Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2023 Páx. 27011

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2023/24.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O 8 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Esta lei establece no seu artigo 54 que, anualmente, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza determinará as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.

O Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúe a esta consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e, no seu artigo 11, concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia de ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos.

Con base no exposto, oído o Comité Galego de Caza na súa reunión ordinaria do 30 de marzo de 2023, no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Normas de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as cales se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2023/24, que abrangue o período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo do ano 2024.

Artigo 2. Período hábil para a caza

O período hábil xeral para exercer a caza na Comunidade Autónoma de Galicia será o comprendido entre os días 15 de outubro de 2023 e o 6 de xaneiro de 2024, ambos inclusive, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V desta resolución. Os días da semana en que se permitirá o seu exercicio dependerán das modalidades de caza, maior ou menor, de que se trate e veñen detallados nos títulos II e III desta resolución, así como nas limitacións sinaladas no título V desta resolución.

Nas zonas de caza permanente reflectidas nos plans de ordenación cinexética do correspondente tecor autorízase a caza de exemplares procedentes de soltas de paspallás (Coturnix coturnix), perdiz rubia (Alectoris rufa), coello (Oryctolagus cuniculus), faisán común (Phasianus colchicus), lavanco real (Anas platyrhynchos) e pomba brava (Columba livia), coas limitacións temporais establecidas no punto 1 do artigo 45 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

Artigo 3. Venda, transporte e comercio das pezas de caza

1. Só poderán ser obxecto de venda, transporte ou comercio as especies silvestres cazables que se relacionan no anexo II desta resolución e unicamente durante o período hábil de caza para cada especie. O tráfico ou comercio de especies de protección temporal nas provincias onde a súa captura estea prohibida precisará dunha guía expedida polo organismo competente que xustifique a súa procedencia.

2. Os exemplares de especies cinexéticas, procedentes de explotacións industriais, así como os seus ovos cando se trate de aves, poderán comercializarse en calquera época do ano, logo da acreditación suficiente da súa orixe e do cumprimento dos requisitos fixados no artigo 2 do Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro, e demais normativa de ámbito sanitario, en especial a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 1082/2009, do 3 de xullo, polo que se establecen os requisitos de sanidade animal para o movemento de animais de explotacións cinexéticas, de acuicultura continental e de núcleos zoolóxicos, así como de animais de fauna silvestre. O transporte dos animais realizarase, en todo caso, consonte o establecido na normativa relativa á protección destes durante o seu transporte.

Artigo 4. Repoboación e solta de especies cinexéticas

As soltas de exemplares de especies cinexéticas regularanse segundo establecido no artigo 53 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

A solicitude para realizar soltas de exemplares de especies cinexéticas efectuarase segundo o código de procedemento administrativo MT720M.

Artigo 5. Adestramento de cans e aves de cetraría

1. Nos terreos de réxime cinexético común, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2023 ata o 6 de xaneiro de 2024 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

En terreos de réxime cinexético especial, agás na superficie vedada dos tecores, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen solicitude previa, desde o 1 de setembro de 2023 ata o 14 de outubro de 2023 os xoves, sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, e desde o 15 de outubro de 2023 ata o 6 de xaneiro de 2024 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Nos terreos de réxime cinexético especial que teñan autorizada a prórroga do período hábil de caza para a arcea nos seus plans de aproveitamento cinexético poderá permitirse o adestramento de cans sobre esta especie e exclusivamente para realizar censos desde o 7 de xaneiro de 2024 ata o 11 de febreiro de 2024, todos os días da semana, e desde o 12 de febreiro de 2024 ata o 10 de marzo de 2024, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

En todo caso, o adestramento realizarase segundo o establecido no artigo 44.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. O número máximo de cans por persoa cazadora será de catro, e de 12 por grupo constituído por un máximo de seis persoas cazadoras, sexa cal sexa o tipo de réxime do terreo cinexético en que se realice o adestramento, excepto nas zonas de adestramento para cans que teñen a súa propia normativa.

2. Autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría en terreos de réxime cinexético especial, nas zonas destinadas a ese fin, sen petición previa, ao longo de todo o ano, agás nos meses de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, cun mínimo de dous meses consecutivos de suspensión, escollidos nun único período entre abril e xullo, que serán propostos polo/a titular do terreo cinexético no plan anual de aproveitamento cinexético, entendéndose, na súa falta, que se corresponden cos meses de maio e xuño.

3. Autorízase o adestramento na modalidade de cans atrelados en terreos de réxime cinexético especial, en toda a superficie e ao longo de todo o ano, agás nas épocas sensibles de cría, e esta época determínase conforme o exposto no parágrafo anterior.

Coas mesmas limitacións, a persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar o adestramento de cans atrelados nos terreos de réxime cinexético común (código de procedemento administrativo MT720E).

4. O adestramento de cans e aves de cetraría en terreos queimados por incendio estará suxeito as limitacións establecidas no artigo 44 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

5. O adestramento de aves de cetraría en terreos de réxime cinexético común axustarase aos mesmos requirimentos e condicións que o adestramento de cans.

6. As persoas titulares de terreos de réxime cinexético especial extremarán as precaucións e adoptarán as medidas de seguridade precisas para evitar accidentes, ou calquera interferencia, durante a realización de batidas ou montarías no período que coincida co permitido para o adestramento de cans e aves de cetraría, e non poderán realizar o adestramento na mesma mancha onde se realiza a batida ou a montaría.

7. En terreos cinexéticos e con fins de competición, logo de solicitude e informe da Federación Galega de Caza, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza poderán autorizar o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con exemplares procedentes de soltas en calquera época do ano. Nos tecores poderá autorizarse o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría con fins de competición nas zonas de adestramento de cans e aves de cetraría e zonas de caza permanente que teñan aprobadas (código de procedemento administrativo MT720H).

Artigo 6. Competicións cinexéticas

As competicións cinexéticas regularanse segundo o establecido no artigo 73 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

A Federación Galega de Caza ou as sociedades de caza, logo da súa autorización, poderán celebrar competicións cinexéticas en terreos de réxime cinexético especial os xoves, sábados, domingos e festivos (código de procedemento administrativo MT720I). Nas competicións poderán abaterse pezas de caza silvestres cando se realicen durante o seu período hábil de caza, e ao longo de todo o ano, se se realizan con caza sementada.

A Federación Galega de Caza ou as sociedades de caza deberán informar por escrito do número de participantes e dos resultados destas competicións o servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, nun prazo máximo de 10 días seguintes aos da súa realización.

TÍTULO II

Caza menor

Artigo 7. Días hábiles

Considéranse días hábiles de caza os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico, coas excepcións que se recollen nesta resolución.

Artigo 8. Limitacións de carácter xeral

1. Nas zonas libres en que, en virtude do establecido no artigo 9, punto 4, da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua igual ou superior a 500 ha, a cota máxima por persoa cazadora e día será dunha perdiz rubia (Alectoris rufa) e un coello (Oryctolagus cuniculus).

2. Nos terreos de réxime cinexético especial as cotas serán as que se establezan nos correspondentes plans anuais de aproveitamento cinexético aprobados.

Artigo 9. Métodos e modalidades de caza

1. Na práctica da caza menor nos terreos de aproveitamento cinexético común non se poderá cazar en grupos maiores de seis persoas cazadoras, nin cazar coordinadamente máis dun grupo. Cada persoa cazadora poderá utilizar ata un máximo de catro cans. O número máximo de cans por grupo será de 12.

2. A práctica da cetraría e caza con arco, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, poderá realizarse nas mesmas condicións que as que se sinalan para a caza con outros métodos de caza. Nos terreos de réxime cinexético especial as anteditas modalidades de caza deben estar incluídas no Plan de ordenación cinexética.

Autorízase a caza da gaivota chorona común (Larus ridibundus), gaivota patiamarela (Larus michahellis), estorniño pinto (Sturnus vulgaris), pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone), mediante a modalidade de cetraría, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, durante todo o ano, agás nos meses de abril, maio e xuño. Nos terreos de réxime cinexético especial con autorización da persoa titular do aproveitamento e nas zonas libres de caza, con autorización da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza.

TÍTULO III

Caza maior

Artigo 10. Días hábiles

Considéranse días hábiles de caza, con carácter xeral, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, coas excepcións que se recollen nesta resolución.

Artigo 11. Métodos e modalidades de caza

1. A celebración de montarías ou batidas, en terreos de réxime cinexético especial, requirirá a notificación previa ao servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, que deberá ser efectuada cunha antelación mínima de 10 días (código de procedemento administrativo MT720C). Tamén poderá comunicarse mediante un calendario que abranga toda a tempada. Tanto a solicitude como a súa celebración deberán axustarse ao disposto na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, así como na regulamentación vixente.

2. Nos terreos de réxime cinexético común nos cales, en virtude do establecido no artigo 9.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua igual ou superior a 500 ha, a caza maior no período hábil xeral só se poderá exercer os sábados e nas modalidades de batida, montaría, axexo e espera, cos requisitos que se dispoñen na Lei 13/2013, do 23 decembro, de caza de Galicia, e na regulamentación vixente e coa autorización previa do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente.

3. A solicitude e a realización das batidas, montarías, axexos e esperas, así como as medidas precautorias, normas de seguridade e responsabilidade, estarán suxeitos aos requisitos que prevé a Lei 13/2013, do 23 decembro, de caza de Galicia, e a regulamentación vixente.

4. As solicitudes de batidas e montarías nos terreos de réxime cinexético común deben ter entrada no correspondente rexistro do servizo provincial de Patrimonio Natural cunha antelación mínima dun mes á data da súa celebración e deben ir acompañadas da relación de persoas cazadoras que participarán nestas cazarías colectivas.

5. Nas batidas e montarías, a persoa responsable deberá levar no seu poder, en todo momento, a autorización correspondente. A relación completa de participantes, encabezada pola persoa responsable da cazaría, cos respectivos nomes e números do DNI/NIF, deberá estar confeccionada no momento da colocación das persoas cazadoras nos postos.

6. Nos terreos de réxime cinexético especial, cando se celebre unha batida, montaría, espera ou axexo sobre especies de caza maior, poderase disparar a todas as pezas de caza maior que estean en período e día hábil de caza e que estean recollidas no plan de ordenación cinexética e no plan anual de aproveitamento cinexético e sempre que non se teña cuberta a cota de capturas. Coas mesmas premisas e sempre que se fixese constar na solicitude, poderáselle disparar ao raposo, no seu período hábil, utilizando armas e municións propias da caza maior.

Artigo 12. Pezas de caza

1. Nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos terreos de réxime cinexético especial e nas autorizacións concedidas para o exercicio da caza maior nos terreos de réxime cinexético común especificaranse as pezas de caza por especie, sexo e idade sobre as cales se poderá exercer a caza.

2. En todo caso, nunca poderán incluírse como pezas de caza:

a) As crías e as femias de especies de caza maior cando vaian acompañadas das súas crías.

b) Os machos inmaturos das especies corzo, cervo e gamo.

c) Os machos adultos que efectuasen a esmouca antes do peche do seu período hábil de caza.

Todos os animais de caza maior que sexan abatidos deberán ser identificados mediante un precinto que facilitará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, logo do pagamento da correspondente taxa, e que deberá colocarse na peza de caza antes de ser transportada fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poida quitarse sen alteralo ou destruílo.

As matrices dos precintos utilizados ou a súa imaxe, xunto cos resultados da actividade cinexética sobre pezas de caza maior, así como as listas de participantes en batidas e montarías, deberá achegalos a persoa solicitante aos servizos provinciais de Patrimonio Natural no prazo máximo de quince días naturais desde a data da realización da cazaría (código de procedemento administrativo MT720D).

Para o transporte das partes das pezas de caza maior abatidas, a persoa responsable da cazaría emitirá unha declaración que acredite a súa procedencia, de acordo co modelo incluído no anexo V desta resolución.

TÍTULO IV

Medidas de control por danos

Artigo 13. Danos producidos pola caza

1. Co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán acordar medidas de control. Estas medidas adoptaranse logo de que as persoas que teñan a condición de axentes de Conservación da Natureza, seguindo directrices expresamente establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, comproben os danos existentes (códigos de procedemento administrativo MT720K e MT720L).

2. As principais medidas de control fronte aos danos por especies que se poderán adoptar son as seguintes:

a) Xabaril (Sus scrofa):

1. Co fin de reducir os danos producidos por esta especie, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán autorizar a realización de batidas, montarías, esperas e axexos. As solicitudes deberán presentarse a partir da detección dos danos, de modo que permita a súa comprobación polo servizo provincial correspondente. As persoas titulares dun tecor tamén poderán solicitar a adopción destas medidas de control nas zonas de adestramento para cans e aves de cetraría e zonas de vedado que teñan autorizadas. As persoas solicitantes das batidas, montarías, esperas ou axexos autorizados deberán informar por escrito dos seus resultados o servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, nun prazo máximo dos 10 días seguintes á súa realización (código de procedemento administrativo MT720D). O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas, montarías, esperas ou axexos e a anulación automática dos xa autorizados.

As autorizacións de caza por danos realizaranse de xeito inmediato, non sendo preceptiva a comprobación destes, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuar os servizos de Patrimonio Natural.

Por petición da persoa titular do tecor, os exemplares capturados nas actuacións cinexéticas autorizadas por danos non serán tidos en conta no cómputo da cota anual de capturas.

b) Corzo (Capreolus capreolus) e cervo (Cervus elaphus): co fin de reducir os danos producidos por estas especies, poderase proceder de igual forma que no indicado na letra a) anterior para o xabaril. A existencia de danos deberá ser comunicada ao servizo provincial de Patrimonio Natural co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre estas especies. No caso das femias, unicamente se permite a caza de femias adultas en descaste na modalidade de axexo.

c) Raposo (Vulpes vulpes): co fin de reducir os danos producidos por esta especie, poderase proceder de igual forma que no indicado para o caso do corzo e o cervo.

3. Para os danos producidos polas especies indicadas nas letras a), b) e c) do punto anterior, en terreos cinexéticos de réxime especial as solicitudes formularaas a persoa titular do dereito de aproveitamento. En terreos de aproveitamento cinexético común as solicitudes formularaas a persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados, e cando os danos sexan xeneralizados, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, por petición motivada dos concellos afectados e logo do informe técnico do servizo provincial de Patrimonio Natural, poderán autorizar a caza mediante as modalidades e medios que consideren máis adecuados, establecendo as condicións particulares para levar a cabo a cazaría. As persoas participantes nestas cazarías serán determinadas polos concellos mediante un sorteo público entre as persoas cazadoras que o soliciten, e darase prioridade ás persoas propietarias dos bens afectados.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer, mediante unha resolución motivada, limitacións temporais á adopción destas medidas de control co fin de evitar alteracións nas poboacións de fauna silvestre e non interferir na súa cría e reprodución. Os servizos provinciais de Patrimonio Natural, neses casos, prestarán asesoramento técnico ás persoas afectadas polos danos para a adopción de medidas alternativas de prevención e protección para as persoas ou na agricultura, na gandaría, nos montes ou na flora e fauna silvestres.

5. A carne das pezas de caza reguladas no punto 2 deste artigo, que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control, poderá ser obxecto de venda ou comercio.

6. As pezas de caza maior que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control deberán ser identificadas mediante precintos que serán facilitados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de balde e deberán colocarse nas pezas de caza antes de ser transportadas fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poidan quitarse sen alteralos ou destruílos. As matrices dos precintos utilizados, así como os que non sexan empregados, achegaranse ao correspondente servizo provincial de Patrimonio Natural, xunto cos resultados das cazarías.

Artigo 14. Aves prexudiciais para a agricultura e a caza

En virtude do disposto no artigo 58 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, poderán quedar sen efecto as prohibicións contidas no capítulo I do título III da dita lei, e permitirase a caza e captura de aves silvestres que poidan ocasionar danos aos cultivos agrícolas e á fauna. As persoas interesadas deberán formular unha solicitude dirixida á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (código de procedemento administrativo MT720G).

Será preceptivo o informe do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente sobre os danos existentes, no cal se indicará se os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non fose posible establecer razoablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude.

TÍTULO V

Réximes especiais por especies

Artigo 15. Réximes especiais propostos polas persoas titulares

Serán de obrigado cumprimento as ordenacións específicas nos terreos de réxime cinexético especial aprobadas polas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, propostas polas persoas titulares destes terreos, nas cales se establezan vedas e peches anticipados dos distintos períodos hábiles.

Artigo 16. Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza

1. Caza menor:

a) Arcea (Scolopax rusticola): en terreos cinexéticos de réxime especial e logo da súa solicitude, poderase prolongar o período hábil de caza para esta especie ata o día 11 de febreiro de 2024. Establécese para esta especie unha cota de captura de 3 exemplares por persoa cazadora e día, e prohíbese a súa caza mediante a modalidade de ao paso en posto fixo ou espera.

b) Becacina cabra (Gallinago gallinago): excepto nos concellos que se relacionan no anexo IV desta resolución, nos cales a súa caza está prohibida, esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor, e poderase prolongar o seu período hábil en terreos cinexéticos de réxime especial e logo da súa solicitude, ata o día 11 de febreiro de 2024. Establécese para esta especie unha cota de captura de 3 exemplares por persoa cazadora e día.

c) Lebre (Lepus granatensis): unicamente se autoriza a súa caza no período hábil comprendido entre o 15 de outubro e o 26 de novembro de 2023 e en terreos de réxime cinexético especial.

d) Coello (Oryctolagus cunículus): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

e) Raposo (Vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor e en batida. Poderanse autorizar batidas para a caza do raposo desde o 1 de setembro ata o 14 de outubro de 2023, e desde o 7 de xaneiro ata o 11 de febreiro do 2024, os xoves, sábados, domingos e festivos en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de apoiar a consecución da finalidade perseguida polas actuacións de xestión, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, cando se planificasen e executasen actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo, poderán autorizar:

• No período hábil de caza menor (15.10.2023 ata 6.1.2024), batidas e esperas ao raposo os sábados, en toda a superficie dos tecores (incluídos vedados e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría) e explotacións cinexéticas comerciais.

• Fóra do período hábil de caza menor (1.9.2023 ata 14.10.2023 e desde 7.1.2024 ata 11.2.2024), batidas e esperas ao raposo os xoves, sábados, domingos e festivos nas zonas de vedado e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñen aprobadas os tecores.

Para autorizar estas batidas e esperas de xestión, previamente deben ser solicitadas pola persoa titular do aproveitamento cinexético, mediante un calendario específico dentro do plan anual de aproveitamento cinexético, no cal se fixen as xornadas de caza en que se realizaran as batidas e esperas, e a súa necesidade queda xustificada ao facer referencia ás actuacións de mellora sobre as poboacións cinexéticas reflectidas no plan anual de aproveitamento cinexético.

f) Paspallás (Coturnix coturnix): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

Nos tecores da antiga lagoa de Antela nos concellos que se relacionan no anexo III desta resolución, ademais poderase autorizar a súa caza entre o 26 de agosto e o 17 de setembro de 2023 os sábados e domingos nas modalidades denominadas en man e ao salto, cun máximo de 15 escopetas por xornada e cuartel de caza e un máximo de 4 escopetas por cuadrilla. Require autorización expresa da persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense, que poderá recoller medidas especiais para garantir o cumprimento destas condicións, e será preceptiva a presentación dun plan técnico de caza que ten que incluír un censo da especie, un cálculo do número de capturas totais e a súa repartición por xornadas de caza, cun máximo de 10 pezas por persoa cazadora e día. Os cuarteis de caza autorizados contarán cunha superficie máxima de 1.000 ha e o seu número virá dado en función da superficie útil para a especie, de acordo co seguinte:

• Número de cuarteis autorizados:

2.000 ha<superficie útil para a especie<5.000 ha: 1.

5.000 ha<superficie útil para a especie<10.000 ha: 2.

Superficie útil para a especie>10.000 ha: 3.

Só se poderá autorizar a caza desta especie nos terreos dos cuarteis en que teñan realizada a colleita na súa maior parte, e prohibirase a caza naquelas superficies non recollidas.

Atendendo á época da recollida da colleita, diferéncianse dúas zonas:

– Zona 1: cuarteis localizados ao leste do río Faramontaos, entre as localidades de Xinzo de Limia e Faramontaos e a estrada que discorre entre as localidades de Xinzo de Limia, Trandeiras, Cortegada, Codosedo e Vilar de Barrio.

– Zona 2: cuarteis localizados ao oeste do río Faramontaos, entre as localidades de Xinzo de Limia e Faramontaos e a estrada que discorre entre as localidades de Xinzo de Limia, Trandeiras, Cortegada, Codosedo e Vilar de Barrio.

A persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Ourense poderá adiantar ou atrasar o período ata un máximo de tres semanas en cada unha das zonas. Unha vez aberto o período de caza, este non superará as catro fins de semana consecutivas en cada unha das zonas. Ademais, a diferenza temporal de apertura da caza entre as distintas zonas non poderá superar as dúas semanas. Se os atrasos fosen maiores, ou os censos efectuados así o aconsellasen, a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá modificar as cotas e os períodos autorizados e incluso anular o período. Os tecores autorizados para a caza do paspallás deben estar dotados de vixilancia.

g) Pombo torcaz (Columba palumbus): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

Nos tecores da antiga lagoa de Antela nos concellos que se relacionan no anexo III desta resolución, poderase autorizar a súa caza xunto co paspallás nas mesmas condicións que as reflectidas na letra f), e fixarase unha cota máxima de captura para esta especie e neste período de caza de 5 exemplares por persoa cazadora e xornada.

h) Perdiz rubia (Alectoris rufa): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

i) Faisán común (Phasianus colchicus): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

j) Estorniño común (Sturnus vulgaris): esta especie pódese cazar no período hábil de caza menor.

k) Córvidos: pega rabilonga (Pica pica) e corvo (Corvus corone). Estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor.

l) Aves acuáticas: cerceta real (Anas crecca), lavanco real (Anas platyrhynchos), pato rabiolongo (Anas acuta), parrulo chupón (Aythya ferina), parrulo cristado común (Aythya fuligula), galiñola negra (Fulica atra). Estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor.

m) Tordo real (Turdus pilaris), tordo galego (Turdus philomelos), tordo malvís (Turdus iliacus), e tordo charlo (Turdus viscivorus): estas especies pódense cazar no período hábil de caza menor; o período hábil de caza para estas especies prolóngase ata o día 31 de xaneiro de 2023, na superficie dos tecores incluída nos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, O Rosal e Tui da provincia de Pontevedra.

n) Perdiz charrela (Perdix perdix), avefría (Vanellus vanellus), pato cullerete (Anas clypeata), rula turca (Streptopelia decaocto), gaivota escura (Larus fuscus), gaivota arxéntea (Larus argentatus), pomba brava1 (Columba livia), pomba zura (Columba oenas), gralla cereixeira (Corvus monedula) e rula común (Streptopelia turtur): queda prohibida a súa caza.

(1) Excepto exemplares procedentes de explotacións industriais utilizados como presas de escape no ámbito da cetraría.

2. Caza maior:

a) Corzo (Capreolus capreolus): nos terreos baixo réxime cinexético común, con autorización do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, permítese a caza de machos adultos desde o 19 de agosto ata o 14 de outubro de 2023, nas modalidades de batida, montaría e axexo, os sábados, agás os axexos que poderán ser todos os días.

Nos terreos baixo réxime cinexético especial, poderanse cazar os machos adultos de corzo desde o 19 de agosto ata o 14 de outubro de 2023, nas modalidades de batida e montaría, os sábados, domingos e festivos, e calquera día da semana no caso dos axexos. Así mesmo, tamén se poderán cazar mediante a modalidade de axexo, desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2024, en calquera día da semana.

Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento cinexético das femias de corzo. Non obstante, permitirase a súa caza puntual e localizada como consecuencia dos danos que poidan ocasionar, de acordo co establecido no artigo 13 desta resolución.

Así mesmo, para un mantemento sostible das poboacións desta especie e sempre e cando se solicite no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético, e se xustifique achegando un informe técnico baseado na situación real da poboación desta especie no tecor, no cal se motive a necesidade de realizar o seu aproveitamento cinexético, permitirase a caza das femias adultas en descaste, mediante a modalidade de axexo (calquera día da semana) ou en batida ou montaría (os sábados, domingos e festivos), no período comprendido entre o 2 de setembro e o 14 de outubro de 2023 ou ben entre o 7 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2024, a elección da persoa titular do aproveitamento. Este período deberá quedar expresamente reflectido no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético, e entenderase, na súa falta, que se corresponde co segundo dos períodos indicados (do 7 de xaneiro ao 17 de febreiro de 2024).

A autorización fixará o número de pezas máximo que se poderán abater de acordo co plan anual de aproveitamento cinexético. Non poderán realizarse na mesma mancha unha batida e un axexo simultáneos, nin modalidades de caza maior e menor simultaneamente.

b) Xabaril (Sus scrofa): en terreos de réxime cinexético especial, incluída a superficie destinada a vedado de caza e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñen aprobadas os tecores, poderase cazar os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 19 de agosto de 2023 ata o 25 de febreiro de 2024, nas modalidades de batida, montaría e espera, autorizadas segundo o establecido nos artigos 11 e 12 desta resolución.

Nos terreos de réxime cinexético especial, que non teñan cuberta a cota de capturas de xabaril aprobada para a tempada 2023/24, poderán cazar esta especie nos axexos de corzo que teñan aprobados no correspondente plan anual de aproveitamento desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2024.

En terreos de réxime cinexético común, poderase cazar os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 19 de agosto ata o 31 de agosto de 2023 e desde o 7 de xaneiro ata o 25 de febreiro de 2024. No período comprendido entre o 1 de setembro de 2023 e o 5 de xaneiro de 2024, ambos incluídos, unicamente se poderá cazar os sábados.

Queda prohibido realizar, na mesma mancha e xornada, batidas sobre esta especie e practicar a caza sobre especies de caza menor.

c) Cervo, gamo e muflón (Cervus elaphus, Dama dama e Ovis orientalis): unicamente poderán cazarse en terreos cinexéticos de réxime especial, na modalidade de axexo, desde o 10 de setembro ata o 14 de outubro de 2023, calquera día da semana, no caso de machos adultos e femias adultas en descaste e, con todas as modalidades, desde o 15 de outubro de 2023 ata o 7 de xaneiro de 2024, os xoves, sábados, domingos e festivos e calquera día no caso dos axexos, con autorización dos servizos provinciais de Patrimonio Natural.

d) Cabra montesa (Capra pyrenaica): prohíbese a caza desta especie no territorio de Galicia agás nos tecores do Xurés especificados no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, onde se permite a súa caza desde o 15 de setembro de 2023 ata o 15 de marzo de 2024, impoñéndose, entre outras, as seguintes condicións e restricións:

• A modalidade de caza permitida é o axexo e establécese unha cota de capturas de 10 machos (7 exemplares de trofeo e 3 selectivos) e 3 femias en descaste, diferenciándose os seguintes períodos en función do tipo de exemplar que se vaia cazar:

Exemplar

Datas

Macho selectivo e femia adulta en descaste

Do 15.9.2023 ata o 31.10.2023

Macho trofeo

Do 15.12.2023 ata o 15.3.2024

e) Rebezo (Rupicapra pyrenaica): unicamente se permite o aproveitamento cinexético desta especie na Reserva Nacional de Caza dos Ancares, de acordo co establecido no artigo 19 desta resolución.

Artigo 17. Terreos nos cales se prohibe o exercicio da caza

Sen prexuízo do establecido no artigo 43 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, con respecto ao exercicio da caza nas zonas de seguridade, queda prohibido o exercicio de toda clase de caza e adestramento de cans e aves de cetraría nos terreos recollidos no anexo I desta resolución, así como nas zonas de seguridade declaradas expresamente por petición da persoa titular dos terreos.

Artigo 18. Autorización de xestión cinexética en vedados

De acordo co establecido no artigo 19.3 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, os vedados de caza poderán ser obxecto de xestión cinexética por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais, debidamente motivadas (código de procedemento administrativo MT720F).

As solicitudes de autorización de xestión dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente, e deberán ir acompañadas dun informe técnico no cal se xustifique a necesidade da adopción das ditas medidas.

O servizo provincial de Patrimonio Natural valorará se as solicitudes presentadas se axustan ás motivacións establecidas no citado artigo e fixará as condicións para o outorgamento das autorizacións, de ser o caso.

Artigo 19. Réxime especial da Reserva Nacional de Caza dos Ancares

Os períodos hábiles de caza na Reserva Nacional de Caza dos Ancares estableceranse en función dos acordos que en tal sentido tome a Xunta Consultiva da Reserva. Os ditos períodos serán publicados na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no enderezo:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Caza/seccion.html&std=A_caza_en_Galicia.html

Artigo 20. Xornada hábil de caza

De conformidade co disposto no artigo 55 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, só se poderá practicar a caza no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do solpor, agás na modalidade de espera nocturna ou autorización expresa en contrario. As horas oficiais serán as publicadas na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.es/web/predicion/orto/ortoIndex.action), e tomarase como referencia a localidade máis próxima ao punto onde se estea cazando.

Disposición adicional primeira

As datas e condicións para presentar o plan de aproveitamento cinexético anual correspondente á tempada 2023/24 serán as seguintes:

1. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que teñan vixente o seu plan de ordenación cinexética deberán presentar o plan anual de aproveitamento cinexético ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para o cal deben presentar a solicitude de aprobación (código de procedemento administrativo MT720A).

2. Os tecores ou explotacións cinexéticas comerciais cuxa vixencia do seu plan de ordenación cinexética remate na tempada 2022/23 deberán efectuar a súa renovación ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para o cal deben presentar a solicitude de renovación (código de procedemento administrativo MT720B).

No caso dos tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que presentaron a solicitude de aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético para a tempada 2023/24, sen obteren unha resolución expresa de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, considerarase non aprobado o dito plan en canto non se dite esta resolución expresa. Non obstante, quedará prorrogada a vixencia do plan anual de aproveitamento cinexético correspondente á tempada 2022/23, ata que se dite a correspondente resolución administrativa.

Disposición adicional segunda

Os procedementos establecidos nesta resolución regúlanse segundo a Orde do 27 de xullo de 2021 pola que se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto do órgano competente en materia de biodiversidade, caza e pesca continental, e se habilitan na sede electrónica de la Xunta de Galicia (DOG núm. 171, do 6 de setembro).

Disposición adicional terceira

A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá modificar o inicio ou o remate dos períodos de caza sinalados cando haxa razóns especiais que o xustifiquen, así como para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación da presente disposición mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO I

Zonas nas cales se prohibe o exercicio da caza e o adestramento
de cans e aves de cetraría

Lémbrase, con carácter xeral, a prohibición de cazar nas zonas a que se refire o artigo 85.10 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 13 desta resolución.

Provincia da Coruña

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

CO-1

Arquipélago de Sálvora do P. Nac. Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (concello de Ribeira)

Toda a súa superficie

CO-2

Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira)

N: vila de Corrubedo e estrada de acceso a esta desde Artes; S: camiño que une a parroquia de Vilar con Liboi ata punta Corveiro; L: camiño que comunica as parroquias de Artes e Vilar

CO-3

Zona costeira occidental atlántica co concello de Muros: zona da lagoa de Louro

Camiño público que desde O Ancoradoiro sae á estrada AC-550 de Cee a Ribeira; segue por esta estrada ao longo de 200 metros para continuar polo límite do Monte Narahío e Tixia e polo camiño a través deste, ata alcanzar a AC-550 pasando polo casarío da Madanela, 80 metros ao longo desta ata o comezo do chamado camiño do monte Louro, límite deste monte entre o camiño e o mar; liña de costa ao longo da praia de Louro ata o porto de Ancoradoiro e desde aquí, en liña recta, ata o punto de partida

CO-4

Illas Sisargas, concello de Malpica

Toda a súa superficie

CO-5

Zona costeira occidental atlántica do concello de Porto do Son zona lagoas de Xuño e San Pedro de Muro

Río Sieira desde a súa desembocadura no océano Atlántico, río arriba, ata a estrada de Noia a Sta. Uxía de Ribeira (km 52,3). Desde este punto ata a encrucillada da estrada de Seráns, pasando por San Pedro de Muro, ata a antiga fábrica de tella. Desde aquí seguindo o camiño que chega ata a punta do Cabo Teira séguese pola liña de costa ata a desembocadura do río Sieira

CO-6

Zona costeira occidental atlántica do concello de Ferrol: lagoa de Doniños

Norte, partindo da liña de costa séguese a liña que separa os terreos de uso militar, ata chegar á encrucillada da estrada que vai a Curros e Fontemaior; desde esta encrucillada de estradas séguese pola estrada de Fonta ata chegar á punta Penencia na costa e desde aquí, pola liña de costa, ata a liña de terreos de uso militar

CO-7

Zona da lagoa da Frouxeira no concello de Valdoviño

Norte desde a punta A Frouxeira, ao longo do areal ou praia da Frouxeira, pola liña de costa ata a liña recta imaxinaria trazada desde a illa Percebelleira ata a estrada que desde Porta do Sol, en Valdoviño, remata na praia. Seguindo por esta estrada ata a estrada de Ferrol a Cedeira e por esta ata o seu cruzamento coa de Ferrol a Valdoviño ata Canto do Muro, pola estrada local da Frouxeira ata a punta A Frouxeira

CO-8

Zona do Monte de San Xurxo e Monte de Brión, concello de Ferrol

Norte e oeste co océano Atlántico, ao leste con predios particulares na demarcación parroquial de San Xurxo en que está situado o monte, ao sur con predios particulares e o océano Atlántico.

Norte e oeste, demarcación parroquial de Doniños. Ao leste, con propiedades particulares da parroquia de Brión, ao sur con propiedades particulares e océano Atlántico

CO-09

Encoro de Cecebre

N: desde a presa seguindo pola estrada que une o lugar de Cecebre con San Román, atravesando os lugares de Seixurra e San Román, ata o cruzamento coa autoestrada do Atlántico; L: seguindo a autoestrada ata o quilómetro 17 e continuando por unha pista en terra de servidume daquela, para rematar na presa de formigón sobre o río Mero; S: desde o punto anterior seguindo a marxe dereita do río Mero ata a ponte, e continuando pola estrada entre os lugares de Torre, O Covelo, Agrolongo e Orto de Arriba ata o viaduto do río Barcés, cuxa marxe dereita segue ata o lugar de Táboas, na estrada de Mabegondo a Carral; O: seguindo a marxe esquerda do río Barcés ata o viaduto e continuando pola estrada ata a presa do encoro

CO-10

Encoro de Sabón

Desde a presa do encoro contiguo á central térmica de Sabón pola estrada de servizo do polígono industrial, deixando o encoro á man esquerda ata o cruzamento da estrada da Coruña a Fisterra. Desde este punto, e seguindo a estrada de servizo do polígono, ata as instalacións industriais de Silicios de Sabón, S.A. e presa

CO-11

Brañas de Sada, concello de Sada

Parroquia de Sada. Coord.: lonxitude 8º 15' W, latitude 43º 21' N

CO-12

ZEPA ES0000086, ría de Ortigueira e Ladrido

A que figura na Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia núm. 95, do 19 de maio), pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da cartografía onde se recollen os límites dos espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario Oficial de Galicia núm. 69, do 12 de abril).

CO-13

Encoro da Ribeira, concello das Pontes de García Rodríguez

N: marxe do encoro e límite do Tecor C-10.121 ata 200 m da confluencia do regato Brandián; L: bordeando o predio Cabalar a 200 m do cercado e continuando pola marxe dereita do río Eume ata a área recreativa de Caneiro; S: desde a área recreativa de Caneiro seguindo o camiño ou pista cara ás Pontes de García Rodríguez ata a confluencia do camiño que baixa ao complexo recreativo de Vilarbó, seguindo este camiño ata as ditas instalacións e despois continuando pola marxe esquerda do encoro, respectando os 200 m de influencia, ata a presa; O: desde a presa seguindo a marxe do encoro en Cuíña, Vilarnovo e Maraxón ata pechar o perímetro

CO-14

Ría de Ferrol

Desde a ponte das Pías ata a desembocadura do Xuvia en ambas as dúas marxes

CO-15

Marismas de Baldaio

N: océano Atlántico; S: o camiño desde Rebordelos a Santa Mariña, pasando pola Igrexa, Castrillón, Outeiro, Cambre e Arnados; L: o camiño desde a praia Pedra do Sal ata Rebordelos; O: o camiño desde Santa Mariña á Punta do Pazo

CO-16

Enseada de Insua, concello de Ponteceso

N: o camiño local de Punta Balarés a Cospindo, continuando pola estrada de Corme ata Ponteceso, estrada de Ponteceso a Buño; S: estrada de Ponteceso a Laxe, ata o lugar de Canduas; L: o camiño que vai desde a estrada de Ponteceso a Buño ata o río Anllóns, continuando por este, ata Anllóns de Arriba; O: a liña que une Canduas, Punta Padrón e Punta Balarés

CO-17

Lagoa de Traba

N: océano Atlántico; leste e sur: desde punta Arnado seguindo polo camiño en parte, ata enlazar coa última pista de concentración parcelaria, que discorre paralelamente á lagoa en dirección ao lugar de Cernado; O: pista asfaltada que une o lugar de Mórdomo coa estrada comarcal de Laxe-Ponte do Porto

CO-18

ZEC ES1110007 Betanzos-Mandeo

Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia núm. 95, do 19 de maio), pola que se dispón a publicación da cartografía onde se recollen os límites dos espazos naturais declarados zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario Oficial de Galicia núm. 69, do 12 de abril)

CO-19

Estación cinexética de Cerqueiros (Monfero)

En toda a estación

CO-20

Marisma de Carnota

Área incluída dentro do perímetro da masa de auga

CO-21

Encoro de Vilagudín, concellos de Cerceda, Ordes e Tordoia

Área incluída dentro do perímetro da masa de auga dentro dos 200 metros de cota máxima do nivel de auga do encoro

CO-22

Encoro de Vilasenín (concellos de Cerceda e Ordes)

Área incluída dentro dos cinco metros da cota máxima do nivel de auga do encoro

CO-23

Predio do Mosteiro de Sobrado

Toda a súa superficie

CO-24

Zona da Barbanza

Linde O: iníciase na cota 557, que linda os montes de Barbanza de Cures e Barbanza de Nebra; continúa polas cotas 576, 567, 602, 600, 581, 593, 663, 606, 612, 597 e 620 de Barbanza de Nebra, segue polas cotas 622, 616 de Barbanza de Noal, continúa polas cotas 634, 626, 629, 644 e 616 de Barbanza de Baroña, cota que fai límite cos montes de Barbanza de Boiro. Linde L: da cota 616, límite entre os montes de Barbanza de Baroña e Barbanza de Boiro, cruzando o rego Barazal ata a cota 561 de Barbanza de Boiro, de aquí á fonte de Porto Traveso e ás cotas 562, 572, 576 e 557 de Barbanza de Cures recollendo o inicio do linde O

CO-25

Terreos do concello de Sobrado

S: desde o quilómetro dous da estrada LC-233 ata a saída do regato da lagoa de Sobrado; séguese o seu curso ata o lugar da Pontepedra, O: desde A Pontepedra, seguindo a estrada ata o quilómetro 18 da LC-231; N: pola estrada que vai ao Centro Ictioxénico ata a dita instalación; L: desde o Centro Ictioxénico, monte a través, ata o quilómetro dous da estrada LC-233

CO-26

Marismas de Dodro

Os límites da prohibición están sinalizados sobre o terreo polo servizo provincial de Patrimonio Natural da Coruña

Provincia de Lugo

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

LU-01

Xunqueiras e ría de Ribadeo

Desde a ponte de Porto pola pista que pasa por Miou de Louteiro, ata a altura do quilómetro 4,700 da estrada de Vegadeo a Lugo, onde cruza o río Eo; desde este punto quilométrico segue pola citada estrada de Lugo a Vegadeo ata Porto de Abaixo, desde aquí e pola estrada nacional de Santander á Coruña ata Ribadeo, desde aquí pola estrada provincial ata Senra, desde aquí pola pista que chega á punta de costa denominada punta de Penas Brancas

LU-02

Monte Fraga Vella (concellos de Abadín e Mondoñedo)

N: monte de utilidade pública Tremoal e Fraga das Vigas, parroquia de Labrada, do concello de Abadín: Casarío dos Agros e río Fraga Vella; L: río Fraga Vella e monte de utilidade pública nº 46-B Brañas e Toxiza, da parroquia de Mondoñedo e outras; S: monte de utilidade pública nº 43 Coto da Cal, da parroquia de Romariz, do concello de Abadín; O: monte de utilidade pública nº 44 Tremoal e Fraga das Vigas, da parroquia de Labrada, do concello de Abadín

LU-03

Terreos de Espiñeira e lagoa de Cospeito (concello de Cospeito)

N: termo do concello de Vilalba, ata o punto de cruzamento da estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito, en Guisande; L: estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito; S: estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito, lugar de Feira do Monte e estrada de Cospeito a Vilalba, ata a ponte de Sistallo; O: pista da ponte de Sistallo á casa de Angulo da Espiñeira, ata o límite co concello de Vilalba

LU-04

Terreos do monte do Veral, parroquia do Veral, concello de Lugo

N: estrada de Lugo a Friol e río Mera; L: propiedades particulares da parroquia de San Xoán do Alto; S: propiedades de veciños/as de San Xoán do Alto e camiño de Abelairas; O: río Mera, monte da parroquia do Veral, e propiedades dos veciños do Veral

LU-05

Monte Paramedela (concello da Pobra do Brollón)

N: monte de Salcedo a Bairán; L: monte de Salcedo a Bairán; S: monte de Salcedo a Bairán e río Lor, concello de Quiroga; O: monte de Salcedo e Bairán e río Loureiro

LU-06

Monte Bibei (concello de Quiroga)

N: monte de Enciñeira; L: provincia de Ourense, monte comunal e propiedades particulares; S: provincia de Ourense; O: río Bibei, propiedades particulares, regato de Cavados e estrada de Ourense a Ponferrada

LU-07

Devesa de Rogueira (sita en Moreda, O Courel)

N: monte e prados en Moreda; L: monte de Moreda e de Vieña, ata o pico de Formigueiros; S: termo municipal de Quiroga ata Corga de Mosa e monte de Ferreiros ata Pico Polín; O: monte de Parada

LU-08

Ría de Foz

N: boca da ría desde Punta do Cabo ata punta de San Bartolomeu; L: desde o punto anterior pola beira leste da praia de Altar á de Tupido, estrada de Viladaíde e A Áspera e camiño á igrexa de San Cosme de Barreiros, estrada ao Vilar, ferrocarril Ferrol-Xixón ata o camiño de dirección N-S á estrada comarcal 642 de Ferrol por Ortigueira; S: estrada C-642, A Espiñeira e ponte da Espiñeira; O: desde a ponte da Espiñeira, pola estrada C-642 ata Fondós, baixada á punta de Malatel e beira da ría ata punta do Cabo

LU-09

Veiga de Pumar (concello de Castro de Rei)

N: termo municipal de Cospeito, pola estrada de Rocelle a Porto do Monte e en liña recta a Porto de Boraño, no río Miño; L: río Miño ata 200 metros augas abaixo da desembocadura do regato de Pumar, na presa de Oroxe, leiras particulares ata o cruzamento da estrada de Xustás a Oroxe, S: estrada de Oroxe a Almudia; O: estrada de Almudia a Arneiro ata o límite do termo municipal de Castro de Rei

LU-10

Lagoas do Pedroso e Ollos de Begonte, parroquias de Pacios, Illán, Castro, Bóveda e Begonte (termo municipal de Begonte)

N: pista que rodea a lagoa norte do Pedroso (Erimsa) desde a confluencia co río Ladra á autoestrada A-6; L: pista que comunica os lugares de Riocaldo e do Pedroso, estrada N-VI; S: río Parga e río Ladra; O: río Ladra, estrada N-VI, tendido eléctrico ata o río Parga

Provincia de Ourense

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

OU-01

Encoro de Castrelo de Miño (concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño e Cenlle)

Nas augas e marxes de dominio público, desde os lugares de Sanín e Oleiros ata o encoro

OU-02

Parque Natural do Invernadeiro (concello de Vilariño de Conso)

Decreto 166/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural do Invernadeiro

OU-03

Finca Salgueiros (concello de Muíños), pertencente ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Toda a súa superficie

OU-04

Subzona ZPDG-A1 (Alta Serra do Xurés en Lobios e Muíños, O Barranco da Cruz do Touro en Lobios e O Barranco de Olelas en Entrimo)

Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

OU-05

Zona de influencia de explotación de areas da comarca da Limia, no termo municipal de Sandiás e Vilar de Santos

Plano do Plan director de restauración para as explotacións mineiras a ceo aberto na lagoa de Antela, aprobado pola Resolución do 4 de maio de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publican a declaración de impacto ambiental marco e o plan director de restauración para as explotacións mineiras a ceo aberto na lagoa de Antela (Ourense) do 2 de febreiro de 2001 (Diario Oficial de Galicia núm. 99, do 24.5.2001)

OU-06

Terreos da Edreira e Nabuíñas que son propiedade da Xunta de Galicia, no termo municipal de Laza

Toda a súa superficie

OU-07

Zonas de reserva integral do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra

Decreto 77/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural

Provincia de Pontevedra

Código

Lugar afectado

Delimitación da zona prohibida

PO-01

Arquipélagos das Cíes, Ons e Cortegada do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Toda a súa superficie

PO-02

Augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público da enseada de San Simón, formada polo entrante da ría de Vigo ata a ponte de Rande, sobre o estreito de Rande

Toda a súa superficie

PO-03

Augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público e zona marítima do complexo intermareal de Umia-O Grove-A Lanzada-Punta Bodeira

Zona húmida incluída no Convenio internacional de Ramsar

PO-04

Norte e sur das Gándaras de Budiño (concello do Porriño)

N: estrada que parte da estrada N-550 en dirección Santo André; S: estrada que parte da N-550 en dirección Madanela; L: N-550 e estrada de acceso ao polígono das Gándaras; O: a división entre a vexetación da zona húmida e os piñeiros, matogueira e terras de cultivo. Camiño que parte da estrada que marca o límite norte e que atravesa Centeáns, Quintela e chega ata Madanela

PO-05

Encoro de Pontillón do Castro (concello de Pontevedra)

Superficie: 31,5 ha

N: pista forestal contigua ao encoro; L: pista forestal contigua ao encoro que continúa a anterior; S: estrada comarcal de Pontevedra ao encoro, desde a confluencia coa pista anterior ata o dique daquel. O: liña imaxinaria paralela ao límite dos terreos propiedade do concello de Pontevedra, a unha distancia de 250 m que parte do dique do encoro

PO-06

Zona sur da Illa de Arousa, denominada punta de Carreirón

N: enseada da Brava e praia de Salinas; L: liña de costa; S: liña de costa; O: liña de costa

PO-07

Zona do Baixo Miño e illa Canosa

N: pola pista que delimita o piñeiral da praia de Camposancos, segue pola faixa aberta polo tendido eléctrico de alta tensión, segue ata o campo de deportes, continúa por toda a zona húmida, desde a pista que sae da Pasaxe ata a ponte do río Tamuxe; L: río Tamuxe; S: río Miño; O: océano Atlántico e punta de Santa Tegra

PO-08

Illa Canosa e Morraceira do Grilo

Toda a súa superficie

PO-09

Parque Natural do Monte Aloia, en Tui

Toda a súa superficie

PO-10

Zona de Val Miñor

N: estrada PO-340, desde a desviación para Mañufe ata monte Lourido; S: estrada de Mañufe á ermida Santa Marta; L: estrada e ponte desde Mañufe á estrada PO-340; O: zona marítima desde a ermida de Santa Marta ata os illotes de Garza e monte Lourido

PO-11

Xunqueira de Alba, no termo municipal de Pontevedra

N: pista de Ponte Cabras ata a autoestrada A-9; S: río Lérez; L: pista desde As Correntes pasando pola ponte do Maxeiro, rúa da Gándara, ata a ponte das Cabras; O: autoestrada A-9

ANEXO II

Relación de especies cazables comercializables no territorio
da Comunidade Autónoma de Galicia

– Aves:

• Anas platyrhynchos: lavanco real.

• Alectoris rufa: perdiz rubia.

• Phasianus colchicus: faisán común.

▪ Columba palumbus: pombo torcaz.

▪ Columba oenas: pomba zura1.

▪ Coturnix coturnix: paspallás1.

– Mamíferos:

▪ Lepus granatensis: lebre.

▪ Oryctolagus cuniculus: coello.

▪ Vulpes vulpes: raposo.

▪ Sus scrofa: xabaril.

▪ Cervus elaphus: cervo.

▪ Capreolus capreolus: corzo.

▪ Dama dama: gamo.

▪ Ovis orientalis: muflón.

(1) Só os exemplares procedentes de explotacións industriais.

ANEXO III

Concellos da provincia de Ourense que abranguen
a antiga lagoa de Antela

• Rairiz de Veiga.

• Vilar de Santos.

• Sandiás.

• Vilar de Barrio.

• Sarreaus.

• Xinzo de Limia.

• Trasmiras.

• Porqueira.

• Xunqueira de Ambía.

ANEXO IV

Relación de concellos en que se prohibe cazar
a becacina cabra (Gallinago gallinago)

• Baltar.

• Baños de Molgas.

• Calvos de Randín.

• Cualedro.

• Monterrei.

• Muíños.

• Porqueira.

• Rairiz da Veiga.

• Sarreaus.

• Trasmiras.

• Vilar de Barrio.

missing image file