Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2023 Páx. 28962

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

O 31 de marzo de 2023 as organizacións sindicais CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF-Ensino asinaron unha addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995. Na disposición derradeira da addenda establécese que «para unha mellor comprensión do texto, se autoriza a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a publicar, no Diario Oficial de Galicia, un texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 vixente».

En aplicación desta disposición derradeira e do artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación deste texto refundido no Diario Oficial de Galicia. En consecuencia,

ACORDO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Segundo. Queda derrogada a Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto refundido do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería, que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Primeiro. Oferta de emprego público

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece como obxectivo que o número de interinos dos corpos docentes que impartan as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, sexa ao redor do 5 % dos cadros de persoal.

Para acadar este obxectivo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades realizará amplas ofertas de emprego, logo de negociación na mesa sectorial docente non universitaria, no marco da normativa que sexa de aplicación.

No proceso de negociación das ofertas de emprego teranse en conta, ademais das xubilacións que se produzan e as novas necesidades derivadas das políticas educativas, os resultados producidos no relativo ao acceso do persoal interino docente á condición de funcionario de carreira, no desenvolvemento dos concursos-oposicións inmediatamente anteriores.

Segundo. Nomeamento de persoal docente interino e substituto

1. De conformidade co establecido no artigo 23.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o persoal funcionario interino docente que imparta as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, nomearase sempre cunha duración determinada, e non excederá da data de finalización do nomeamento o inicio do curso académico inmediatamente seguinte.

2. A limitación temporal establecida no artigo 23.2.a) e a indemnización prevista no artigo 24.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non será de aplicación aos nomeamentos ou cesamentos na cobertura de prazas non estruturais.

3. A limitación temporal de 3 anos establecida na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes de redución da temporalidade no emprego público, e no artigo 23.2.a) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non resulta de aplicación con relación ao número de nomeamentos, con duración por curso académico, para o persoal interino.

Terceiro. Prazas non estruturais

Considéranse prazas non estruturais nos centros educativos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as seguintes:

a) As prazas ofertadas para provisión temporal con xornada reducida.

b) As prazas que sexan cubertas mediante un nomeamento posterior ao 1 de xaneiro de cada curso académico.

c) As prazas que sexan propiedade dunha persoa titular que non as desempeña temporalmente, por estar en comisión de servizos, en permiso sindical a tempo completo, en situacións administrativas distintas da de activo con reserva de praza, e outras análogas.

d) As prazas derivadas das reducións de xornada do persoal que desempeña cargos directivos nos centros tipo A, B e C que imparten as ensinanzas distintas da educación infantil e primaria e educación especial.

e) As prazas temporais pertencentes ao corpo de mestres que non estean incluídas no catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil, educación primaria, educación infantil e primaria, educación especial e centros públicos integrados.

f) As prazas desempeñadas en especialidades non vixentes.

g) As prazas desempeñadas por persoal seleccionado como persoal especialista ou persoal experto.

h) As prazas ofertadas en centros non dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

i) As prazas que non estean previstas na planificación educativa.

Cuarto. Orde de prioridade no nomeamento do profesorado interino e substituto

O nomeamento de profesores interinos e/ou substitutos dos corpos docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias será realizada pola seguinte prioridade:

1. Profesorado que prestou servizos como interino ou substituto, pola mesma orde en que participou ou tiña dereito a participar na elección de destino no último curso, sempre que non renunciasen a unha interinidade ou substitución que se lles ofertase ou se acollesen ao previsto no punto décimo cuarto deste acordo.

2. Persoal participante nos procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, convocados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que non estea incluído nas listas de persoal aspirante que superou o procedemento selectivo, sempre que posúan a titulación que, para cada especialidade, determine a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e os demais requisitos exixidos para ingreso, en cada momento, no correspondente corpo.

Estarán exceptuados do requisito de titulación previsto no parágrafo anterior os que superen a primeira proba da fase de oposición.

Este colectivo ordenarase, para os efectos de prioridade na elección:

– Por especialidades.

– Dentro de cada especialidade por bloques, de acordo co número de probas superadas.

– Dentro de cada bloque e no conxunto da lista garantirase, cando sexa posible, que, polo menos, de cada catorce aspirantes un deles posúa unha discapacidade recoñecida de, polo menos, o 33 %. Para cumprir esta condición, se fose necesario, poderán incorporarse nun bloque persoas ás que non lle correspondese estar no mesmo en virtude do número de probas superadas.

– En execución do parágrafo anterior garantirase que:

1º. Cada 14 aspirantes, un deles posúa unha discapacidade recoñecida de, polo menos, o 33 %.

2º. Cada 28 aspirantes, dous deles posúan unha discapacidade recoñecida de, polo menos, o 33 %.

3º. Cada 42 aspirantes, tres deles posúan unha discapacidade recoñecida de, polo menos, o 33 %.

4º. E así sucesivamente.

– O establecido no parágrafo anterior resultaralle de aplicación ao persoal que se presente aos procedementos selectivos tanto pola quenda de reserva de discapacidade como pola quenda libre, sempre que reúna os requisitos de discapacidade no momento no que remate o prazo de presentación de solicitudes ao concurso-oposición.

– Sen prexuízo do anterior, dentro destes bloques, pola puntuación resultante da fase de oposición.

– Para aquelas persoas que non superen unha proba, a nota desta será a media aritmética das dúas partes das que consta a proba, sen ter en conta se alcanzou o mínimo exixible en cada unha das partes da proba para poder superala.

– Non se integrarán na lista para realizar interinidades ou substitucións aquelas persoas que non acudiron ao acto de presentación e aqueloutras que non se presentasen ou se retirasen na primeira ou na segunda proba, agás nos supostos previstos na base décimo segunda.3.

3. Convocado o concurso-oposición na especialidade de «primaria» no ano 2008, mantense a dobre lista de especialidade e xeral para aquelas persoas que accederon a unha interinidade ou substitución con carácter previo á resolución do dito concurso-oposición.

4. O colectivo citado no parágrafo 2 deste punto cuarto renovarase cada ano que teñan lugar procedementos selectivos tendo en conta que o persoal que chegase a prestar servizos quedará integrado no parágrafo 1 do mesmo punto segundo.

5. Cos colectivos previstos na lista xeral dos puntos 1 e 2 deste punto cuarto elaborarase unha lista específica en cada especialidade que imparta áreas ou materias non lingüísticas, con aquelas persoas que acrediten que dispoñen do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), para cubrir interinidades ou substitucións das áreas ou materias que se impartan nunha lingua estranxeira nos centros plurilingües ou nas seccións bilingües.

6. As persoas da lista xeral que obteñan con posterioridade á sinatura desta addenda o nivel B2 anteriormente citado, poderán solicitar ser incluídas na lista ou listas específicas integrándose nestas en función da orde que lle corresponda pola orde da lista xeral.

7. De non ser chamado pola lista xeral, a prestación de servizos por chamamento realizado pola lista específica non xera o dereito a incorporarse na lista xeral no punto 1 deste apartado segundo.

Quinto. Ordenación da lista de Orientación do corpo de mestres

A ordenación da lista de Orientación será realizada pola data de acceso á primeira interinidade ou substitución dunha especialidade do corpo de mestres, entre as persoas que estean en posesión dunha das seguintes titulacións: licenciatura ou grao en Pedagoxía ou en Psicoloxía, licenciatura en Psicopedagoxía ou en Filosofía e Ciencias da Educación (especialidades de Psicoloxía ou Ciencias da Educación) ou en Filosofía e Letras (especialidades de Pedagoxía ou Psicoloxía). No suposto de que dúas ou máis persoas interinas accedesen á primeira interinidade ou substitución na mesma data, se pertencen á mesma lista, a ordenación realizarase pola orde que posúan na dita lista e, no caso de que formen parte de distintas listas, a ordenación realizarase pola orde alfabética dos apelidos.

A lista de Orientación elaborarase cada curso académico incorporando a esta aquelas persoas que autorizasen a consulta telemática ou achegasen unha das titulacións citadas no parágrafo anterior, mediante a solicitude de actualización e/ou modificación do seu expediente persoal ou a solicitude de participación no procedemento selectivo de ingreso a unha especialidade do corpo de mestres.

Sexto. O persoal aspirante a prestar servizos como persoal interino e substituto poderá figurar en máis dunha lista, na orde de prelación que lle corresponda en cada unha.

As persoas que figuren en máis dunha lista poderán solicitar praza na adxudicación de destinos provisionais nunha ou en máis dunha lista, sen prexuízo de que poidan renunciar no prazo de reclamacións á resolución provisional.

Sétimo. O persoal funcionario interino ou substituto docente que non estivese prestando servizos e reunise os requisitos para estar gozando do permiso de parto, por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, ou do proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, terá dereito a ser chamado para as interinidades e substitucións que lle correspondan, tomando posesión coa finalidade de que os servizos que lle corresponderían prestar lle sexan recoñecidos para os efectos administrativos e os económicos cando non tivese dereito ás prestacións correspondentes. No suposto de que no momento da finalización do permiso estivese vixente o nomeamento de interinidade ou substitución, terá dereito a optar pola incorporación á praza. No caso contrario, cesará nela tamén para os efectos administrativos.

Oitavo. Orde de adxudicación.

A adxudicación realizarase por especialidades.

A orde de adxudicación das especialidades efectuarase tendo en conta que en primeiro lugar se adxudicarán as especialidades pertencentes a cada corpo, pola orde que a seguir se relacionan:

– 510 Inspectores de educación.

– 597 Mestres.

– 512/592 Catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas.

– 513/595 Catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño.

– 596 Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

– 593 Catedráticos de música e artes escénicas.

– 594 Profesores de música e artes escénicas.

– 511/590 Catedráticos e profesores de ensino secundario.

– 598 Profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional.

Dentro de cada corpo, a orde de adxudicación será realizada pola orde de código das especialidades.

Noveno. A adxudicación dun destino provisional a unha persoa suporá o seu decaemento nas restantes solicitudes.

Décimo. As persoas que figuren en máis dunha lista, mentres estean prestando servizos nalgunha delas, non poderán ser chamadas por ningunha outra.

Décimo primeiro. Convocatorias de listas de interinidades e substitucións

Se unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto cuarto continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, logo de comunicación ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial e as organizacións asinantes deste acordo, procederá a abrir un prazo de solicitudes, aplicándose como baremo a nota media da titulación exixida para cada especialidade para a incorporación ás listas de interinidades e substitucións.

En todo caso, exixirase a acreditación do coñecemento da lingua galega.

No suposto de extrema urxencia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar os chamamentos para a cobertura das interinidades e substitucións, utilizando a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, por orde de puntuación.

Décimo segundo. Convocatorias de listas específicas de interinidades e substitucións e de profesorado especialista

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar convocatorias específicas, para cubrir temporalmente prazas de profesorado especialista ou experto, de profesorado de artes plásticas e deseño, para a impartición das ensinanzas superiores e nas especialidades relativas á escola de arte dramática, e aplicarase o baremo que previamente se negocie na mesa sectorial docente non universitaria.

Décimo terceiro. Obrigatoriedade de presentarse aos procedementos selectivos

1. O profesorado interino e substituto terá a obriga de presentarse aos procedementos selectivos de ingreso aos corpos correspondentes convocados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, sempre que se convoque a súa especialidade.

2. Decaerá dos seus dereitos e será excluído das listas o profesorado interino ou substituto que non se presente aos procedementos selectivos, ou se retire destes, agás causa xustificada, libremente apreciada pola Comisión de Seguimento deste acordo.

3. Non decaerán do seu dereito aquelas persoas que figurando nas listas de chamamentos iniciasen a súa primeira interinidade ou substitución con posterioridade ao remate do prazo de solicitudes para participar no concurso-oposición.

4. En todo caso, enténdese por causa xustificada a acreditación de enfermidade no día da presentación ou da realización do exame.

5. Cumprirán o requisito de participar nos procedementos selectivos a que fai referencia o parágrafo 1 deste punto aquelas persoas que se presenten:

– A unha especialidade distinta da que están impartindo.

– A unha especialidade dun corpo distinto do que están impartindo docencia.

– En calquera convocatoria de concurso-oposición de acceso á función pública docente realizada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, ou unha Administración educativa doutra Comunidade Autónoma. Neste caso deberán achegar certificación de que se presentaron e non se retiraron do correspondente procedemento.

Décimo cuarto. Prazas de aceptación voluntaria

Cando as prazas ofertadas sexan de itinerancia, ou de tempo parcial, ou para desempeñar nos cárceres, centros de menores ou de atención domiciliaria, ou outras de réxime especial que determine a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, oída a Comisión de Seguimento deste acordo, a persoa aspirante poderá non efectuar solicitudes destas prazas, sen que iso implique a renuncia ás listas e aos próximos chamamentos que lle correspondan. Ademais, poderán rexeitar estas prazas nos chamamentos que se produzan.

Décimo quinto. Renuncias

1. O persoal docente interino e substituto terá dereito a non aceptar as interinidades ou substitucións que se lle ofrezan, sen perder o número de orde da lista correspondente, por un período mínimo dun curso académico ou polo que reste de curso académico, desde a súa solicitude, polas seguintes causas obxecto de xustificación:

a) Coidado de fillos e fillas.

– Para atender o coidado dun fillo ou filla menor de seis anos, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo.

– Para atender un fillo ou filla menor de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal.

– Para atender dous fillos ou fillas menores de dez anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal.

– Para atender tres fillos ou fillas menores de doce anos ou dous fillos ou fillas menores de doce anos se un deles ten un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de dezaseis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos computarase o 1 de setembro de cada ano académico.

b) Para atender o coidado dun familiar que se teña ao seu cargo, ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

Excepcionalmente, para atender o coidado dun familiar que se teña ao seu cargo, en segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, cando non existan superviventes de primeiro grao ou que estean incapacitados para atender o seu coidado ou se trate de persoas conviventes.

c) Por enfermidade grave da propia persoa docente.

d) Por ser vítima de violencia de xénero ou de violencia sexual ou violencia terrorista.

e) Ampliación de estudos oficiais.

Por ampliación de estudos, por un período máximo de tres anos. Enténdese que hai ampliación de estudos cando se realizan estudos para obter un título universitario oficial de doutor, máster, grao ou equivalente.

No caso dos graos deberá efectuarse a matrícula de, polo menos, 30 créditos e acreditar a realización das correspondentes probas ao final do curso académico.

Nos supostos do máster ou doutoramento a matrícula deberá realizarse, polo menos, do 30 % dos contidos.

Excepcionalmente, poderá utilizarse un cuarto e quinto ano, nos estudos de grao e doutoramento. Nos graos será necesario ter cursado e superado un mínimo de 90 créditos da mesma titulación. Para estes efectos non se terán en conta as materias validadas.

f) Por calquera das circunstancias que permiten o persoal funcionario público a concesión de servizos especiais.

A renuncia deberá formularse no prazo establecido na orde que regula a adxudicación de destinos provisionais ou, en todo caso, no prazo de reclamacións e renuncias á adxudicación provisional de destinos para o curso académico que proceda, agás que teña a súa orixe nunha causa sobrevida con posterioridade ou chamamento por primeira vez.

2. O persoal docente interino e substituto poderá solicitar non ser chamado para as prazas que puidesen corresponderlle por un período máximo e improrrogable de tres cursos académicos, que non terán que ser necesariamente consecutivos, sempre que alegue e xustifique ter un contrato de traballo ou prestar servizos noutro posto do sector público ou ben desenvolver un traballo por conta propia. Neste último caso deberá acreditar esta situación mediante a alta no Réxime Especial de traballadores por conta propia ou autónomos durante un período mínimo de 6 meses anterior ao chamamento.

Non será posible efectuar esta opción unha vez producido o nomeamento de persoal interino ou substituto, agás causa sobrevida ao nomeamento.

3. O persoal docente interino e substituto poderá solicitar non ser chamado para as prazas que puidesen corresponderlle sempre que alegue e xustifique estar impartindo cursos de formación relacionados coa lingua galega impartidos pola Secretaria Xeral de Política Lingüística.

4. O persoal a que se fai referencia neste punto décimo quinto poderá optar, durante os períodos máximo e mínimo previstos nel, por realizar substitucións en concellos determinados. A opción deberá efectuarse na páxina www.edu.xunta.gal/substitutos e a solicitude xunto coa documentación xustificativa deberán presentarse empregando o modelo normalizado de solicitude xenérica PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica, ou procedemento que para estes efectos sinale a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no prazo comprendido entre os días 15 de xuño ao 15 de xullo do ano correspondente. Será obrigatorio incluír na petición concellos nos que se impartan materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente. Esta opción será por todo o curso académico.

5. Sen prexuízo das renuncias recollidas na Orde do 7 de xuño de 2018 que regula CADP, excepcionalmente, as persoas que se acolleron a realizar substitucións en concellos determinados poderán optar por non prestar servizos durante todo o curso académico sempre que sexa con anterioridade á toma de posesión do seu primeiro nomeamento nese curso.

Décimo sexto. Prazo de cobertura das substitucións

As substitucións cubriranse cunha antelación máxima de tres días lectivos.

Décimo sétimo. Toma de posesión

1. As tomas de posesión das interinidades e substitucións que non coincidan co comezo do curso serán realizadas no centro educativo no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento. O centro remitirá á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo de vinte e catro horas desde a toma de posesión, esta toma de posesión e os documentos asinados polo interino ou substituto que estableza a propia xefatura territorial.

2. A falta de toma de posesión implicará o decaemento do dereito ao nomeamento realizado e á permanencia nas listas.

3. A aquelas persoas que non poidan tomar posesión por encontrarse de baixa por enfermidade reservaráselles o posto ata que se encontren en situación de alta, e nomearase mentres outro profesor substituto. No caso de permiso de parto, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, ou do proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, será de aplicación, ademais, o establecido no punto sétimo deste acordo.

Décimo oitavo. Elección de provincia ou provincias

O persoal docente interino e substituto que non obteña praza na adxudicación de destinos provisionais para un curso académico poderá acollerse, sen necesidade de causa xustificada, a prestar servizos como persoal docente interino ou substituto nunha ou en máis dunha provincia. O que non efectúe petición enténdese que opta por prestar servizos en todas as provincias da Comunidade Autónoma.

Décimo noveno. Dereitos retributivos do profesorado substituto

1. A partir do inicio do curso académico 2007/08, o profesorado substituto que preste servizos efectivos nun curso académico durante polo menos cinco meses e medio terá dereito a que se lle efectúe un nomeamento polo mes de xullo e polos días do mes de agosto que procedan, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.

2. Para os efectos do cómputo dos cinco meses e medio de servizos efectivos non se terán en conta os días aboados por vacacións non gozadas e os días que non se prestaron servizos sen causa xustificada.

3. Si será computable para os efectos da determinación dos cinco meses e medio de servizos efectivos o tempo transcorrido en baixa maternal, tanto para a nai biolóxica como para o outro proxenitor distinto da nai biolóxica, se este gozou dunha parte do permiso.

4. Para ter dereito a este nomeamento polos días do mes de xullo e de agosto que procedan será preciso acreditar non estar dado de alta no réxime da Seguridade Social ou de autónomos nos ditos meses.

5. Non terán dereito a este nomeamento polos días do mes de xullo e de agosto aqueles substitutos que soliciten non ser chamados nalgún momento do curso académico, en virtude do previsto no número décimo quinto deste acordo e os que perdesen o dereito ao chamamento, segundo o disposto no número seguinte.

Vixésimo. Causas de perda do dereito á permanencia nas listas de chamamentos

Decaerán no seu dereito a estar nas listas e aos chamamentos os candidatos e candidatas:

a) Que non acepten unha praza de interinidade ou substitución que se lles oferte, agás que exista unha das causas xustificadas que se citan no punto décimo quinto deste acordo.

b) Que non tomen posesión da praza adxudicada no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento, agás causa xustificada libremente apreciada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, informándose a Comisión de Seguimento.

c) Por falta de capacidade para o desempeño do posto, manifestada por rendemento insuficiente, que non comporte inhibición e que impida realizar con eficacia as funcións atribuídas, logo de expediente contraditorio e oída a Comisión de Seguimento prevista no punto vixésimo.

d) Por non concorrer aos procedementos selectivos, agás causa xustificada.

Vixésimo primeiro. Chamamentos

Realizada a adxudicación definitiva de destinos provisionais, os chamamentos para realizar substitucións e, se é o caso, interinidades, efectuarase telefonicamente de acordo coa orde de prelación, segundo os datos de contacto das persoas interesadas que consten nesta consellería no seu expediente administrativo persoal (no enderezo https://www.edu.xunta.gal/datospersoais).

Para estes efectos, o persoal docente interino e substituto deberá verificar e/ou actualizar, de ser o caso, os seus datos de contacto telefónico, de tal xeito que será responsabilidade exclusiva de cada persoa os erros que se deriven do estado destes datos e vinculará tanto a Administración como as persoas interesadas.

Se a persoa interesada non colle a primeira chamada telefónica continuarase coa cobertura das prazas e enviaráselle un correo electrónico e un SMS informándoo desta circunstancia.

Transcorrida unha hora, se segue habendo prazas sen cubrir da súa especialidade, volverá ser chamada.

As persoas que non atendan esta segunda chamada, ou no suposto de non seren chamados por inexistencia de praza vacante da súa especialidade, volverán ser chamados no seguinte día que se realicen coberturas de interinidades ou substitucións, pola orde que teñan nese momento na listaxe correspondente, sempre que proceda o chamamento en función do número de prazas da especialidade e do número de orde na listaxe.

As persoas que non atendan o chamamento telefónico este segundo día serán penalizadas durante 7 días naturais contados desde o inmediatamente seguinte ao do último chamamento.

Aquelas persoas que sexan penalizadas tres veces por non atender os chamamentos telefónicos serán excluídas definitivamente das listas, logo do correspondente trámite de audiencia.

As notificacións das penalizacións e, se for o caso, das exclusións realizaranse por medios electrónicos a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo segundo. Horarios dos chamamentos

Nas datas inmediatamente anteriores e posteriores ao inicio do curso académico, mentres non estean cubertas todas as substitucións, os horarios dos chamamentos abarcarán toda a mañá e a tarde. En función do número de substitucións que se van cubrir poderá facerse o mesmo horario ao remate dos períodos non lectivos de Nadal e Semana Santa.

Nos restantes días de chamamentos o horario será, con carácter xeral, das 10.00 ás 15.00 horas.

Vixésimo terceiro. Formación inicial para os novos docentes

Cando sexa nomeado por primeira vez, o persoal docente interino e substituto deberá realizar, en rede, un curso de formación inicial para novos docentes, de 30 horas de duración, que incluirá formación en prevención de riscos laborais. Este curso poderá rematarse voluntariamente aínda que se cesase na interinidade ou substitución e será recoñecido para todos os efectos.

Vixésimo cuarto. Comisión de Seguimento

Para facilitar o cumprimento e interpretación deste acordo constituirase unha comisión de seguimento formada por representantes da Administración e das organizacións sindicais asinantes, que se reunirá polo menos unha vez ao ano ou por petición de calquera das partes.

Disposición adicional primeira

Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de operacións de procesos, as interinidades e substitucións das especialidades de laboratorio e operacións de proceso cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a lista dela entre as persoas que se presenten ao concurso oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de laboratorio incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

Disposición adicional segunda. Decaemento das listas

As persoas que por unha das causas previstas neste acordo perdan o dereito a manterse nunha lista decaerán dos seus dereitos nesta, mantendo os dereitos de prioridade que lles correspondan nas restantes listas das que formen parte.

Disposición adicional terceira. Listaxes das especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de formación profesional

1. O persoal que forma parte das listas dunha das 19 especialidades do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, que se integraron no corpo de profesores de ensino secundario, pasan a formar parte das novas listas do corpo de profesores de ensino secundario, da mesma especialidade, e na mesma orde de chamamento na que se estaba no corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional.

2. O persoal que forma parte das listas dunha das 10 especialidades do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, que se integraron no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, pasan a formar parte das novas listas do corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, na mesma especialidade, e na mesma orde de chamamento na que estaban no corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional.

3. Estas novas listaxes resultarán de aplicación para os nomeamentos que teñan efectividade a partir do 1 de setembro de 2023, este incluído.

Disposición adicional cuarta. Mantemento da mesma persoa substituta

Cando o desempeño dunha substitución se interrompa pola incorporación da persoa titular coincidindo cos períodos non lectivos de Nadal, Entroido e Semana Santa, de producirse a mesma necesidade de cobertura da substitución no reinicio do período lectivo, poderase nomear, por petición de parte, a mesma persoa que viña desempeñando a praza.

Disposición transitoria primeira

O persoal docente interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoque no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións.

Disposición transitoria segunda

Ao tratarse dun procedemento excepcional e por unha soa vez, o persoal participante no concurso-oposición que se convoque en aplicación do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, non accederá ás listas de interinidades e substitucións reguladas no Acordo do 20 de xuño de 1995.