Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8512

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR553C).

BDNS (Identif.): 671774.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2023.

2. Esta orde regulará o procedemento de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, que está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR553C.

Segundo. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas públicas ou privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

f) De visóns americanos que se sacrifiquen por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, ou morran, afectados por enfermidades sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que estean en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR553C).

Cuarto. Importe

– Criterios para as contías das indemnizacións dos animais:

1. As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais (establecidos para as indemnizacións por sacrificio obrigatorio por motivos de sanidade animal), ou segundo os valores unitarios dos animais recollidos nos diferentes plans de seguros agrarios combinados (para os efectos do cálculo das súas contías de indemnización), aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante reais decretos ou ordes ministeriais.

2. Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as que non haxa un baremo xa aprobado, a contía das indemnizacións será a sinalada no punto 1 anterior.

3. Para as indemnizacións do gando porcino por mor dos sacrificios obrigatorios (ou a morte) decretados pola autoridade competente, debidos á peste porcina clásica (PPC) ou á peste porcina africana (PPA) e para as enfermidades distintas da PPC e da PPA que non teñan baremo oficial aprobado, serán de aplicación os baremos contidos na Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos, para animais destas razas; na Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, correspondentes a animais pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, e na Orde do 12 de maio de 1994 pola que se actualizan os baremos de indemnización de sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica correspondentes aos porcinos pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos.

No anexo II.A), punto 1, desta orde recóllense os baremos de indemnización que son de aplicación ao porcino branco, e ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos. Para estes efectos, non están incluídas nos baremos para o porcino branco (do citado punto 1) as primas sanitarias sobre o valor base do mercado recollidas no anexo da Orde do 30 de decembro de 1987.

No anexo II.A), punto 2, desta orde recóllense os criterios para o cálculo da indemnización do porcino ibérico e os seus cruzamentos, e ao abeiro da Orde do 12 de maio de 1994 pola que se actualizan os baremos de indemnización de sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica correspondentes aos porcinos pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos. Esta orde informa no seu artigo 3.4 (animais de ceba) de que os animais de ceba serán indemnizados conforme os prezos de mercado. Para estes efectos, non se terán en conta no cálculo dos importes de indemnización para o porcino ibérico e os seus cruzamentos (do citado punto 2) as primas sanitarias recollidas no anexo II da Orde do 12 de maio de 1994.

4. En caso de que se decrete o sacrificio obrigatorio de visóns americanos afectados por enfermidades ou mortos por mor delas, ou ben sexan sacrificados/mortos durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente, e para as cales non haxa un baremo xa aprobado, a contía dos baremos de indemnización será a fixada no anexo II.B) desta orde.

5. No caso dos produtos destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal nos mercados de referencia, farase unha taxación a prezo de mercado.

– Contías das indemnizacións para animais de especies aviarias:

1. As contías estableceranse de acordo coa especie e a categoría de ave recollidas nas diferentes clasificacións zootécnicas definidas no artigo 3 do Real decreto 637/2021, do 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas.

2. Os animais de cada explotación avícola obxecto de indemnización por sacrificio percibirán a contía que lles corresponda de acordo coa clasificación ou clasificacións zootécnicas das explotacións que se atopan rexistradas na base de datos oficial do Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) en Galicia.

3. No caso de indemnizacións por sacrificio/morte decretado pola aparición dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente e da que non existan baremos oficiais aprobados, as contías das indemnizacións estableceranse ao abeiro da seguinte normativa:

a) Os baremos establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores.

b) As ordes ministeriais (do MAPA) polas que se definen as explotacións asegurables, as condicións técnicas mínimas de explotación e manexo, o ámbito de aplicación, o período de garantía, o período de subscrición e o valor unitario dos animais, en relación cos diferentes seguros de explotación do gando aviario, e comprendidos nos correspondentes plans de seguros agrarios combinados.

As ordes ministeriais desta alínea b) que se terán en conta para establecer os importes das indemnizacións individuais das especies aviarias, serán as que estean vixentes e publicadas no Boletín Oficial del Estado (BOE) na data en que a autoridade competente en sanidade animal resolva o sacrificio dos animais.

4. En todos os casos e para toda a normativa recollida neste artigo 5, a idade das aves que se terá en conta para os efectos da indemnización será a que teñan os animais no momento en que a autoridade competente en sanidade animal ordene o seu sacrificio obrigatorio (data da resolución de sacrificio/baleiro) ou, no caso de mortes, a idade deles na data da inmobilización oficial da explotación por mor da enfermidade.

– Contías para a indemnización dos ovos para consumo humano:

1. Os ovos para consumo humano que se poderán indemnizar corresponderán aos existentes en explotacións avícolas clasificadas no rexistro oficial de explotacións gandeiras como de tipo produción de ovos, en calquera das súas formas e sistemas de cría e para as especies Gallus gallus e Coturnix spp, e de acordo co establecido no artigo 4.29 do Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016 (lexislación sobre sanidade animal), que considera os ovos para consumo humano como un alimento de orixe animal (dentro dos produtos de orixe animal, do citado número 29, atópanse incluídos os alimentos de orixe animal).

2. Para o caso en que sexa necesario, por parte da autoridade competente en sanidade animal da Comunidade Autónoma de Galicia, levar a cabo a declaración oficial obrigatoria da presenza en Galicia dunha enfermidade das recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), ou no artigo 5.1 do Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, ou na lista de enfermidades dos animais e zoonoses recollida no anexo III do Regulamento (UE) 2021/690 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de abril de 2021 (Programa para o mercado único), ou na lista de enfermidades do anexo I do Real decreto 526/2014, do 20 de xuño, polo que se establece a lista das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e se regula a súa notificación, será de aplicación a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, que recolle no seu artigo 21.1 (Indemnizacións) que «o sacrificio obrigatorio dos animais e, se é o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados dará lugar á correspondente indemnización pola autoridade competente...».

3. Neste marco é de aplicación o Regulamento (UE) 2021/690 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de abril de 2021, polo que se establece un programa para o mercado interior, a competitividade das empresas, incluídas as pequenas e medianas empresas, o ámbito dos vexetais, os animais, os alimentos e os pensos, e as estatísticas europeas (Programa para o Mercado Único), e se derrogan os regulamentos (UE) núm. 99/2013, (UE) núm. 1287/2013, (UE) núm. 254/2014 e (UE) núm. 652/2014, que recolle entre un dos obxectivos específicos do Programa (artigo 3.2, alínea e) «contribuír a lograr un alto nivel de saúde e seguridade para as persoas, os animais e os vexetais...mediante a prevención, detección e erradicación de enfermidades animais e pragas dos vexetais, tamén mediante medidas de emerxencia que se adoptan en caso de situacións de crise a grande escala e acontecementos imprevisibles que afecten a sanidade animal...».

4. O anexo I do Regulamento (UE) 2021/690 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de abril de 2021, recolle como unha das accións subvencionables destinada á consecución dos obxectivos do citado regulamento o financiamento da execución de medidas de emerxencia veterinaria que se vaian desenvolver despois da confirmación oficial da aparición dunha das enfermidades dos animais ou zoonoses enumeradas no anexo III dese regulamento, e entre os custos subvencionables dentro das citadas medidas figuran os «custos de indemnización aos propietarios polo valor dos produtos de orixe animal destruídos, dentro do límite do valor de mercado que tiñan os ditos produtos inmediatamente antes de que xurdise ou se confirmase calquera sospeita da enfermidade».

5. Poderanse, polo tanto, como produtos de orixe animal, indemnizar os ovos para consumo humano sobre os cales se resolva a súa destrución no marco das medidas sanitarias establecidas pola autoridade competente en materia de sanidade animal.

Para os efectos da contía de indemnización, distínguense 2 categorías de ovos de consumo humano:

a) Ovos de clase A: para o cálculo da contía teranse en conta os prezos da Mesa avícola-ovos (son ovos de clase A) da Lonxa Agropecuaria de Toledo, que é a única lonxa en España que distingue entre os ovos producidos en gaiola e o resto de sistemas produtivos, que denomina ovos de solo, e que para os efectos desta orde se entenderán como os producidos polos sistemas en solo, campeiros e ecolóxicos. O valor económico que se indemnizará será en euros/ducia de ovos, e para 4 tamaños de ovo: S, M, L e XL. Utilizaranse os prezos, da citada lonxa, da semana anterior á da emisión da resolución do sacrificio das aves produtoras.

b) Ovos de clase B: para o cálculo da súa indemnización terase en conta a última factura de comercialización (venda/compra) destes ovos (considerarase no importe só a base impoñible, sen IVE) existente na explotación, anterior á data de resolución do sacrificio das aves produtoras. O valor económico que se indemnizará será en euros/ducia de ovos.

6. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, recollerán os citados datos da Mesa avícola-ovos da Lonxa Agropecuaria de Toledo e, así mesmo, elaborarán unha acta de inspección (unha por cada explotación) que recolla a especie, clase (A ou B), cantidade, tipos (gaiola ou resto de sistemas produtivos) e tamaños S, M, L e XL dos ovos presentes na explotación.

– Contías para a indemnización dos ovos para incubar:

1. Poderanse indemnizar os ovos embrionados con destino á incubación da especie Gallus gallus, producidos e localizados nas explotacións clasificadas como selección ou multiplicación para ovos ou para carne, ou ben nas incubadoras, de acordo coa definición recollida no artigo 4, punto 44), do Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016 (lexislación sobre sanidade animal), que define os ovos para incubar como os «ovos de aves de curral ou de aves en catividade destinados á incubación».

2. No marco de valoración da indemnización deste tipo de ovos, será de aplicación o contido do puntos 2, 3 e 4 do artigo 6 anterior.

3. Poderanse, polo tanto, indemnizar os ovos para incubar. Para o cálculo da contía de indemnización terase en conta a última factura de comercialización (venda/compra) destes ovos (considerarase no importe só a base impoñible, sen IVE) existente na explotación anterior á data de resolución do sacrificio das aves produtoras destes ovos, ou anterior á data da resolución de destrución dos ovos se é unha incubadora. O valor de indemnización será en €/unidade (ovo incubable).

4. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural elaborarán unha acta de inspección (unha por cada explotación) que recolla a cantidade (número de ovos) de ovos para incubación presentes na explotación.

– Contía para a indemnización dos pensos contaminados:

1. A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, recolle no artigo 2, alínea b), dentro do seu ámbito de aplicación, os produtos para a alimentación animal; dentro destes produtos inclúense os pensos (artigo 3.21, Definicións, da citada lei). Así mesmo, os produtos para a alimentación animal constitúen un tipo de medio de produción nas explotacións gandeiras.

2. O artigo 21.1 da citada lei regula as indemnizacións derivadas de actuacións sanitarias levadas a cabo pola autoridade competente, e recolle textualmente: «o sacrificio obrigatorio dos animais e, se é o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados dará lugar á correspondente indemnización pola autoridade competente...».

3. Polo tanto, os pensos contaminados das explotacións gandeiras afectadas poderanse indemnizar. Para o cálculo da indemnización terase en conta a factura de comercialización (compra/venda) correspondente á partida de penso existente na explotación sobre a cal se determine a súa destrución por considerala contaminada (considerarase no importe só a base impoñible, sen IVE). Obterase da factura o prezo dun quilo de penso (€/kg).

4. Só se indemnizarán os quilos de penso que se atopen almacenados na data de saída da explotación do/dos último/s animal/is para o seu sacrificio obrigatorio ou na data de matanza (sacrificio in situ na explotación) do/dos último/s animal/is na explotación.

5. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural elaborarán unha acta de inspección/ficha de control que recolla a cantidade (quilos) de penso contaminado que quede almacenado na explotación na data sinalada no punto 4.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2023.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural