Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22075

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de marzo de 2023 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Eume.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Fragas do Eume, con domicilio no Cantón Grande, número 6, na Coruña.

Feitos:

1. O 24 de xaneiro de 2023, Luis de Valdivia Castro, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Fragas do Eume constituína a entidade Grupo Ecoener, S.A., representada por Luis de Valdivia Castro, mediante escritura pública outorgada o 20 de xaneiro de 2023, ante o notario da Coruña Enrique Santiago Rajoy Feijóo, co número de protocolo 96.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– A defensa, conservación, protección e ordenación do ambiente e a diversidade natural asociada ás Fragas do Eume.

– Participar activamente na conservación do espazo fomentando a custodia do territorio.

– Restaurar as condicións naturais alteradas loitando contra a fragmentación, a perda de hábitats, o risco de incendios e a erosión.

– Coidar e acrecentar a beleza da paisaxe.

– Concienciar as persoas para un uso e desfrute que preserven as Fragas do Eume.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Luis de Valdivia Castro, como presidente, Inés Juste Bellosillo, como vicepresidenta, e Fernando Rodríguez Alfonso, como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación da Fundación Fragas do Eume como de interese para a defensa do medio natural de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de marzo de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Eume, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes