Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20463

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2023 pola que se convoca un curso para o persoal veterinario colexiado nos colexios oficiais de veterinarios.

De acordo co Protocolo de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

1. Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público veterinario colexiado e o resto de persoal veterinario colexiado. Terá preferencia o persoal veterinario colexiado no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e, para cada un dos casos, no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 3 de abril de 2023.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>, desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), de acordo cos criterios de selección, deben cubrir na súa área de matrícula todos os campos marcando o recadro de verificación de que están nalgunha desas situacións específicas e remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas. No caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegarán os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: <xestion.egap@ xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas. Terán prioridade os veterinarios colexiados no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo e resérvase o 50 % das prazas do curso para o persoal empregado público.

2. No caso de que non haxa un número suficiente de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento das actividades

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das actividades presenciais e telepresenciais:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá cumprir coa porcentaxe de asistencia indicada no punto 3.1, letra c), e superar a proba de avaliación que se realizará ao final.

Novena. Certificados

Para acadar o certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, que emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo

1. A EGAP e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo poderán modificar o desenvolvemento as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as nalgunha actividade sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV23048.

Funcións do persoal veterinario de explotación en gandarías de vacún.

Área de formación: Consellería do Medio Rural.

1. Obxectivos.

Funcións do persoal veterinario de explotación en gandarías de vacún. O obxectivo é a formación dos veterinarios para levar a cabo en todos os seus ámbitos o labor do veterinario responsable das gandarías de vacún.

Entre as funcións do persoal veterinario de explotación están o plan sanitario, o benestar animal, a xestión ambiental e loita gandeira contra o cambio climático.

2. Destinatarios/as.

O persoal empregado público veterinario e o resto do persoal veterinario colexiado.

Terá preferencia o persoal veterinario colexiado no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 28 horas.

Edicións: unha.

Datas: 14, 21 e 28 de abril e 5, 12, 19 e 26 de maio de 2023.

Horario: das 16.00 ás 20.00 horas.

Lugar: salón de actos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.

Prazas: 45.

4. Contido.

• Bloque 1. Plan sanitario.

– A prescrición veterinaria e o uso de Presvet.

– O RD de veterinario de explotación e o RD de uso sostible de antibióticos.

– Programa nacional de control oficial da distribución, prescrición e dispensación dos medicamentos veterinarios.

– Uso prudente de medicamentos e guías de interese para o veterinario.

– Oficina agraria virtual. Características e funcionamento. Identificación e rexistro de explotacións.

– Sancións polo incumprimento de rexistros.

– Bioseguridade e instalacións, en explotacións de vacún leiteiro.

– Control de calidade, rastrexabilidade e manexo do penso en granxas de vacún.

– Bioseguridade en extensivo e ceba.

– Normativa: Real decreto 1053/2022 polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas.

– Hixiene e calidade da auga.

– Plan sanitario integral que desenvolverá o veterinario de explotación.

– Como actuar ante enfermidades de declaración obrigatoria: protocolo para seguir.

– Normativa estatal de vixilancia de zoonoses e axentes zoonósicos.

• Bloque 2. Plan de benestar animal.

– Certificación do benestar animal en granxa.

– Normativa de transporte e normativa.

– Aplicación de novas tecnoloxías e smart farming.

– Conclusións das conferencias impartidas. Plan de xestión ambiental e loita gandeira contra o cambio climático.

– Impacto ambiental da gandaría; principais emisións. Cuantificación e valoración. Acordos e normativa internacional. Normativa nacional. O ambiente nas correspondentes normativas de ordenación gandeira. Técnicas para a redución das emisións; mellores técnicas dispoñibles para a redución de gases contaminantes e de efecto invernadoiro.

Sistemas de rexistro de información SIXE e Ecogan.