BDNS (Identif.): 673040.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
1. Que conten no su ámbito territorial cos seguintes instrumentos voluntarios de recuperación e/ou mobilización de terras nos seguintes termos:
– Que se declarase no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
– Que se iniciase no seu territorio o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal, nos termos previstos no artigo 83 deste texto legal.
2. Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigado, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.
3. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.
4. Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos, dos bens sobre os cales se vai actuar.
Segundo. Obxecto
Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria
Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Así mesmo, publicarase a través do mesmo medio a relación de polígonos agroforestais respecto dos que se publicase no Diario Oficial de Galicia o correspondente acordo de iniciación do procedemento para a súa aprobación, nos termos previstos no artigo 83 da citada Lei 11/2021.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023 mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).
Cuarto. Contía
A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a de 2.097.000 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2019-00003) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2023.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Sexto. Outros datos
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de subvención do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 150.000 €.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022
Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural