Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23689

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 30 de marzo de 2023 pola que se convoca o procedemento para a concesión do uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de lecer educativo e tempo libre durante a Campaña de verán 2023 para colectivos xuvenís (código de procedemento BS304A).

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, sobre asunción de competencias en materia de cultura, a Consellería de Política Social e Xuventude inclúe, entre os seus obxectivos, o de favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo e para iso convoca, cada ano, a oferta de servizos e recursos dentro da programación da Campaña de verán.

Mediante esta orde preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís de que é titular a Consellería de Política Social e Xuventude, conscientes de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para iso.

En consecuencia, co obxecto de facilitarlle á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer educativo e tempo libre, sen ánimo de lucro, dentro da programación da Campaña de verán 2023, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social e Xuventude convoca o procedemento de concesión do uso das súas instalacións xuvenís dentro da programación da Campaña de verán 2023, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

1. O uso das instalacións ofertadas supoñerá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último será o xantar do último día de estadía concedida.

b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Dos servizos da xerencia e persoal de servizos de restauración e limpeza das ditas instalacións.

2. Exclúese dos servizos ofertados o traslado ata a instalación xuvenil, tanto o día de chegada como o de saída, que serán por conta da entidade ou grupo destinatario. Igualmente, para o Campamento da Illa de Ons exclúese o traslado en barco ata a illa.

3. As instalacións, prazas e quendas ofertadas son as recollidas no anexo I.

O número de prazas e de días que se soliciten pode ser inferior ao máximo ofertado.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

b) Os consellos locais e municipais de xuventude.

c) As corporacións locais.

d) Outras entidades públicas ou privadas debidamente constituídas que realicen actividades coa xuventude.

e) Os grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para a realización dun programa de actividades para un mínimo de quince (15) persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como destinatario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. De acordo co establecido nos puntos 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No caso da solicitude de instalacións para o desenvolvemento de actividades de tempo libre, no número de prazas solicitadas polas entidades e/ou grupos relacionados no artigo 3 incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación e calquera outra que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Emenda da solicitude

Se na solicitude se aprecian defectos, o órgano instrutor requirirá a entidade e/ou grupo solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Inscrición no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude.

3. No caso de que as persoas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

c) Corporacións locais galegas.

d) Grupos de persoas mozas galegas non asociadas segundo o establecido no artigo 3.

e) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

f) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa xuventude e grupos de persoas mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no número anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

b) As que soliciten un maior número de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

c) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos seus membros ou ás persoas asociadas.

d) As entidades e os grupos que non dispuxeron de prazas na última convocatoria do uso de instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude ou, no caso de empate, nas dúas últimas convocatorias, agás que, no caso de renuncia, non a comunicasen no prazo establecido, caso en que pasarán a ocupar o último lugar nos criterios de adxudicación.

e) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar ás persoas participantes.

3. No caso de persistir o empate, procederíase a un sorteo para determinar as entidades ou grupos destinatarios.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia.

2. A valoración das solicitudes presentadas, de acordo cos criterios establecidos no artigo anterior, corresponderalle a unha Comisión de Valoración constituída para o efecto, e que estará integrada:

a) Pola persoa titular da Xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá, ou, no caso de ausencia, por unha persoa funcionaria do citado servizo nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Polas persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude ou, no caso de ausencia, por unha persoa funcionaria dos respectivos servizos nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. A secretaría da Comisión, con voz pero sen voto, corresponderalle a unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, nomeada por resolución da persoa titular da citada dirección xeral. No caso de ausencia, será substituída por outra persoa funcionaria da citada dirección xeral nomeada do mesmo xeito.

4. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

6. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia, conforme o sinalado no artigo 10, no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vence o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 11. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, se poderá interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, tal e como establece o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 12. Reserva da praza adxudicada, perda e renuncia

1. Publicada a resolución, as entidades e/ou grupos beneficiarios están obrigados, no prazo de cinco (5) días hábiles:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25 % do importe do prezo correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaia a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, nin se a entidade adxudicataria anula a reserva de utilización da instalación ou reduce o número de persoas usuarias previstas ou os días de uso solicitado.

b) A presentar a seguinte documentación, dirixida ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada:

1º. Breve proxecto de actividades que se van realizar. As actividades incluídas no proxecto deberán, en todo caso, respectar os dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidas na Constitución española, así como as medidas hixiénico-sanitarias establecidas pola lexislación vixente na materia no momento do desenvolvemento das actividades.

2º. Acreditación do apoderamento da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

3º. Xustificante do aboamento do 25 % expresado anteriormente.

2. A documentación relacionada na alínea b) do número anterior deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades e/ou grupos interesados presenta a documentación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades e/ou grupos solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Para os trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes terase en conta o previsto no artigo 7.

3. Se, transcorrido o prazo de cinco (5) días hábiles desde a publicación da adxudicación, non se cumpre o disposto no número 1, e logo do trámite de audiencia da entidade e/ou grupo interesado, declararase a perda do dereito á instalación adxudicada, a través da oportuna resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. As prazas adxudicadas non ocupadas quedarán dispoñibles conforme o procedemento sinalado no artigo 13.

4. No caso de que algunha entidade ou grupo non formal renuncie ás prazas adxudicadas, estas prazas non ocupadas quedarán igualmente dispoñibles conforme o procedemento sinalado no artigo 13. As renuncias deberanse presentar conforme se indica no artigo 7.

No caso de non comunicar a renuncia no prazo dos cinco (5) días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de adxudicación, na convocatoria seguinte a entidade ou grupo pasará a ocupar o último lugar dentro dos criterios de preferencia e prioridade descritos no artigo 8.

Artigo 13. Dispoñibilidade das prazas non ocupadas

1. No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas conforme os artigos precedentes, queden prazas sobrantes sen ocupar, dispoñerase delas en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de Xuventude (http://xuventude.xunta.es/).

2. As entidades e os grupos que presentaron unha solicitude no prazo do artigo 4 e non resultaron adxudicatarias por aplicación dos criterios recollidos no artigo 8 terán prioridade para o acceso a estas prazas. Dispoñerán da prioridade sinalada durante un prazo de cinco (5) días hábiles contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

As ditas entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas mediante un correo electrónico, ao enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de sete (7) días hábiles ao da data de inicio da estadía que se solicita.

A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes, por resolución do órgano competente recollido no artigo 9.5.

3. Unha vez rematado o período de prioridade sinalado no número 2, e no caso de que aínda queden prazas sobrantes, estas poñeranse á disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3, mediante a apertura dun novo período de presentación de solicitudes. Estas novas solicitudes presentaranse tamén por correo electrónico, ao enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de sete (7) días hábiles ao da data de inicio da estadía que se solicita.

A segunda adxudicación das prazas de resultas a estas entidades e grupos non prioritarios realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes, por resolución do órgano competente recollido no artigo 9.5.

Artigo 14. Autorización de uso temporal

1. Transcorridos quince (15) días hábiles desde a finalización do prazo de cinco días establecido no artigo 12 para a reserva da praza, a entidade ou grupo beneficiario ten a obriga de:

a) Aboar o 75 % restante do importe do prezo correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de persoas usuarias ao inicio da actividade é menor ao confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

b) Presentar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación conforme o modelo dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es

c) Presentar a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

d) Presentar a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas nos cinco días hábiles anteriores ao do comezo da ocupación.

O xustificante de pagamento do ingreso sinalado na alínea a) e a documentación relacionada nas alíneas b), c) e d) dirixiranse ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da provincia en que estea a instalación adxudicada.

A presentación da documentación farase na forma prevista no artigo 12.2.

Para os trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes terase en conta o previsto no artigo 7.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social e Xuventude facilitaralle á entidade ou grupo beneficiario o documento de autorización de uso temporal da instalación.

3. Se, transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo as entidades ou grupos beneficiarios non fixesen os pagamentos correspondentes, procederase de acordo co disposto no número 3 do artigo 12.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias do uso das instalacións xuvenís

As entidades e os grupos beneficiarios estarán obrigados:

a) A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro.

b) A observar as normas de réxime interno da instalación de que sexan adxudicatarias, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

c) A cumprir as medidas persoais de hixiene e prevención existentes no momento do desenvolvemento da actividade e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.

d) A subscribir unha póliza de seguro de responsabilidade civil polos riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolvan na instalación adxudicada, que non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

e) A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

f) No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispoñer do seu propio persoal socorrista.

Artigo 16. Tarifas

1. Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I, epígrafe A.1, da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

De conformidade co disposto na Orde do 1 de abril de 2016, aqueles grupos que figuren inscritos no Rexistro da Consellería de Política Social e Xuventude como entidades prestadoras de servizos sociais gozarán dun desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

Así mesmo, conforme o disposto na Orde do 1 de abril de 2016, as asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade, domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, terán un desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

2. O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que estarán á disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar os actos ou instrucións para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO I

Provincia

Instalación xuvenil

Quendas

Nº prazas ofertadas

Total prazas

A Coruña

Albergue xuvenil Mariña Española. Bergondo e Sada

15-20 de xuño

100

540

23-28 de xuño

100

1-10 de setembro

100

Campamento xuvenil Virxe de Loreto. Porto do Son

26 de agosto-4 setembro

120

Campamento xuvenil Espiñeira. Boiro

26 de agosto-4 setembro

120

Lugo

Albergue xuvenil Area. Viveiro

21-29 de xuño

100

280

Campamento xuvenil A Devesa. Ribadeo

26 de agosto-4 setembro

120

Campamento xuvenil Os Chacotes. Palas de Rei

26 de agosto-4 setembro

60

Ourense

Campamento xuvenil Penedos de Xacinto. Entrimo

26 de agosto-4 setembro

100

100

Pontevedra

Albergue xuvenil As Sinas. Vilanova de Arousa

21-29 de xuño

120

300

Campamento xuvenil Pontemaril. Forcarei

26 de agosto-4 setembro

120

Campamento xuvenil Illa de Ons. Bueu

21-28 de agosto

60

1.220

missing image file
missing image file
missing image file