Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2023 Páx. 27637

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023 pola que se convocan catro bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea na oficina da FGE en Bruxelas (código de procedemento PR770N).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se lle autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración a que a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa, segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Con base no establecido no artigo 15.c) dos estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a públicos o 21 de decembro de 2018, en ausencia do presidente da Fundación correspóndelle ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 11 dos anteriormente citados estatutos da Fundación Galicia Europa, a Vicepresidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa corresponde á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, na actualidade, en virtude do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O 14 de febreiro publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 30) a Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N). No anexo I da citada orde recóllense as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación (en diante, bases reguladoras).

Á vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar tres (3) bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario e unha (1) bolsa de formación dirixida a persoas cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea na oficina da FGE en Bruxelas.

2. Ás bolsas convocadas por esta resolución seranlles de aplicación as bases reguladoras, recollidas como anexo I da Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

Artigo 2. Condicións xerais da bolsa

1. As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. O obxectivo das bolsas é permitir ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

3. A concesión e desfrute da bolsa non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Fundación Galicia Europa.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

4. As bolsas serán indivisibles e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria, no momento de aceptación da bolsa, non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Artigo 3. Duración e modalidades

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración de once (11) meses.

2. Nesta resolución de convocatoria prevense tres modalidades de bolsas:

a) Dúas (2) bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios dende unha perspectiva galega.

b) Unha (1) bolsa destinada a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos.

c) Unha (1) bolsa destinada a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.

3. As persoas candidatas só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa.

Artigo 4. Contía e financiamento das bolsas

1. O custo total das bolsas é de 64.051,76 euros, coa seguinte distribución:

1.1. Importe bruto das bolsas: 59.400,00 euros (14.850,00 euros de retribución a cada persoa bolseira).

1.2. Seguridade Social: 2.366,76 euros (591,69 euros por cada persoa bolseira), en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

1.3. Axuda de desprazamento para gastos de viaxe: 2.000,00 euros (pagamento persoal a cada bolseiro: 500,00 euros). As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e non exixen a constitución de garantías, de acordo co artigo 65 da citada norma. Estes pagamentos débense xustificar no prazo dun mes desde a realización dos desprazamentos e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

1.4. Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 285,00 euros. O sistema sanitario belga é un sistema sanitario con copagamento. Coa finalidade de anular o impacto que este feito poida ter na asistencia sanitaria das persoas bolseiras no país de destino, prevese a subscrición dun seguro adicional de viaxe e enfermidade por parte da FGE para as persoas bolseiras na oficina de Bruxelas.

2. O financiamento destas bolsas enmárcase na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 Axudas monetarias individuais, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Fundación Galicia Europa.

Conta

2023

2024

Total

65001

24.745,64 €

39.306,12 €

64.051,76 €

3. A concesión das bolsas quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar, mediante empadroamento, residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

3. Posuír o título académico necesario para a modalidade a que se presenta a persoa beneficiaria ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do dito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria:

a) Para as bolsas do artigo 3.2.a), de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega, é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.

b) Para a bolsa do artigo 3.2.b), de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

c) Para a bolsa do artigo 3.2.c), para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo, é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).

4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

5. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamada da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Na solicitude, anexo I, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Copia do pasaporte, no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, para aqueles solicitantes que pretendan acreditar á filiación de proxenitores galegos.

c) Xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título oficial universitario ou de formación profesional).

d) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española, no caso de presentar un título académico estranxeiro.

e) Currículo: preferentemente en formato Europass.

f) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante, que se recollerán no anexo II da resolución de convocatoria, xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, en que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios ou normativa que o modifique, ou segundo o sistema establecido na Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, ou normativa que os modifique.

– Os cursos relacionados co obxecto da bolsa acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas actividades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano competente que corresponda.

O órgano instrutor poderá consultar os certificados Celga 4 e Celga 3 ou equivalente expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano equivalente que corresponda.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante a presentación da copia do título oficial que acredite o nivel de linguas.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés ou francés deberán xuntarse cunha tradución xurada.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, anexos I e II, será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Datos de residencia con data de última variación no padrón.

f) Certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento e tramitación. Recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

3. A instrución e tramitación do procedemento establécese no artigo 10 das bases reguladoras.

4. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco (5) meses, desde a data de publicación da correspondente resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince (15) días naturais seguintes ao da publicación desta resolución de convocatoria, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 12 da orde de bases, así como de elevar ao órgano instrutor o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou a persoa en quen delegue.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais, que serán designados/as entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e da FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE (http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/).

