Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17974

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2023 (código de procedemento IN418E).

BDNS (Identif.): 680761.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as seguintes persoas en función do tipo de actuación:

1. Planificación enerxética de concellos: as entidades que integran a Administración local conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, reguladora das Bases do réxime local ou as agrupacións das entidades anteriores con base a un acordo marco en que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única para efectos de notificación.

2. Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Sen prexuízo de que poidan presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran cos requisitos e condicións establecidos nelas (código de procedemento IN418E).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2023 (código de procedemento IN418E).

Cuarto. Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2023. O orzamento por partida orzamentaria redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 05.A3.733A.760.3, 05.A3.733A.770.4 e 05.A3.733A.781.8, entidades locais, empresas e entidades sen fins de lucro.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de actuación será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Orzamento (€)

Planificación enerxética de concellos

500.000,00

Planificación enerxética de comunidades enerxéticas

100.000,00

Total

600.000,00

Quinto. Contía da axuda

1. A intensidade de axuda en función do tipo de actuación será a que se determina a continuación:

a) Planificación enerxética a concellos: a intensidade de axuda dependerá dos concellos que acheguen subministracións enerxéticas ao contrato centralizado segundo o establecido na seguinte táboa:

Agrupación de concellos

Intensidade da axuda

Sen agrupar

30 %

De 2 a 5 concellos

50 %

Máis de 6 concellos

70 %

No caso de concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, incrementarase a intensidade de axuda un 15 %. Incrementarase un 15 % adicional a concellos fusionados ou un 10 % a concellos emprendedores (o aumento de intensidade de axuda por concello emprendedor non é acumulable co incremento por concello fusionado).

No caso de concellos sen agrupar, só poderán acceder á axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas.

No caso de entidades locais que non sexan concellos, a intensidade de axuda calcularse en función dos concellos aos que represente.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: a intensidade da axuda será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 15.000 por concello ou comunidade enerxética. No caso de acordo marco entre varios concellos a axuda máxima aplicarase individualmente a cada concello da agrupación. No caso de entidades locais que representen varios concellos, aplicarase unha axuda máxima de 15.000 € por cada concello que represente a entidade local e que aporte subministracións enerxéticas da súa titularidade ao contrato centralizado cun máximo de 150.000 € por expediente.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

No caso comunidades enerxéticas sen constituír, a solicitude presentaraa o representante da agrupación de persoas físicas, autónomas, xurídicas ou sen personalidade xurídica sobre a base dun acordo marco de colaboración entre os seus integrantes.

2. O prazo de presentación das solicitudes comeza o 28 de marzo de 2023 ás 9.00 horas e rematará o 15 de xuño de 2023.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia