Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2023 Páx. 27442

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de abril de 2023 pola que se establecen os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado aos concellos de Galicia para a participación en proxectos técnicos de creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas, previsto no artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 (código de procedemento PR486C).

A previsión constitucional de participación das facendas locais nos ingresos da Comunidade Autónoma realízase mediante o Fondo de Cooperación Local (FCL), convertido no instrumento central de colaboración e cooperación económico-financeira da Xunta de Galicia coas entidades locais, mediante o que se dá cumprimento á obriga legal de achegar os medios suficientes para garantir a suficiencia financeira dos concellos da Comunidade Autónoma. A través deste fondo, coa consignación orzamentaria fixada anualmente na correspondente lei de orzamentos, regúlase un modelo estable de participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Incrementada para 2023 nun 135 % respecto ao exercicio anterior, a dotación do fondo adicional ao FCL repártese en función dos criterios sinalados no artigo 59.catro da vixente Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023. Entre eles, unha liña de financiamento dotada cun millón de euros, destinada a todos os concellos de Galicia, en función da súa participación en proxectos técnicos de creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas co obxectivo de contribuír á integración das enerxías renovables na actividade local.

A asignación destes recursos co destino, sinalada na alínea i) do artigo 59.catro da Lei anual de orzamentos, foi acordada no marco da subcomisión de réxime económico e financeiro da Comisión de Cooperación Local e vén significar que todos os concellos de Galicia poden solicitar importantes asignacións procedentes da participación nos tributos da Comunidade Autónoma que dotan o fondo adicional ao FCL, para o financiamento de proxectos destinados a facilitar a participación das entidades locais en comunidades enerxéticas co fin de promover o desenvolvemento de proxectos comunitarios de impulso da transición enerxética e de integración das enerxías renovables na actividade local, que incrementen a participación destas no consumo final de electricidade, calefacción e transporte.

Constitúe o obxecto desta orde establecer e precisar os criterios de repartición do citado fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local do ano 2023 fixado na alínea i) do artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, segundo o previsto neste mesmo precepto legal.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local, de conformidade co previsto no artigo 1 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do devandito departamento.

Para o exercicio das súas funcións conta, dentro da súa estrutura orgánica, coa Dirección Xeral de Administración Local, configurada no artigo 29 do mesmo Decreto 117/2022, do 23 de xuño, como o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de administración local.

No exercicio das súas competencias correspóndenlle a este centro directivo as relacións coas entidades locais, en particular a coordinación das políticas públicas en materia de administración local, a xestión en materia de pacto local, a proposición das directrices en relación cos programas de cooperación e financiamento local e, en especial, co Fondo de Cooperación Local, ou o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións destinadas a elas.

Polo exposto, de conformidade co establecido no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, e na punto catro do artigo 59 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o órgano competente para determinar os criterios de repartición da consignación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local prevista na alínea i) do artigo 59.catro da devandita lei, destinada aos concellos de Galicia, para a súa participación en proxectos técnicos de creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas.

Conforme con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde establece os criterios e o procedemento para a distribución da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local prevista na alínea i) do artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 (DOG núm. 248, do 30 de decembro), destinada a concellos de Galicia, con código de procedemento PR486C, para o financiamento da súa participación en proxectos de creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas que contribúan á integración das enerxías renovables na actividade local e incrementen a participación destas no consumo final de electricidade, calefacción e transporte.

Artigo 2. Destinatarios

Poderán ser destinatarios da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter remitida a conta xeral do exercicio 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

b) Que vaian promover ou participar nunha comunidade de enerxías renovables, nos termos establecidos no artigo 6.1.j) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Artigo 3. Dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que se distribúe mediante esta orde ascende a un total de 1.000.000,00 €.

2. A distribución entre os concellos destinatarios realizarase en función dos criterios aprobados pola Dirección Xeral de Administración Local.

Artigo 4. Criterios de distribución

1. Establécese unha achega máxima inicial de 15.000,00 € que se asignará por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de administración local, logo da comprobación do cumprimento polos concellos destinatarios dos requisitos e condicións establecidos nesta orde.

2. Non se sinala un límite para o orzamento total do proxecto técnico, pero en ningún caso o importe da achega destinada a cada concello poderá ser superior ao orzamento presentado nin, de ser o caso, ao seu custo final xustificado.

3. De acordo co anterior, o órgano competente minorará a contía da achega final na cantidade que supere o custo orzado ou de execución da actuación, segundo proceda.

4. Sen prexuízo do previsto no número 1 deste artigo, de se produciren remanentes do fondo poderá incrementarse o importe máximo das ditas achegas mediante a súa redistribución entre todos os concellos destinatarios, sen que se supere o importe máximo total establecido na alínea i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos, recollido no artigo 3.1 desta orde.

En todo caso, esta redistribución de remanentes debe respectar os límites máximos por concello sinalados no número 3 deste artigo para que non se produza exceso de financiamento sobre o orzamento ou sobre o custo final do proxecto, segundo proceda.

5. Poden producir remanentes do fondo, entre outros supostos:

a) As minoracións nas achegas polo exceso sobre o custo da actuación.

b) As desistencias das solicitudes presentadas e as renuncias ás achegas asignadas.

c) As resolucións denegatorias por incumprimento dos requisitos ou condicións establecidos nesta orde para acceder á achega.

d) Calquera outra causa que poida dar lugar a unha cantidade non asignada, total ou parcialmente, a calquera dos concellos beneficiarios.

Artigo 5. Actuacións financiables

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde está destinada ao financiamento dos proxectos técnicos para a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas que contribúan á integración das enerxías renovables na actividade local e incrementen a participación destas no consumo final de electricidade, calefacción e transporte

2. Ao abeiro desta orde serán financiables os custos directamente relacionados coa preparación e redacción dos proxectos, tales como contratos de servizos ou honorarios profesionais de arquitectura e enxeñaría (IVE incluído), para a creación e posta en marcha da comunidade enerxética, para a execución das obras ou para a instalación dos equipamentos necesarios.

Artigo 6. Prazo e forma de presentación

1. Para poder recibir a achega regulada nesta orde, os concellos interesados presentarán unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde.

2. Cada concello só poderá presentar unha única solicitude. Cando o órgano tramitador observe que un concello presenta máis dunha solicitude porallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibido comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes presentadas polo concello.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

5. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Documentación que acompaña a solicitude

1. Os concellos interesados deberán presentar co anexo de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Certificado da persoa secretaria do concello en que faga constar o acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a achega ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela para o proxecto técnico de creación e desenvolvemento dunha comunidade enerxética.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.

b) Unha memoria explicativa do proxecto de comunidade enerxética.

c) O orzamento detallado das actuacións financiables.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia dun documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento en cuestión ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. A Dirección Xeral de Administración Local será o órgano competente para a instrución do procedemento e poderá solicitar calquera documentación que considere necesaria para a correcta verificación da solicitude.

2. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás entidades interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non o faceren así, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Conforme as entidades solicitantes presenten a documentación de forma completa e correcta e se verifique esta e mais o cumprimento dos demais requisitos establecidos nesta orde, a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local poderá elevarlle sucesivas propostas parciais de asignación da achega, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria, á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.

4. Na asignación das achegas respectarase a orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido nesta orde, se lles requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

5. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O vencemento deste prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Contra a resolución deste procedemento, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Libramento dos fondos

1. Unha vez notificada a cada concello beneficiario a asignación do fondo e o seu importe, libraráselle a cantidade correspondente ao 80 % do total na conta da cal é titular a entidade local en que se realizan os ingresos mensuais do Fondo de Cooperación Local, sen prexuízo da posibilidade de reintegro prevista no artigo 12.4 desta orde.

2. O 20 % restante, ou a cantidade que corresponda en función da redistribución do remanente ou do custo final da actuación, librarase no momento en que o concello acredite a correcta realización dos gastos financiados, na forma establecida no artigo 12 desta orde.

3. Os aboamentos das achegas efectuaranse directamente á entidade local na mesma conta en que se ingresan as achegas mensuais do Fondo de Cooperación Local.

Artigo 12. Comprobación da aplicación dos fondos

1. Cada un dos concellos destinatarios deberá acreditar a aplicación dos fondos regulados nesta orde mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Factura e xustificante bancario do pagamento dos gastos financiados.

b) Certificado da intervención municipal da toma de razón na contabilidade do gasto realizado.

c) Certificado da persoa secretaria para facer constar o acordo do órgano municipal competente declarando o cumprimento da finalidade para a cal se asignaron os fondos.

2. A data límite para a realización dos gastos financiados e a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 15 de novembro de 2023.

3. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades beneficiarias para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da xustificación presentada e a comprobación da execución dos gastos financiados.

4. O transcurso do prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento do libramento final e/ou dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro dos fondos percibidos, segundo o caso.

Disposición derradeira primeira

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de asignación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que se inicien en virtude desta orde, de conformidade co previsto no artigo 3 da Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 137, do 19 de xullo).

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deporte

missing image file
missing image file