Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2023 Páx. 21243

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2023 pola que se convoca o Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2023 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos e contidos

O obxectivo principal deste curso superior é dar a coñecer ao persoal directivo e predirectivo da Administración autonómica os principais retos e medidas en materia de planificación estratéxica da economía pública galega, esencial para garantir o desenvolvemento económico sostible e para asegurar que os recursos públicos se utilicen de maneira responsable e eficiente.

De acordo con estes obxectivos, neste curso superior abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• A mellora dos servizos públicos nunha contorna económica cambiante.

• A comunicación das políticas e accións públicas.

• A comunicación das políticas públicas económicas en tempos de crise.

• A irrupción da Administración electrónica no ámbito administrativo: vantaxes e inconvenientes.

• As principais incidencias de fiscalización nos expedientes sometidos á aprobación do Consello da Xunta.

• As innovacións en materia de contratación.

• As políticas de fomento e a planificación das subvencións na Xunta de Galicia.

• O camiño cara a unha nova xestión dos recursos humanos.

• A introdución da intelixencia artificial nos procesos administrativos.

• Un novo xeito de planificar e orzamentar para o período 2023-2024.

• Os retos na xestión dos fondos NextGenerationEU.

• A mellora da técnica normativa e análise das observacións emanadas dos consellos consultivos.

• O diagnóstico das conclusións sobre as fiscalizacións realizadas polo Consello de Contas de Galicia.

• O modelo fiscal galego: a redución da carga fiscal como base para o impulso económico. A automatización de procesos nos procedementos tributarios.

• Os cambios operados pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Motivación e prestixio no servizo público: o factor humano como clave.

• O deseño da formación do persoal empregado público.

• Os retos das administracións publicas nun contexto de pos-pandemia.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo A1 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais que desempeñe postos directivos (vicesecretarías xerais, subdireccións xerais, secretarías territoriais e xefaturas territoriais), de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio).

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, poderá acceder ás vacantes que resulten o persoal empregado público da devandita categoría que desempeñe postos de xefatura de servizo ou equivalentes.

Terceira. Desenvolvemento

Datas: xoves, entre o 13 de abril e o 16 de novembro de 2023, agás o 18 de maio, o 29 de xuño, os meses de xullo e agosto e o 12 de outubro.

Modalidade: presencial.

Horario: de tarde, das 17.00 ás 19.00 horas.

Horas lectivas: 40.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Setenta (70).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso: Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 10 de abril de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base segunda desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 12 de abril de 2023, ata as 12.00 horas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública