adecuación estrita dos medios aos fins institucionais e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, que regula o artigo 3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e que deben presidir a actuación das administracións públicas.

En consecuencia, procede acometer mediante este decreto a regulación da nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, tendo en consideración os obxectivos que se van conseguir e as novas necesidades que se afrontarán.

De acordo co exposto e por proposta do conselleiro do Medio Rural, cos informes previos da Consellería de Facenda e Administración Pública, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1. Competencias

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias alimentarias, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Así mesmo, correspóndelle o impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal, sen prexuízo das competencias das vicepresidencias e outras consellerías da Xunta de Galicia. Estas competencias exerceranse de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) Secretaría Xeral Técnica.

c) Dirección Xeral de Defensa do Monte.

d) Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

e) Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

2. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades públicas instrumentais do sector público autonómico:

a) O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

b) O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

c) Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

d) Axencia Galega da Industria Forestal.

CAPÍTULO II

Órganos centrais

Sección 1ª. O/a conselleiro/a

Artigo 3. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Sección 2ª. A Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. A Secretaría Xeral Técnica

1. A Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería. Ademais é a autoridade de xestión da planificación estratéxica dos programas de desenvolvemento rural financiados con fondos europeos.

2. A Secretaría Xeral Técnica estará integrada polos seguintes órganos baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

c) Subdirección Xeral de Contratación.

d) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

e) Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos de Desenvolvemento Rural.

f) Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria.

g) Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas.

3. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral:

a) A Asesoría Xurídica de Gandaría, Agricultura e Calidade Alimentaria e a Asesoría Xurídica de Desenvolvemento Rural e Montes, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, e se rexerán polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Estas dúas asesorías xurídicas desempeñarán as funcións previstas na dita Lei 4/2016, do 4 de abril, atendendo aos ámbitos materiais das competencias que corresponden á Consellería do Medio Rural, sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, e contarán co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

b) A Intervención Delegada da consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. A Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Directamente, ou a través do servizo que nela se integra, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

b) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

d) A xestión e a tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica e, en particular, os expedientes relativos a contratos menores de gasto corrente da Secretaría Xeral Técnica.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

g) A coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas aos recursos materiais da Consellería.

h) O asesoramento e a emisión dos informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, a prestación de asistencia, coordinación e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

3. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará co Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A participación na coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, no control da execución económica, na tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e na execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A participación na elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A participación na xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) En xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Artigo 6. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. Á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) O control, xestión, habilitación e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral.

b) A asistencia técnica e a coordinación administrativa dos servizos da Consellería en materia de persoal e réxime interno.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

d) A tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

e) As actuacións relativas á tramitación, seguimento e control dos encargos de traballos e actividades a medios propios nas materias de competencia da Consellería.

f) A interlocución coas organizacións sindicais nos asuntos competencia da consellería.

g) O asesoramento, a realización de estudos e informes e a coordinación de todos aqueles asuntos en materias de competencia do departamento que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o exercicio das súas funcións organízase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Persoal. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da consellería e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

2º. Análise da planificación, estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos.

3º. Ordenación e control da xestión de todo o persoal da consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

4º. Programación das necesidades de persoal e a formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo.

5º. Mantemento e actualización da base de datos de persoal e a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes.

6º. Control da asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais.

7º. E, en xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

b) Servizo de Recursos e Reclamacións en materia de persoal. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Estudo, tramitación e formulación das propostas de resolucións das reclamacións e recursos que se formulen en materia de xestión de persoal.

2º. A coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais en materia de xestión de persoal e, de ser o caso, a emisión de informes.

3º. Estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios do persoal da consellería en organismos dependentes.

4º. Tramitación da execución das sentenzas que se diten en materia de persoal.

5º. E, en xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

Artigo 7. Subdirección Xeral de Contratación

1. Á Subdirección Xeral de Contratación compétenlle as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación de competencia por razón da materia da Secretaría Xeral Técnica.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de contratación administrativa de competencia por razón da materia das persoas titulares das direccións xerais da Consellería, e por proposta destes, agás os contratos menores.

c) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Contratación contará co Servizo de Contratación, ao que lle corresponden as seguinte funcións:

a) As funcións inherentes á tramitación e xestión dos expedientes de contratación da Subdirección Xeral de Contratación.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

c) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Contratación.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico terá ao seu cargo:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos de leis e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

c) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, así como a coordinación da publicación das notificacións por anuncios que sexan publicados no Boletín Oficial del Estado.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, coas unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) A coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Defensor/a del Pueblo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

g) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados, agás os relacionados con materia de persoal, así como, a tramitación dos requirimentos entre administracións públicas e da revisión de actos administrativos.

h) A colaboración e asesoramento na preparación da resolución dos expedientes sancionadores da Consellería que correspondan aos directores/as xerais, ao conselleiro/a ou ao Consello da Xunta nas materias competencia da Consellería.

i) Aqueles outros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o exercicio das súas funcións contará cos seguintes servizos:

a) Servizo Técnico-Xurídico, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. Estudo e tramitación das reclamacións, dos recursos e dos requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos órganos desta Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta Consellería.

2º. E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

b) Servizo de Tramitación e Desenvolvemento Normativo, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. O estudo e tramitación dos anteproxectos de leis e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

2º. A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, así como a coordinación da publicación das notificacións por anuncios que sexan publicados no Boletín Oficial del Estado.

3º. E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos de Desenvolvemento Rural

Esta subdirección asumirá as seguintes tarefas:

a) En relación ao programa de desenvolvemento rural financiado con fondos europeos, no que a Secretaría Xeral Técnica actúa como autoridade de xestión do programa, o exercicio das funcións que os regulamentos comunitarios atribúen ás autoridades de xestión como responsables da xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa.

b) Planificación e deseño das distintas medidas e actuacións que conforman os plans ou programas de desenvolvemento rural, impulsando as liñas estratéxicas da Consellería, no marco da normativa europea de aplicación aos fondos comunitarios de desenvolvemento rural.

c) Elaboración e presentación dos programas financiados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ante a Comisión Europea para a súa aprobación, así como das modificacións do programa que se presenten ao longo do período, velando pola correcta execución del.

d) Coordinación das distintas unidades xestoras e dos organismos participantes no deseño e a execución dos plans e programas de desenvolvemento rural con fin de garantir a xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa así como a calidade na súa aplicación.

e) Apoio directo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e aos distintos centros superiores e directivos en todas aquelas materias relacionadas cos fondos comunitarios de desenvolvemento rural e coa planificación dos programas de desenvolvemento rural financiados con fondos europeos.

f) Apoio e coordinación coa Vicesecretaría, respecto ao fondo Feader, na confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

g) Aqueles outros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para a consecución dos seus obxectivos contará co Servizo de Coordinación e Seguimento da Planificación Estratéxica dos Programas de Desenvolvemento Rural financiados con fondos europeos, ao cal lle corresponderá o seguimento e implementación dos programas ou plans de desenvolvemento rural financiados con fondos Feader, asistindo a todos os órganos e unidades xestoras do programa e, en xeral, prestar a asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos de Desenvolvemento Rural.

Artigo 10. Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria

1. Esta subdirección asumirá as seguintes tarefas:

a) A planificación do traballo que se desenvolverá polas Oficinas Rurais, en colaboración cos distintos centros directivos e organismos da Consellería do Medio Rural.

b) A orientación estratéxica do Sistema de Asesoramento a explotacións agrarias e, en particular, das actividades de asesoramento agrario no ámbito das Oficinas Rurais e a súa coordinación con outros recursos técnicos da consellería.

c) A coordinación, capacitación e dinamización do sistema de coñecementos e innovación agrícolas, sen prexuízo das competencias doutras unidades administrativas da consellería.

2. Para a consecución dos seus obxectivos contará co Servizo de Coordinación e Dinamización da Extensión Agraria, ao cal lle corresponderá:

a) O apoio nas actuacións que vai realizar a subdirección xeral.

b) A programación do traballo que desenvolverán as Oficinas Rurais.

c) A coordinación coas distintas unidades administrativas da consellería do traballo que realizarán as Oficinas Rurais.

d) A xestión das liñas de actuación planificadas a través das Oficinas Rurais.

Artigo 11. Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas

Correspóndelle o exercicio das funcións seguintes:

a) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

b) A coordinación da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería, así como da súa tramitación administrativa.

c) As funcións ligadas ao ámbito das novas disposicións normativas en materia de transparencia ao abeiro da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (delegado de protección de datos).

d) A coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para o cal levará os libros de rexistro.

e) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería, a representación da Consellería no Consello Coordinador de Publicacións e na Comisión Permanente de Publicacións.

f) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Sección 3ª. Dirección Xeral de Defensa do Monte

Artigo 12. Dirección Xeral de Defensa do Monte

1. Á Dirección Xeral de Defensa do Monte correspóndelle o exercicio das competencias inherentes ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais e a vixilancia de incumprimentos, así:

a) A coordinación de todas as administracións públicas con competencias en materia de prevención de incendios, garantindo o cumprimento das respectivas obrigas legais.

b) A avaliación da distribución de competencias vixente e, de ser o caso, propoñer as modificacións que resulten precisas para o axeitado cumprimento das medidas necesarias.

c) A prestación de colaboración e asesoramento estable aos concellos para o cumprimento das súas obrigas e homoxeneizar os procedementos e actuacións por eles desenvolvidos.

d) O aseguramento do cumprimento das medidas de prevención contra os incendios forestais recollidas na lexislación vixente e a tramitación dos expedientes sancionadores derivados deses incumprimentos.

e) A planificación das medidas de prevención de incendios e o seu desenvolvemento, impulsando a realización das tarefas encomendadas ás administracións competentes.

f) A dirección dos equipos de vixilancia que se ocuparán de velar polo cumprimento das medidas de prevención de incendios forestais e, en especial, no que se refire ás obrigas relativas ás replantacións e ás distancias mínimas legalmente establecidas.

g) O desenvolvemento do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais dentro de cada Plan de ordenación dos recursos forestais de distrito.

h) O impulso, comprobación e exixencia da elaboración dos Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.

i) O mantemento da orientación aos concellos de ámbito rural co fin de que leven a cabo tarefas de silvicultura, limpeza dos montes e outras tarefas de valorización forestal dentro das medidas de prevención dos incendios forestais.

j) A coordinación do programa de queimas controladas nos distritos forestais fóra do período de máximo risco a fin de reducir o combustible acumulado no monte, e en colaboración coas poboacións das zonas afectadas, e previa fixación polo miúdo das normas técnicas e funcionais para a súa realización.

k) A dirección e coordinación das actuación relativas á investigación dos incendios forestais, a través da unidade encargada desta materia.

l) A tramitación dos procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

m) A execución das sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes ditadas sobre as resolucións da súa competencia.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. A Dirección Xeral de Defensa do Monte conta, para o exercicio das súas competencias, cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Prevención.

b) Subdirección Xeral de Extinción.

c) O Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa, que dependerá directamente da Dirección Xeral.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Prevención

1. A Subdirección Xeral de Prevención exercerá as seguintes funcións:

a) A realización das actuacións encamiñadas á protección e á defensa dos montes contra os incendios forestais.

b) O exercicio das funcións de apoio ás administracións locais en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

c) A elaboración de estudos e análises de causalidade e de planificación preventiva.

d) A protección dos solos queimados.

e) O control das medidas normativas de carácter preventivo e a tramitación de expedientes sancionadores.

f) As medidas de divulgación en materia de defensa contra os incendios forestais.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Prevención contará co Servizo de Actuacións Preventivas e o Servizo de Xestión de Fondos.

a) O Servizo de Actuacións Preventivas exercerá as funcións de planificación preventiva e as accións subsidiarias e de elaboración dos informes sectoriais en materia urbanística e de planeamento municipal.

En particular, encargarase, entre outras, das funcións relativas á elaboración, tramitación e seguimento dos plans anuais de actuación; ás infraestruturas preventivas lineais; ao Plan de queimas controladas; ás subvencións preventivas e ás accións subsidiarias propias.

b) O Servizo de Xestión de Fondos exercerá a xestión de calquera instrumento xurídico relativo aos fondos asignados á prevención de incendios. En particular, quedan atribuídas a este servizo as funcións relativas á iniciativa cara á tramitación dos convenios que se vaian subscribir coas administracións locais para o exercicio de actuacións relacionadas coa prevención de incendios forestais, así como a súa xestión.

Artigo 14. Subdirección Xeral de Extinción

A Subdirección Xeral de Extinción exercerá as funcións encamiñadas á defensa dos montes contra os incendios forestais, así como a coordinación de medios na loita contra os incendios, e estrutúrase para o seu cumprimento nos seguintes servizos:

a) Servizo de Programación, que se ocupará da adquisición e da renovación de vehículos; o despregamento aéreo; o despregamento de maquinaria pesada; a rede de puntos de auga; a rede de vixilancia (postos e cámaras); a rede de comunicacións; a rede de puntos de encontro; a rede de bases aéreas e o rexistro de superficies queimadas.

b) Servizo de Coordinación de Medios, que tramitará o relativo aos gastos de extinción; os centros de coordinación; os equipamentos de protección individual; as Brigadas propias; a operativa das brigadas municipais; o Centro de Atención a Usuarios (CAU) de Incendios; a operativa de frota de camións de extinción propios; a operativa da frota de camións municipais; grupos de emerxencia supramunicipal (GES); a coordinación da seguridade e saúde e a colaboración na formación do persoal.

Artigo 15. Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa

O Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa desenvolverá, como órgano de apoio á Dirección Xeral e en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) A xestión administrativa e orzamentaria da Dirección Xeral; en particular, a xestión das contratacións públicas, das encargas a medios propios e das encomendas de xestión e das convocatorias de axudas competencia do centro directivo.

b) A elaboración dos informes, sen prexuízo dos que correspondan a outras unidades, encomendados pola persoa titular do centro directivo.

c) A análise e a elaboración dos informes dos recursos de alzada e reposición nas materias propias das competencias da Dirección Xeral.

d) Cantas outras cuestións lle sexan encomendadas pola persoa titular da Dirección Xeral.

Sección 4ª. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Artigo 16. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

1. Á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal correspóndelle o exercicio das competencias inherentes á política forestal, desenvolvendo as medidas relacionadas coa planificación, ordenación, fomento, mellora da produción e conservación dos recursos forestais. De tal xeito, como Administración ou órgano forestal, no ámbito das súas competencias, ten as seguintes funcións:

a) O impulso da xestión forestal activa e multifuncional do monte galego, cumprindo cos criterios de sustentabilidade, mediante o fomento, segundo a lexislación vixente, da redacción dos instrumentos de planificación, de ordenación e de xestión forestal e o seu seguimento e control, e a actuación coordinada coa Axencia Galega da Industria Forestal no impulso da actividade económica asociada ao sector forestal.

b) O fomento da agrupación e o asociacionismo forestal e desenvolver a figura da silvicultura activa. O apoio á xestión forestal sustentable e a silvicultura, para garantir a obtención das diferentes producións forestais en cantidade e calidade, co fin de fornecer a importancia da contribución do sector forestal galego á bioeconomía e á xeración de emprego sustentable, dun xeito especial, no medio rural.

c) Velar polo coñecemento do medio forestal, baseado nunha información estatística actualizada, e promover a divulgación da cultura forestal.

d) Garantir que o aproveitamento dos recursos forestais cumpra coa lexislación vixente, a través de procedementos administrativos apoiados na Administración electrónica e na coordinación con outras administracións sectoriais, e facilitar deste xeito a mobilización, comercialización e transformación dos diferentes produtos forestais.

e) O desenvolvemento, dentro das súas competencias, das medidas que se consideren oportunas para garantir a protección dos bosques das ameazas bióticas e abióticas, empregando métodos de loita integrada contra as pragas e enfermidades e impulsar a silvicultura como ferramenta básica preventiva para mellora do estado fitosanitario das masas forestais.

f) O establecemento de medidas activas para a contribución dos bosques e das súas producións forestais á mitigación do cambio climático e favorecer accións e medidas para mellorar a resiliencia dos bosques galegos.

g) A promoción de accións cara a un marco social cooperante coa xestión forestal sustentable que implique o recoñecemento da importancia do traballo dos propietarios e xestores forestais e a súa achega á conservación dos ecosistemas forestais.

h) O control e certificación de sementes, materiais forestais de reprodución e producións forestais. Favorecer a produción de materiais forestais de reprodución de categorías superiores e nas cantidades necesarias para obter produtos de alta calidade.

i) A coordinación, tramitación e apoio do Consello Forestal de Galicia.

j) A tramitación dos procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

k) A execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal conta, para o exercicio das súas competencias, coa Subdirección Xeral de Recursos Forestais e co Servizo de Planificación e Coordinación Forestal.

Artigo 17. Subdirección Xeral de Recursos Forestais

1. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais exercerá as funcións relativas:

a) Á conservación e fomento dos recursos forestais.

b) Á sustentabilidade da xestión forestal e a xestión pública de montes.

c) Á regulación e ordenación dos aproveitamentos forestais.

d) Á relación coas comunidades propietarias de montes veciñais en man común, coas persoas propietarias particulares e xestoras forestais.

e) Ao fomento de fórmulas de agrupación e asociacionismo de propietarios/as forestais.

f) Ao sistema rexistral forestal de Galicia.

g) Ás accións tendentes á mellora e conservación da saúde e vitalidade dos bosques, e da súa resiliencia e resistencia ao cambio climático.

h) A mellora da produción forestal mediante a silvicultura activa.

i) A planificación e ordenación forestal, e a elaboración de informes sectoriais. O seguimento do Plan forestal de Galicia.

2. Para iso contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, ao que lle corresponde a protección do medio forestal contra as ameazas bióticas e abióticas, a mellora e control do material forestal de reprodución, as incidencias do cambio climático nas masas forestais, o mantemento e control das redes de seguimento do estado fitosanitario, a conservación do acervo xenético forestal e a súa mellora en colaboración con outros departamentos da Administración que teñan competencias na materia.

b) Servizo de Fomento Forestal, ao cal lle corresponde a xestión das axudas de montes dirixidas á ordenación forestal, a certificación forestal, a silvicultura preventiva, a forestación, e cantas outras lle sexan encomendadas desde a Subdirección Xeral.

c) Servizo de Xestión Forestal, que se ocupa da xestión pública de montes e do Catálogo de montes de utilidade pública, dos aproveitamentos forestais públicos, da ordenación e da certificación forestal, da Mesa da Madeira, da restauración forestal e doutras actuacións ou usos que se realicen no monte.

d) Servizo da Propiedade Forestal, ao cal lle corresponde a relación coas comunidades de montes veciñais en man común, coas sociedades de fomento forestal e demais agrupacións de propietarios/as forestais, coas asociacións forestais, e tamén as funcións e desenvolvemento de accións que legal e regulamentariamente procedan en relación coa propiedade forestal. Levará, ademais, o sistema rexistral forestal de Galicia, todo o relacionado cos aproveitamentos forestais privados, a divulgación da cultura forestal e a colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en materia de formación forestal.

Artigo 18. Servizo de Planificación e Coordinación Forestal

O Servizo de Planificación e Coordinación Forestal, dependente directamente da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, exercerá as seguintes funcións:

a) O apoio á Subdirección Xeral de Recursos Forestais na planificación forestal, no seguimento do Plan forestal de Galicia, na planificación e optimización do financiamento das actuacións, plans e programas, na coordinación e no seguimento dos distintos plans e programas de actuación, así como no seguimento da execución orzamentaria.

b) O apoio á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal na coordinación coa Secretaría Xeral Técnica; en particular, quedan atribuídas a este servizo as funcións relativas á iniciativa cara á tramitación dos convenios e a xestión dos que se subscriban, así como a xestión das contratacións públicas, das encargas a medios propios e das encomendas de xestión competencia da Dirección Xeral.

c) A elaboración dos correspondentes informes en materia de planificación e ordenación forestal, sen prexuízo dos que correspondan a outras unidades, así como aqueles outros encomendados pola persoa titular do centro directivo.

d) A análise e elaboración dos informes dos recursos de alzada e reposición nas ditas materias.

e) Cantas outras cuestións lle sexan encomendadas pola persoa titular da Dirección Xeral.

Sección 5ª. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Artigo 19. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

1. Á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices de política agraria da Consellería en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, e executar, entre outras, as medidas de apoio ao sector lácteo e gandeiro de Galicia.

b) A protección e control da sanidade animal e vexetal, incluíndo a dirección das actuacións de prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito, e dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras.

c) A colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal na ordenación do pastoreo e o silvopastoreo orientado ás actividades de produción agroalimentaria e gandeira.

d) A formación, promoción e fomento do asociacionismo agrogandeiro.

e) A elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora da estrutura das explotacións agrarias.

f) A ordenación do sector agroindustrial e o fomento da súa actividade de transformación.

g) A proposta da designación como zonas vulnerables á contaminación por nitratos de orixe agraria e dos programas de actuación derivados desa declaración, de acordo coa normativa aplicable.

h) A análise e estudo da situación da cadea agroalimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea, e, con base nisto, a realización das actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación.

i) A tramitación dos procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

j) A execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

2. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para o exercicio das súas funcións, contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Gandaría.

b) Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

c) Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias.

d) Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios.

e) Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria.

f) Servizo de Análise e Informes.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Gandaría

1. Á Subdirección Xeral de Gandaría correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A análise e planificación da execución e seguimento dos programas de prevención, loita, control, vixilancia e erradicación das enfermidades dos animais, epizootias e zoonoses, así como das alertas sanitarias animais, e outras medidas para o establecemento de garantías sanitarias e da rastrexabilidade das producións gandeiras.

b) A planificación e desenvolvemento das actividades relacionadas coa ordenación básica da produción gandeira en xeral.

c) A proposta de ordenación, fomento e control das condicións hixiénico-sanitarias dos medios de produción gandeiros e do benestar animal.

d) A planificación do control da seguridade alimentaria na produción primaria gandeira.

e) A planificación das actividades do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

f) O control da calidade e unidade de criterio do exercicio da función inspectora dos servizos veterinarios oficiais.

Exclúense en relación con estas materias todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Sanidade Animal, que se encargará das seguintes materias:

1º. A execución e seguimento dos programas de prevención, loita, control, vixilancia e erradicación das enfermidades animais, epizootias e zoonoses, e da xestión das alertas sanitarias dos animais.

2º. A identificación e rexistro dos animais, o rexistro das explotacións gandeiras e dos vehículos de transporte dos animais vivos, o movemento pecuario, e o control sanitario e inspección dos medios de produción gandeiros e outras medidas sanitarias semellantes.

3º. A xestión das axudas e indemnizacións, cando procedan, relacionadas cos citados programas sanitarios.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

b) Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. O desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción gandeira.

2º. A organización e control dos programas relacionados co benestar animal.

3º. O control da rastrexabilidade do leite cru.

4º. A planificación dos programas de mellora xenética do gando, a organización e control das condicións sanitarias e zootécnicas aplicables ao material reprodutivo animal e o desenvolvemento e control das actuacións de apoio á conservación, uso e desenvolvemento sustentable dos recursos xenéticos na gandaría.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

c) Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. As actuacións necesarias para garantir a seguridade alimentaria das producións primarias gandeiras.

2º. O establecemento e control das condicións sanitarias aplicables ás empresas e persoas xurídicas operadoras no sector da alimentación animal, incluídos os subprodutos animais non destinados ao consumo humano (Sandach) destinados á alimentación animal, o seu rexistro e/ou autorización e o control do emprego neste sector, incluída a alimentación dos animais de granxa, de determinadas substancias e os seus residuos, así como a presenza de substancias contaminantes ou indesexables.

3º. O control oficial dos medicamentos veterinarios en operadores e establecementos distribuidores e retallistas, excepto oficinas de farmacia, e veterinarios en exercicio clínico, así como o seu emprego.

4º. O control oficial dos Sandach con usos distintos da fertilización, a proposta de autorización e control oficial das plantas de almacenamento, transformación, eliminación e uso destes subprodutos que sexan competencia da Consellería do Medio Rural, así como a xestión do rexistro de operadores, establecementos e usuarios específicos Sandach.

5º. O control oficial da hixiene da produción primaria nas explotacións gandeiras comprendendo os ámbitos da hixiene xeral da explotación e operacións conexas de obtención e almacenamento das súas producións, da alimentación animal, do uso do medicamentos veterinarios, da xestión dos Sandach xerados na explotación, e do mantemento dos rexistros pertinentes.

6º. A execución dos programas de control e mellora da calidade do leite cru nas explotación gandeiras.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

d) Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, con nivel orgánico de servizo, ao cal corresponderá a realización de análises e estudos de investigación en relación coa sanidade e hixiene dos animais, as producións gandeiras e os medios de produción gandeiros; a coordinación das actuacións realizadas polos laboratorios de sanidade animal de Mabegondo (A Coruña) e Salcedo (Pontevedra), integrados nun sistema da calidade único; e o control daqueles laboratorios privados recoñecidos pola consellería e dedicados ás materias sinaladas.

e) Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponde a elaboración e o desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

Artigo 21. Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

1. A Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, coas funcións de execución das accións tendentes á mellora das explotacións agrarias e das accións referentes aos sistemas de produción agraria sustentable e de conservación do medio rural, así como a xestión dos rexistros de explotacións. Ademais, realizará a programación e a planificación das actuacións de prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito, das actividades para o control da produción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral, e das actividades relacionadas coa ordenación, fomento e control dos medios de produción agrícolas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, ao cal lle corresponderán as funcións relativas á:

1º. Mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias.

2º. Xestión do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

3º. Xestión dos servizos de asesoramento, xestión e substitución ás explotacións, e o rexistro das entidades de aconsellamento.

4º. Promoción e fomento das cooperativas agrarias en Galicia, tendentes ao seu redimensionamento.

5º. Xestión dos programas relativos ao cooperativismo agrario, tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación.

6º. Xestión dos programas de formación e promoción das asociacións agrogandeiras.

b) Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, coas funcións de:

1º. Desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación produtiva de cultivos e aproveitamentos.

2º. Xestión, control e inspección dos medios de produción agrícolas e os seus rexistros.

3º. As actividades necesarias para o control e inspección da produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro de calidade.

4º. Fomento, programación e desenvolvemento de sistemas produtivos agrícolas respectuosos co ambiente e da xestión integrada de pragas e a produción integrada.

5º. Análise da planificación, organización, dirección, inspección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito.

6º. Xestión e control dos medios de defensa sanitarios dos vexetais.

7º. Mantemento dos rexistros da consellería en materia de sanidade vexetal.

8º. Supervisión e coordinación das agrupacións de defensa en materia fitosanitaria, así como dos avisos fitosanitarios.

9º. A aplicación da normativa de utilización de lodos de depuradora no sector agrario, e o control oficial dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano (Sandach) xerados nas explotacións gandeiras destinados á fertilización, así como os plans de xestión de xurro, para a consecución dunha agricultura compatible co ambiente e a saúde das persoas consumidoras.

Artigo 22. Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias

1. Á Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias compételle a ordenación e o fomento do sector agroindustrial en relación coas atribucións que lle corresponden á Consellería do Medio Rural nesta materia.

2. Para o desenvolvemento das funcións ás que se refire o número anterior, a dita subdirección conta cos seguintes servizos:

a) Servizo de Industrialización e Comercialización, que exercerá as actuacións de fomento da actividade de transformación e comercialización das producións agrarias e agroalimentarias.

b) Servizo de Control da Cadea Alimentaria, que desenvolverá as actuacións en materia de defensa contra fraudes na calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos de persoal que realiza funcións de inspección nesta materia.

c) Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, que desenvolverá as seguintes actuacións: a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria; a consecución dun maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria; o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción; a garantía da unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria; a elaboración dun observatorio de prezos e de custos de produción e o desenvolvemento da coordinación e o intercambio de información coa Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control.

Artigo 23. Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios

1. Á Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios correspóndelle a adecuada planificación e optimización do financiamento das actuacións, plans e programas da Dirección Xeral, así como o seguimento da execución financeira de todos os programas da Dirección Xeral. Tamén xestionará a adquisición de todos os medios materiais que sexan necesarios na Dirección Xeral para levar a cabo os seus programas, así como a preparación dos convenios e contratos necesarios para a consecución dos citados programas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará co Servizo de Dotación de Medios, encargado da elaboración, programación e avaliación dos plans e programas de actuación en materia de sanidade e produción agropecuaria. Encargarase da proposta da adquisición e loxística dos medios necesarios para a realización dos ditos plans e programas, tanto no referente a traballos de campo como ao diagnóstico de laboratorio. Tamén se encargará da elaboración dos convenios, contratos e encomendas correspondentes á Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Artigo 24. Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria

O Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria que, dependendo directamente da Dirección Xeral para garantir a súa independencia sobre as unidades que se deberán auditar, exercerá as funcións previstas no artigo 6 do Regulamento (UE) 2017/625, do 15 marzo de 2017, sobre controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, saúde e benestar animal, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.

Artigo 25. Servizo de Análise e Informes

O Servizo de Análise e Informes, con dependencia directa da Dirección Xeral, exercerá as funcións de análise de toda a información recibida na Dirección Xeral, e da elaboración dos correspondentes informes en materia de agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias. Tamén exercerá a coordinación e o seguimento dos distintos plans e programas de actuación da Dirección Xeral.

CAPÍTULO III

Órganos periféricos

Artigo 26. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Medio Rural organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial das delegacións territoriais en que se integren, agás a Xefatura Territorial de Pontevedra que desenvolverá as súas funcións no ámbito territorial de toda a provincia, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial existirá un/unha xefe/a territorial do/a cal dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión de persoal e a tramitación das incidencias relativas ao parque móbil da xefatura, o inventario de bens mobles e inmobles adscritos, a información ao público, o control contable e a xustificación dos créditos que se lle asignen, así como a elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán cos seguintes servizos:

a) Servizo Xurídico-Administrativo, coas funcións de instrución dos expedientes sancionadores que deban tramitarse como consecuencia de infraccións administrativas en materia de competencia da consellería e elevar a resolución ao xefe ou xefa territorial naqueles supostos en que a normativa vixente lle atribúa a facultade de resolver, e a tramitación e imposición de multas coercitivas e demais procedementos de execución forzosa en todos os procedementos sancionadores de competencia desta consellería; a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda; a elaboración de informes sobre os actos administrativos emanados da xefatura territorial; a execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia; e, en xeral, a tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encargados polo xefe ou xefa territorial.

b) Servizo de Explotacións Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

c) Servizo de Gandaría, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Gandaría da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

d) Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

e) Servizo de Montes, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de xestión de montes da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

f) Servizo de Prevención de Incendios Forestais, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de prevención e defensa do monte que correspondan á Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Artigo 27. Oficinas rurais

1. As oficinas rurais, integradas na estrutura territorial da consellería a través das respectivas xefaturas territoriais, dependerán organicamente do xefe ou xefa territorial e funcionalmente da Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria.

2. Correspóndelles ás oficinas rurais, entre outras, o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A execución, no seu ámbito territorial, de actuacións da consellería nas diversas materias de competencia desta.

b) A prestación de apoio técnico e administrativo aos centros directivos e entidades instrumentais da Consellería, sendo coordinadas nas súas actuacións pola Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria.

Artigo 28. Distritos forestais

Os distritos forestais, integrados na estrutura territorial da Consellería a través das respectivas xefaturas territoriais, dependerán organicamente da xefa ou xefe territorial e funcionalmente das Direccións Xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal, e exercerán, no ámbito territorial do distrito forestal, as funcións en materia de xestión de montes e de prevención, defensa e extinción de incendios forestais, en desenvolvemento das competencias da Consellería do Medio Rural nestas materias, sen prexuízo da posible colaboración cos centros directivos e entidades instrumentais da Consellería.

CAPÍTULO IV

Órganos colexiados

Artigo 29. Órganos colexiados

1. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os xurados provinciais de montes veciñais en man común. A presidencia dos xurados será asumida polas respectivas xefas ou xefes territoriais e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

2. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os comités provinciais de montes. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos/as respectivos/as xefes ou xefas territoriais da Consellería do Medio Rural e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

3. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Forestal de Galicia, de conformidade coas funcións e composición establecidas no Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

4. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Agrario Galego, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

5. Adscríbese á Consellería do Medio Rural a Mesa da Castaña, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea e regula o seu funcionamento e composición.

6. Adscríbese á Consellería do Medio Rural a Mesa da Madeira, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea e se regula o seu funcionamento e composición.

7. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Galego de Artesanía Alimentaria, de conformidade coas funcións e composición establecidas no Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria.

8. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Observatorio Galego do Sector Lácteo, de conformidade coas funcións e composición establecidas no Decreto 61/2007, do 22 de marzo, que crea o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.

9. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello de Xestión da Terra Agroforestal, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

10. Adscríbese á Consellería do Medio Rural a Comisión Técnica de Prezos e Valores, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Disposición adicional primeira. Xefaturas territoriais

1. As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e non previstas neste decreto, enténdense atribuídas aos xefes ou xefas territoriais da consellería.

2. Corresponderalles aos xefes ou xefas territoriais a adxudicación dos alleamentos dos aproveitamentos forestais, regulados no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 que o desenvolve.

Disposición adicional segunda. Designación de cargos compatibles

De conformidade co previsto no artigo 40.1.a) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas titulares dos órganos sinalados no artigo 2 deste decreto poderán ser designadas, por razón do seu cargo, persoas directoras ou cargos asimilados nas entidades instrumentais adscritas a esta consellería, e percibirán unicamente as retribucións correspondentes ao seu cargo como titular do órgano da consellería, e sen prexuízo das axudas de custo por asistencias e gastos debidamente xustificados, agás as excepcións previstas na normativa de aplicación ás entidades instrumentais.

Disposición adicional terceira. Medidas ou axudas financiadas con cargo a fondos agrarios europeos

Aqueles centros directivos das distintas consellerías e entidades instrumentais dependentes, aos cales se lles asigne a competencia para a xestión de medidas ou axudas cuxo financiamento sexa total ou parcialmente con cargo aos fondos agrarios europeos, instrumentarán coa dirección do organismo pagador as resolucións conxuntas a que se refire o último parágrafo do artigo 1.2 do Decreto 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

Disposición adicional cuarta. Igualdade entre homes e mulleres

1. Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería do Medio Rural, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector publico autonómico pertencentes ao seu ámbito competencial, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

2. No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, reguladas no artigo 2.1.f), no artigo 24 e no artigo 25 do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, manterán a súa adscrición, competencias, estrutura e funcións na forma indicada nos citados preceptos mentres non se aproben os novos estatutos da Axencia Galega da Desenvolvemento Rural.

2. Nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra manterase o Servizo de Infraestruturas Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural de acordo co disposto no artigo 26.3.c) do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, mentres non se aproben os novos estatutos da Axencia Galega da Desenvolvemento Rural.

Disposición transitoria segunda. Readscrición de persoal que ocupe postos de subdirección xeral e xefatura de servizo

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase á persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para readscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria terceira. Readscrición de unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos regulados no presente decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición transitoria cuarta. Uso da denominación das oficinas agrarias comarcais

Poderá seguirse empregando a denominación de oficinas agrarias comarcais nas agora denominadas oficinas rurais na cartelería, rotulacións de edificios e outros medios identificativos en tanto non se dispoña da nova cartelería, rotulación ou medios.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro de 2016, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o artigo 10 do Decreto 73/2022, de 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, que queda do seguinte xeito:

«Artigo 10

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Defensa do Monte.

3. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

4. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. A Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

4. A Axencia Galega da Industria Forestal».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase á persoa titular da consellería competente en materia do medio rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento do disposto neste decreto no relativo á organización e competencias propias do seu departamento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

1. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A modificación recollida na disposición derradeira primeira do Decreto producirá efectos unha vez sexan aprobados os novos estatutos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural