Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2023 Páx. 10908

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

O Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola do Desenvolvemento Rural (Feader), fixa os obxectivos a que debe contribuír a política de desenvolvemento rural e as correspondentes prioridades da Unión en materia de desenvolvemento rural.

No marco xeral da PAC, a axuda ao desenvolvemento rural contribuirá, entre outros obxectivos, a lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Este obxectivo enmárcase dentro da prioridade relativa ao fomento da inclusión social, a redución da pobreza e o desenvolvemento económico nas zonas rurais, facendo especial fincapé en facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

Neste contexto, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), así como en actos modificativos posteriores, prevé na ficha correspondente á medida 7.4 o apoio aos investimentos na creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural, incluídas as actividades recreativas e culturais, e a infraestrutura relacionada; en particular, prevé o apoio a pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala co obxectivo de proporcionar á poboación rural uns servizos básicos que cubran as súas principais necesidades, proporcionando benestar e facilitando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, con influencia directa nas áreas focais 3A e 6B.

O Regulamento (UE) núm. 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1305/2013, (UE) núm. 1306/2013 e (UE) núm. 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022 e o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da dita axuda nos anos 2021 e 2022, establece que as medidas para facer fronte ao impacto da crise da COVID-19 na agricultura e no desenvolvemento rural se executarán a través de medidas que podan beneficiarse do Feader.

Neste marco, a Decisión de execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021, pola que se aproba a modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para os efectos da concesión de axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e se modifica a Decisión de aprobación antes referida, recolle a prórroga do PDR de Galicia 2014-2020 con cargo á asignación orzamentaria correspondente para os anos 2021 e 2022 e, no que a este caso afecta, dispón un incremento do importe programado na medida 7.4 para o financiamento de proxectos destinados a apoiar os investimentos na creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural, incluídas as actividades recreativas e culturais, e a infraestrutura relacionada.

Igual que en exercicios precedentes, no marco do PDR de Galicia 2014-2020, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha entidade xestora da submedida 7.4.

Esta atribución competencial é coherente coa natureza desta entidade, nos termos definidos no artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio).

De acordo con esta norma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, nos termos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar a súa despoboación a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia, entre outras, as aldeas modelo e os polígonos agroforestais. En concreto, correspóndelle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a xestión das medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación dos fondos europeos de desenvolvemento rural, así como o deseño, programación e execución das medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos no propio texto lexislativo para tal fin.

A principal motivación da Lei 11/2021 antes citada é a loita contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

Entre os mecanismos para a recuperación da terra agraria, a Lei 11/2021 configura as aldeas modelo, definidas como o instrumento voluntario de recuperación de terras mediante a realización de actuacións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras circundantes a núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego, co fin de promover actividade económica ligada ao sector primario ao tempo que reducir o risco de incendios forestais. As actuacións poderán abranguer todo ou parte do núcleo rural da aldea co obxecto da súa rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística, con fins residenciais, de interese turístico, de transformación ambiental ou outros análogos que propicien a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.

Nos termos previstos no artigo 79 deste texto legal, nas aldeas modelo procurarase a recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal circundantes á aldea, e particularmente daqueles que se encontren en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nelas, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.

Pola súa banda, a Lei 11/2021 define os polígonos agroforestais como un instrumento voluntario de mobilización de terras que ten por obxecto o aproveitamento e a recuperación produtiva de parcelas que se encontren en estado de abandono ou infrautilización ou sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade, contando coa existencia de axentes promotores públicos ou privados interesados no seu desenvolvemento.

Os polígonos agroforestais teñen por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal. Poderán ter por obxecto a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas cales os procesos de abandono están a deteriorar estes valores.

Neste contexto, considérase estratéxico fomentar a dotación de servizos básicos locais no territorio delimitado polo perímetro que conforma a zona de actuación das aldeas modelo, así como nos núcleos rurais circundantes ao perímetro dos polígonos agroforestais.

Esta actuación estratéxica canalizarase a través da concesión de subvencións a favor das entidades locais para executar obras e prestar servizos básicos locais no marco dos principios de colaboración e cooperación que rexen as relacións entre os municipios e a Administración autonómica, nos termos previstos na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Neste contexto, cómpre tramitar un novo procedemento de concesión de axudas no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, co fin de proporcionar a prestación de servizos básicos locais que contribúan a consolidar os instrumentos de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar a actividade económica e social naquelas áreas territoriais delimitadas polo perímetro das aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, así como nos núcleos rurais situados na contorna dos polígonos agroforestais respecto dos que se teña publicado o acordo de iniciación do procedemento para a súa aprobación no Diario Oficial de Galicia, nos termos previstos no artigo 83 deste texto legal.

Trátase, en definitiva, de proporcionar á poboación rural desas áreas territoriais os servizos e dotacións básicas que cubran as súas principais necesidades, propiciando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a implantación e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais.

Actualmente está en tramitación unha modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 que, no que afecta a medida 7.4, prevé un incremento do importe da axuda pública ata 150.000 €, co fin de abarcar actuacións integrais.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nunha porcentaxe do 75 %.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello Reitor desta axencia do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co seguinte código de procedemento administrativo MR711D.

2. Convocar para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria.

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 2.097.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 14-A1-712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2023 (código de proxecto 2019-00003) coa seguinte desagregación por fontes financeiras:

Anualidade

Importe

Desagregación por fontes financeiras

2023

2.097.000 €

Feader (75 %)

1.572.750 €

Fondos AXE (7,5 %)

157.275 €

Fondos Xunta (17,5 %)

366.975 €

Conta orzamentaria 14.A1.712A.760.0 Código proxecto: 2019-00003

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (no marco da medida 7, submedida 4 «creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais», do PDR de Galicia 2014-2020), nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 17,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2023, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, debéndose publicar no Diario Oficial de Galicia o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes de axuda

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 4. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras das correspondentes axudas.

Artigo 5. Prazo para a xustificación dos investimentos

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 15 de outubro de 2023.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorrido o prazo para resolver non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional segunda. Información sobre o procedemento

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural:

https://agader.xunta.gal

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

c) No teléfono 981 54 73 69 (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

d) De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións para proxectos creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020

Capítulo I

Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria.

Para estes efectos, o día da súa publicación no DOG da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web de Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así mesmo, publicarase a través do mesmo medio a relación de polígonos agroforestais respecto dos cales se teña publicado no Diario Oficial de Galicia o correspondente acordo de iniciación do procedemento para a súa aprobación, nos termos previstos no artigo 83 da citada Lei 11/2021.

2. As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR711D.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conten no seu ámbito territorial cos seguintes instrumentos voluntarios de recuperación e/ou mobilización de terras nos seguintes termos:

– Que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

– Que se teña iniciado no seu territorio o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal, nos termos previstos no artigo 83 deste texto legal.

b) Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigada, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 17 destas bases reguladoras.

d) Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos dos bens sobre os que se vai actuar.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións destinadas á:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de iluminación pública.

b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, paseos, rúas, parques públicos, parques infantís, etc.).

c) Pavimentación de vías públicas municipais.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

f) Rehabilitación de elementos patrimoniais, tales como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños.

g) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social, etc.).

h) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros de interpretación, museos, etc.).

i) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.

j) Creación, mellora e desenvolvemento de infraestruturas para mellorar as comunicacións naquelas contornas en que non sexan posibles as comunicacións de voz en mobilidade.

k) Pequenas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e xestión de augas pluviais.

l) Pequenas infraestruturas e enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética.

m) Dixitalización de núcleos rurais.

n) Implantación de e-servizos mediante TIC específicas para a provisión de servizos no medio rural. Desenvolvemento de modelos de prestación de servizos por medios electrónicos e facendo uso das novas tecnoloxías para conseguir a personalización e proactividade do servizo ou a xestión intelixente de redes de distribución.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior.

Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación, na forma establecida no artigo 9.1.f) destas bases reguladoras.

b) Que se desenvolvan no territorio elixible, determinado segundo se describe a seguir:

– O perímetro que conforma a zona de actuación da aldea modelo, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

De ser o caso, o territorio elixible abranguerá os núcleos de poboación que, estando situados fóra do perímetro que delimita a aldea modelo, lle dean nome e sexan lindeiros co propio perímetro da aldea.

– Os núcleos rurais situados a menos de 1 quilómetro (medido en liña recta) respecto do perímetro dun polígono agroforestal, segundo figura nos correspondentes acordos de inicio do procedemento de aprobación.

Admitirase a execución de investimentos fóra dos ámbitos territoriais descritos anteriormente, sempre que se trate de obras imprescindibles para prestar servizos, dotacións e/ou equipamentos aos núcleos rurais vinculados ás aldeas modelo e polígonos agroforestais.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lles concedeu a axuda. Non se admitirán fases de proxectos.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes gastos:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto.

No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non poderá superar o 50 % do total dos gastos subvencionables.

Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

– Que se xunte un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación. De ser o caso, a taxación deberá diferenciar o valor da edificación e o valor do terreo ou parcela en que se asente.

– O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que exixa a normativa sectorial.

– Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados.

– O inmoble deberá constituír o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación.

b) Adquisición de terreos, ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.

Deberá xuntarse un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

c) Obra civil, maquinaria e bens de equipo necesarios para a execución do proxecto.

d) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade, ata o límite do 12 % do investimento subvencionable.

e) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

2. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feader, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos orixinados como consecuencia da adquisición de bens funxibles, gastos previsiblemente reiterativos, así como os gastos de funcionamento da actividade subvencionada.

b) Os proxectos relacionados coa prevención e extinción de incendios forestais.

c) As actuacións sobre a rede viaria municipal financiadas ao abeiro dos plans de mellora de camiños de titularidade municipal xestionados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, aprobados con posterioridade ao 1.1.2017.

d) As obras de mantemento ou simple reparación, así como actuacións exclusivamente ornamentais. No caso de pavimentación de vías públicas municipais, non serán subvencionables as actuacións que consistan exclusivamente en arranxo de fochas.

e) A reposición ou simple substitución de equipamento e/ou mobiliario público, maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).

f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

g) Os investimentos que substitúan outros financiados anteriormente con fondos comunitarios e respecto dos que non transcorresen cinco anos desde a certificación da súa realización, así como os investimentos en rehabilitación de locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios e aínda non pasasen cinco anos desde a súa execución.

h) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros» ou partidas a tanto global.

i) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Artigo 5. Intensidade da axuda

Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de subvención do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 150.000 €.

Artigo 6. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. Unha operación poderá recibir axuda de un ou varios fondos EIE ou de un ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os límites aplicables segundo a normativa de axudas de Estado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II) e na solicitude de pagamento (anexo VI).

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015).

2. A notificación practicarase do seguinte xeito:

a) Enviaráselle ao concello interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude de axuda un aviso no cal se lle indica a posta a súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2023

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Capítulo II

Presentación das solicitudes e documentación complementaria

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. Cada concello poderá presentar unha única solicitude de axuda, que se corresponderá cun único proxecto que comprenda todas as intervencións propostas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido na convocatoria os concellos interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o que se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2023

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que o concello solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

2. Para poder presentar as solicitudes de axuda, será necesario seguir os seguintes pasos:

a) No caso de que xa estivese dado de alta na aplicación informática habilitada para a xestión das axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais-2022, deberá acceder co nome de usuario e contrasinal xa rexistrados para estas convocatorias.

Noutro caso, deberá darse de alta na citada aplicación informática. O nome de usuario será sempre o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

Na aplicación está dispoñible un servizo de recuperación de contrasinais.

b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 9 destas bases reguladoras.

c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación, e xerará de forma automática os anexos II (solicitude de axuda), e anexo III (memoria-resumo do proxecto). A publicación no Diario Oficial de Galicia dos citados anexos ten carácter puramente informativo.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 73 69, e o enderezo de correo electrónico subdireccion-planificacion.agader@xunta.gal

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Para cada solicitude de axuda, os concellos solicitantes deberán presentar xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo II), a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación, segundo anexo III, en que se detalle a necesidade das obras ou equipamentos para os que se solicita a subvención e, de ser o caso, a súa viabilidade técnica.

No caso de que o proxecto consista na dotación de mobiliario ou bens de equipamento, deberá describirse de forma detallada e valorada o equipamento para o que se solicita a axuda.

Deberase ter en conta que a información resultante desta memoria terase en conta, se for o caso, para a baremación do proxecto, nos termos establecidos no artigo 15 destas bases reguladoras.

Esta memoria xustificativa incluirá un cadro resumo do orzamento, con identificación das partidas a que se imputa o gasto para o que se solicita a axuda.

b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes aspectos:

1º. Da designación legal do representante da entidade solicitante.

2º. Do acordo da entidade municipal relativo á participación nesta convocatoria de axudas.

3º. Da titularidade municipal ou dispoñibilidade dos terreos ou inmobles onde se van realizar os investimentos.

4º. De si a actuación proposta foi obxecto ou non de subvencións con fondos comunitarios nos últimos cinco anos ou incide en locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios no mesmo período.

c) Certificación da persoa titular da Secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

d) No caso de actuacións que comporten a execución de obra civil, deberá presentar un proxecto de obra, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria descritiva das necesidades detectadas e das actuacións propostas.

2º. Orzamento desagregado, indicando unidades de obra, medicións, prezos unitarios e descompostos.

3º. Planos de situación e de detalle.

4º. Referencia catastral e coordenadas UTM das actuacións propostas.

5º. Co fin de que as intervencións propostas se realicen dun xeito ordenado, para acadar un desenvolvemento territorial equilibrado e respectuoso cos valores culturais e naturais da propia contorna, os proxectos que comporten actuacións en espazos públicos (tales como servizos e infraestruturas subterráneas, pavimentos, iluminación, mobiliario, elementos patrimoniais, elementos de protección, mobiliario...) deberán axustarse ao Documento de Recomendacións que estará dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/servizos-basicos-locais).

e) Informe asinado por técnico/a municipal competente, indicando, no caso de que o proxecto para o que se solicita a axuda comporta a execución de obra civil:

1º. Se o proxecto cumpre coa lexislación urbanística e sectorial, así como co planeamento en vigor.

2º. Se resultan necesarios permisos e/ou autorizacións sectoriais, con indicación daqueles que se deben incorporar ao expediente.

f) Acta asinada por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou pola persoa titular da secretaría municipal, que reflicta fehacientemente o non inicio do proxecto para o que se pide a axuda. Para estes efectos, estará dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda un modelo normalizado de acta.

g) De ser o caso, certificado dun taxador independente, debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público autorizado, que acredite que o prezo de compra do ben inmoble non excede do valor de mercado, cando o proxecto comporte a adquisición de inmobles ou terreos.

h) De ser o caso, certificación expedida pola persoa responsable da Secretaría municipal, acreditativa da boa xestión do concello, nos termos previstos no artigo 15.1.b) destas bases reguladoras, indicando, se procede, o seguinte contido:

1º. O concello rendeu as contas do exercicio anterior dentro dos prazos legalmente establecidos.

2º. O concello cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio precedente.

3º. O concello aprobou o orzamento anual no prazo legalmente establecido e non o ten prorrogado.

i) De ser o caso, declaración asinada polo representante legal da entidade respecto da asunción do compromiso de informar, promocionar e difundir a aldea modelo ou o polígono agroforestal a través da súa páxina web, nos termos previstos no artigo 15.1.c).2º das bases reguladoras.

j) De ser o caso, documentación acreditativa de que os investimentos inciden sobre bens incluídos no Inventario do patrimonio cultural ou catalogados no correspondente PXOM, nos termos previstos no 15.1.c).6º das bases reguladoras.

k) Calquera outra documentación adicional que a persoa interesada considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

No caso de que o proxecto de obra supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica, ou teña un formato non admitido os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que os concellos interesados se opoñan á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimiento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que alguna circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Capítulo III

Instrución do procedemento

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. Na fase de instrución do procedemento comprobarase que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, a lexislación nacional e o programa de desenvolvemento rural, entre elas as relativas ás axudas estatais e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade da entidade beneficiaria.

b) A admisibilidade da operación proposta.

c) A elixibilidade dos investimentos propostos.

d) O cumprimento dos criterios de selección de operacións.

e) A localización do investimento en territorio elixible.

3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o incremento do seu importe.

4. Na fase de instrución do procedemento os proxectos presentados someteranse ao informe dunha comisión constituída ad hoc coa seguinte composición:

Presidenta:

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

A persoa titular da Subdirección de Mobilidade de Terras.

Un/unha empregado/a público/a designado pola Axencia Galega da Industria Forestal.

Un/unha empregado/a público/a do Servizo de Seguimento e Supervisión de Proxectos da Consellería do Medio Rural.

Secretario/a:

A persoa titular da Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural

Son funcións da Comisión:

– Determinar a adecuación dos proxectos presentados ás tipoloxías de actuación descritas no artigo 3 destas bases reguladoras.

– Determinar, nos casos en que proceda, a adecuación das actuacións propostas ao Documento de recomendacións a que se fai referencia no artigo 9.1.d) destas bases reguladoras.

–  Emitir un informe de adecuación das actuacións para as que se solicita a axuda, nos termos expostos, que se deberá incorporar aos expedientes.

Para o exercicio das súas funcións a Comisión poderá solicitar dos órganos da Administración autonómica con competencias na materia de que se trate o asesoramento ou a emisión dos informes necesarios co fin de valorar a viabilidade da solución técnica proposta nos proxectos para os que se solicita axuda.

Así mesmo, a Comisión poderá solicitar a participación de persoas expertas de recoñecido prestixio, con voz pero sen voto, que levarán a cabo funcións de asesoramento na materia de que se trate.

5. Na fase de instrución do procedemento os servizos dependentes do órgano instrutor poderán realizar unha visita de comprobación ao lugar da operación, co fin de comprobar a viabilidade dos investimentos propostos.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á entidade interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 7 destas bases reguladoras.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través do enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2023, acudindo a aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, poderá requirírselle á entidade solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar con posterioridade á presentación da solicitude de axuda deberán realizarse electronicamente accedendo á aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2023

Artigo 14. Baremación das solicitudes

As áreas dependentes do órgano instrutor valorarán as solicitudes de axuda que reúnan todos os requisitos, conten coa toda a documentación necesaria e co informe favorable da Comisión prevista no artigo 12 destas bases reguladoras.

A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola entidade solicitante e segundo os criterios de selección de operacións previstos no artigo seguinte.

Excluiranse os proxectos que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos das presentes bases.

Artigo 15. Criterios de selección de operacións

1. Para a selección dos proxectos, deberán aplicarse os seguintes criterios:

a) En función da localización do proxecto, ata un máximo de 30 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

1º. Taxa de evolución interanual de poboación do concello, segundo datos do IGE para o período 1999-2021, ata un máximo de 10 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha caída de poboación igual ou superior ao 30 %: 10 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 20 % e menor do 30 %: 8 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 10 % e menor do 20 %: 6 puntos.

Concellos con caída de poboación menor do 10 %: 4 puntos.

Concellos con incremento de poboación igual ou menor ao 25 %: 2 puntos.

Concellos con incremento de poboación superior ao 25 %: 0 puntos.

2º. Renda familiar dispoñible por concello, segundo datos do IGE para o ano 2019, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos (calculados en base 100):

Concellos cunha RFDH inferior ou igual a 70: 5 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 70 e menor ou igual a 80: 4 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 3 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 2 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 100: 0 puntos.

3º. Proxectos que se desenvolvan en zonas de montaña, segundo a definición que resulta da medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020: 10 puntos.

Pódese consultar a relación de concellos coa consideración de zonas de montaña na páxina web de Agader.

4º. Taxa de envellecemento do concello (porcentaxe de poboación >64 anos), segundo datos do IGE para o ano 2021, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha taxa de envellecemento igual ou superior ao 45 %: 5 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 45 % e igual ou superior ao 35 %: 3 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 35 % e igual ou superior ao 25 %: 2 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 25 % e igual ou superior ao 15%: 1 punto.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 15 %: 0 puntos.

b) En función da boa xestión acreditada polas entidades solicitantes: ata un máximo de 10 puntos.

1º. O solicitante rendeu as contas do exercicio anterior dentro dos prazos legalmente establecidos: 2 puntos.

2º. O solicitante cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio precedente: 4 puntos.

3º. O solicitante aprobou o orzamento anual no prazo legalmente establecido e non o ten prorrogado: 4 puntos.

c) Proxectos e investimentos nos que concorran as seguintes circunstancias: ata un máximo de 60 puntos.

1º. A entidade solicitante presenta investimentos en servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida ou destinados á supresión de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade ao núcleo: 10 puntos.

2º. A entidade solicitante comprométese a informar, promocionar e difundir a aldea modelo ou o polígono agroforestal a través da súa páxina web: 10 puntos.

3º. A entidade solicitante presenta investimentos destinados á redución do impacto visual e/ou ambiental das actividades humanas así como dos residuos xerados: 10 puntos.

4º. Se a entidade presenta investimentos destinados a instalar e/ou mellorar a sinalización do núcleo rural: 10 puntos.

5º. Se a entidade presenta investimentos en núcleos situados en Rede Natura 2000: 10 puntos.

6º. A entidade solicitante presenta investimentos que inciden sobre bens incluídos no Inventario do patrimonio cultural ou catalogados no correspondente PXOM: 10 puntos.

7º. A entidade solicitante presenta investimentos que adecúan e melloran a accesibilidade e conectividade a internet da aldea modelo: 10 puntos.

A puntuación total obtida incrementarase nun 30 % no caso de proxectos presentados por aqueles concellos que, no marco da convocatoria de axudas correspondente ao ano 2022, non resultasen beneficiarios dunha axuda nos termos previstos na Resolución do 13 de xullo de 2022, publicada no DOG núm. 143, do 27 de xullo.

2. No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio definido na epígrafe 1.c) deste artigo (proxectos e investimentos en que concorran as seguintes circunstancias) e, de persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio definido na epígrafe 1.a).1º deste artigo (taxa de evolución interanual de poboación do concello) e, se aínda así persiste o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio definido na epígrafe 1.a).2º deste artigo (renda familiar dispoñible por concello).

Artigo 16. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos concellos interesados, para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

3. A proposta de resolución expresará, de forma motivada, a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada un, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e fontes de financiamento.

De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda en cada unha das tipoloxías de proxectos. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Expresará tamén, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

Capítulo IV

Resolución do procedemento

Artigo 17. Órgano competente

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá motivadamente, por delegación do Consello de dirección desta axencia, a selección dos proxectos. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 18. Notificación e publicación

1. Todas as resolucións e actos administrativos notificaranse nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 7 destas bases reguladoras.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención se concede ao abeiro da submedida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020 e que esa actuación se enmarca nas áreas focais 3A e 6B.

2. A resolución de concesión expresará a porcentaxe e o importe total da axuda que lle corresponde para a execución do proxecto, calculado sobre a base do orzamento elixible.

3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a entidade interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo IV) entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de axudas que se concedan. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal).

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigacións establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, e manter a obriga de destino das actuacións subvencionadas durante un período mínimo de cinco anos a partir da resolución de pagamento final.

No caso de execución de obras, estas deberán ter unha garantía de mantemento de cinco anos, contados desde a data de pagamento final da axuda. E serán por conta do concello os custos necesarios para a súa conservación. O concello debe asumir todas e cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor das obras, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (en diante, LCSP).

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto completo que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na LCSP.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006 e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

7. Cumprir coas obrigas de publicidade que se especifican a seguir:

Deberase publicitar a concesión da axuda nos termos previstos no anexo III do Regulamento (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, e co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia; en particular, do seguinte xeito:

a) Deberá colocarse en lugar visible ao público unha placa con información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financeira da unión, coa inclusión do seguintes elementos: a bandeira europea, a referencia ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a inclusión do lema: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural». Así mesmo, incluirán unha referencia á participación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no cofinanciamento das actuacións subvencionadas, mediante a inclusión do logotipo deste organismo. As placas, que se colocarán nun lugar visible ao público, serán de material resistente e ríxido, e non será admisible a simple impresión en papel.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural facilitará a través da súa páxina web os modelos, formatos e dimensións das placas informativas.

b) No caso de que o concello teña páxina web, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

As referidas obrigas de publicidade deberán cumprirse durante un período mínimo de cinco anos contados desde a resolución de pagamento final da axuda.

8. No caso de que o concello solicitante asumise o compromiso de realizar actividades de información, promoción e difusión da aldea modelo ou, de ser o caso, do polígono agroforestal a través da súa paxina web, nos termos previstos no artigo 15.1.c).2º destas bases reguladoras, este contido deberá proporcionar información suficiente sobre os instrumentos de recuperación da terra agraria postos en marcha no seu territorio, en concreto, e segundo o caso, deberá informar sobre o estado do procedemento de declaración ou aprobación, a delimitación do seu perímetro e as accións realizadas e/ou previstas para a consecución dos obxectivos previstos na citada lei.

O incumprimento deste compromiso dará lugar á rebaremación do proxecto, podendo comportar, de ser o caso, o reintegro da axuda concedida.

9. Deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.

Así mesmo, deberá someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, así como as previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Os concellos beneficiarios suxeitaranse ás verificacións previstas no Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. De conformidade cos artigos 24 e seguintes do citado regulamento, entre estas actuacións de comprobación efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento, así como os controis sobre o terreo e controis a posteriori que se determinen.

Ademais, e en aplicación do disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, deberán proporcionarlle á Autoridade de Xestión do PDR de Galicia 2014-2020, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa.

10. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao amparo desta orde, segundo resulta do artigo 66 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

11. Cando o concello beneficiario non poida executar o proxecto subvencionado, deberá presentar a súa renuncia a través do modelo normalizado que se incorpora á resolución como anexo IV.

Artigo 20. Execución das actuacións subvencionadas

1. Os concellos beneficiarios deberán licitar e adxudicar as actuacións subvencionadas nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, LCSP).

2. Deberase tramitar un único procedemento de contratación para o proxecto que se presente.

3. Os concellos poderán tramitar calquera dos procedementos previstos no artigo 131 da LCSP. Non se admitirá a execución de obras a través de encomendas de xestión.

4. No caso de que opten por tramitar un contrato menor, e independentemente do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes licitadores con carácter previo á contratación, salvo que non exista no mercado suficiente número de entidades que executen a prestación de que se trate. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. No caso de que se prevexan melloras como criterio de adxudicación, estas deberán estar suficientemente especificadas, nos termos previstos no artigo 145.7 da Lei 9/2017. No suposto de que as melloras incluídas no prego de cláusulas administrativas particulares non respecten o disposto no citado artigo, aplicarase un desconto sobre a axuda que se deberá pagar equivalente ao valor das melloras ofertadas polo contratista.

6. Independentemente do procedemento que se siga, as empresas ofertantes non poderán estar vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

7. En todo o proceso de licitación os concellos coidarán especialmente de que en toda a documentación se faga constar que as actuacións que se van executar contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Feader, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

Capítulo V

Xustificación e pagamento

Artigo 21. Xustificación

1. A presentación da solicitude de pagamento (anexo VI) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2023, dentro do prazo de execución e xustificación referidos no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas. A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente á entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 45.2 do RLSG.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 7 destas bases reguladoras.

2. Xunto coa solicitude de pagamento os concellos beneficiarios deberán presentar a seguinte documentación:

a) Factura/s rexistrada/s no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

b) Xustificantes bancarios do pagamento (transferencia bancaria ou certificación bancaria), que deberá identificar o número de factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, entidade que realiza o pagamento e o destinatario.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

O anexo VI inclúe unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

d) Certificación ou informe da persoa titular da Secretaría ou da Intervención da entidade local ou, de ser o caso, do/da empregado/a público/a que, de acordo coa estrutura organizativa do concello, teña atribuída as competencias en materia de contratación pública, acreditativo de que o procedemento de contratación pública se tramitou nos termos previstos na normativa de contratación do sector público vixente, con indicación do procedemento seguido para a contratación das obras subvencionadas.

Este informe ou certificación acompañarase do listado de comprobacións para operacións de investimento público, que poderá descargarse no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda

Os expedientes de contratación deberán estar dispoñibles no concello para a súa comprobación e, de ser o caso, deberá remitirse copia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, se así se lle require ao concello.

e) No caso de que o concello optase por tramitar contratos menores, ben para obra ou ben para a adquisición de bens de equipo, tres ofertas solicitadas segundo o exposto no artigo 20.4 destas bases reguladoras.

f) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

g) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, co seguinte contido:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

h) Fotografía da placa publicitaria que acredite o cumprimento das obrigas de publicidade previstas no artigo 19.7 das bases reguladoras.

i) Captura da páxina web do concello, con referencia ao financiamento do proxecto segundo o exposto no artigo 19.7 das bases reguladoras, de ser o caso.

j) De ser o caso, acreditación do compromiso asumido en virtude do artigo 15.1.c).2º: captura da páxina web do concello onde quede reflectido o compromiso a informar, promocionar e difundir a aldea modelo ou o polígono agroforestal, de acordo co contido mínimo que se exixe no artigo 19.8 destas bases reguladoras.

k) Para o suposto de adquisición de terreos ou inmobles, o documento de compravenda elevado a público e presentado no rexistro correspondente.

l) De ser o caso, permisos, autorizacións e/ou inscricións que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación para cada tipo de investimento.

m) No caso de proxectos que comporten a execución de obra civil, certificación expedida pola Secretaría da entidade local acreditativa dos seguintes extremos:

1º. Da aprobación da/das certificación/s de obra por parte do órgano municipal competente.

2º. Do acordo de aprobación do proxecto técnico das obras por parte do órgano municipal competente.

n) No caso de proxectos que comporten a execución de obra civil, certificación/s de obra asinada/s polo/a director/a de obra.

En todo caso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes que considere convenientes en relación coa xustificación da subvención concedida.

Artigo 22. Control administrativo da solicitude de pagamento

1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán, necesariamente, as seguintes comprobacións:

–  A operación finalizada en comparación coa operación para a que se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

–  Os custos contraídos e os gastos realizados.

2. Todas as operacións de investimento incluirán, polo menos, unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 48 do Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

3. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme ao artigo 63 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 –modificado polo Regulamento de execución (UE) núm. 2017/1242–, cando o importe que derive da solicitude de pagamento supere en máis dun 10 % o importe pagadeiro á persoa beneficiaria logo do exame da admisibilidade do gasto que figura na solicitude de pagamento, aplicarase unha sanción administrativa a este último importe. A contía da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

No caso de incumprimentos de normas relacionadas coa contratación pública, tomaranse como referencia as porcentaxes indicadas no anexo da Decisión da Comisión, do 19 de decembro de 2013, relativa ao establecemento e a aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que deba aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, no caso de incumprimento de normas en materia de contratación pública.

4. Unha vez cumprida a finalidade e demais condicións previstas nestas bases reguladoras tramitarase o pagamento único e final do expediente.

Non obstante o anterior, logo da solicitude dos concellos beneficiarios poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención. A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2023

A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 1 de setembro de 2023.

A tramitación e concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da LSG, dos artigos 63 e seguintes do Decreto 11/2009 e do artigo 45.4 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013. De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

A concesión do pagamento anticipado supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía escrita da autoridade competente, que deberá acadar o 100 % do importe anticipado, nos termos previstos no artigo 63 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013. A dita garantía deberá recoller de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado.

A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural autorice a súa cancelación, unha vez que o promotor acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

Capítulo VI

Modificación da resolución de concesión

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do importe dos investimentos subvencionados e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo V).

Xunto coa solicitude de modificación deberán achegar, de ser o caso, o novo proxecto modificado, co orzamento proposto para a súa execución.

3. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela. As entidades beneficiarias terán a obriga de comunicarlle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:

– Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

– Non exista prexuízo a terceiros.

– Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

4. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

En todo caso, a modificación da resolución de concesión tramitarase nos termos previstos no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de obras, deberá tramitarse unha modificación do proxecto nos termos previstos na LCSP, e remitirse unha copia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Capítulo VII

Reintegro e réxime sancionador

Artigo 24. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG.

Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2012, modificado polo Regulamento de execución 2017/1242).

2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben e/ou da actividade subvencionada, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento.

3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feader.

4. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

5. Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a obtención doutras subvencións, axudas, ingreso ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

6. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.

7. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

b) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da entidade subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 25. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da LSG e VI do RLSG, e ao disposto no Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 e no Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014.

Capítulo VIII

Réxime normativo e de recursos

Artigo 26. Normativa de aplicación

Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).

Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Normativa comunitaria:

Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015, pola que se aproba o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (España) para efectos da concesión da axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2014ES06RDRP011), e actos modificativos posteriores.

Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Feder, FSE ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao FEMP, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión e ao FEMP.

Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello.

Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común.

Regulamento (UE) núm. 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013.

Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1305/2013.

Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello.

Regulamento de execución (UE) núm. 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Regulamento (UE) núm. 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020 polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1305/2013, (UE) núm. 1306/2013 e (UE) núm. 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022 e o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da dita axuda nos anos 2021 e 2022.

Artigo 27. Condicionalidade

A concesión das axudas previstas nestas bases reguladoras están condicionadas á aprobación da sétima modificación do PDR de Galicia 2024-2020, así como á aprobación da modificación dos criterios de selección por parte do Comité de Seguimento do PDR de Galicia 2014-2020.

Artigo 28. Réxime de recursos

Contra as resolucións do procedemento poderase formular potestativamente requirimento previo para a súa anulación ou revogación nos termos establecidos no artigo 44 en relación co 46.6 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou, de ser o caso, interpor recurso contencioso-administrativo nos termos da citada lei.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file