Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29282

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga do día 12 de maio de 2023 nos seus centros de traballo.

O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. comunicou unha convocatoria de folga que afecta todos os traballadores e traballadoras da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) en todos os seus centros de traballo e que se desenvolverá entre as 00.00 e as 24.00 horas do día 12 de maio de 2023. O dereito fundamental á folga está suxeito a limitacións e restricións no seu exercicio debido á súa conexión con outras liberdades, dereitos e bens constitucionalmente protexidos. O artigo 28.2 da Constitución española determina que a lei que regule o exercicio do dereito de folga establecerá as garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade.

O artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, atribúe á autoridade gobernativa a competencia para acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento deste tipo de servizos. Na Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais no caso de folga do persoal ao servizo da Administración autonómica, faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para determinar mediante orde o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para fixar o persoal preciso para a súa prestación, logo de oír o Comité de Folga. Neste sentido, a Corporación RTVG ten encomendada pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, a xestión do servizo público de comunicación audiovisual de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Este servizo ten atribuído pola mencionada norma o carácter de servizo esencial de interese económico xeral e, polo tanto, de recoñecida e inaprazable necesidade, tal como recolle o artigo 1 do citado Decreto 155/1988.

Cómpre, en consecuencia, conciliar o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais, motivo polo que a Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, vén obrigada a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde. Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos teñen en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos servizos esenciais fixados en anteriores xornadas de folga. Fundamentalmente, estes pronunciamentos consideran necesaria a exteriorización da ponderación dos factores e criterios tidos en conta para determinar as prestacións mínimas que resulta imprescindible garantir. O obxecto da presente orde é o de dar a coñecer xustificadamente estes criterios, en virtude dos cales se identifican os servizos mínimos esenciais e se determinan os efectivos necesarios para aseguralos durante a xornada de folga.

A fixación dos servizos mínimos adoptados na Corporación RTVG xustifícase en razón das seguintes circunstancias:

1. O carácter esencial que revisten os servizos de comunicación audiovisual, non só pola determinación expresa do lexislador (Lei 9/2011, do 9 de novembro), senón tamén pola súa incidencia no exercicio dos dereitos fundamentais a comunicar e recibir información veraz por calquera medio de difusión (artigo 20.1.d) da CE), e en aplicación da Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral da comunicación audiovisual, que reserva por norma o carácter de servizo esencial para o servizo público de comunicación audiovisual. A condición de servizo esencial resérvase na actualidade para o servizo público de comunicación audiovisual (Lei 13/2022), isto é, para aqueles servizos de comunicación audiovisual que son de titularidade pública. En plena concordancia co indicado, a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, establece que o servizo público de radio e televisión de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia é un servizo esencial para a comunidade.

Concorren, por tanto, no presente caso os presupostos normativos establecidos no artigo 10 do Real decreto lei 17/1977 para aquelas folgas convocadas en empresas encargadas de prestar calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade. O feito en que poden imporse medidas limitadoras componse de dous elementos: un, a cualificación do servizo («servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade») e outro, de carácter circunstancial («e concorran circunstancias de especial gravidade»). Non abonda así coa cualificación do servizo para xustificar as medidas limitativas, senón que estas, de ser o caso, deben axustarse ás circunstancias, que deben ser non só graves senón de especial gravidade, como a urxencia de non asegurar a emisión e a comunicación informativa relevante cando é o único medio audiovisual de titularidade pública de Galicia.

2. A necesidade de precisar segundo un criterio o máis estrito posible aqueles aspectos cuxo mantemento debe considerarse indispensable coa finalidade de asegurar a satisfacción do interese público afectado e aqueloutros aspectos que poden quedar suspendidos temporalmente como consecuencia da folga, sen mingua do interese xeral da comunidade. De modo que a consideración dun servizo como esencial non pode supoñer a supresión do dereito de folga do persoal que tiver que prestalo, senón a necesidade de dispoñer das medidas precisas para o seu mantemento ou, dito doutra forma, para asegurar a prestación dos traballos que sexan necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que satisfai o dito servizo, sen que exixa alcanzar o nivel de rendemento habitual nin asegurar o seu funcionamento normal.

A determinación dos servizos mínimos debe obedecer a un criterio de proporcionalidade, elixindo só o mínimo esencial para asegurar a emisión das canles de comunicación e a retransmisión da información de carácter esencial. Esta proporcionalidade ponse de manifesto coa propia cuantificación destes efectivos mínimos, pois o persoal con horario habitual de traballo un día comparable de programación ordinaria está integrado por uns 675 efectivos e o persoal que atende as tarefas cualificadas como servizos mínimos só alcanza os 145.

De acordo cos anteriores fundamentos, xúlgase necesario:

I. Garantir a produción e emisión dos programas informativos que son considerados imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade. A programación informativa que sexa establecida co dito carácter de servizo esencial exixirá que queden debidamente expresadas ou identificadas as seguintes circunstancias ou datos, de xeito que demostren nesa programación informativa o cumprimento destas dúas exixencias que seguen.

Primeira. Por un lado, a súa necesidade para garantir, no mínimo que resulta exixible, os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de información do artigo 20 da Constitución; neste sentido, os efectivos que se presentan nesta resolución fan referencia aos mínimos indispensables para asegurar a emisión, produción e continuidade dos espazos considerados de contido informativo esencial. En servizos mínimos encóntranse os efectivos precisos para a emisión das noticias esenciais, de relevancia ou que precisen inmediatez e con valor informativo. O número de efectivos determínase para unha duración inferior á habitual destes espazos informativos, polo que, no caso de asistencia á folga da totalidade do cadro de persoal, se garante esta duración reducida como información esencial.

En concreto, na programación actual dos medios de comunicación que conforman a Corporación, considéranse imprescindibles para manter os servizos públicos esenciais de información á comunidade os seguintes programas informativos:

• Na Televisión de Galicia:

Bos días, espazo informativo matinal diario. Trátase dun espazo que é o primeiro avance do día de noticias á cidadanía galega.

Galicia Noticias, informativo de proximidade comarcal e local que ten unha importancia estrutural con atención informativa diferenciada é a referencia no ámbito comarcal.

Telexornal 1, espazo informativo de referencia en Galicia no que atinxe á actualidade galega, española e mundial.

Telexornal 2, espazo informativo de actualidade que actualiza e repasa a información da xornada.

• Na Radio Galega:

Galicia por diante, espazo matinal radiofónico en que se tratan contidos informativos e de actualidade.

A Crónica das 14.00, espazo informativo do mediodía.

A Crónica das 20.00, espazo informativo de noite.

– Os boletíns horarios, que se concretan en pequenos espazos duns 4 minutos, que ao longo do día actualizan a información máis relevante da xornada.

A convocatoria de servizos mínimos permite elaborar estes espazos informativos na TVG e na Radio Galega. A súa duración será determinada polo seguimento da folga por parte do persoal.

• Na canle G2: a redifusión, como é habitual, dos espazos informativos mínimos da primeira canle con posterioridade á súa emisión, para a que só se necesita fixar servizos mínimos para asegurar esta.

• Nas canles dixitais: disporase dun mínimo para actualizar a información de carácter esencial na xornada, xa que actualmente é o modo de acceso á información preferido de parte importante da poboación máis nova.

• Os programas non informativos, directos ou gravados, non se dotan de servizos mínimos, como tampouco están en servizos mínimos as informacións de deportes ou do tempo. Aínda que a información meteorolóxica podería adquirir a consideración de servizo esencial á comunidade en caso de que na xornada de folga se torne nunha información relevante en función das circunstancias climáticas. Cando non sexa posible a emisión dun espazo polo seguimento da folga, emitirase en redifusión un programa xa emitido con anterioridade.

Segunda. Por outro lado, a súa proporcionalidade. É dicir, a actividade informativa mantida como servizo mínimo comporta unha diminución, non só da total actividade televisiva ou radiofónica de calquera clase de contido que se desenvolva en circunstancias de normalidade, senón tamén da actividade audiovisual realizada nesas mesmas circunstancias de normalidade. A afectación da folga será máis ou menos visible en función do seguimento por parte do persoal.

Con estas dúas consideracións, no caso de seguimento maioritario da folga, a redución dos programas informativos mencionados e a supresión doutros de carácter eminentemente informativo e de actualidade durante a xornada do día 12 de maio de 2023 producirá unha diminución da actividade informativa habitual, que proporcionará unha visibilidade notable do seguimento da folga e producirá unha variación total da programación habitual diaria no caso de alto seguimento.

Como norma xeral, en canto ao número concreto de efectivos en cada unha das unidades orgánicas que conforman a Corporación, convócase en servizos mínimos un efectivo por categoría profesional para executar as tarefas que fan posible a emisión, o soporte e a creación informativa por cada quenda de traballo (mañá, tarde e noite). De forma excepcional, en determinadas categorías profesionais pode ser necesaria a convocatoria de máis dun profesional para garantir a cobertura informativa esencial e técnica, tendo en conta a súa relevancia para os servizos informativos ou para as tarefas específicas que se van desenvolver, que deben ser as habituais sen vulnerar o dereito á folga doutros traballadores/as. As excepcións son:

1. Informadores da TVG en San Marcos: inclúe persoal das categorías profesionais de redactores, locutores de TVG e RG e auxiliares de redacción necesarios para sacar adiante a información de carácter esencial da xornada nas quendas de mañá, tarde e noite do 12 de maio. En concreto:

a) Bos días: o programa informativo da mañá na súa franxa informativa precisa o traballo dun/dunha redactor/a e da presentadora habitual en servizos mínimos para actualizar as noticias do primeiro espazo informativo de referencia no día na TVG.

b) Galicia Noticias: a comunicación de proximidade e, en concreto, a que emprega a comarca como unidade de referencia, ten unha importancia estrutural en Galicia. Trátase dun telexornal líder na súa franxa na Comunidade Autónoma. Por ser o único en Galicia que transmite esta información fronte ao ámbito máis xeneralista dos outros formatos, Galicia Noticias ten un interese real e expreso en apartarse do partidismo e propiciar a participación cidadá centrándose no ámbito social e informativo da comunidade. Neste senso, son precisos dous redactores de quenda de mañá para poder realizar esta aproximación á información local da comunidade galega. O presentador deste espazo non está en mínimos.

c) Telexornal 1: o espazo de referencia informativa en Galicia para desenvolver a información esencial de carácter prioritario para a comunidade precisa do presentador habitual, catro informadores na redacción e dous en exteriores para as coberturas que se fagan precisas ao longo da mañá.

d) Telexornal 2: a actualización informativa de última hora precisa un equipo mínimo de cinco informadores en redacción e un en exteriores da quenda de tarde.

e) En cada un dos centros de traballo convócase en servizos mínimos un informador por quenda, é dicir, un de mañá e outro de tarde, para garantir a cobertura básica informativa de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

Ademais, os informadores van acompañados para as coberturas por reporteiros gráficos que toman a imaxe e o son, co fin de elaborar as pezas informativas para alimentar estes programas. Para cubrir estas informacións, traballando en conxunto cos informadores, son precisos sete reporteiros gráficos (6 de mañá e 1 de tarde) no centro de traballo de San Marcos e un por quenda (mañá e tarde) en cada delegación (A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo).

A parte de documentación e arquivo resulta imprescindible para poder ilustrar a información esencial que poida cubrirse na xornada de folga. O persoal convocado ten que cubrir o horario de atención e produción dos informativos para garantir as validacións e peticións dos redactores sobre o sistema de xestión do arquivo (tedial). Considérase preciso convocar dous documentalistas na quenda de mañá e un na quenda de tarde para cubrir a franxa horaria de produción e emisión dos espazos informativos mencionados.

2. Informadores da Radio Galega en San Marcos: os redactores, locutores de radio ou auxiliares de redacción precisos para sacar adiante os programas informativos de carácter esencial da mañá, o mediodía e a noite do día 12 de maio son:

a) Galicia por diante: é preciso convocar o coordinador da quenda de madrugada que pon en marcha o servizo mínimo informativo deste formato.

b) Boletíns horarios informativos: é preciso convocar tres informadores (un por cada quenda: mañá, tarde e noite) para poder preparar e locutar os boletíns informativos para garantir a peza emitida cada hora, que inclúe a información básica de servizo público.

c) A Crónica das 14.00: é o programa informativo do mediodía na Radio Galega, que precisa para a súa emisión convocar a persoa coordinadora e presentadora, e unha informadora para elaborar as noticias.

d) A Crónica das 20.00: é o programa informativo da tarde na Radio Galega, que precisa para a súa emisión convocar a persoa coordinadora e presentadora, e a unha informadora para elaborar as noticias.

e) En cada unha das delegacións convócase en servizos mínimos unha persoa informadora para garantir a cobertura básica de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

3. Na TVG resulta necesario convocar en servizos mínimos con carácter xeral un efectivo de cada unha das categorías profesionais de ámbito técnico por cada unha das quendas, a excepción do que se explica a continuación. Nesta convocatoria de servizos mínimos, os medios técnicos necesarios para asegurar a emisión dos informativos vense reducidos, de forma que se prescinde de certos profesionais que achegan calidade e profesionalidade ao formato, tendo en conta que se prevé que os formatos sexan máis sinxelos e básicos.

A execución dos servizos informativos mínimos establecidos require dispoñer dun plató con medios técnicos e un efectivo por categoría profesional e quenda para asegurar a produción, fondos e rótulos das noticias, a realización e demais parte técnica de produción informativa. Os casos concretos de colectivos que exixen convocar máis dun efectivo e as razóns que o motivan son:

A área de grafismo exixe dispoñer do persoal necesario para o cumprimento das directrices legais en día de folga e non modificar as funcións habituais de cada traballador/a. No servizo de grafismo existen ademais dúas localizacións: a denominada «libraría», onde se executa a inxesta de gráficos, e o control, que lanza os gráficos nos directos. Sen estas figuras traballando simultaneamente en localizacións separadas e con diferentes tarefas non sería posible lanzar titulares ou rótulos durante os programas informativos. Por tanto, precísase convocar catro efectivos entre as quendas para poder asumir estas funcións esenciais.

A área de produción necesita ter persoal convocado en servizos mínimos para realizar os labores de produción esenciais para a emisión dos programas informativos como vías, sinais, permisos, descargas, escaleta de produción, etc. En concreto, os tres efectivos da quenda de mañá dedícanse a coordinar, respectivamente, o informativo do programa Bos días, as saídas dos reporteiros gráficos e o informativo Telexornal 1. O produtor convocado na quenda de tarde coordina o Telexornal 2.

O mesmo ocorre co colectivo dos realizadores e axudantes de realización, na mañá son precisos os realizadores habituais do Bos días, o Galicia Noticias e o Telexornal 1, e na tarde o do Telexornal 2, cos seus axudantes de realización correspondentes, que asumen as súas funcións habituais cada un no programa a que está asignado.

O colectivo dos operadores montadores de vídeo especializouse tras o proceso de dixitalización da TVG. Os operadores de PAM son os que atenden especificamente os sinais e directos que se gravan para os informativos, e é habitual que entren ata 7-8 sinais en simultáneo, polo que son precisos dous operadores de PAM por quenda para o control e envío. Os operadores de MAM traballan co departamento de documentación preparando o material que lles solicita informativos e facendo a inxesta de materiais externos. Son precisos dous efectivos na quenda da mañá para poder atender as pezas dos informativos e un na da tarde. Os operadores de media son os xestores do sistema de produción de entradas e envío a controis das pezas dos informativos e son necesarios dous efectivos por quenda para poder manter os fluxos de produción. Ademais, precísase un operador de posprodución por quenda e un operador montador de vídeo en cada un dos centros de traballo para a correcta edición das pezas informativas.

II. Asegurar a continuidade das emisións radiofónicas e televisivas, co obxecto de que por razóns de máxima urxencia e necesidade deba cubrirse algún acontecemento de actualidade que, pola súa premura, obrigue á súa cobertura coa maior axilidade posible. Tal garantía exixe fixar servizos mínimos na parte técnica de emisións e continuidade, co obxecto de poder cubrir unha eventual incidencia de calquera ámbito. Neste sentido, o soporte e mantemento das emisións inclúe efectivos dos departamentos de:

– Continuidade: nesta área crítica para a retransmisión televisiva establécense dous operadores de continuidade de xeito permanente necesarios para poder axustar as redifusións e programas da TVG, tanto os previstos como as variacións que se teñan que facer durante o día por posibles efectos do seguimento da folga, incluídas as da canle G2. Debido aos horarios asignados ao persoal é preciso convocar sete efectivos para facer esta cobertura con dous operadores de continuidade e non deixar horarios desprovistos.

– Emisións: é preciso un mínimo de tres traballadores/as durante a xornada, xa que cada un deles ten asignado o control da emisión de cada unha das canles en que se retransmite o contido informativo esencial, como responsables da elaboración do minutado, a segmentación e a comprobación técnica da grella para emitir sen incidencia.

– Soporte tecnolóxico de medios, tanto na TVG como na Radio Galega, para a continuidade da emisión: a TVG require dispoñer dun efectivo por categoría profesional e quenda para asegurar a gravación, a iluminación, o son e demais parte técnica necesaria para a emisión continuada. Na Radio Galega, a parte técnica dos informativos realízaa a categoría profesional dos técnicos de control, e é preciso dispoñer dun técnico por quenda de control central que garanta a emisión e a correcta xestión dos sinais, dous técnicos de estudio durante a mañá (franxa con maior carga de sinais externos) que garantan a realización dos informativos en servizos mínimos e boletíns horarios sen modificar as tarefas habituais de cada traballador/a, e un técnico en función de estudio durante a tarde (franxa con menor carga de sinais externos) que garanta a realización dos informativos e boletíns horarios en servizos mínimos.

Por tanto, nos días de semana precísase convocar 6 efectivos da categoría profesional técnico de control para ter cubertas estas tarefas durante as 24 horas de folga.

– Operacións, emisións e mantemento técnico: na parte do control central, o núcleo onde se fai o control dos sinais, é preciso ter un técnico electrónico por quenda para cubrir as franxas de emisión dos programas informativos de información esencial. Na área de explotación, en que se realizan operacións técnicas, é imprescindible a presenza de dous técnicos por quenda, xa que é un servizo que ten que estar cuberto 24 horas para a emisión e os técnicos teñen que atender dúas salas de traballo diferentes para manter as máquinas en uso e poder dar soporte ás consolas de mestura nos controis e aos dispositivos electrónicos (a de operacións técnicas e a sala RAC).

Existen ademais outras áreas de servizos xerais que son precisas de cara a dar soporte en caso de incidencias a cada un dos departamentos:

– Servizo de sistemas: onde é fundamental dar un soporte informático ao persoal. Despois do proceso de dixitalización acontecido na TVG a finais do ano 2018, todos os fluxos de traballo e ferramentas mudaron para adaptar o traballo ao novo sistema. Este traballo de dar soporte é clave neste momento, xa que a plataforma de dixitalización aínda se está a estabilizar nalgunhas das súas funcións e melloras e é preciso un servizo de apoio aos profesionais ante calquera incidencia técnica que lles impida realizar as súas tarefas.

– O Grupo Soporte é unha unidade dependente do servizo de sistemas que dá soporte tecnolóxico á plataforma dixital da TVG e que resolve as incidencias que poden afectar a correcta emisión televisiva. É unha unidade de soporte crítica que resolve as incidencias da redacción de informativos. Pola mañá, que é a quenda de maior produción informativa, son precisos dous efectivos de cara a poder garantir a resolución en tempo das casuísticas técnicas habituais da plataforma dixital na CRTVG.

– Instalacións e almacéns: necesítase dispoñer dun almacenista por quenda para poder abrir os almacéns de cámaras e material técnico para poder subministrar os equipamentos precisos para desenvolver o seu traballo ao resto de profesionais en servizos mínimos.

– Mantemento: o persoal deste departamento, entre outras tarefas, atende incidencias relacionadas coa electricidade, xa que o mantemento da instalación eléctrica de alta e baixa tensión da CRTVG é imprescindible para garantir a emisión en caso de incidencia en cada unha das quendas (mañá, tarde e noite).

III. A consideración da extensión xeográfica e temporal da convocatoria de folga afecta a xestión dos servizos públicos esenciais de radiodifusión sonora e televisión.

Na adopción de tales medidas que garantan o mantemento dos servizos débese ponderar a extensión territorial e persoal, a duración prevista e as demais circunstancias concorrentes na folga, así como as concretas necesidades do servizo e a natureza dos dereitos ou bens constitucionalmente protexidos sobre os que aquela repercute.

A CRTVG é o único medio de comunicación audiovisual de carácter público con cobertura autonómica, polo tanto, o único medio coa obriga e posibilidade de asegurar este servizo informativo esencial.

A duración temporal da convocatoria da folga afecta todo o persoal en todas as quendas, o que obriga a convocar en servizos mínimos persoal de diferentes quendas (mañá, tarde, noite) para cubrir unha mesma tarefa ou cobertura técnica. A convocatoria en servizos mínimos efectúase de xeito que non supoña cambio de horario, de funcións, tarefas habituais e outras circunstancias do persoal. Podería darse a circunstancia de que, por cuestións organizativas ou por ausencias xustificadas do persoal, o persoal asignado en servizos mínimos non coincida exactamente coa categoría profesional asignada ou substitúa a función esencial descrita dunha ausencia xustificada.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, en virtude das facultades que me confire o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga desenvolverase entre as 00.00 e as 24.00 horas do día 12 de maio de 2023 nos centros de traballo da Corporación Radio e Televisión de Galicia de acordo co disposto nesta orde, sen prexuízo do mantemento dos servizos esenciais.

Artigo 2

Considérase servizo esencial a produción, emisión e retransmisión nas canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña dos programas informativos que son considerados imprescindibles para manter o servizo público de información á comunidade e que se detallaron anteriormente.

Artigo 3

A Dirección da Corporación RTVG determinou, logo de oír o Comité de Folga, o persoal mínimo necesario para garantir os servizos a que se refire o artigo anterior, e que son os que se especifican no anexo.

Artigo 4

Durante a celebración da folga deberá quedar garantida a seguridade das persoas, das instalacións e do material, e, ademais, o Comité de Folga asegurará que, ao finalizar esta, os distintos centros e servizos se atopen en situación de funcionamento normal.

Artigo 5

Os servizos esenciais recollidos anteriormente non poderán ser perturbados por alteracións ou paros do persoal designado para a súa prestación e o incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos será sancionado de conformidade co previsto na normativa aplicable.

Artigo 6

O disposto nos artigos precedentes non significará limitación ningunha dos dereitos que os traballadores teñen recoñecidos polas normas reguladoras da folga.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Efectivos mínimos convocados para o venres 12 de maio

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

2 documentalistas de mañá e 1 de tarde.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción).

2 informadores/as de noite, 3 de mañá e 2 de tarde en San Marcos.

1 informador/a de mañá na Delegación da Coruña.

1 informador/a de mañá na Delegación de Lugo.

1 informador/a de mañá na Delegación de Ourense.

1 informador/a de mañá na Delegación de Vigo.

I.III. Redacción da Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción).

11 informadores/as de mañá e 6 de tarde en San Marcos.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación da Coruña.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Ourense.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Vigo.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

6 reporteiros/as gráficos/as de mañá e 1 de tarde en San Marcos.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación da Coruña.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Vigo.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Ourense.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 informador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Cámaras:

1 cámara de primeira de mañá e 1 de tarde.

1 control de cámara de mañá e 1 de tarde.

I.VI.II. Grafismo:

1 deseñador/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde.

3 grafistas-tituladores/as de mañá e 1 de tarde.

I.VI.III. Iluminación:

1 técnico/a de iluminación de mañá e 1 de tarde.

1 iluminador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI.IV. Maquillaxe:

1 maquillador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI.V. Produción:

3 persoal de produción de mañá e 1 de tarde.

I.VI.VI. Realización:

3 realizadores/as de mañá e 2 de tarde.

5 axudantes/as de realización de mañá e 2 de tarde.

I.VI.VII. Son:

2 técnicos/as de son de mañá e 2 de tarde.

I.VI.VIII. Operadores/as de vídeo:

1 operador/a de posprodución de mañá e 1 operador/a montador/a de vídeo de tarde.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta PAM de mañá e 2 de tarde.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta MAM de mañá e 1 de tarde.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de media de mañá e 2 de tarde.

1 operador/a montador/a de vídeo de mañá na Delegación da Coruña.

1 operador/a montador/a de vídeo de mañá na Delegación de Lugo.

1 operador/a montador/a de vídeo de tarde na Delegación de Vigo.

1 operador/a montador/a de vídeo de mañá na Delegación de Ourense.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

1 operador/a de continuidade de noite, 3 de mañá e 3 de tarde.

II.I.II. Emisións:

1 produtor/a de mañá, 1 operador/a montador/a de vídeo de mañá e 1 redactor/a de mañá.

II.II. Grupo soporte:

1 operador/a de soporte de noite, 2 de mañá e 1 de tarde.

II.III. Medios RG:

1 técnico/a de control de noite, 3 de mañá e 2 de tarde.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

1 técnico/a electrónico/a de noite, 2 de mañá e 1 de tarde.

1 técnico/a electrónico/a de primeira de mañá e 2 de tarde.

II.V. Instalacións:

1 electricista de noite, 1 de mañá e 1 de tarde.

I.VI. Mantemento:

1 axudante de mantemento de mañá e 1 de tarde.

II.VII. Almacén de cámaras:

1 axudante de mantemento de mañá e 1 almacenista de tarde.

II.VIII. Servizo de sistemas:

1 analista-programador/a de mañá e 1 técnico/a de sistemas de tarde.