Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2023 Páx. 10963

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT402C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos ao vivo.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008:

«En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais...

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás...

h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais e convocalas para o ano 2023 (código de procedemento CT402C).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1470/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europeo ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Beneficiarias.

2.1. Poden obter a condición de beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2.2. Tamén poden ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Solicitudes.

3.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base oitava, así como cumprir cos requisitos establecidos da base segunda das bases reguladoras.

3.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

O prazo para a presentación das solicitudes será de tres meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia non competitiva que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

5. Información ás persoas interesadas.

5.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais, http://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

5.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

5.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

6. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

7. Base de datos nacional de subvencións.En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, para a concesión de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais e convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT402C)

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e/ou musicais, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT402C).

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, e incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou calquera organismo dependente.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

4. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro. A proposta de concesión será formulada polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

Segunda. Persoas beneficiarias

1. Poden obter a condición de beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén poden ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións:

a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

b) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Modalidades e requisitos da subvención

1. Estas bases de subvencións comprenden as modalidades que seguen:

A. Artes escénicas.

Modalidade A.1. Subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres funcións e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo escénico.

Modalidade A.2. Subvencións para a representación de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto de exhibición de espectáculos en feiras ou festivais do sector das artes escénicas que se celebren fóra de Galicia.

Modalidade A.3. Subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se celebren fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos aos cales representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.

Modalidade A.4. Subvencións para a distribución interior de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia, en espazos escénicos de titularidade pública, que non formen parte da Rede galega de teatros e auditorios, consistente dun mínimo de cinco representacións, en ningún caso máis de catro representacións no mesmo espazo. Todas as representacións que conformen o proxecto terán que ter contraprestación económica, sexa mediante caché ou billeteira.

Subvencionaranse os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública ou entidades privadas cun contrato de xestión de servizos, sempre que os espazos escénicos sexan de titularidade pública.

B. Música.

Modalidade B.1. Subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres concertos e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.

Modalidade B.2. Subvencións para as representacións musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto de exhibición de concertos en feiras ou festivais do sector da música que se celebren fóra de Galicia.

Modalidade B.3. Subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se celebren fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos aos cales representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.

2. Requisitos: ademais dos requisitos xerais, as persoas solicitantes deberán ter en conta os seguintes requisitos segundo as modalidades:

Artes escénicas

Requisitos

Música

Requisitos

Modalidades A.1/A.2/A.4

• Alta no IAE correspondente.

• Estar en posesión dos contratos/convites con contido económico da actividade que se vai realizar.

Modalidades B.1/B.2

• Alta no IAE correspondente.

• Estar en posesión dos contratos/convites con contido económico da actividade que se vai realizar.

Modalidade A.3

• Alta no IAE correspondente.

• Inscrición de asistencia ou mercado de artes escénicas.

• Acreditación da vinculación da persoa asistente coa empresa solicitante da subvención, mediante contrato ou declaración do titular da empresa.

Modalidade B.3

• Alta no IAE correspondente.

• Inscrición de asistencia ou mercado de artes escénicas.

• Acreditación da vinculación da persoa asistente coa empresa solicitante da subvención, mediante contrato ou declaración do titular da empresa.

3. Todas as actividades para as cales se solicita subvención deben desenvolverse entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023.

Cuarta. Financiamento, contías e límites

1. O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 460.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B. 470.0, dos orzamentos xerais da Agadic para o exercicio 2023 (código de proxecto 2015-0003), distribuídos como segue:

Artes escénicas

Importe

Música

Importe

Modalidade A.1

150.000 €

Modalidade B.1

190.000 €

Modalidade A.2

Modalidade B.2

Modalidade A.3

Modalidade B.3

40.000 €

Modalidade A.4

80.000 €

Total

230.000 €

Total

230.000 €

2. Os solicitantes poderá presentar solicitudes para máis dunha modalidade, pero a contía máxima total que poderán obter as persoas beneficiarias é de 25.000 €. Este límite aplicarase por cada compañía/artista/grupo cando estea representado por varias entidades.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos para ser persoa beneficiaria non se esgotase a contía establecida nunha ou varias modalidades, á Dirección da Agadic determinará o incremento da cantidade establecida en calquera das outras modalidades. No caso deste traspaso, terá prioridade a modalidade en que o desequilibrio entre a cantidade solicitada e a dotación inicial sexa maior.

5. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2022 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Quinta. Gastos subvencionables e límites

1. Son gastos subvencionables os que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención. Todo gasto non xustificado pola entidade beneficiaria será eliminado do orzamento elixible do proxecto.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria, que abrangue desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2023.

3. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de gastos subvencionables:

3.1. Para as modalidades A.1/A.2/A.3 e B.1/B.2/B.3 son gastos subvencionables (comúns):

a) Gastos de transporte e desprazamento de todo o equipo artístico e técnico, quedando excluídos os desprazamentos dentro da cidade. No caso de representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución, serían gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra.

Concepto

Importes máximos

Gastos de avión

España e Portugal

200 €/persoa

Resto de Europa

300 €/persoa

Resto do mundo

700 €/persoa

Gastos autobús/tren/peaxes autoestradas/alugamento vehículos/combustible

España e Portugal

70 €/persoa

Resto de Europa

90 €/persoa

Resto do mundo

100 €/persoa

Transporte de materiais

España e Portugal

400 €

Resto de Europa

600 €

Resto do mundo

800 €

Visado

100 %

b) Gastos de aloxamento e mantenza:

Concepto

Importes máximos

Gastos de mantenza

España e Portugal

45 €/persoa

Resto de Europa

60 €/persoa

Resto do mundo

60 €/persoa

Gastos de aloxamento

España e Portugal

60 €/persoa

Resto de Europa

70 €/persoa

Resto do mundo

90 €/persoa

3.2. Para as modalidades A.2 e B.2 tamén serán subvencionables os gastos de persoal. Terán a consideración de subvencionables os custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social), necesarios para a representación. Estes custos non poderán supoñer máis do 60 % do caché declarado pola entidade solicitante para o espectáculo obxecto da subvención na Rede galega de teatros e auditorios. No caso de que a entidade solicitante non ofertase o espectáculo na RGTA, o caché será o que se estableza na solicitude.

3.3. Para as modalidades A3 e B3, serán subvencionables os dereitos ou cotas de asistencia e inscrición (dúas persoas máximo por feira ou festivais), así como o alugamento de espazos de exhibición.

4. Límites por modalidades:

4.1. Nas modalidades A.1, A.2, B.1 e B.2, o límite da axuda será o equivalente ao contrato de distribución. Cando a contratación sexa a billeteira, o importe do contrato calcularase, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a empresa, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

No que atinxe aos gastos de persoal nas modalidades A.2 e B.2, o límite será o indicado no punto 3.2 da base quinta.

4.2. Nas modalidades A.3 e B.3, o límite máximo será o 60 % dos custos totais e a contía máxima de subvención será de 2.000 € por feira e de 15.000 euros anuais por entidade solicitante.

4.3. Nas modalidades A.1, A.2, B.1 e B.2 teranse en conta os seguintes límites máximos, para o cálculo da axuda:

– Días máximos que se consideran para axudas para aloxamento e mantenza:

– No caso de non ser representacións consecutivas en España e Portugal, 2 días; no resto de Europa, 4 días, e no resto do mundo, 5 días.

– No caso de representacións consecutivas os días das viaxes de ida e volta, os días de representación e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación.

5. Para a modalidade A.4 terán a consideración de gastos subvencionables só os gastos de persoal.

Considéranse gastos de persoal os correspondentes aos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social), os días das representacións, cos seguintes límites:

a) No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables por función son:

– Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

– Cachés ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

– Cachés de máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

Para os efectos destas bases, enténdese por caché o declarado pola entidade solicitante para o espectáculo obxecto da subvención na Rede galega de teatros e auditorios (RGTA). No caso de que a entidade solicitante non teña ofertado o espectáculo na RGTA, o caché será o que se estableza na solicitude.

b) No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe do caché establecido, seranlle de aplicación os mesmos límites do punto anterior.

Nos salarios do persoal artístico é de obrigado cumprimento o fixado no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

En ambos os dous supostos, a contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros, cun límite por entidade solicitante de 15.000 euros, sen que en ningún caso poida superarse o 100 % do caché.

6. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán subvencionables os gastos relativos a impostos indirectos, en concreto, o importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais. Tampouco terán a consideración de gastos subvencionables os gastos administrativos ou de mantemento formal da empresa, como gastos de xestorías, notarías ou similares.

7. Non terán a consideración de gastos subvencionables os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións, nin os correspondentes á elaboración de materiais de difusión nin calquera outro gasto non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

8. No que atinxe á subcontratación, non serán subvencionables:

a) Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

b) Gastos de subcontratación da execución da actividade, cando excedan o 20 % do importe da subvención concedida.

9. Admitiranse desviacións ata un máximo dun 20 % entre as distintas partidas de gastos, segundo o disposto no punto 3 da base décimo novena da presente resolución.

10. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Sexta. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda, xa que, para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada, considerándose como data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.

Sétima. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será de tres meses contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

No obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade á publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Agadic, www.agadic.gal

Oitava. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación xeral.

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación.

1.3. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

1.4. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.

1.5. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda.

1.6. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

b) Documentación específica.

2.1. Modalidades A.1, A.2, B.1 e B.2 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia e subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas e espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia):

2.1.1. Ficha de distribución (anexo III).

2.1.2. Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.

2.2. Modalidades A.3 e B.3 (subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e musicais fóra de Galicia).

2.2.1. Ficha de distribución (anexo III).

2.2.2. Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

2.2.3. Se é o caso, contrato ou declaración asinada polo solicitante da relación dos asistentes coa entidade.

2.3. Modalidade A.4 (subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma).

2.3.1. Ficha de contratación (anexo IV).

2.3.2. Contrato de actuación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Se prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Agadic poderá requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Novena. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo primeira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segunda. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola persoa titular da Dirección da Axencia, que os elevará á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesa convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao tratarse dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular o informe proposta de resolución, debidamente motivado.

4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Unha vez instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da documentación requirida, ditará as propostas de resolución das solicitudes recibidas con indicación do importe económico proposto, e elevará á Presidencia da Agadic cada unha delas.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias e da contía da axuda e do seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen terse ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo cuarta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinta. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo sexta. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. O prazo de xustificación da presente subvención será dun mes contado desde a realización da actividade e, en todo caso, rematarán o 10 de novembro de 2023. No caso de que a actividade fose previa á adxudicación da axuda, o mes comezará a contar desde a notificación da concesión.

2. Os beneficiarios deberán entregar, antes de que remate o prazo, a seguinte documentación xustificativa:

2.1. Documentación xeral:

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total dos gastos presentados no proxecto inicial e aceptados como subvencionables (anexo V).

– Copia dos xustificantes dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, por importe igual ou superior á subvención concedida, de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

– Copia das publicacións nas páxinas e perfís propios das redes sociais en que se reflicta o apoio da Xunta de Galicia á actividade beneficiaria da subvención

2.2. Documentación específica segundo as modalidades:

Para as modalidades A.1, A.2, B.1 e B.2:

– Memoria coa relación de concertos ou actuacións realizados.

– Copia dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións/concertos realizados, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira, ou certificación acreditativa da realización do espectáculo pola entidade organizadora.

Ademais desta documentación, na modalidade A.4 e nas modalidades A.2 e B.2 (cando se xustifiquen custos de persoal) deberanse presentar nóminas e documentos acreditativos das contías aboadas en concepto de Seguridade Social do persoal artístico e técnico e, se é o caso, facturas e pagamentos do persoal técnico correspondente na data da representación e xustificantes bancarios dos pagamentos.

Para as modalidades A.3 e B.3:

– Memoria de actividades realizadas na asistencia ou participación da empresa nas feiras ou festivais obxecto de subvención.

3. Consideraranse gastos realizados os que foron efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado en las bases reguladoras.

4. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

Décimo sétima. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan 18.000 euros, deberán constituír garantías de conformidade co artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitava. Obrigas específicas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a seguir:

– Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. O beneficiario comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles na web da Xunta de Galicia.

Décimo novena. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecten custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos nas presentes bases.

5. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésima. Perda de dereito á subvención, reintegro e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente o anticipo percibido, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar á Agadic a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable.

c) Non comunicar á Agadic a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

d) Non xustificar ante a Agadic o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Agadic, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Procederá a perda parcial do cobramento da subvención debido ao incumprimento parcial, entendendo por este sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas. A Agadic poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

– No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora.

– No caso de incumprimento dalgunha das obrigas específicas das persoas beneficiarias establecidas na base décimo oitava, reducirase un 2 % por cada incumprimento o importe da subvención e, se é o caso, deberán reintegrase as cantidades percibidas na dita proporción.

5. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo primeira. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento ás persoas beneficiarias as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Vixésimo segunda. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e/ou musicais; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia; á Lei 55/2007 do 28 de decembro, do cinema, e ao Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, modificado polo Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, e demais normativa de xeral aplicación.

Vixésimo terceira. Réxime de recursos

Estas bases, así como as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, poñerán fin á vía administrativa e poderán ser impugnadas interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file