Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2023 Páx. 17537

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de marzo de 2023 pola que se modifica o prazo de xustificación das axudas previsto na Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR462B).

A Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR462B, DOG núm. 21, do 1 de febreiro de 2022), cunha corrección de erros publicada o 3 de marzo de 2022 (DOG núm. 43), establece no seu artigo 17 que o prazo para executar e xustificar as axudas concedidas remata o 30 de abril de 2023, para propietarios particulares de xeito individual, sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, entidades locais, comunidades de bens e outras persoas xurídicas (S.A., S.L., …), e o 30 de xuño de 2023 para comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) e montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo.

De acordo co establecido no artigo 14.8 da Orde do 29 de decembro de 2021, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes.

Debido á alta carga de traballo polo gran número de subvencións que se tramitaron na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal durante o ano 2022, non foi posible aprobar as axudas desta orde ata o día 28 de decembro de 2022, e notificáronse aos interesados mediante publicación no DOG o día 30 de xaneiro de 2023. En consecuencia, o prazo de xustificación establecido na orde de axudas redúcese considerablemente, pasando a ser un prazo demasiado curto para a realización e xustificación dos investimentos subvencionados.

Por todo o anterior, cómpre modificar o prazo establecido para a xustificación destas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do prazo de xustificación da axuda

Modifícase o prazo para xustificar as axudas concedidas, que pasa a ser ata o 15 de setembro de 2023, para propietarios particulares de xeito individual, sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, entidades locais, comunidades de bens e outras persoas xurídicas (S.A., S.L., …), e o 15 de novembro de 2023 para CMVMC e montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural