Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2023 Páx. 13628

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2023 pola que se convoca o webinario A Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, no marco do Ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, o webinario A Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivo e contido

A finalidade de esta actividade é dar a coñecer a recente Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que vén completar o marco normativo vixente en materia de augas naComunidade Autónoma de Galicia.

Esta lei, que aborda por primeira vez a xestión do ciclo integral da auga no territorio galego, ditouse co obxecto de establecer unha regulación que reforza o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración das augas, e crear un novo modelo de xestión que pretende garantir a calidade dos servizos aos cidadáns, a eficiencia na explotación das infraestruturas e a viabilidade económica dos sistemas.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, así como ao persoal empregado público da Administración local de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Data: mércores 22 de febreiro de 2023.

Modalidade: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Duración: 2 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda con toda a información para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP.

Ligazón ao manual de telepresenza: https://egap.xunta.gal/ecloud/s/bkDbq6zgpCe4NMQ

Cuarta. Número de prazas

Cen (100).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: Webinario A Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 17 de febreiro de 2023.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

Sexta. Comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no dispostona Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos do alumnado relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións das actividades impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. Estas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle enhttps://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme ao disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: <novas.egap@xunta.gal>

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e pola hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación das relacións do persoal seleccionado, en reserva e excluído

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal/> unha relación das persoas seleccionadas, en reserva e excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e,en todo caso e como máximo, o día 20 de febreiro de 2023, ata as 12.00 horas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. O seguimento da actividade:

a) É obrigatorio o seguimento desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

d) Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública