Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27955

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifican as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante a Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro), apróbanse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, como marco regulador dos procesos de selección que se deben desenvolver ao longo dos anos 2023 e 2024 para o acceso, coa condición de fixeza, ao sector público, e o Decreto 81/2022, do 25 de maio, que aprobou a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, permitiron a realización de convocatorias de concurso-oposición e de concurso de méritos, publicadas no Diario Oficial de Galicia os días 4 e 5 de xaneiro de 2023, respectivamente, en máis de cen categorías de persoal estatutario. Ademais destes procesos de estabilización, estase tramitando un proceso de concurso-oposición derivado das ofertas públicas de emprego do ano 2020 e do ano 2021, neste momento en fase de concurso.

A necesidade de cohonestar o normal desenvolvemento de todos os procesos fai necesario flexibilizar os prazos establecidos para a participación nas distintas fases do concurso aberto e permanente.

Procede, así mesmo, adaptar as bases e o baremo do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia á normativa ditada logo da súa publicación, en concreto ao establecido no artigo 30, número 2), do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, respecto dos prazos posesorios, e ao artigo 4 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde, respecto das categorías de facultativos especialistas, é dicir, de todas aquelas categorías de persoal facultativo que para o seu acceso requiran estar en posesión dunha especialidade, en relación coa valoración dos servizos prestados por persoal facultativo especialista nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e O Barco de Valdeorras.

De conformidade coa normativa exposta, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro), e na Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril), logo de tratamento na Mesa Sectorial de Sanidade,

RESOLVE:

Primeiro. O prazo de inicio do ciclo anual de adxudicación, así como os prazos de presentación, de oferta de destinos, previsto nas bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, poderán ser modificados motivadamente logo de acordo en mesa sectorial. Así mesmo, por razóns de urxencia poderanse reducir os prazos establecidos na tramitación do procedemento.

Segundo. O parágrafo primeiro da base 9.1.3 do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia redáctase de conformidade co establecido no artigo 30, número 2), do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

Así, a toma de posesión da nova praza deberase efectuar dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde, no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Terceiro. Procédese á adaptación do baremo publicado mediante a Resolución do 23 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño), en aplicación do artigo 4 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 14 de outubro).

En consecuencia, no baremo de todas as categorías/especialidades de facultativos especialistas existentes no procedemento de concurso aberto e permanente, facultativo especialista de área, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a de familia, pediatra de atención primaria e médico asistencial do 061, e aquelas categorías de facultativos especialistas que no futuro se incorporen ao procedemento de concurso aberto e permanente, os servizos prestados en categorías/especialidades de facultativos especialistas nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e O Barco de Valdeorras computarán o triplo da puntuación que se estableza, con carácter xeral, por cada mes de servizos prestados.

Nestas categorías os servizos efectivamente prestados nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín e O Barco de Valdeorras valoraranse co triplo da puntuación que se estableza, con carácter xeral, por cada mes de servizos prestados nas distintas epígrafes do baremo de licenciado sanitario publicado mediante a Resolución do 23 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño).

Cuarto. Non será de aplicación ás categorías de facultativo especialista de área, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a de familia, pediatra de atención primaria e médico asistencial do 061 a puntuación prevista no anexo II, baremo de méritos, punto 4, Outros méritos, alínea b), da Resolución do 23 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal licenciado sanitario deste organismo (Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño).

Quinto. O previsto nesta resolución será de aplicación ao ciclo de adxudicación do ano 2023 e sucesivos ciclos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, ante a xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos