Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2023 Páx. 11131

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de xaneiro de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, con domicilio na avenida da Coruña, número 6, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 22 de novembro de 2022, Sandra Munín Mosquera, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, constituírona Rosina Otero Abalo e Ricardo García-Borregón Millán, mediante escritura pública outorgada o 13 de outubro de 2022, ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) Francisco López Moledo, co número de protocolo 3.216.

3. A Fundación, consonte o artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«a) Conservar unido o legado bibliográfico de Isidoro Millán González Pardo, consistente en miles de volumes con interese cultural e científico.

b) Dar a coñecer e poñer ao dispor de estudosos e investigadores os traballos de investigación de Isidoro Millán González Pardo, referentes a diferentes ramas da cultura: arqueolóxicos –en relación coa autenticidade da tumba do Apóstolo Santiago–, lingüísticos, toponímicos, xenealóxicos e históricos.

c) Custodiar e, de ser o caso, publicar o legado epistolar de Isidoro Millán González Pardo, con interese cultural, intercambiado con personalidades do mundo da cultura. Ata o momento publicáronse intercambios epistolares con Ramón Cabanillas, Ramón Piñeiro e Antonio Blanco Freijeiro, que se pretende custodiar, así como continuar coa publicación do restante legado.

d) Dar a coñecer os traballos de investigación de interese cultural do referido III Conde de Quirós, que se conteñen nos arquivos.

e) Apoiar as investigacións sobre os asuntos xacobeos.

f) Difundir os traballos históricos e arqueolóxicos de tradición xacobea de Isidoro Millán González Pardo.

g) Custodiar e conservar os arquivos familiares do referido señor».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Rosina Otero Abalo, como presidenta; Ricardo García-Borregón Millán, como vicepresidente; José Ramón Millán Cidón, como secretario; Dolores Sacramento Millán Mon, como vicesecretaria; e Eduardo José Pardo de Guevara y Valdés, José Fernández Lago, José Luis Cochón Touriño, Juan Ramón Gallastegui Otero, Rafael de Espona y Rodríguez, e Alejandro Jorge Millán Mon, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 26 de decembro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes