Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2023 Páx. 10902

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Flavescencia dourada da vide, se establece a zona demarcada para esta praga e se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes

A praga denominada Flavescencia dourada da vide, provocada polo organismo nocivo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en novembro do ano 2022. Este organismo é unha praga corentenaria da Unión recollida na parte B do anexo II do Regulamento (UE) nº 2019/2072, e regulada por este regulamento e o Regulamento (UE) nº 2016/2031.

Flavescencia dourada é unha enfermidade asociada a un fitoplasma que provoca graves danos ao cultivo da vide (Vitis vinífera L.). O risco de introdución e propagación desta enfermidade en moitas partes da península Ibérica é alto e xa foi detectada en diversas ocasións de forma localizada en Cataluña, dende o seu primeiro gromo en 1996.

O cicadélido Scaphoideus titanus é o insecto vector desta praga e a súa presenza en Galicia está confirmada, polo que cómpre dispoñer dun plan de seguimento e control.

Flavescencia dourada tamén foi localizada en diversas ocasións en Portugal, particularmente en zonas próximas á fronteira con Galicia. Deste xeito, Portugal declarou unha zona demarcada de Flavescencia dourada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que se estableceu unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira, que abrangue os concellos definidos no Regulamento de execución (UE) nº 2022/1630 da Comisión, do 21 de setembro de 2022, polo que se establecen medidas para a contención de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en determinadas zonas demarcadas.

De acordo co Regulamento de execución (UE) nº 2019/2072 da Comisión, débense ter en conta os seguintes requisitos que afectan a praga especificada ou os seus hóspedes:

a) Segundo o punto 10, anexo VI, está prohibida a introdución na Unión dos vexetais de Vitis L., excepto os froitos, procedentes de terceiros países, excepto de Suíza.

b) A partir de maio de 2022, de acordo co Regulamento de execución (UE) nº 2021/2285 polo que se modifica o Regulamento de execución (UE) nº 2019/2072 polo que respecta á lista de pragas, prohibicións e requisitos para a introdución e o traslado na Unión de vexetais, os requisitos veranse modificados. En concreto, o requisito do punto 19 do anexo VIII deberase substituír por unha declaración oficial de que os vexetais para plantación de Vitis L., excepto as sementes, a) proceden dunha zona da cal se sabe que está libre de Grapevine flavescence dorée phytoplasma; ou ben b) proceden dunhas instalacións de produción que cumpren uns requirimentos especificados na norma; ou ben c) sometéronse a un tratamento de auga quente de conformidade coas normas internacionais.

Hoxe en dia, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo mostran a presenza do organismo en plantas infectadas situadas en varias parcelas da zona demarcada. En particular, detectáronse exemplares de vide positivos nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves, na provincia de Pontevedra, e no concello de Padrenda, na provincia de Ourense, todos eles dentro da zona demarcada de Flavescencia dourada de 2,5 km respecto á fronteira con Portugal. Como consecuencia, deberá modificarse a zona demarcada e aplicar medidas para a erradicación da praga nesta zona.

O día 20 de decembro de 2022, o Comité Fitosanitario Nacional aprobou o Plan nacional de continxencia de Flavescencia dourada da vide.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Establecer como zona demarcada de Flavescencia dourada da vide as zonas indicadas no anexo I, cos concellos e parroquias incluídas, total ou parcialmente, na zona demarcada das provincias de Pontevedra e Ourense. No anexo II móstrase a relación de referencias Sixpac das parcelas infestadas.

2. Os titulares das parcelas en que se detecte a presenza de plantas infectadas ou onde fosen capturados insectos adultos de Scaphoideus titanus Ball en trampas ou se identificasen plantas con ninfas destes insectos, deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas da parcela.

2. As plantas que fosen confirmadas como infestadas por Flavescencia dourada, así como todas as plantas sintomáticas da mesma parcela, deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible e, como máis tardar, antes do comezo da seguinte tempada de crecemento. Esta destrución realizarase preferentemente in situ ou, se non é posible, realizarase nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado (por exemplo: esteladura). Antes do seu traslado, o material que se vaia destruír deberá ser tratado cun insecticida autorizado. O traslado deberase efectuar de maneira segura para evitar a propagación da enfermidade.

3. Se se detecta que na parcela afectada hai máis dun 20 % de plantas sintomáticas, arrincaranse e destruiranse todas as plantas da zona infectada no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Se a detección desta enfermidade se realiza nunha plantación abandonada, todas as plantas situadas nesta plantación deberán ser destruídas. Estas destrucións realizaranse sempre baixo control oficial o antes posible e, como máis tarde, antes do comezo da seguinte tempada de crecemento.

4. Medidas obrigatorias en zona infestada para operadores profesionais (viveiros, garden centers, centros de distribución, almacéns, etc).

a) Inmobilización cautelar do material vexetal de Vitis spp. ata a súa inspección oficial.

b) Aplicación dun tratamento insecticida autorizado. Cada vez que se realice unha nova detección (captura dun insecto adulto a través das trampas, identificación dunha planta sintomática ou identificación de plantas con ninfas) deberase aplicar un tratamento químico autorizado. As persoas titulares deixarán constancia escrita da aplicación destes tratamentos fitosanitarios e, concretamente, das súas datas de execución, produtos e doses empregadas.

c) Destrución do lote onde fose identificada a planta ou plantas infectadas por Flavescencia dourada. As plantas deberanse introducir nunha bolsa ou compartimento hermético e terán que transportarse a un lugar seguro para realizar a súa destrución.

d) Se o centro de distribución, almacén etc., ten plantas ou lotes de plantas que poidan ser portadoras da enfermidade e non expresen síntomas, deberán ser inmediatamente eliminadas seguindo o procedemento do punto 2, salvo que sexan analizadas e atopadas libres de Flavescencia dourada.

e) Instalación de trampas cromotrópicas amarelas e inspección semanal destas para poder decidir aplicar un novo tratamento fitosanitario. No caso de substituírse por sistemas de aspiración, os controis tamén se deberán realizar semanalmente.

f) Inspección das plantas do xénero Vitis spp. presentes no almacén ou centro de distribución. Se no almacén ou centro de distribución se realizan novas deteccións en novos lotes de plantas (máis de 2), estudarase a posibilidade de destruír todas as plantas de Vitis spp. do almacén ou ben analizalas todas.

5. Son consideradas zonas demarcadas:

Na provincia de Pontevedra:

– As parcelas incluídas na zona demarcada indicadas no anexo I dos concellos de Arbo, A Cañiza, Crecente, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

Na provincia de Ourense :

– As parcelas incluídas na zona demarcada indicadas no anexo I do concello de Padrenda.

6. Nas zonas demarcadas deberanse tomar as seguintes medidas culturais:

a) Todas as plantacións abandonadas que se atopen dentro da zona demarcada deberán ser arrincadas e destruídas.

b) Eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas plantas que puidesen ser portadores da enfermidade (Ailanthus altissima, Alnus glutinosa e Clematis sp, etc.), que estean a unha distancia inferior a 10 metros dos campos de vide, viveiros, garden centers, centros de distribución ou almacéns que conteñan material vexetal de Vitis spp. existentes na zona demarcada.

7. De acordo co Regulamento de execución (UE) nº 2021/2285 da Comisión, polo cal se modifica o Regulamento de execución (UE) nº 2019/2072, o material de Vitis spp. para o seu traslado dentro da zona demarcada ou dende a zona demarcada a fóra da zona demarcada deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Proceder dunha zona da cal se sabe que está libre de Flavescencia dourada da vide; ou ben,

b) Proceder dunhas instalacións de produción nas cales:

i) Non se observaron síntomas de Flavescencia dourada en Vitis L. nas instalacións de produción nin nunha zona circundante de 20 m desde o inicio do último ciclo completo de vexetación. No caso dos vexetais utilizados para a multiplicación de Vitis L., non se observaron síntomas de Flavescencia dourada en Vitis spp. nas instalacións de produción nin nunha zona circundante de, ou ben 20 m respecto dunhas instalacións de produción de enxertos, ou ben 40 m respecto dunhas instalacións de produción de portaenxertos, desde o inicio dos dous últimos ciclos completos de vexetación, e

ii) Os vectores se someten a vixilancia e, nas zonas en que os vectores están presentes, se administran tratamentos insecticidas axeitados para controlar os vectores de Flavescencia dourada da vide, e

iii) As plantacións de Vitis L. abandonadas da zona circundante de 20 m respecto das instalacións de produción foron arrincadas; ou ben

c) Foron sometidas a un tratamento de auga quente de conformidade coas normas internacionais.

As plantas do xénero Vitis spp. que teñan que saír da zona demarcada deberán ir acompañadas de pasaporte fitosanitario, para certificar que estiveron sometidas ás medidas impostas.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO I

Plano de situación das zonas demarcadas de Grapevine flavescence dorée phytoplasma

missing image file

ANEXO II

Parcelas infestadas con Grapevine flavescence dorée phytoplasma

Provincia

Concello

Parroquia

Referencia Sixpac

Pontevedra

Crecente

Albeos (San Xoán)

36:14:0:0:10:120

Pontevedra

Arbo

Mourentán (San Cristovo)

36:1:0:0:35:9

Pontevedra

As Neves

Setados (Santa Euxenia)

36:34:0:0:49:120

Pontevedra

Crecente

Ribeira (Santa Mariña)

36:14:0:0:49:557

Pontevedra

Crecente

Quintela (San Caetano)

36:14:0:0:16:1133

36:14:0:0:16:345

Ourense

Padrenda

Desteriz (San Miguel)

32:57:0:0:6:64