Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 9 de marzo de 2023 Páx. 17022

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 4 das normas subsidiarias de planeamento de regulación das condicións de posición con respecto ao viario do concello de Boqueixón (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 4 das normas subsidiarias de planeamento de regulación das condicións de posición con respecto ao viario do concello de Boqueixón (A Coruña), mediante a Orde do 24 de febreiro de 2023, da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a dita modificación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2389&_aaeTipology_WAR_aae_id=2389

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 4
das normas subsidiarias de planeamento de regulación das condicións
de posición con respecto ao viario do concello de Boqueixón (A Coruña).

O Concello de Boqueixón solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do disposto no artigo 60.16, en relación co artigo 83.5, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Boqueixón conta cunhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 15.5.1996, que recuperaron a súa vixencia logo da sentenza do Tribunal Supremo do 25.5.2020 pola que se anulou o Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 6.2.2015.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 18.3.2021 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o 16.4.2021 (DOG do 4 de maio) en que se resolve non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco dos procesos de consultas previas, contestaron, ademais da SXOTU, o Instituto de Estudos do Territorio, con informe do 11.3.2021; e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, informe do 15.3.2021.

4. A arquitecta municipal emitiu informe o 25.5.2021; e o secretario-interventor, o 4.6.2021.

5. O Pleno do Concello de Boqueixón aprobou inicialmente a modificación o 9.6.2021. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (BOP do 2 de setembro, La Voz de Galicia do 9 de setembro e no DOG do 27 de setembro) sen se presentar ningunha alegación.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) do 22.11.2021, favorable.

• Ministerio de Defensa, do 2.12.2021, favorable.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 13.12.2021.

• Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) do 22.12.2021, favorable.

• Deputación Provincial da Coruña en materia de estradas, do 14.1.2022.

• Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, do 24.1.2022, favorable.

• Delegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento) do 18.2.2022.

• Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) do 7.2.2023, favorable.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 23.2.2022, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio do 3.3.2022, sen obxeccións.

• Augas de Galicia, do 4.3.2022.

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) do 10.3.2022.

8. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Estrada, O Pino, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Vedra e Vila de Cruces, sen se recibir ningunha resposta.

9. A arquitecta municipal informou o 2.8.2022; e o secretario-interventor, o 12.9.2022.

10. O Pleno do Concello de Boqueixón aprobou provisionalmente a modificación o 14.9.2022.

11. O 4.11.2022 tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia a solicitude de aprobación definitiva, recibíndose documentación complementaria con datas do 17.11.2022 e 10.2.2023.

II. Obxecto e descrición da modificación puntual.

1. O obxecto da modificación é regular as condicións de posición dos pechamentos con respecto ao viario no solo non urbanizable, para as vías tipo III, tipo IV e V establecidas no título IV, capítulo I da normativa das normas subsidiarias de planeamento municipal.

2. Esta modificación xustifícase pola necesidade de integración dos viarios nos núcleos de poboación e a súa contorna próxima; e de actualización á LSG e ao PXOM en tramitación.

3. A modificación altera o contido dos artigos 56 «Condicións da rede de estradas» e 57 «Condicións do sistema local viario» (título IV, capítulo I. Sistema viario) das normas subsidiarias, e modifícase a distancia dos pechamentos nos denominados solo non urbanizable común, solo non urbanizable de protección e solo non urbanizable de núcleo rural.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación recibida e a tramitación realizada, considérase que se cumprimentan as observacións formuladas no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 18.3.2021 e non se encontran obxeccións.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 das NSP do concello de Boqueixón, de regulación das condicións de posición con respecto ao viario.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.