Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 2 de marzo de 2023 Páx. 16124

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasística de distribución denominado acometida MOP 16 bar a Estrella Galicia, polígono de Morás, Arteixo (A Coruña), no concello de Arteixo, promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2021/12-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia Galicia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Mediante a Resolución do 17 de xaneiro de 2001, da entón denominada Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, aprobouse o proxecto para a execución do gasoduto denominado Eixo Bergantiños, promovido pola empresa Gas Directo, S.A. nos termos municipais de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña).

Segundo. Mediante a Resolución do 27 de xullo de 2016, da entón denominada Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión das instalacións de gas natural canalizado que Gas Directo, S.A.U. tiña na Comunidade Autónoma de Galicia a favor de Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.).

Terceiro. Con orixe no treito do gasoduto Eixo Bergantiños que transcorre polo termo municipal de Arteixo (identificación RAA-I015.1), Nedgia Galicia, S.A. acordou con Xestur, S.A. a execución da conexión para subministración de gas natural ás futuras instalacións de Estrella Galicia no polígono industrial de Morás, en Arteixo (A Coruña).

Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas feita por Estrella Galicia, Hijos de Rivera, S.A.U. para un novo establecemento industrial (fábrica de cervexa) que se construirá no polígono de Morás (termo municipal de Arteixo), con data do 14.12.2021 a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. presentou ante esta xefatura territorial, entre outra, a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico das instalacións denominado Proxecto de execución de instalacións para a nova acometida de gas natural en aceiro DN 6” en MOP 16 bares á industria Estrella Galicia, no concello de Arteixo, subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial (colexiada nº 25.430 do COITIM). Proxecto GDAG16210900026901.

b) Declaración responsable asinada o 3.12.2021 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 229, do 30.11.2012), sobre os criterios aplicables para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.

c) Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no dito proxecto.

Para a súa tramitación, á devandita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2021/12-1.

Cuarto. Polo Acordo do 12 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude feita por Nedgia Galicia, S.A. de outorgamento da autorización administrativa da infraestrutura gasista de distribución recollida no proxecto denominado Proxecto de execución de instalacións para a nova acometida de gas natural en aceiro DN 6” en MOP 16 bares á industria Estrella Galicia, no concello de Arteixo, para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8.10.1998), e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31.12.2002).

Este acordo publicouse no DOG núm. 18, do 27.1.2022, no BOP núm. 12, do 19.1.2022, e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión A Coruña do 19.1.2022. Igualmente, foi exposto durante o prazo de vinte (20) días hábiles nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña.

Quinto. Para os efectos do establecido no artigo 56 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, nos termos establecidos no artigo 73 da dita lei e nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, o 14.1.2022 remitiuse separata do proxecto da instalación de referencia ao Concello de Arteixo para que no prazo de vinte (20) días prestase a súa conformidade ou manifestase a súa oposición á solicitude de outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución feita polo promotor e, se for o caso, emitise o condicionado técnico correspondente.

Os informes recibidos, cos condicionados establecidos no seu caso, remitíronse a Nedgia Galicia, S.A. para a súa conformidade ou para que presentase os reparos que considerase procedentes.

Unha vez rematada a tramitación do procedemento e antes de ditar esta resolución, someteuse ao trámite de toma de vista por dez días a todos os que teñan a condición de interesados no expediente.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21.12.1999), no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017), e no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11.1.2021).

2. A normativa de aplicación a este expediente é:

• Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8.10.1998), modificada pola Lei 12/2007, do 2 de xullo (BOE núm. 158, do 3.7.2007).

• Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31.12.2002).

• Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproban o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE núm. 211, do 4.9.2006) e, en particular, o disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización.

• Decreto 62/2010, do 15 de abril, da Consellería de Economía e Industria, polo que se regulan o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) (DOG núm. 77, do 26.4.2010).

• Decreto 51/2011, do 17 de marzo, da Consellería de Economía e Industria, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1.4.2011).

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto Nova acometida de gas natural en aceiro DN 6” en MOP 16 bares á industria Estrella Galicia, no concello de Arteixo, para as que se está a solicitar o outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, son:

• Finalidade do proxecto: subministración de gas natural a un establecemento industrial propiedade de Estrella Galicia, que se construirá no polígono de Morás (termo municipal de Arteixo, A Coruña).

• Obxecto do proxecto: construción dunha acometida de gas natural en aceiro Øn 6”, de 25 metros de lonxitude, con orixe na rede de aceiro Øn 10” Eixo Bergantiños existente (identificación RAA-I015.1) e remate va válvula de acometida Øn 6” que se instalará no establecemento industrial de Estrella Galicia.

• Presión de operación (MOP): 16 bares.

• Instalacións auxiliares: válvula de acometida de Øn 6”.

• Orzamento de execución material: 21.745,82 €.

4. O artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, determina (...) correspóndelles ás delegacións provinciais (actuais xefaturas territoriais), en canto non se alteren os termos das autorizacións administrativas ditadas por un órgano superior, a autorización administrativa do resto de instalacións, coas seguintes puntualizacións:

a) Instalacións que requiren autorización individual:

As canalizacións de presión máxima de servizo entre 4 e 16 bares con diámetro maior de 114,3 mm (4’’).

5. Non consta no expediente que fose presentada alegación ningunha referente á solicitude feita por Nedgia Galicia, S.A. durante o período legal previsto no trámite de información pública, nin durante o trámite de audiencia aos interesados.

6. O 21.1.2022, o Concello de Arteixo remitiu o informe da separata no cal sinalaba, en síntese, o seguinte:

Vista a documentación técnica presentada, o proxecto carece do anteriormente mencionado (fai referencia a unha memoria urbanística como documento específico e independente), polo que se deberá dar cumprimento ao establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Por outra banda, deberá achegar a obra pretendida grafada sobre a planimetría das normas subsidiarias do Concello de Arteixo.

Deste informe deuse traslado o 27.1.2022 á empresa Nedgia Galicia, S.A., que respondeu presentando o 25.2.2022 un escrito de obxeccións ao dito informe. Estas obxeccións foron remitidas o 7.3.2022 ao Concello de Arteixo para a súa avaliación, que remitiu o 11.3.2022 e na que sinala, en síntese:

Para mellor entendemento, comunícaselle que non se están a cuestionar outro tipo de consideracións a que fai mención o escrito de contestación que foi presentado. O que se lle está requirindo, en cumprimento do artigo 353.2.d) do RLSG, é unha addenda, un anexo, unha ampliación da documentación técnica presentada para poder informar da viabilidade da intervención.

Á vista dos diferentes informes achegados polo Concello de Arteixo e das valoracións que sobre os ditos informes presentou o promotor, o servizo técnico desta xefatura territorial informa:

– O que estaba a solicitar esta xefatura territorial ao Concello de Arteixo mediante a remisión da separata era, segundo o procedemento de autorización, que o dito concello amosase a súa conformidade ou oposición á solicitude de outorgamento da autorización administrativa e, se for o caso, emitise o condicionado técnico que considerase axeitado para a aprobación do proxecto de execución.

– O artigo 67.3 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, establece que a autorización e a aprobación do proxecto serán outorgadas pola Administración competente, sen prexuízo das concesións e autorizacións sobre protección do dominio público que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, a correspondente lexislación sectorial e, en especial, as relativas á ordenación do territorio, ao urbanismo e ao ambiente.

– En relación co contido do informe achegado polo Concello de Arteixo, debemos salientar que o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, dispón no seu artigo 353.2.d): ás solicitudes de licenzas que se refiran á execución de obras ou instalacións deberá achegarse proxecto completo redactado por un técnico competente, na forma e co contido que se indican a seguir.

– A maiores, debemos lembrar que o Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, establece os actos que non precisan licenza:

(...)

2) Están exentos de actividade ou funcionamento e de licenza urbanística os actos de uso do solo ou do subsolo incluídos nas resolucións de outorgamento de dereitos mineiros e nos proxectos ou instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica ou de gas para cuxa autorización ou concesión sexa competente a Xunta de Galicia, cando no procedemento de autorización ou no da súa avaliación ambiental estea previsto o trámite de audiencia ao Concello ou informe municipal, e o proxecto ou instalación sexan compatibles co planeamento e a normativa urbanísticos.

3) En tales casos, obtida a autorización ou concesión, a persoa titular da instalación ou concesión presentará a comunicación previa prevista na normativa urbanística e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Considerando o exposto, a xuízo dos técnicos que subscriben, non nos atopamos ante a negativa ou oposición á solicitude formulada, nin o establecemento dun condicionado técnico contrario á solución técnica recollida no proxecto de execución, polo seguinte:

– Na documentación técnica remitida ao Concello de Arteixo atópanse descritas e definidas co suficiente grao de detalle as canalizacións proxectadas, así como o procedemento de execución, para dar resposta dun xeito axeitado á solicitude formulada.

– A lexislación invocada polo Concello de Arteixo para non dar resposta ao informe solicitado resulta aplicable ao procedemento que se debe seguir ante unha solicitude de licenza municipal, de tal xeito que entendemos que que non nos atopamos ante a negativa ou oposición á solicitude formulada nin o establecemento dun condicionado técnico contrario á solución técnica recollida no proxecto de execución, ao non resultar procedente establecer un procedemento de outorgamento da licenza municipal como un impedimento para emitir informe sobre o requirido e/ou establecer o condicionado técnico que se considere oportuno.

– Por outra banda, entendemos que non procede facer ningunha valoración neste expediente sobre a necesidade de tramitar unha licenza sobre instalacións que se atopan exentas deste trámite, segundo o establecido nun decreto lexislativo.

– O informe solicitado ao Concello de Arteixo ten un carácter preceptivo, pero o procedemento establecido no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, non o determina como vinculante, polo que a súa omisión non paraliza nin condiciona a resolución das solicitudes feitas por Nedgia Galicia, S.A.

– Que, unha vez analizado o expediente, as instalacións proxectadas cumpren cos requisitos regulamentarios.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, para a súa execución no prazo máximo dun ano desde a publicación desta resolución.

2. A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:

• A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S.A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

• Antes do inicio das obras Nedgia Galicia, S.A. poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo as respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións, coa finalidade de que poidan avaliar o seu contido e establecer os condicionantes que consideren oportunos.

• Antes do inicio das obras deberán achegar a esta xefatura territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as obras e o director de obra responsable delas.

• A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc. As conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

• De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

• Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non previstas neste proxecto e no proxecto inicialmente autorizado, e antes da súa execución, deberase dispoñer do pertinente visto e prace desta xefatura territorial.

• Todas as modificación efectuadas na fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado. Superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte desta xefatura territorial.

• Esta xefatura territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se xulgue procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.

• Para os efectos da posta en marcha parcial das instalacións, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 4 de maio de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña