Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29530

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 24, S.L. (IN408A 2019/105).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte da Croa.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 24, S.L., para unha potencia de 27 MW.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a promotora (Cartera Vimira 24, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 205.696,75 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe fíxase en 274.262,33 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e do Instituto de Estudos do Territorio.

6. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial, o 5.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción (referido nos antecedentes de feito), a promotora deberá realizar, cando dispoña dos permisos para acceder aos terreos e con carácter previo ao inicio das obras, as correspondentes investigacións das características dos terreos, xustificando o deseño da instalación de terra, para o que deberá obter o informe favorable da xefatura territorial.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica y o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 19.12.2019 a promotora, Villar Mir Energía, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Monte da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

2. O 3.4.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle a promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 1.5.2020, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

3. O 23.7.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme á Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 16.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, no que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial e se fan unhas observacións a ter en conta no seu contido.

• O 10.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no que se indica o procedemento ambiental a seguir, se recollen os organismos a consultar durante a fase de información pública e fan unhas observacións a ter en conta no estudo de impacto ambiental (EsIA).

4. O 10.12.2020 e o 15.12.2020 a promotora presentou nova documentación técnica en substitución da presentada inicialmente, adaptada aos referidos informes, así como a solicitude de declaración de utilidade pública, acompañada da relación de bens e dereitos afectados (RBDA), ao abeiro da Lei 8/2009.

5. O 18.12.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monte da Croa á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

6. O 3.2.2021 e o 23.2.2021 a promotora, en contestación a senllos requirimentos da xefatura territorial, completou a documentación técnica presentada no seu momento, cos seguintes documentos: declaración responsable do técnico proxectista, anexo técnico ao proxecto de execución e Informe do estudo de impacto acústico.

7. O 3.3.2021, a xefatura territorial ditou Acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Monte da Croa, nos concellos de Dumbría e Vimianzo.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.3.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 10.3.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Dumbría e Vimianzo), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da xefatura territorial, e tamén no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado a promotora, quen presentou a súa contestación a elas.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Dumbría, Concello de Vimianzo, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 20.4.2021, AXI o 11.3.2021 e o 2.8.2021, Deputación Provincial da Coruña o 26.5.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 15.3.2021, REE o 5.5.2021, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 27.3.2021 e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 5.3.2021. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Vimianzo emitiu informe, o 20.4.2021, en que formula cuestións ou reparos de carácter urbanístico. A promotora deu resposta a estas cuestións. Con respecto destas, hai que indicar que non pertencen ao procedemento obxecto desta resolución, senón ao procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico, pendente de resolver.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

9. O 25.11.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte da Croa e as súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia.

Tras esta declaración, e en aplicación do disposto no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 30.11.2021 esta dirección xeral ditou resolución pola que se declarou a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte da Croa, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

10. O 31.1.2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo do artigo 33 da Lei 8/2009, deu del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañado do informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 27.1.2022, no cal se recolle un resumo da tramitación.

11. O 11.2.2022, a promotora presentou a documentación técnica refundida, na cal se incorporan as modificacións derivadas dos informes emitidos na fase de consultas.

12. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Dumbría, Concello de Vimianzo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

O 24.2.2022 esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 11.11.2022, formular a DIA do parque eólico Monte da Croa, nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Villar Mir Energía, S.L.U. (clave: 2020/0154), que se fixo pública mediante o Anuncio do 11.11.2022 do órgano ambiental (DOG nº 226, do 28 de novembro).

13. O 24.2.2022, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, o 12.4.2022, no cal se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación.

14. O 22.3.2022, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen cursou varios requirimentos a promotora para corrixir ou completar a documentación técnica, que foron atendidos por este, sendo a súa última contestación do 5.4.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe, o 5.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Monte da Croa, de carácter favorable, sempre e cando se cumpra o condicionado derivado das súas consideracións legais e técnicas novena (obriga da promotora de realizar as investigacións do terreo para o deseño da instalación de terra) e décimo primeira (adaptación do proxecto aos posibles novos condicionados derivados do trámite de separatas e obtención da autorización de AESA). A este respecto hai que indicar o seguinte:

• Esta dirección xeral realizou o trámite de separatas para as cinco novas entidades afectadas, conforme ao disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

• Exixiráselle a promotora a presentación ante esta dirección xeral, con carácter previo ao inicio das obras, da autorización de AESA.

• Exixiráselle a promotora a realización, cando dispoña dos permisos para acceder aos terreos e con carácter previo ao inicio das obras, das correspondentes investigacións das características dos terreos e, se é o caso, a xustificación do novo deseño da instalación de terra cos cálculos correspondentes.

15. O 23.3.2022, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Dumbría, Concello de Vimianzo, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 12.4.2022, AXI o 12.4.2022, Deputación Provincial da Coruña o 1.6.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 13.4.2022 e o 9.6.2022, REE o 17.6.2022, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 6.4.2022 e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 1.4.2022. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

16. O 18.11.2022, esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou a transmisión da titularidade do expediente do parque eólico Monte da Croa (IN408A 2019/105), titularidade de Villar Mir Energía, S.L.U., a favor de Cartera Vimira 24, S.L.U. (nova promotora, a partir desta transmisión).

17. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle a promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 28.2.2023 e o 1.3.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas. Así mesmo, en atención á detección por parte da xefatura territorial de afeccións do parque a titulares de instalacións aos que non se lles remitira separata, a promotora presentou separatas para cinco novas entidades (CB A Lagoa, EDP Renovables España, S.L., Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.A., AV Paxareiras e Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.

18. O 7.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas cinco entidades (CB A Lagoa, EDP Renovables España, S.L., Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S,,A, AV Paxareiras, S.L.U. e Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Naturgy Renovables, S.L.U. en representación de CB A Lagoa o 31.3.2023, EDP Renovables España, S.L. o 31.3.2023, Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.A. o 13.4.2023 e AV Paxareiras o 28.3.2023. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

19. O 13.3.2023 a xefatura territorial remitiu a esta dirección xeral nova documentación técnica, presentada pola promotora o 28.2.2023 e 1.3.2023 en resposta a un requirimento do 10.2.2023, integrada polo proxecto de execución refundido, a declaración responsable do técnico proxectista, o arquivo shape e as cinco novas separatas xa referidas.

Así mesmo, inclúen un documento ambiental de valoración dunha modificación introducida a raíz do requirimento da xefatura territorial (esta modificación foi orixinada pola detección por parte dos servicios técnicos da xefatura territorial de que a conexión do parque estaba a realizarse no circuíto de consumo e non no de xeración da LAT 220 kV DC Dumbría-Regoelle). A este respecto:

• O 16.3.2023, esta dirección xeral deulle traslado ao órgano ambiental da referida documentación presentada pola promotora, para os efectos de obter a validación da DIA.

• O 18.4.2023, esta dirección xeral solicitou informe, con respecto da dita modificación, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, quen emitiron informes favorables o 20.4.2023. Esta dirección xeral deu traslado destes dous informes ao órgano ambiental o 21.4.2023.

• O 21.4.2023, o órgano ambiental emitiu informe ao respecto, en que conclúe o seguinte: «[...] non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo os ditos informes non se atopan recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte da promotora dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

20. O 19.4.2023, a promotora presentou o acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación Regoelle 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U., de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

21. O parque eólico Monte da Croa conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo informes do xestor da rede do 22.3.2018 e do 22.5.2020.

Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalación de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais