Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2023 Páx. 9121

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2023 pola que se convocan cursos para o persoal empregado público das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

1. Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia, que se encontren en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

2. Ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, as persoas interesadas deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 6 de febreiro de 2023.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), de acordo cos criterios de selección, poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 h).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@ xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

1. Os criterios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na páxina web da EGAP e que poderán ser consultados na seguinte ligazón: https://egap.xunta.gal/ecloud/s/eBXtEfnF8MGqCJB

2. Terá preferencia o persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos subgrupos A1 e A2, que teña responsabilidades en materia de tramitación e instrución relacionados coas materias dos cursos.

3. Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo).

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas admitidas e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima Cambios ou substitucións na selección, renuncia e o seguimento das actividades de teleformación

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá, en primeiro lugar, realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba de avaliación final. En segundo lugar, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará en liña ao final dela.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Nestas actividades as probas de avaliación finais serán en liña. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e do Consello Consultivo de Galicia

1. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as a algunha actividade sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Consello Consultivo de Galicia resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

• Código: CV23003

A función consultiva do Consello Consultivo de Galicia para a Administración local

1. Obxectivos.

Partindo do análise da normativa reguladora do Consello Consultivo de Galicia, este curso pretende dar unha formación completa das especialidades máis relevantes para as entidades locais nos procedementos en que intervén o Consello Consultivo de Galicia e das relacións das entidades locais con este órgano.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2023. Proba final en liña: o día 29 de marzo ás 16.30 horas.

Segunda edición: do 16 de outubro ao 16 de novembro de 2023. Proba final en liña: o día 21 de novembro ás 16.30 horas.

Prazas: 50 cada edición.

4. Contido.

Tema 1. O Consello Consultivo de Galicia. Organización, competencias e funcionamento.

Tema 2. Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral.

Tema 3. Revisión dos actos en vía administrativa: declaración de lesividade.

Tema 4. Recurso extraordinario de revisión.

Tema 5. A intervención do Consello Consultivo na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Tema 6. Reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial. Características, requisitos, presupostos.

Tema 7. Reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial sanitaria.

Tema 8. Creación e supresión de municipios e alteración de termos municipais.

Tema 9. Ditames facultativos. A Sección de Estudos e Informes.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP, do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro de 2022), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

• Código: CV23004

A intervención do Consello Consultivo de Galicia na contratación pública

1. Obxectivos.

A Lei 9/2017, do 9 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), supuxo unha innovación que persegue modernizar os procedementos de contratación, mellorar a eficiencia e simplificar os procedementos de contratación pública.

Ao tradicional elenco de competencias outorgadas aos órganos consultivos das administracións públicas (Consello de Estado ou órganos consultivos autonómicos), a lei establece outras novas.

Este curso pretende analizar as competencias substantivas outorgadas pola LCSP aos órganos consultivos, e os trámites e procedementos a través dos que se exercen estas competencias.

2. Destinatarios/as.

Técnicos da Administración xeral (subgrupos A1 e A2). Habilitados nacionais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 3 de marzo ao 3 de abril de 2023. Proba final en liña: o día 10 de abril ás 16.30 horas.

Segunda edición: do 5 de setembro ao 6 de outubro de 2023. Proba final en liña: o día 10 de outubro ás 16.30 horas.

Prazas: 50 cada edición.

4. Contido.

Tema 1. O Consello Consultivo de Galicia: composición, competencias, organización e funcionamento.

Tema 2. Interpretación dos contratos administrativos e concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 3. Modificación dos contratos administrativos e concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 4. Resolución de contratos e extinción de concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 5. Revisión de oficio de actos en materia de contratación pública. Caso práctico.

Tema 6. Responsabilidade patrimonial derivada da contratación pública. Caso práctico.

Tema 7. O recurso especial en materia de contratación. Caso práctico.

Tema 8. A contratación pública socialmente responsable.

Tema 9. Cláusulas sociais e ambientais na contratación pública.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP, do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro de 2022), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

• Código: CV23007

Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais

1. Obxectivos.

A análise da normativa sobre a responsabilidade patrimonial, dos procedementos administrativos para a súa efectividade e das súas diferentes dimensións (polo funcionamento anormal do servizo público, de autoridades e persoal ao servizo das administracións, do Estado lexislador e por actos de concesionarios e contratistas).

Por outra banda, na regulación do procedemento de exixencia de responsabilidade patrimonial existen múltiples aspectos non resoltos na normativa, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, a función dos órganos consultivos, a cuantificación dos danos, o concepto de nexo causal, os propios requisitos para apreciar un funcionamento anormal dun servizo, o caso fortuíto ou forza maior, etc. e que dan lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes. Neste curso realízase unha análise práctica dos diferentes supostos, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e estudo de criterios específicos de órganos consultivos: Consello de Estado e Consello Consultivo de Galicia.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 27 de febreiro ao 28 de marzo de 2023. Proba final en liña: o día 31 de marzo ás 16.30 horas.

Segunda edición: do 2 de outubro ao 2 de novembro de 2023. Proba final en liña: o día 6 de novembro ás 16.30 horas.

Prazas: 50 cada edición.

4. Contido.

Tema 1. O Consello Consultivo de Galicia e as entidades locais: relacións e colaboración institucional.

Tema 2. Regulación actual, características e presupostos da responsabilidade da Administración.

Tema 3. Procedementos en materia de responsabilidade patrimonial:

– Procedemento ordinario.

– Procedemento abreviado.

Tema 4. A responsabilidade de autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.

Tema 5. A responsabilidade de contratistas e concesionarios.

Tema 6. A responsabilidade por actos de natureza lexislativa.

Tema 7. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas I.

Tema 8. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas II.

Tema 9. A responsabilidade patrimonial sanitaria: especialidades.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP, do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro de 2022), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

• Código: CV23009

Os recursos administrativos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

1. Obxectivos.

A análise da normativa sobre a revisión de actos firmes e os recursos administrativos, ordinarios ou extraordinarios, que se poden interpor fronte a todo tipo de resolucións administrativas. A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite todo tipo de procedementos administrativos.

O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función, na medida en que a materia presenta múltiples dimensións e en que absolutamente todos os servizos públicos e, polo tanto, todas as actuacións, incluídas as puramente materiais ou de xestión, están suxeitas a eventual recurso administrativo.

Por outra banda, este curso é unha oportunidade para afianzar o coñecemento da normativa en aspectos tan esenciais e decisivos á hora de resolver un recurso, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación ou a función dos órganos consultivos.

Ademais, a resolución de recursos administrativos dá lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes.

Así mesmo, trátase dunha materia de grande interese xurídico e doutrinal, polo que no curso se fará pausada referencia ás novidades xurisprudenciais na materia, facendo especial fincapé na doutrina do Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como tamén do Consello Consultivo de Galicia.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 21 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 5 ao 27 de xuño de 2023. Proba final en liña: o día 30 de xuño ás 16.30 horas.

Segunda edición: do 6 ao 27 de novembro de 2023. Proba final en liña: o día 30 de novembro ás 16.30 horas.

Prazas: 50 cada edición.

4. Contido.

Tema 1. A resolución dos procedementos administrativos.

Tema 2. Revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio.

Tema 3. Revisión dos actos en vía administrativa: declaración de lesividade.

Tema 4. Revogación de actos e rectificación de erros.

Tema 5. Recursos ordinarios: recurso de alzada e recurso de reposición.

Tema 6. Recurso extraordinario de revisión.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP, do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

• Código: CV23005

A responsabilidade patrimonial por razóns de carácter urbanístico. Os supostos indemnizatorios

1. Obxectivos.

Este curso ten como obxectivo a formación práctica nos supostos indemnizatorios por razóns urbanísticas, comprendendo todas aquelas actuacións en que as administracións públicas deberán indemnizar ou non os particulares por actos e disposicións en materia urbanística, e, en definitiva, polo exercicio das súas competencias nesta materia.

A formación será esencialmente práctica, e consistirá na análise de cada suposto indemnizatorio previsto na lei, e dos requisitos que deben darse para apreciar a existencia de responsabilidade de acordo coa normativa aplicable e a xurisprudencia existente na materia.

2. Destinatarios/as.

Habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos  A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes. Persoal técnico (arquitectos/as, arquitectos/as técnicos/as, enxeñeiros/as) que preste servizos nos departamentos de Urbanismo, Obras Públicas e Infraestruturas.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 24 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 29 de maio ao 23 de xuño de 2023. Proba final en liña: o día 28 de xuño ás 16.30 horas.

Segunda edición: do 18 de setembro ao 18 de outubro de 2023. Proba final en liña: o día 23 de outubro ás 16.30 horas.

Prazas: 50 cada edición.

4. Contido.

T1. O Consello Consultivo de Galicia. Organización, funcionamento, e réxime xurídico.

T2. Os supostos indemnizatorios. Regulación, característica e requisitos.

T3. Responsabilidade por modificacións de planeamento. Fóra de ordenación.

T4. As vinculacións singulares.

T5. A modificación ou extinción da eficacia dos títulos administrativos habilitantes de obras ou actividades determinadas polo cambio sobrevido da ordenación territorial ou urbanística.

T6. A anulación dos títulos administrativos habilitantes de obras ou actividades, a demora inxustificada no seu outorgamento e denegación improcedente.

T7. A ocupación de terreos destinados pola ordenación territorial e urbanística a dotacións públicas.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP, do 25 de xaneiro de 2022 (BOE núm. 26, do 31 de xaneiro de 2022), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

• Código: CV23008

Elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral.

1. Obxectivos.

Este taller ten como obxectivo a formación práctica en materia de redacción de todo tipo de disposicións normativas, é dicir, decretos, ordes, ordenanzas, regulamentos, etc.

A formación será exclusivamente práctica, e consistirá no seguimento do procedemento de elaboración de normas e a corrección de supostos reais.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 21 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 15 febreiro ao 8 de marzo de 2023. Proba final en liña: o día 13 de marzo ás 16.30 horas.

Segunda edición: do 30 de outubro ao 20 de novembro de 2023. Proba final en liña: o día 23 de novembro ás 16.30 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

1. O Consello Consultivo de Galicia. Organización, funcionamento, e réxime xurídico.

2. A titularidade da potestade regulamentaria. A reserva de lei.

3. Procedemento de elaboración de regulamentos autonómicos.

4. O procedemento de elaboración de ordenanzas municipais.

5. Directrices de técnica normativa I.

6. Directrices de técnica normativa II.

• Código: CV23006

A revisión en vía administrativa de títulos habilitantes de natureza urbanística.

1. Obxectivos.

Este curso ten como obxectivo a formación práctica na revisión de títulos administrativos habilitantes en vía administrativa.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

Tamén pode ser de interese para o persoal técnico (arquitectos/as, arquitectos/as técnicos/as, enxeñeiros/as) que preste servizos nos departamentos de Urbanismo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 24 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 2 ao 26 de xuño. Proba final en liña: o día 29 de xuño as 16.30 h.

Segunda edición: do 16 de outubro ao 9 de novembro. Proba final en liña: o día 14 de novembro as 16.30 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo 1. O Consello Consultivo de Galicia. organización, competencias, réxime xurídico.

Módulo 2. Procedemento de revisión de oficio de títulos administrativos habilitantes.

Módulo 3. As causas de revisión de oficio de títulos administrativos habilitantes.

Módulo 4. A declaración de lesividade de títulos administrativos habilitantes.

Módulo 5. Revogación de actos e rectificación de erros de títulos administrativos habilitantes.

Módulo 6. Recursos ordinarios: recurso de alzada e recurso de reposición. Especialidades en materia de títulos administrativos habilitantes.

Módulo 7. Recurso extraordinario de revisión. Especialidades en materia de títulos administrativos habilitantes.