Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23722

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2023 pola que se convoca unha xornada autonómica sobre persoas desaparecidas en Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establecen a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada autonómica sobre persoas desaparecidas en Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Xornada

Denominación

Xornada autonómica sobre persoas desaparecidas en Galicia

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

11

Prazas

Limitadas pola capacidade do local

Segunda. Obxectivos e contido da actividade formativa

Obxectivos: coñecer o desenvolvemento dos protocolos de actuación ante a desaparición dunha persoa no medio rural.

Contido: na xornada trataranse os seguintes temas:

1º día.

3 de maio das 9.00 ás 14.00.

Presentación e relatorios:

– Relatorios:

• Que é un desaparecido? A Asociación SOS Desaparecidos.

• O traballo do investigador dentro dun operativo de busca da Unidade Técnica da Policía Xudicial.

• Actuacións, medios e recursos da Unidade Cinolóxica da Garda Civil.

• A unidade de drons da Xunta de Galicia.

• Os servizos de extinción de incendios e salvamento nos obxectivos de busca de persoas desaparecidas (planificación, coordinación e estratexia da busca nos servizos contra incendios).

• As unidades caninas na busca de persoas desaparecidas (sepultadas) (protocolos de busca en derrubamentos e corrementos de terra).

• As agrupacións de Protección Civil nos operativos de busca de persoas desaparecidas.

• O Centro Nacional de Desaparecidos (CNDES) como órgano de xestión centralizada.

3 de maio das 16.00 ás 18.00.

Mesa redonda co obxecto de debater e pór en común os temas tratados ao longo da mañá.

2º día.

4 de maio das 9.00 ás 13.00.

Xornada práctica:

– A planificación e a xestión dunha busca desde o posto de mando avanzado.

– Exercicios prácticos con unidades caninas.

– Exercicios prácticos con unidades de drons.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia), persoal das forzas e corpos de seguridade e outras persoas interesadas no tema.

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra)

Datas: 3 e 4 de maio de 2023.

Horario:

– Mércores 3 de maio: das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 18.00.

– Xoves 4 de maio: das 9.00 ás 13.00.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38, e 886 20 61 11, ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningunha outra actividade durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é ata o 28 de abril de 2023 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sétima. Criterios de selección

Non existen criterios de selección, xa que a xornada vai dirixida ao persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia), ao persoal das forzas e corpos de seguridade e a outras persoas interesadas no tema.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web, http://agasp.xunta.gal, unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar á actividade formativa por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de 48 horas ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Décima. Certificado de asistencia

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Décimo primeira. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir a actividade, cambiar as datas da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas desta, ou suspendela, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 13 de abril de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública