Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 2 de marzo de 2023 Páx. 16098

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/022-4).

Expediente: IN407A 2022/022-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución do CTI Portal Valadares por CTC e LMTS BAL701.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 21 de xaneiro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución do CTI Portal Valadares por CTC e LMTS BAL701.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a desmontaxe do centro de transformación de intemperie Portal Valadares (36A491), situado no apoio 9WTDJQIO//32-9-CTA. Substituíndo o centro de transformación desmantelado, instálanse un centro de manobra exterior 2L1P TC TG de 250 kVA e unha liña de media tensión subterránea de 24 metros. As actuacións están previstas na estrada Portal Valadares, 86, na parroquia de Valadares, no municipio de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.

AESA non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 11 de febreiro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 8 de marzo de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 3 de marzo de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo: do 15 de febreiro de 2022 ata o 31 de marzo de 2022, conforme o certificado emitido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Albina Vila Piñeiro. A continuación resúmese o seu contido:

Considera que a localización do centro de transformación non é a máis axeitada porque se situa ao carón dun pío e fronte a un núcleo de vivendas. Propón que se sitúe o centro nos terreos do Consorcio Zona Franca de Vigo.

A instalación do centro repercutirá no valor económico da parcela e no lucro cesante por unha posible recualificación do terreo no novo Plan xeral de ordenación urbana de Vigo, que se está tramitando.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

A instalación do centro de transformación non afecta as vivendas nin o pío e é necesaria a súa instalación polo aumento da demanda de enerxía na zona. A localización elixida é a máis viable técnica e economicamente, pois o centro de transformación ten a función de transformar a enerxía eléctrica a niveis de tensión adecuados para a súa distribución aos consumidores e, polo tanto, debe estar próximo dos puntos de consumo.

No caso de que se declare a utilidade pública da instalación proxectada, será no acto de levantamento de actas previas cando os interesados manifestarán todo aquilo que consideren oportuno para que se teña en conta na valoración económica da parcela.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en dous motivos:

– Con relación á valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Respecto ao trazado alternativo, non se xustifica por parte da alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161, limitacións á constitución de servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Desmontaxe do centro de transformación intemperie Portal Valadares e instalación dun centro de transformación compacto, a 250 kVA, con RT 15 kV/400V.

Liña de media tensión subterránea (LMTS), a 15 kV, con condutor RHZ1, de 24 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9WTDJQIO//32-9, mediante un paso aero-subterráneo, e final no CTC proxectado. A instalación está situada na estrada Portal Valadares 86, Vigo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o recorrente será informado do trámite de levantamento das actas previas á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo.

Neste sentido é preciso traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TXS de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que, á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar, sen xénero de dúbidas, cal sería desde todos os intereses públicos e privados afectados o trazado preferible de entre os catro que se presentan (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factibles tamén polo perito), pois para practicar a correspondente comparación valorouse o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e o certo é que á Sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que todas presentan vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; así, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente, pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado, todo o cal ten que considerar a Administración cando aproba unha das opcións e, neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada, o cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e non só mirando os intereses da aquí recorrente– coas demais opcións, debe ser respectado».

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución do CTI Portal Valadares por CTC e LMTS BAL701 (expediente IN407A 2022/022-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primero e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 7 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra