Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 3 de maio de 2023 Páx. 27308

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 19 de abril de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, e se procede á súa convocatoria plurianual para os anos 2023, 2024 e 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

BDNS (Identif.): 690961.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

As empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.

As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado Informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As persoas solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.

d) As persoas solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxectivo é facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior –priorizando a mocidade sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoia as pemes galegas no seu proceso de internacionalización poñendo á disposición das pemes información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de abril de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, e se procede á súa convocatoria plurianual para os anos 2023, 2024 e 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.A1.741A.4705 e por un importe de 1.300.000 € coa seguinte distribución plurianual: 100.000 € no ano 2023, 500.000 € no ano 2024 e 700.000 € no ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica