Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2023 Páx. 28675

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a adquisición dos bens informáticos e os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR321B).

A Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, recoñece o papel que as organizacións profesionais agrarias cumpren na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración e asegurar a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural, contribuíron ao recoñecemento dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e mesmo tamén pola sociedade civil como entidades representativas do sector agrario de Galicia.

Por outra banda, a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo como instrumento de integración na sociedade e de participación nos asuntos públicos. Resulta patente que as asociacións agrarias representan os intereses dos agricultores e desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do sector agrario.

As organizacións profesionais agrarias e as asociacións agrarias realizan un labor fundamental para o sector agrario, non soamente realizando un labor de representación dos agricultores e gandeiros ante as administracións públicas para a defensa dos seus intereses, senón que, en moitos dos casos, realizan un labor técnico para o asesoramento en determinadas materias demandadas por estes. Entre as tarefas técnicas realizadas por estas entidades destacan as que se desenvolven no eido da condicionalidade da PAC no que atinxe ás boas condicións agrarias e medioambientais (BCAM) e aos requisitos legais de xestión (RLX) que son condicións impostas pola Comisión para poder cobrar as axudas directas da PAC, realizando un labor fundamental no asesoramento ao agricultor para a presentación da solicitude única da PAC, guiándoos no proceso e presentándolles esta solicitude.

Outro labor importante que realizan estas organizacións é o asesoramento na presentación de solicitudes de axudas do segundo piar da PAC, principalmente o que se refire ás axudas de incorporación de persoas agricultoras mozas e de investimentos en explotacións agrarias. Para isto, elaboran as propostas, redactan plans empresariais, proxectos construtivos e, en xeral, toda a documentación necesaria para estas axudas.

As formas de traballar están a mudar de xeito acelerado en todos os ámbitos da sociedade, na Administración, no sector da empresa privada e tamén nas entidades sociais das cales dependen gran cantidade de persoas asociadas. Para esta nova forma de traballo, con menor presenza física nas oficinas tradicionais e máis traballo a distancia, ben desde os domicilios dos traballadores ou desde as propias explotacións, require unha adaptación das empresas, mudando o esquema de traballo nun ordenador individual a un novo esquema baseado en servidores en rede ao que os traballadores acceden desde calquera punto desde o que se conecten, para o que é preciso que dispoñan de equipos potentes e dotados de ferramentas de software.

Dada a función social que desempeñan e que son entidade sen ánimo de lucro é preciso axudalas a dotarse das infraestruturas informáticas necesarias para esta nova forma de traballo que se está a instaurar en todos os ámbitos da sociedade e, polo tanto, tamén no ámbito asociativo.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 14 que os órganos concedentes establecerán as bases reguladoras aplicables ás subvencións antes da disposición dos créditos. Esta orde adáptase a esa norma e ten en conta os principios recollidos no seu artigo 5.2.

En consecuencia, consonte o artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición dos bens informáticos e os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades e convocalas para o exercicio orzamentario 2023 (código de procedemento MR321B).

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a actualización informática das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde, as seguintes entidades:

1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

2. As asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade «811 Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca» consonte o Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

Artigo 4. Requisitos das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As asociacións agrarias deberán cumprir polo menos dúas das seguintes condicións:

a) Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Estar inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia.

c) Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado polo menos o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2022.

d) Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal durante o ano 2022.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. As axudas destinaranse a financiar a adquisición de hardware e software informático, tales como:

a) Equipamento do posto de traballo fixo.

b) Equipamento para postos de traballo móbil.

c) Equipamentos de impresión e dixitalización de documentos.

d) Equipamentos e instalación de redes e servidores.

e) Equipamentos de captura de imaxes, vídeos, así como dispositivos de proxección.

f) Software e dispositivos de seguridade.

Estes bens de equipo deberán destinarse, polo menos, durante dous anos ao fin concreto para o que se concedeu a subvención.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nos artigos 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.8 da dita lei.

3. Serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, tendo en conta que a simple presentación da solicitude en ningún modo garantirá a súa aprobación.

Artigo 6. Contía e tipo de axuda

1. Os fondos dispoñibles para pagar as subvencións asignaranse en dúas partidas:

a) Partida 1 para subvencionar as organizacións profesionais agrarias (artigo 3.1), dotada co 45 % do crédito.

b) Partida 2 para subvencionar as asociacións agrarias (artigo 3.2), dotada co 55 % restante do crédito.

Porén, os fondos asignados poderanse transvasar parcialmente dunha partida á outra, se é que nunha delas non se consomen completamente.

2. A contía das axudas será do 50 % dos custos subvencionables e de ata un límite máximo de 30.000 euros para un beneficiario da partida 1 e de 15.000 euros para un beneficiario da partida 2.

3. O importe das axudas non poderá ser superior ao custo das actividades subvencionables.

Artigo 7. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro) e nos documentos acreditativos de pagamento.

2. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberase consignar por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. A xustificación do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto deberase identificar claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, débense xuntar os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario instruirá os expedientes e realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos necesarios para a proposta de resolución do procedemento.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos para conceder a axuda, constituirase un órgano colexiado presidido pola persoa titular do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, e integrado por tres funcionarios desa mesma unidade con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. O órgano colexiado elaborará un informe para que a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias formule a proposta de resolución.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de 2 meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións dos actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación das resolucións

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión e de denegación, que producirá os efectos da notificación.

Artigo 13. Recursos administrativos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Incompatibilidade

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos gastos.

2. As entidades solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

Artigo 15. Reintegro da axuda

Consonte a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, reintegrarase o total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención co falseamento das condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro ou ben o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos conceptos subvencionados.

e) Incumprimento das obrigas impostas ás entidades beneficiarias ou dos compromisos por elas asumidas, por mor da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 16. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias destas axudas aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 17. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles solicite calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvención están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 19. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 20. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).

b) Estatutos de constitución da entidade.

c) Memoria xustificativa da necesidade dos investimentos.

d) Orzamentos dos investimentos. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 15.000 euros en adquisición de equipos ou os 40.000 euros en obras de instalación, o solicitante deberá achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de xeito presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Concesión de subvencións e axudas.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación os documentos correspondentes.

Artigo 22. Criterios de selección de operacións

As solicitudes presentadas ordenaranse en función do número de representantes obtidos ao abeiro da Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario. En caso de empate, terán prioridade os solicitantes con maior número de solicitudes únicas da PAC do ano 2022 tramitadas como entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural.

Artigo 23. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas remata o 15 de novembro de 2023, inclusive.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Atendendo o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda da metade deste, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse cunha anterioridade de polo menos 1 mes antes de que acabe o prazo de execución.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberanse producir, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

Artigo 24. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, as persoas interesadas deberán comunicalo, e presentar tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados.

3. As solicitudes de pagamento realizaranse a través da Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia empregando a acción «achega de documentación separada da solicitude» e acompañándoa das correspondentes facturas e xustificantes de pagamento.

4. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren da adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

5. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, iniciarase o procedemento de perda do dereito ao cobramento.

6. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade o investimento para a cal ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, recalcularase a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

Artigo 25. Financiamento das axudas

As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.712C.781.1 (proxecto 2013.00635) por un importe de 130.000 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file