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que se asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 14. Criterios de adxudicación

A Comisión de Valoración avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases, de modo simultáneo para as distintas modalidades de bolsas, de acordo cos seguintes criterios:

I. Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulacións preferentes

Por estar en posesión dalgunha/s das seguintes titulacións:

Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Economía, Ciencias Políticas e da Administración, Xornalismo ou Comunicación, e graos ou licenciaturas nas áreas de Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.

– Primeiro grao ou licenciatura: 5 puntos.

– Segundo grao ou licenciatura: 2 puntos.

7

Máster

Máster universitario en asuntos europeos, relacións internacionais ou comunicación dixital: 6 puntos.

6

Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 120 horas: 2 puntos por curso.

5

Lingua galega

Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

2

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B2: 3 puntos.

– Nivel C1: 4 puntos.

– Nivel C2: 5 puntos.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 5 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

10

Pasarán á seguinte fase, entrevista persoal, as 10 primeiras persoas clasificadas, por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na posición décima, pasarán todas as persoas aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista en que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos da persoa aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nunha contorna multicultural e multilingüe. A Comisión de Valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

II. Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulacións a maiores da titulación exixida para acceder ás bolsas

Por estar en posesión dalgunha/s das seguintes titulacións:

Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Economía, Ciencias Políticas e da Administración, e graos ou licenciaturas nas áreas de Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.

– Primeiro grao ou licenciatura: 5 puntos.

– Segundo grao ou licenciatura: 2 puntos.

7

Máster

Máster universitario en asuntos europeos, relacións internacionais ou comunicación dixital: 6 puntos.

6

Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 120 horas: 2 puntos por curso.

5

Lingua galega

Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

2

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B2: 3 puntos.

– Nivel C1: 4 puntos.

– Nivel C2: 5 puntos.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 5 puntos nesta epigrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

10

Pasarán á seguinte fase, entrevista persoal, as 5 primeiras persoas clasificadas, por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na posición quinta, pasarán todas as persoas aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista en que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos da persoa aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nunha contorna multicultural e multilingÜe. A Comisión de Valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

III. Bolsas destinadas a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido na Orde de 12 de xullo de 2011 ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulacións a maiores da titulación exixida para acceder ás bolsas

Título de técnico superior en Marketing e Publicidade, Comercio Internacional, na familia profesional de Informática e Comunicacións, ou equivalente: 5 puntos por titulación.

10

Cursos relacionados con asuntos europeos

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

5

Cursos de ofimática e cursos relacionados co ámbito obxecto da bolsa

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto.

– Celga 4 ou titulación equivalente: 2 puntos.

2

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B1: 3 puntos.

– Nivel B2 ou superior: 4 puntos.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

8

Pasarán á segunda fase, entrevista persoal, as primeiras 5 persoas clasificadas por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na quinta posición, pasarán todas as persoas candidatas que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista en que se valorará o coñecemento xeral sobre a organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nunha contorna multicultural e multilingüe. A Comisión de Valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

Artigo 15. Xustificación e pagamento das bolsas

1. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e non exixen a constitución de garantías, de acordo co artigo 65 da devandita norma.

Estes desprazamentos xustificaranse no prazo dun mes dende a súa realización e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. As retribucións brutas aboaranse en 11 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

3. A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

Artigo 16. Incorporación das persoas bolseiras

A data de incorporación das persoas bolseiras á oficina da FGE en Bruxelas será determinada na resolución de outorgamento da bolsa ditada polo director da FGE. Debido á situación provocada pola COVID-19, poderíanse producir cambios na data de incorporación á bolsa, feito que sería comunicado en tempo e forma ás persoas interesadas.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo (PR770N) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa:

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) No enderezo electrónico:

santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) No teléfono: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente no enderezo da Fundación Galicia Europa:

En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo, 61.

En Bruxelas: rue de la Loi/Wetstraat, 38, 2°, bte. 2.

f) Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou no correo electrónico 012@xunta.es

Artigo 19. Publicación

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Réxime de recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file