Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2023 Páx. 17533

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de marzo de 2023 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

Con data do 25 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de decembro de 2022, da Consellería do Medio Rural, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A).

Esta orde establece as bases reguladoras e convoca para o ano 2023 as axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

O anexo do Regulamento de execución (UE) 2023/150 da Comisión, do 20 de xaneiro de 2023, polo que se modifican determinados anexos do Regulamento de execución (UE) 2021/620 no que se refire á aprobación ou a retirada do status de libre de enfermidade de determinados Estados membros ou zonas ou compartimentos destes, no que respecta a determinadas enfermidades da lista (DOUE núm. 20, do 23.1.2023, en vigor desde o 26.1.2023), modifica o anexo II (Infección polo complexo Mycobacterium tuberculosis-acrónimo CMT), parte I (Estados membros ou zonas destes con status libre de enfermidade a respecto do CMT) do citado Regulamento de execución (UE) 2021/620 da Comisión, do 15 de abril de 2021, e na entrada relativa a España inclúe as comunidades autónomas de Cataluña, Illes Balears e Murcia como rexións con status libre de enfermidade a respecto do CMT. En consecuencia, e en aplicación de ambos os dous regulamentos, as comunidades autónomas españolas con status libre de enfermidade a respecto do CMT son: Galicia, Canarias, País Vasco, Principado de Asturias, Cataluña, Illes Balears e Murcia.

A consideración das comunidades autónomas ou rexións do territorio do Estado español, e as rexións da UE e os Estados membros que posúan un status de libre de enfermidade, é unha garantía de sanidade para a cabana gandeira e, en consecuencia, é un motivo fundamental para que os titulares das explotacións gandeiras de Galicia leven a cabo a comercialización de animais (compra e venda) con eles, mantendo un alto nivel de sanidade animal nas explotacións.

A Orde do 30 de decembro de 2022 regula no artigo 3.3, alínea d), os criterios sanitarios en relación coa enfermidade producida polo CMT (tuberculose) que deben cumprir os animais bovinos, ovinos e cabrúns comprados, para ter dereito ás axudas á reposición. A alínea d) recolle que as explotacións de orixe dos animais adquiridos deben pertencer a provincias e unidades veterinarias locais (acrónimo UVL-en Galicia son as comarcas veterinarias) de prevalencia de tuberculose bovina inferior ao 0,10 %.

As persoas titulares das explotacións gandeiras galegas desenvolven unha comercialización ampla e axeitada ás súas necesidades de compra e venda de animais. No ámbito da reposición de reses, os/as gandeiros/as mercan os animais dentro do territorio de Galicia, noutras comunidades autónomas españolas e tamén noutros países/rexións da UE ou do contorno EEE. Polo tanto, e en relación co contido da alínea d) citada, cómpre incluír dentro das posibles orixes dos animais, ademais de pertencer a explotacións de provincias e comarcas españolas cunha prevalencia de tuberculose bovina inferior ao 0,10 %, os Estados membros ou zonas destes (incluídas CC.AA. e provincias de España) que posúan o status de libre para a citada enfermidade, ampliando así as zonas/rexións de posible procedencia dos animais bovinos, ovinos e cabrúns para a reposición de efectivos, seguindo un criterio sanitario.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A)

Modifícase a alínea d) do artigo 3.3 (requisitos), e que queda redactada como segue:

«d) En canto aos animais adquiridos polos cales se solicita axuda, os da especie bovina procederán de explotacións de orixe cunha cualificación sanitaria T3B4 durante os 3 últimos anos consecutivos como mínimo. As ditas explotacións de orixe deberán pertencer ben a provincias e unidades veterinarias locais de prevalencia de tuberculose inferior ao 0,10 %, ben a rexións con status de libre de enfermidade ao respecto do complexo Mycobacterium tuberculosis (CMT) e a unidades veterinarias locais de prevalencia de tuberculose inferior ao 0,10 %. Se as reses bovinas adquiridas proceden de explotacións de orixe situadas noutros países, estes deberán ser oficialmente indemnes de tuberculose, brucelose e leucose bovina, e libres de peripneumonía contaxiosa bovina.

Os animais comprados das especies ovina e cabrúa deberán proceder de explotacións de orixe con cualificación sanitaria M4 durante os 3 últimos anos consecutivos como mínimo. As ditas explotacións de orixe deberán pertencer ben a provincias e unidades veterinarias locais de prevalencia de tuberculose bovina inferior ao 0,10 %, ben a rexións con status de libre de enfermidade o respecto do complexo Mycobacterium tuberculosis (CMT) e a unidades veterinarias locais de prevalencia de tuberculose bovina inferior ao 0,10 %. Se as reses ovinas ou cabrúas adquiridas proceden de explotacións de orixe situadas noutros países, estes deberán ser oficialmente indemnes de tuberculose bovina e de brucelose ovina e cabrúa.

Para os efectos de coñecer as prevalencias de tuberculose bovina antes de efectuar a compra de animais, consultarase a seguinte ligazón da web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA):

https://www.mapa.gob.es/es/ganaderia/temas/sanidad-animal-higiene-ganadera/sanidad-animal/enfermedades/tuberculosis/Tuberculosis_bovina.aspx

Dentro do Programa nacional de erradicación de la tuberculose bovina (PNETB) atópase a información de prevalencias desta enfermidade, por provincia e por comarca veterinaria, e que é actualizada anualmente polo MAPA:

Provincias libres e de prevalencia menor 0,2.

Prevalencias de rabaño comarcais TB 2021.

Así mesmo, esta información está dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural, na sección da oficina virtual de gandaría (OVGAN): https://ovmediorural.xunta.gal/gl/tramites/ovgan».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural