Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2023 Páx. 7219

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a entidades locais de Galicia, e/ou aos seus entes instrumentais, co obxecto de promover e fomentar unha mellor atención das necesidades básicas das persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS631F).

O artigo 149.1.2ª da Constitución española establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de nacionalidade, inmigración, emigración, estranxeiría e dereito de asilo.

O artigo 30 da Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria, dispón que se proporcionarán ás persoas solicitantes de protección internacional, sempre que carezan de recursos económicos, os servizos sociais e de acollida necesarios coa finalidade de asegurar a satisfacción das súas necesidades básicas en condicións de dignidade. Esta obriga legal articulouse mediante a creación do referido sistema de acollida integrado por un conxunto de recursos, actuacións e servizos que se desenvolven a través do correspondente itinerario. Este itinerario, que consta de tres fases, é un proceso dirixido a favorecer a adquisición gradual da autonomía das persoas destinatarias, a través do acceso ás prestacións e recursos do sistema.

De acordo co Real decreto 2/2020, do 12 de xaneiro, polo que se reestruturan os departamentos ministeriais, e co Real decreto 497/2020, do 28 de abril, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, corresponde ao dito ministerio o desenvolvemento da política do Goberno do Estado en materia de estranxeiría, inmigración e emigración e políticas de exclusión.

Para a execución desta competencia, a Secretaría de Estado de Migracións do dito ministerio, a través da Dirección Xeral de Xestión do Sistema de Acollida de Protección Internacional e Temporal, desenvolve as funcións relativas a este sistema.

O sistema de acollida está formado polo conxunto de recursos, actuacións e servizos que se proporcionan a través do correspondente itinerario. Este itinerario é un proceso dirixido a favorecer a adquisición gradual de autonomía das persoas destinatarias, a través do acceso ás prestacións e recursos do sistema.

Con motivo deste conflito produciuse un desprazamento de grandes fluxos de persoas residentes nese país aos países da contorna europea; deste xeito, as distintas comunidades de España, en distinta proporción, acolleron aqueles refuxiados que, por distintas vías, foron chegando e aqueles que, atopándose aquí, non poden volver ao seu país, e, por suposto, Galicia non foi allea a esta cuestión.

A resposta a esta crise produciuse en paralelo e non integrada no sistema de acollida. Das 130.000 persoas que se estima que hai desprazadas en España, só 22.000 foron atendidas dentro do dito sistema de acollida. O resto está a empregar os seus propios recursos ou recorreu a redes de contactos familiares, de amizades ou similares.

Tratouse dunha resposta de urxencia creada especificamente para dar cobertura ás necesidades básicas das persoas chegadas de maneira masiva e concentrada no tempo, e que non podían ser absorbidas polo sistema de acollida, tanto polo tamaño do propio sistema como pola finalidade que había que cubrir. O obxectivo da resposta de emerxencia á guerra de Ucraína para os cidadáns refuxiados no noso país foi a de cubrir as súas necesidades básicas en condicións de dignidade.

En resposta á crise de Ucraína, no marco da resposta á emerxencia humanitaria, adoptáronse medidas excepcionais, non previstas no Real decreto 220/2022, do 29 de marzo, tales como a creación de puntos de acceso que concentran servizos de tramitación documental, e habilitáronse servizos para atender as persoas en tránsito.

A resposta foi complementada polas distintas administracións, ademais da estatal, con servizos e recursos postos á disposición por outras administracións, particularmente as entidades locais, moitas das cales viron incrementados os seus gastos correntes e de persoal para poder atender, informar e orientar, proporcionar aloxamento ou prestacións económicas a estas persoas.

Para intentar paliar esta situación, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións articulou, a través das comunidades autónomas, unhas axudas económicas a estas persoas desprazadas. Así, publicou no Boletín Oficial del Estado número 184, do 2 de agosto de 2022, o Real decreto 672/2022, do 1 de agosto, polo que se regula a concesión directa de subvencións ás comunidades autónomas para promover e fomentar unha mellor atención ás necesidades básicas das persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes.

Estas axudas, como queda establecido polo Real decreto 672/2022, do 1 de agosto, que as regula, pasan a ser xestionadas por cada comunidade autónoma.

Polo que se refire á Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 27.23, atribúe a competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo  148.1.20º da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, establece, no seu artigo 58, que as competencias en materia de servizos sociais lle corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei.

No dito marco competencial, a Comunidade Autónoma de Galicia participa no procedemento de concesión a través do órgano da Administración autonómica que asume o seu exercicio, a Consellería de Política Social e Xuventude, ao ter atribuídas as ditas competencias, incluídas as políticas de inclusión social, en virtude do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, e por considerar de especial interese a posta en marcha destas axudas. Foi concedida á Xunta de Galicia, mediante Resolución do 14 de outubro de 2022, unha subvención directa, con carácter excepcional e por razóns humanitarias, por unha contía de 781.560,00 euros.

Así o exposto, cómpre a través da presente orde convocar e establecer o procedemento de concesión das axudas ás entidades locais que asumen a atención das necesidades básicas das persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes e que, dada a súa natureza e finalidade, será en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do artigo 19.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite a posibilidade de obter antes a consecuente resolución, así como unha maior marxe temporal para a xustificación por parte das persoas interesadas, e para cumprimento dos prazos impostos desde o Ministerio á Consellería de Política Social e Xuventude.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá o procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia, e/ou aos seus entes instrumentais, para promover e fomentar unha mellor atención das necesidades básicas das persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes.

2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, e mediante tramitación anticipada de gasto.

3. O código deste procedemento é BS631F.

Artigo 2. Financiamento

1. A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.312C.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 por un importe de 781.560,00 euros procedentes de financiamento estatal a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

2. Non obstante, o importe indicado poderá ser ampliado de concorrer algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 no momento da resolución. En ningún caso poderán outorgarse subvencións por un importe superior ao da contía dispoñible na aplicación orzamentaria.

Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais de Galicia, e/ou os seus entes instrumentais, que entre o 24 de febreiro de 2022 e o 31 de decembro de 2022, ambos inclusive, realizaran actuacións dirixidas a asegurar a satisfacción das necesidades básicas das persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, e que ditas actuacións supuxeran, para a entidade local beneficiaria, un incremento nos seus gastos correntes e/ou de persoal.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Son actuacións subvencionables os incrementos de gastos correntes e de persoal, levados a cabo polas entidades locais de Galicia, e/ou os seus entes instrumentais que teñan por obxecto:

a) O reforzamento dos servizos de información e orientación que facilite o acceso equitativo aos recursos sociais e aos servizos públicos ou, de ser o caso, a creación de novos dispositivos para este fin.

b) A prestación de servizos de aloxamento e/ou manutención ás persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes nos aloxamentos alternativos en situacións de crise persoal ou familiar, que poderán ser de carácter temporal ou indefinido, de acordo coas circunstancias que o determinen.

c) A prestación de axudas económicas destinadas ás persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, como complemento ás prestacións básicas de aloxamento e manutención.

d) A prestación de servizos de conciliación, lecer e tempo libre.

e) A prestación de servizos de aprendizaxe das linguas oficiais de Galicia.

f) Aqueles gastos de xestión que, sen estaren directamente relacionados nas alíneas a), b) e c), sexan estritamente necesarios para realizar tales actuacións. Os concellos beneficiarios poderán destinar ata un 10 % da totalidade da contía que lles corresponda por esta subvención a financiar eses gastos.

2. Considéranse financiables as actuacións realizadas entre o 24 de febreiro de 2022 e o 31 de decembro de 2022, ambos inclusive. Para estes efectos, entenderanse realizadas cando se devindicasen nese período e estean pagadas antes do 6 de febreiro de 2023.

3. Só serán financiables as actuacións previstas neste artigo que estean destinadas a persoas empadroadas no municipio que solicita a subvención, beneficiarias do estatuto de protección temporal que carezan de recursos económicos suficientes de conformidade co Real decreto 1325/2003, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento sobre réxime de protección temporal en caso de afluencia masiva de persoas desprazadas, e pola Orde PCM/170/2022, do 9 de marzo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 8 de marzo de 2022, polo que se amplía a protección temporal outorgada en virtude da Decisión de execución (UE) 2022/382 do Consello, do 4 de marzo de 2022, a persoas afectadas polo conflito en Ucraína que poidan atopar refuxio en España.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nestas bases. En ningún caso o custo dos ditos gastos poderá ser superior ao valor do mercado.

2. Especificamente, serán gastos subvencionables os gastos directos necesarios para a execución das actuacións mencionadas no artigo anterior, tales como:

a) Alugamentos de inmobles e gastos correntes derivados da utilización destes.

b) Materiais e subministracións que sexan precisos para a realización da actividade.

c) Gastos de persoas, que poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade, e outras cargas laborais de persoal contratado pola entidade local beneficiaria para a execución das actividades. O gasto de persoal contratado non superará a contía correspondente ás retribucións básicas do posto equivalente para o persoal ao servizo das administracións públicas galegas.

d) Viaxes e axudas de custo, referidos a gastos derivados da mobilidade do persoal directamente vinculados á realización das actividades.

e) Servizos técnicos e profesionais, é dicir profesionais contratados alleos á entidade, co fin de que realicen unha actividade concreta recollida no proxecto subvencionado.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde son compatibles con outras subvencións, axudas ou ingresos para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, supere o custo total da actividade subvencionada.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación da entidade onde conste o acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención e se indique o número de persoas atendidas, conforme os requisitos desta orde.

b) Capacidade de representación legal da persoa que asina a solicitude, naqueles supostos en que o asinante sexa persoa distinta daquela que teña o cargo de alcalde ou alcaldesa, presidente ou presidenta da entidade local.

c) Proxecto detallado onde se recollan as actuacións desenvolvidas conforme o artigo 4 desagregadas orzamentariamente.

d) Declaración responsable, que estará incluída no formulario de solicitude anexo, relativa aos seguintes aspectos:

1º. Que non está incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2º. Que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

3º. Que non ten débedas ou sancións de natureza tributaria en período executivo coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, salvo que se atopen aprazadas, fraccionadas ou cuxa execución estea suspendida, e que está, así mesmo, ao día no pagamento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou número de identidade estranxeiro da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á subdirección xeral competente en materia de programas de inclusión. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o órgano instrutor requirirá os solicitantes para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. As solicitudes ou actuacións que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, que deberá ser motivada.

4. O procedemento para outorgar estas subvencións é o de concorrencia non competitiva conforme o artigo 19.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de que a suma dos gastos subvencionables para o conxunto de entidades beneficiarias supere o crédito autorizado na presente convocatoria, realizarase un rateo entre as entidades beneficiarias do importe global máximo destinado ás subvencións.

Artigo 11. Trámites posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de dous meses contados desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Se vence o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónicas da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 15. Xustificación e prazos

1. Todas as entidades beneficiarias presentarán os oportunos xustificantes de gasto e pagamento e o pertinente informe xustificativo no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión (anexo II).

2. As entidades beneficiarias deberán achegar un informe xustificativo, en soporte informático, asinado pola persoa que represente legalmente a entidade, no cal se acredite á realización da actividade e o importe dos gastos financiables en que a entidade incorrera. No informe incluírase:

a) Desagregación de contías destinadas a cada unha das actuacións subvencionables previstas nestas bases.

b) Número de persoas atendidas en cada unha das actuacións.

Só serán admitidos os xustificantes de gasto (recibos e facturas) emitidos con posterioridade ao 24 de febreiro de 2022, e onde quede establecido de xeito claro o obxecto do ben ou servizo facturado.

3. Deben presentar, así mesmo:

– Certificado expedido pola intervención u órgano de control equivalente da entidade beneficiaria que acredite a veracidade da documentación xustificativa presentada.

– De ser o caso, declaración responsable, asinada pola representación legal da entidade beneficiaria, onde se acredite que as persoas atendidas están empadroadas no concello e que dispoñen do réxime de protección temporal

Artigo 16. Pagamento das subvencións

O pagamento realizarase nunha única vez, unha vez xustificada a realización da actividade subvencionada, nos termos previstos no artigo 15.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias terán as obrigas establecidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, en particular:

a) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprenden do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

c) Os servizos da Consellería de Política Social e Xuventude poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das persoas beneficiarias dos requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Control

1. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social e Xuventude realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Inclusión Social da devolución voluntaria realizada.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer as obrigas e propor pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social e Xuventude para ditar os actos e instrucións que sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file