Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2023 Páx. 29573

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT809G).

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de conservación da natureza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuídas as competencias e funcións en materia de ambiente e conservación do patrimonio natural, segundo o establecido no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A compatibilidade entre conservación da biodiversidade e a fauna silvestre coa actividade agrogandeira resulta indispensable para alcanzar un contexto de convivencia, debendo facilitarse especialmente a coexistencia con grandes depredadores, como o lobo, coa actividade económica das poboacións rurais.

No contexto do abano de actuacións en materia de prevención dos danos ocasionados polo lobo impulsado pola Administración autonómica galega, o fomento das boas prácticas e o manexo adecuado das explotacións agrogandeiras constitúe, sen dúbida, unha das medidas que máis pode contribuír tanto a reducir os danos desta especie sobre as producións, como a acadar o obxectivo dun desenvolvemento rural máis sustentable.

A prevención está considerada como unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandería coa presenza e a conservación do lobo en Galicia. A escala local, o lobo pode causar importantes perdas entre o gando e as especies silvestres de fauna. No compromiso que debe asumir a Administración de protexer e conservar esta especie, é necesario manter un equilibrio entre os obxectivos globais de conservación e as preocupacións lexítimas das poboacións rurais que viven nestas zonas, debendo contarse co seu apoio. Neste marco, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou fundamental contar cunha valoración da eficacia de distintos métodos de prevención dos danos ocasionados polo lobo no gando en réxime extensivo en Galicia, coa finalidade da súa implantación, para o que se levou a cabo un estudo cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de desenvolvemento rural 2014-2010 (PDR) (https://cmatv.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=444684&name=DLFE-45221.pdf).

A maior parte das experiencias en protección do gando en extensivo conclúen descensos no nivel de danos cando se manteñen ou favorecen prácticas tradicionais de prevención e manexo do gando, como a custodia con cans especializados, a vixilancia do gandeiro ou pastor, o confinamento nocturno en recintos seguros ou a protección das crías nas etapas de maior vulnerabilidade, polo que a contratación de persoas coidadoras do gando que poidan axudar a desenvolver estas medidas, contribuirá a reducir o nivel de danos.

Así, en rabaños de gando menor é mais frecuente o pastoreo e a protección e acompañamento con cans especializados protectores e defensores, mentres que en gando vacún trátase dunha práctica menos estendida. En todo caso, considérase oportuno apoiar e fomentar esta medida que xunta prevención e manexo do gando.

Mediante a presente orde establécese unha liña de axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando que permanece en extensivo, co fin de protexer no posible aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación, naqueles lugares en que as características do medio e as condicións das explotacións poidan contribuír en maior medida a este risco.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, para pastoreo e manexo do gando como medida preventiva dos danos que poida ocasionar o lobo, e proceder á súa convocatoria para os exercicios orzamentarios dos anos 2023 e 2024 (procedemento MT809G).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. As persoas definidas no parágrafo anterior, para obter a condición de beneficiaria das axudas previstas nesta orde, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non incorrer nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria.

b) Encontrarse ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado, coa Seguridade Social e con Facenda.

c) As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación necesaria para a posterior valoración nos prazos e forma establecidos.

2. Admitirase unha única solicitude por solicitante.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e importe

1. Será actividade subvencionable o investimento para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións ganderías, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) O pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria.

b) Poderanse acoller a estas axudas os contratos que se formalicen a partir da data de entrada en vigor desta orde, ata o 30 de xuño de 2024.

c) Será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

d) Ao comezar ou ao finalizar o contrato, de non alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de actividade de pastoreo e manexo do gando efectiva.

e) Deberanse indicar en todos os casos os terreos onde se van desenvolver as actividades de pastoreo para as cales se solicita a subvención.

2. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 18.000,00 euros de axuda, por persoa beneficiaria.

3. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500,00 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.

4. Subvencionarase o investimento na contratación de persoa coidadora do gando. O número de contratacións por solicitante será dunha persoa coidadora de gando.

5. Se por causa xustificada o importe final dos gastos fose menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

6. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

7. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 4. Criterios de valoración

Para a concesión das axudas establécense os seguintes criterios de valoración, por orde de preferencia:

a) Titulares de explotacións gandeiras de ovino-cabrún de produción-reprodución de aptitude cárnica: 40 puntos.

b) Titulares de explotacións equinos de produción-reprodución en extensivo: 30 puntos.

c) Titulares de explotacións gandeiras de bovino de produción-reprodución de aptitude cárnica: 20 puntos.

d) Superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2022 >30 ha: 20 puntos.

e) Superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2022 <30 ha: 5 puntos.

f) Disposición na explotación de cans protectores e defensores do gando: 20 puntos.

g) Existencia de danos ocasionados polo lobo na explotación gandeira entre o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2022, que fosen avaliados favorablemente pola Comisión de Valoración establecida na orde anual pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos por esta especie: 20 puntos, incrementándose en 0,5 puntos por cada un dos danos sufridos neste período, ata un máximo de 5 puntos.

h) Número de cabezas de gando:

Gando maior (bovino e equino):

– Máis de 50 cabezas: 10 puntos.

– Máis de 100 cabezas: 20 puntos.

Gando menor (ovino e cabrún):

– Máis de 100 cabezas: 10 puntos.

– Máis de 200 cabezas: 20 puntos.

No caso de explotacións mixtas de gando maior e menor a puntuación resultante será a suma dos puntos obtidos polo número de cabezas de gando maior e menor.

i) Titulares de explotacións gandeiras que teñan contratada unha liña de aseguramento gandeiro que inclúa coma riscos asegurables os ataques ao gando por animais silvestres: 5 puntos.

Artigo 5. Baremación e criterios de desempate

A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 4, e adxudicarase, cos límites fixados na convocatoria dentro do crédito dispoñible, a aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios, ata esgotar o dito crédito.

En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a valoración no criterio g), de persistir o empate, dirimirase este segundo a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

Artigo 6. Solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para: as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. A solicitude de axuda segundo o anexo I desta orde (procedemento MT809G), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta co acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da secretaría.

No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

– Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

– Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

b) Copia dos contratos. En cada contrato deberá constar o obxecto do contrato, o período de duración, o tempo de dedicación e o ámbito xeográfico da vixilancia.

c) Resumo das actividades de pastoreo de terreos correspondentes á explotación gandeira a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitadas electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) NIF da entidade representante.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Consulta da inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (Rega), no caso de explotacións gandeiras.

i) Consulta do censo gandeiro da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural, no caso de explotacións gandeiras.

j) Consulta da superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2022.

k) Consulta da inscrición no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac), de acordo co establecido no punto 3 da disposición transitoria primeira da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, no caso de utilización de cans protectores e defensores do gando das razas mastín español, mastín do Pirineo e can de palleiro.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

m) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

n) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Información básica sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RGPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 11. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizaraa o Servizo de Caza e Pesca Fluvial que examinará e revisará a documentación acompañante que se especifica no artigo 7 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 42, 43, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda poderanse facer, ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

4. Sen prexuízo do disposto no número 2, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

5. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá comprobar a actividade de pastoreo exercida pola persoa coidadora contratada nos terreos correspondentes á explotación gandeira para a cal se solicita a subvención, mediante unha inspección de campo.

6. O Servizo de Caza e Pesca Fluvial emitirá informes á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

7. Unha vez recibidos os informes do Servizo de Caza e Pesca Fluvial, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, realizará as propostas de resolución das solicitudes realizadas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento de acordo co disposto na disposición final primeira desta orde.

8. A proposta de resolución, conforme os criterios contidos no artigo 4 e as dispoñibilidades orzamentarias, fará mención das persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo os criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde que se esgote o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo de un mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, coa fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras de gando en gandarías, levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do punto 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 17. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar na actividade aprobada, incluído o referente ao orzamento aprobado, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince (15) días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 18. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Xustificación do gasto

1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención.

2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 4 de decembro de 2023 para a anualidade 2023 e do 30 de xullo de 2024 para a anualidade 2024. Estes prazos serán en todo caso improrrogables. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. Para a xustificación do investimento obxecto de axuda, a persoa física ou xurídica beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo IV desta orde (procedemento MT809G), que inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase ao modelo do anexo VI.

c) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo V.

d) Copias das nóminas aboadas aos traballadores que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de traballadores, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes ao seu pagamento (transferencias bancarias no caso de nóminas).

3. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Con todo, non poderán subcontratarse as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

4. Vista a documentación presentada, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural fará, de ser o caso, proposta de pagamento da subvención concedida.

Artigo 20. Modificación nas actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar na actividade aprobada, sempre que non estea reflectida na resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, logo do informe favorable do servizo correspondente. O silencio neste suposto terá a consideración de denegatorio.

Artigo 21. Pagamento

a) Anualidade 2023:

1. Unha vez xustificada a realización da actividade correspondente ao ano 2023, solicitarase o pagamento da anualidade correspondente coa data límite establecida no artigo 19.2 para a anualidade 2023.

2. O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

3. Poderase solicitar o aboamento dun único pagamento anticipado (anexo III), de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da antedita lei, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos de carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada no caso en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicionantes:

I. O importe do anticipo será por un máximo da anualidade 2023 e en ningún caso superará o 50 % da axuda concedida.

II. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar por escrito ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo o modelo do anexo III, nun prazo de dez (10) días contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, o aboamento dun único pagamento anticipado, que non poderá superar o 50 % da axuda concedida, acompañando a súa solicitude dunha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vencelladas ou dependentes. A concesión do anticipo farase mediante resolución motivada.

III. No caso das persoas ou entidades beneficiarias que solicitasen o anticipo da anualidade 2023, todas as actividades correspondentes deberán estar executadas e pagadas coa data límite establecida no artigo 19.2 para a anualidade 2023.

IV. Exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

b) Anualidade 2024:

Unha vez xustificada a realización da actividade correspondente ao ano 2024, solicitarase o segundo pagamento da anualidade correspondente coa data límite establecida no artigo 19.2 para a anualidade 2024.

4. O pagamento realizarase logo da verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos previstos nos artigos 10 e 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Crédito

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun importe total de cento setenta e dous mil douscentos trinta e tres euros (172.233,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.541.B.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución por anualidades:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

08.03.541.B.770.1

86.116,50 €

86.116,50 €

172.233,00 €

2. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 23. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file