Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20399

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F).

Galicia, como destino natural relevante polas súas paisaxes e especialmente polo atractivo do seu litoral, cun enorme valor paisaxístico e ambiental, actúa como factor de atracción para os visitantes, cunha costa única configurada a través das súas rías, cabos, praias, vilas e pobos mariñeiros, cidades atlánticas e portos. O litoral galego constitúese como un eixo de unión de todos estes elementos. No marco da Estratexia de sustentabilidade turística en destinos, aprobouse o Plan territorial de sustentabilidade turística de Galicia do ano 2021, que ten como prioridade o fomento e execución de actuacións de turismo sustentable en destinos do litoral da propia comunidade autónoma. A rehabilitación de fachadas e recursos emblemáticos do litoral de Galicia é unha actuación de cohesión entre destinos (ACD) do dito plan con que se pretenden abordar accións concretas encamiñadas á conservación e mellora do patrimonio singular e de uso turístico que se localiza ao longo da costa galega. Trátase dun proxecto integral de posta en valor da fachada marítima encamiñada ao embelecemento, acondicionamento e revitalización dos destinos nos ámbitos de infraestruturas, patrimonio e cultura, intervención nos espazos públicos, sinalización e accesibilidade dos seus recursos a través da dixitalización. Esta actuación de cohesión entre destinos resulta especialmente relevante pola necesidade de recuperación da fachada do litoral galego, na cal se localizan por unha banda, numerosas vilas e cidades e, por outra, gran cantidade de infraestruturas en desuso, en estado de mala conservación ou con necesidade de rehabilitación debido á súa singularidade e localización e ao impacto que a súa imaxe representa ante a chegada do turismo. As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo mellorar e potenciar o litoral galego actuando sobre os recursos naturais, culturais e patrimoniais e sobre infraestruturas e equipamentos, sensibilizando sobre a súa conservación, apostando pola súa rehabilitación e destacando o seu valor como atractivo turístico, promovendo a xestión sustentable desde os destinos e potenciando o territorio do litoral galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización alcanzan o ámbito nacional e internacional no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e creouse o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos e presentaranos formalmente, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o dito plan cumpren cos 6 piares establecidos polo antedito Regulamento nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran, pola súa vez, 30 compoñentes para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do Plan.

Esta resolución encádrase no marco do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico; incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no contexto da liña de investimento 1: Transformación do modelo turístico cara á sustentabilidade, directamente relacionado coa submedida 2: Plans de sustentabilidade turística, do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitos, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos do referido plan.

A Axencia de Turismo de Galicia, creada en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, coa finalidade de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade, realiza esta convocatoria de axudas, baixo o procedemento de concorrencia non competitiva, dirixidas a establecementos turísticos situados en municipios costeiros do litoral galego, que poden presentar proxectos no marco de dúas liñas de actuación: tecnoloxías ambientais e mellora da fachada turística do litoral. As dúas liñas de actuación encádranse na ACD Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego do Plan territorial de sustentabilidade turística litoral de Galicia de 2021, en particular, a liña 1 enmárcase no eixe 2 (eficiencia enerxética) e a liña 2, no eixe 4 (competitividade).

O Acordo do 21 de decembro de 2021, da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado pola Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas, do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento por parte de entidades locais no marco do compoñente 14, investimento 1, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e destina 6.670.000 euros á rehabilitación de fachadas e recursos emblemáticos do litoral de Galicia, dos cales 2.075.000 euros son para axudas a establecementos turísticos, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e convocalas para o ano 2023 (código de procedemento TU503F).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 9 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos 4 meses contados desde a data de presentación da solicitude.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions?langId=gl_ES

b) Na páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código do procedemento.

c) Nos teléfonos 981 54 74 05 e 981 54 63 60.

d) No enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

7. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas a establecementos turísticos para actuacións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, así como a mellora da fachada e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, de xeito que contribúan ao embelecemento do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia e a un turismo sustentable (código de procedemento TU503F), así como proceder á súa convocatoria para o ano 2023.

2. A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Na falta do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo. As axudas obxecto desta convocatoria réxense, ademais, polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas, en particular polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; pola Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; pola Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; pola Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia; e pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 2.075.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023. O orzamento divídese en dúas liñas de actuación subvencionables: tecnoloxías ambientais, cun orzamento de 1.125.000 €, e mellora da fachada turística do litoral , cun orzamento de 950.000 €.

2. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, liña de investimento I1. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

3. A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase segundo o previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 17 do mesmo corpo legal.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda dos erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

Artigo 3. Réxime de compatibilidade das subvencións

A percepción destas axudas non é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración, entes públicos ou privados.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. As persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

3. Deberá acreditarse, mediante calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria para a realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 23 destas bases.

4. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o novo titular subrogarase na posición xurídica de persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante.

b) As empresas que estean en situación de crise, conforme a definición que, para estes efectos, se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse actuacións subvencionables aquelas que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable, nos termos previstos no artigo 1 destas bases, e se realicen no prazo establecido nestas bases.

2. Pódense diferenciar dúas liñas de acción:

a) Liña 1: tecnoloxías ambientais.

b) Liña 2: mellora da fachada turística do litoral.

3. Non serán subvencionables as seguintes actividades incluídas na lista de exclusión establecida na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021:

– As actividades relacionadas cos combustibles fósiles, incluída a utilización ulterior destes, excepto os proxectos no marco desta medida relacionados coa xeración de electricidade e/ou calor utilizando gas natural, así como coa infraestrutura de transporte e distribución conexa, que cumpran as condicións establecidas no anexo III da Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DO C 58, do 18.2.2021, p. 1).

– As actividades no marco do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE) en relación coas cales se prevexa que as emisións de gases de efecto invernadoiro que van provocar non se situarán por debaixo dos parámetros de referencia pertinentes. Cando se prevexa que as emisións de gases de efecto invernadoiro provocadas pola actividade subvencionada non van ser significativamente inferiores aos parámetros de referencia pertinentes, deberá facilitarse unha explicación motivada respecto diso. Son parámetros de referencia os establecidos para a asignación gratuíta de dereitos de emisión en relación coas actividades que se inscriben no ámbito de aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión, segundo o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 2021/447 da Comisión.

– As actividades relacionadas con vertedoiros de residuos, incineradoras (esta exclusión non se aplica ás accións emprendidas no marco desta medida en plantas dedicadas exclusivamente ao tratamento de residuos perigosos non reciclables, nin ás plantas existentes, cando as ditas accións teñan por obxecto aumentar a eficiencia enerxética, capturar os gases de escape para o seu almacenamento ou utilización, ou recuperar materiais das cinzas de incineración, sempre que tales accións non leven consigo un aumento da capacidade de tratamento de residuos das plantas ou a unha prolongación da súa vida útil; estes pormenores deberán xustificarse documentalmente por cada planta), e plantas de tratamento mecánico-biolóxico (esta exclusión non se aplica ás accións emprendidas no marco desta medida nas plantas de tratamento mecánico-biolóxico existentes, cando as ditas accións teñan por obxecto aumentar a súa eficiencia enerxética ou o seu reacondicionamiento para operacións de reciclaxe de residuos separados, como a compostaxe e a dixestión anaerobia de biorresiduos, sempre que tales accións non leven consigo un aumento da capacidade de tratamento de residuos das plantas ou unha prolongación da súa vida útil; estes pormenores deberán xustificarse documentalmente por cada planta).

– As actividades en que a eliminación a longo prazo de residuos poida causar danos ao ambiente. O prego de condicións exixirá ademais que só poidan seleccionarse aquelas actividades que cumpran a lexislación ambiental nacional e da UE pertinente.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a continuación:

a) Liña 1: tecnoloxías ambientais.

– Creación de contornas que prioricen a luz natural. Inclúe a remodelación das fachadas mellorando a súa orientación, substitución de paredes por cristaleiras, instalación de ventás nas cubertas, instalación de túneles solares e instalación de cortinas finas ou translúcidas, contribuíndo a unha menor utilización de fontes de enerxía para a xeración de luz artificial.

– Instalación de láminas de control solar nas fiestras para evitar a incidencia excesiva dos raios solares no interior e a perda calorífica no inverno, contribuíndo á mellora do comportamento enerxético do edificio.

– Construción de invernadoiros acaroados e de azoteas e terrazas verdes para crear un «efecto toldo», de maneira que permita resgardar o edificio da choiva e mellorar o illamento, contribuíndo a unha redución no uso dos sistemas de calefacción e climatización e a mellora ambiental.

– Instalación de sistemas de aproveitamento da auga. Inclúe a instalación de tanques soterrados modulares, que permiten recoller tanto a auga da choiva coma filtrar a auga procedente do terreo, a instalación de filtros de auga nas baixantes para aproveitar a auga da choiva, así como outros sistemas de aproveitamento de augas residuais ou que reduzan as verteduras ao ambiente.

b) Liña 2: mellora da fachada do litoral galego.

– Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, como fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, formigón ou morteiro de cemento.

– Renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Considerarase como deficiente estado de conservación aquel en que estean os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascado, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntamento.

– Remate ou renovación do acabamento exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atopárense nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.

Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

– Revestimento dos muros de cerramento da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir.

Inclúe a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda, así como o que produce o seu mal estado de conservación. Neste caso as actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos.

Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

2. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola persoa solicitante.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023.

4. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, como non subvencionables. Ademais, non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos de mantemento ordinarios.

b) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, multas, taxas...

c) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, aínda sendo necesarios cara a obtención de permisos ou licenzas.

d) Seguros subscritos polo solicitante.

e) Custos financeiros.

f) Custos asociados a sancións penais, así como gastos de procedementos xudiciais.

g) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

5. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 24.

7. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras.

8. O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase a persoa solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.

Artigo 7. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As actuacións financiables da liña 1 cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

027 Apoio ás empresas que prestan servizos que contribúen á economía con baixas emisións de carbono e á resiliencia fronte ao cambio climático, incluídas as medidas de sensibilización, cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

3. En todo caso, as persoas beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

4. Segundo as regulacións do principio, nas actuacións de rehabilitación as persoas beneficiarias deberán ter en conta o seguinte:

a) Na rehabilitación de edificios teranse en consideración as directrices recollidas na Directiva (UE) nº 2018/844 relativa á eficacia enerxética dos edificios para que sexan edificios de consumo de enerxía case nulo, permitindo reducir de forma significativa o consumo de enerxía primaria non renovable.

b) As medidas de rehabilitación permitirán contribuír á adaptación dos edificios ao cambio climático, adoptando as solucións de adaptación que sexan posibles no marco das opcións que permita a edificación existente e a súa protección no caso de que sexan edificios protexidos, como a utilización de cubertas vexetais, toldos, zonas de sombreado...

c) Non se prevé que a medida sexa prexudicial para o uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños. A medida está destinada a mellorar a adaptación dos destinos turísticos e as empresas que os conforman ás estratexias de economía circular, a redución do consumo de recursos hídricos e a protección dos recursos naturais, en especial os mariños.

d) Cando se instalen aparellos de auga, estes terán unha etiqueta de produto existente na Unión. Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención do estrés hídrico, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

e) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, de avaliación de impacto ambiental (AIA), e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (AIA) recollidos no artigo 7 da citada lei, as persoas beneficiarias deberán contar coa declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente.

f) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532 /EC) xerados, nas actuacións previstas neste investimento, será preparado para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

g) Os operadores limitarán a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de sustancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición.

h) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade no referido á norma ISO 20887 para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como estes están deseñados para seren máis eficientes no uso dos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

i) Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción non conterán amianto nin substancias moi preocupantes identificadas sobre a base da lista de substancias suxeitas á autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento e do Consello. Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción que poidan entrar en contacto cos usuarios emitirán menos de 0,06 mg de formaldehido por m3 de material ou compoñente e menos de 0,001 mg de compostos orgánicos volátiles canceríxenos de categorías 1A e 1B por m3 de material ou compoñente, logo de proba de acordo co CEN/TS 16516 e ISO16000-3 ou outras condicións de proba estandarizadas e métodos de determinación comparables.

Ademais, adoptaranse medidas para reducir o ruído, o po e as emisións contaminantes durante a fase de obra e executaranse as actuacións asociadas a esta medida sempre cumprindo a normativa de aplicación vixente en canto a posible contaminación de solos e auga.

5. As persoas beneficiarias deberán garantir que os equipamentos IT (Information Technology) cumpran cos requisitos relacionados coa enerxía establecidos de acordo coa Directiva 2009/125 EC para servidores e almacenamento de datos, ou computadoras e servidores de computadoras ou pantallas electrónicas.

Nestas adquisicións activaranse medidas para asegurar a compra daqueles equipamentos enerxeticamente eficientes, que sexan absolutamente respectuosos co Code of conduct for ICT da Comisión Europea, e tomaranse medidas para que aumente a durabilidade, a posibilidade de reparación, de actualización e de reutilización dos produtos, dos aparellos eléctricos e electrónicos implantados.

6. O incumprimento do principio de DNSH e a etiquetaxe climática dará lugar á obriga de devolver as cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes.

Artigo 8. Contía da axuda

A intensidade da axuda para a liña 1, tecnoloxías ambientais, será ata un 90 % do custo total subvencionable do proxecto. O importe máximo da axuda por proxecto será de 60.000 €.

A intensidade da axuda para a liña 2, mellora da fachada turística do litoral, será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto. O importe máximo da axuda por proxecto será de 55.000 €.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. Cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada liña de acción. Para este fin, utilizaranse os modelos previstos no anexo II.

2. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a entidade interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta resolución.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta resolución para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser entidade beneficiaria dela.

4. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha axuda de minimis.

c) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Se a subvención solicitada supera o importe de 30.000 euros, a entidade solicitante está incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpre os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable de que está ao día no cumprimento dos prazos de pagamento establecidos no artigo 4 da devandita Lei 3/2004, do 29 de decembro.

g) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

i) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

j) Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

l) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

m) Conservar toda a documentación relativa á subvención segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida durante o período indicado no artigo 23.

n) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

ñ) A actividade que se subvenciona non causa un prexuízo significativo (do no significant harm) aos obxectivos ambientais nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088, e restante normativa de aplicación.

o) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 23 das bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 23. Deberá achegar documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito en que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.

b) Memoria explicativa en que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, se é o caso, comprenderá:

• Planos de localización do investimento.

• Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos.

• Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, de ser o caso, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.

• Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías en que se aprecie de maneira concreta o elemento ou elementos obxecto da actuación.

c) Orzamento do investimento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.

d) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se é o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

e) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.

f) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.

g) Declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VIII).

h) Declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo IX).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis.

h) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, se é o caso, ben co crédito que quede libre debido á renuncia doutros solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola entidade que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente resolución, non é necesaria a aceptación expresa da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de 4 meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer recurso de reposición, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do dito recurso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. Estas notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiras persoas. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lles dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 15.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Axencia de Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.

d) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un prazo non inferior a cinco anos. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

f) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de 3 anos a partir da recepción do último pagamento, de acordo co establecido no artigo 22.2, alínea f), do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Axencia de Turismo de Galicia considere pertinentes ao longo do proceso de execución e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Fiscalía Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

Para tal fin, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, durante o período establecido na alínea d). A Axencia de Turismo de Galicia informará da data de inicio a que se refire esta obriga, tras a oportuna comunicación da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

h) Recadar, para os efectos de auditoría e control do uso de fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidos no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, de acordo co procedemento de incorporación de información específica previsto no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro. Os devanditos datos serán incorporados nunha base de datos única.

i) Ser responsable da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionables, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación.

j) Establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan por terceiros contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores, fitos e obxectivos pertinentes do Plan de recuperación.

k) Asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento, tendo en conta o previsto na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

l) Comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Cumprir coas obrigas de comunicación e publicidade segundo o establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro. Os perceptores de fondos da Unión farán mención da procedencia deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público. Polo tanto, as persoas beneficiarias deben dar a adecuada publicidade e información de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, de conformidade co establecido no artigo 9.3.b) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dándolle visibilidade, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, nas medidas de información e comunicación das actuación (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.). Na ligazón https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/recuperacion-transformacion-resiliencia/comunicacion/ pode descargarse o Manual de comunicación para xestores e persoas beneficiarias dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, a entidade beneficiaria deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público, segundo o modelo do anexo X. A Axencia de Turismo facilitará modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

ñ) Subministrar toda a información necesaria para que a Axencia de Turismo de Galicia poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

p) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

q) No deseño e execución das actuacións subvencionadas, garantir o respecto ao principio de «non causar un prexuízo significativo» ou, segundo as súas siglas en inglés, DNSH (do no significant harm) conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión, Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (2021/C58/01), así como o requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, así como cumprir coa normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VII).

r) De acordo co previsto nos números 2 e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, cumprir coas obrigas relacionadas coa cesión e o tratamento de datos sobre a execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e de compromiso en relación coa execución de actuacións do mesmo plan (PRTR), conforme se regula esta obriga no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro (anexo VIII).

s) Declarar o seu compromiso de cumprir os principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto da xestión, empregando para o efecto o modelo do anexo IX.

t) As persoas beneficiarias garantirán o cumprimento das obrigas de etiquetaxe ambiental e dixital.

u) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, con data límite do 31 de outubro de 2023, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 30 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 30 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa a beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o número 1, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntaráselle a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de 10 días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorra o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento

1. Para cobrar a subvención concedida as persoas beneficiarias deberán presentar, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV), a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

b.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación da actuación, do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte o modelo do anexo V. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada na seguinte epígrafe.

b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable (1 de xaneiro de 2023) nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (31 de outubro de 2023).

c) Para obras con orzamento de execución material superior a 40.000,00 euros achegarase certificación de fin de obra por conceptos, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada por técnico competente, relativa á obra executada coa súa valoración.

Para obras con orzamento de execución material igual ou inferior a 40.000 euros é suficiente coa presentación da memoria que se indica na alínea b).

d) No caso de obras, licenza de obras ou, se é o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza.

e) A conta xustificativa, segundo o modelo do anexo V.

f) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, capturas de pantalla) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

g) Deberá incluír fotos ilustrativas, anteriores e posteriores, do investimento efectuado.

h) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

2. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 26. Pagamento da axuda

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Artigo 28. Réxime de infraccións e sancións

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos no artigo 23 durante o período exixido de mantemento do investimento: reintegro do 2 % da axuda concedida.

c) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. O non cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 28 de setembro, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

5. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da persoa beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a devolución voluntaria realizada.

Artigo 29. Seguimento, control e comprobación

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia de Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. A Axencia de Turismo de Galicia realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados na resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 30. Análise de riscos de conflito de intereses

O presente procedemento de subvención, na medida en que é un procedemento de execución do PRTR, está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses previsto na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses neste procedemento está baseada na ferramenta de data mining, con sede na Axencia Estatal de Administración Tributaria de España, MINERVA ou a que a substitúa no futuro, de acordo co previsto no artigo 4 da Orde HFP/55/2023. A través da ferramenta informática analizaranse as posibles relacións familiares ou vinculacións societarias, directas ou indirectas, en que se poida dar un interese persoal ou económico susceptible de provocar un conflito de intereses entre as persoas a que se refire o artigo 3.1.b) da Orde HFP/55/2023 e os participantes en cada procedemento. Para a identificación das relacións ou vinculacións a ferramenta conterá, entre outros, os datos de titularidade real das persoas xurídicas a que se refire o artigo 22.2.d).iii) do Regulamento (UE) nº 241/2021, do 12 febreiro, contidas nas bases de datos da Axencia Estatal de Administración Tributaria e os obtidos a través dos convenios subscritos cos colexios de notarios e rexistradores. En todo caso, os resultados da análise realizada quedarán rexistrados no sistema de información de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para os efectos das posibles auditorías específicas sobre conflito de intereses que se leven a cabo ex post no ámbito da estratexia de auditoría que determine a Intervención Xeral da Administración do Estado como autoridade independente de auditoría, acordada coa Comisión Europea.

No suposto de que o resultado da análise de risco de conflito de intereses determine a detección de unha ou de varias bandeiras vermellas, seguirase o procedemento previsto na alínea b) do artigo 5 e artigo 6 da Orde HFP/55/2023.

No suposto de que o resultado da análise de risco de conflito de intereses determine a detección de unha ou de varias bandeiras negras pola inexistencia de información sobre risco de conflito de intereses para un ou varios solicitantes, por tratarse dunha entidade ou entidades sobre as cales a ferramenta non dispoña de datos, aplicarase o procedemento previsto na alínea c) do artigo 5 e no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro. Simultaneamente, o órgano de concesión da subvención poderá solicitar ao solicitante ou solicitantes afectados pola bandeira negra a información da súa titularidade real. Esta información deberá achegarse no prazo de cinco días hábiles desde que se formule a solicitude de información. Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do MINERVA, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando, en lugar do solicitante, os titulares reais recuperados polos órganos de contratación.

A falta de entrega da información requirida no prazo indicado será motivo de exclusión do procedemento en que estea participando, de acordo co establecido no número 3 do artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro.

Artigo 31. Medidas antifraude

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia de Turismo de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade responsable e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) núm. 241/2021, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

3. Na loita contra a fraude, a Axencia de Turismo de Galicia actuará de conformidade co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, dispoñible en https://transparencia.xunta.gal/integridade-institucional/plans-antifraude. E na ligazónhttps://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias calquera persoa empregada pública ou cidadán/á poderá facilitar información da que teña coñecemento sobre actuacións ou condutas contrarias á integridade institucional no ámbito do sector público autonómico, con plenas garantías de indemnidade da persoa denunciante.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO X

PUBLICIDADE DO FINANCIAMENTO COMUNITARIO

TU503F - SUBVENCIÓNS A ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS PARA ACTUACIÓNS DE EMBELECEMENTO DO LITORAL GALEGO

Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e coa Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicidade e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio da Xunta de Galicia, conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente, e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

O formato que se utiliza é o seguinte:

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego:

i. Breve descrición, no sitio da internet de que dispoña a entidade beneficiaria, do proxecto desenvolvido ao abeiro da subvención concedida, dos obxectivos perseguidos e resultados acadados, en que se destaque a procedencia do financiamento e o emblema da UE, incluíndo a imaxe institucional correspondente, incluida a da Xunta de Galicia e a do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

d) Mención ao título da operación: «Subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego».

ii. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

d) Mención ao título da operación: «Subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego».

O cartel, elaborado con materiais que permitan certa perdurabilidade no tempo, deberase colocar nun lugar visible para o público.

Para efectos do sinalado, poderase empregar o seguinte modelo tanto para a publicación na web como para a elaboración do cartel:

missing image file