Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2023 Páx. 10295

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que, de acordo co que establece a Orde do 27 de decembro de 2022, amplíase ao mes de febreiro de 2023 a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia establecida na Orde do 30 de agosto de 2022, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na área de transporte metropolitano de Vigo, e nos ferroviarios integrados na área de transporte metropolitano de Ferrol.

Con data do 29 de decembro de 2022, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (CIM), do 27 de decembro de 2022, pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2023 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde do 30 de agosto de 2022.

O artigo 3 da referida Orde da CIM do 27 de decembro de 2022, baixo a epígrafe ámbito temporal de aplicación, establece que no suposto de que por parte da Administración xeral do Estado se confirme o mantemento dunha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, aplicable ao longo do ano 2023, ou a parte do dito exercicio, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes, se poderá acordar a aplicación das bonificacións que se establecen na presente orde ao novo período temporal acordado pola Administración xeral do Estado nos termos que prevé a disposición derradeira segunda desta orde.

Pola súa parte, esta última disposición habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que por parte da Administración xeral do Estado se manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño.

Igualmente, a disposición derradeira primeira desta orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración que establece esta orde a aqueloutros modos de transporte integrados en áreas de transporte metropolitano que comparten tráficos con servizos públicos de transporte interurbano por estrada, como os servizos de transporte marítimo na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios na ATM de Ferrol.

Neste sentido, o 28 de decembro de 2022 publicouse no Diario Oficial del Estado o Real decreto lei 20/2022, do 27 de decembro, de medidas de resposta ás consecuencias económicas e sociais da Guerra de Ucraína e de apoio á reconstrución da illa da Palma e outras situacións de vulnerabilidade. Este real decreto lei establece uns sistemas de axudas directas, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2023, para a concesión de apoio financeiro ás comunidades autónomas e entidades locais que presten servizo de transporte colectivo urbano ou interurbano, así como aos entes locais supramunicipais que agrupen varios municipios, creados por normas de rango legal e que presten servizos de transporte público colectivo, que cumpran as condicións a que se fai referencia no seu artigo dous. Esta axuda permitirá bonificar o 30 % do prezo do transporte urbano e interurbano de competencia autonómica ou municipal para aquelas comunidades e concellos que acorden unha bonificación adicional do 20 %.

Polo tanto, ao ter acordado xa a Orde da CIM do 30 de agosto de 2022 a aplicación dunha minoración adicional do 50 %, e manténdose esta mesma porcentaxe na Orde do 27 de decembro de 2022, a nova liña de axudas que fixa o Real decreto lei 20/2022, do 27 de decembro, pódese considerar como análoga, para estes efectos, á actuación promovida a través da anterior normativa.

Por outra parte, este sistema de axudas require dunha posterior orde ministerial da persoa titular do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través da que se abrirá o procedemento para que as CC.AA. se adhiran a ela, orde que a 18 de xaneiro aínda non foi publicada.

Polo exposto, considérase que concorren as condicións de continuidade da medida estatal a que fai referencia a disposición derradeira segunda da Orde da CIM do 27 de decembro de 2022; mais, ao non ter constancia do importe que finalmente será transferido á Comunidade Autónoma, nin unha previsión relativamente certa dos prazos da dita transmisión, a ampliación do prazo temporal de aplicación da bonificación adicional que establece a dita orde deberá realizarse, a priori, con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da previsible posterior asignación dos fondos estatais que correspondan e se transfiran á Xunta de Galicia; razóns que motivan a facer unha ampliación temporal limitada neste momento ao mes de febreiro de 2023.

Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 27 de decembro de 2022, ao se manteren as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante ese mesmo mes de febreiro de 2023 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, acordadas polas resolucións do 28 de decembro de 2022.

Á vista do exposto, e seguindo a súa liña de actuación, a Comunidade Autónoma de Galicia ten a vontade de adherirse ao citado sistema de axudas e ampliar o ámbito temporal da minoración das tarifas bonificadas durante o mes de febreiro de 2023.

O financiamento desta minoración adicional durante o mes de febreiro de 2023 realizarase nos mesmos termos que establece o artigo 5 da Orde da CIM do 27 de decembro de 2022, con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2023.09.02.512A.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023.

De conformidade co exposto, considérase conveniente manter durante o mes de febreiro de 2023 a minoración de carácter adicional e temporal acordada pola Orde da CIM do 30 de agosto de 2022, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

1. Ampliar ao mes de febreiro de 2023 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia acordada polas ordes da CIM do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022.

2. Aplicar durante o mes de febreiro de 2023, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, as minoracións acordadas polas resolucións do 28 de decembro de 2022.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade