Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 8 de marzo de 2023 Páx. 16813

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN853A).

A Resolución do 31 de decembro de 2019, da Axencia Galega de Innovación (DOG núm. 35, do 20 de febreiro de 2020), estableceu as bases reguladoras das axudas para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeu á súa convocatoria para o ano 2020.

A citada resolución contén indicacións sobre o prazo máximo en que as entidades beneficiarias deben presentar os documentos acreditativos do pagamento daqueles gastos cuxos pagamentos se deben efectuar nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación. Este sería o caso dos ingresos á conta do IRPF ou das cotas de seguros sociais, liquidables con posterioridade á data de xustificación. É preciso modificar esta resolución para establecer de xeito coherente o prazo máximo en que as entidades beneficiarias destas axudas deben presentar a xustificación destes gastos en relación cos prazos establecidos nos calendarios de recadación.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

A modificación da Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se establece a convocatoria, para o ano 2020, das axudas para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN853A).

Artigo único

Modifícase a letra h) do artigo 26.4, que queda redactada nos seguintes termos:

«h) Para a xustificación de custo de persoal, deberá achegarse:

1. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable do organismo de investigación/empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades da unidade mixta, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ás actividades da unidade mixta.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder.

3. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos do organismo de investigación/empresa cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades da unidade mixta, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación antes de finalizar o mes seguinte a aquel en que ao beneficiario lle corresponda liquidar eses gastos.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades da unidade mixta e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos.

5. Boletíns de cotización á Seguridade Social e copia dos seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe poderá ser xustificado na anualidade seguinte, agás para o ano 2023, no que as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación antes de finalizar o mes seguinte a aquel en que ao beneficiario lle corresponda liquidar eses gastos.

6. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

7. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades da unidade mixta de investigación. No contrato farase mención expresa ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.3), ao nome da unidade mixta de investigación e a esta convocatoria.

8. Declaración responsable da non participación do persoal da unidade mixta, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación á unidade mixta, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que aparece como anexo VII a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación